o trasno paroleiro


BLOG DO EDNL DO CPI DE PONTECESURES
Camiñando ao noso pé polos corredores, pendurado das trabes do centro ou diluído na trasparencia dos vidros cando quere quentarse ao sol nas frías mañás de xaneiro, vive entre nós este trasno falangueiro. Chegou ao colexio cando este aínda era un terreo ermo no que non paraban os enlouquecidos ventos do outono. Logo coouse co seu fardel de sons entre as paredes de tixolo acabadas de levantar e xa non quixo marchar de aquí. Aprendeu axiña o noso idioma e colleulle tanto agarimo, que o que máis lle gusta é perder o tempo debruzado no peitoril das xanelas escoitando falar a rapazada. Agora tamén enreda nos ordenadores e, sen saber moi ben como, caeu dentro deste blog. Fachendoso como é, púxolle o seu propio nome e seica pensa facer reverdecer nel o noso falar.
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

CADERNOS DE CAMPO
O alumnado de 3º B, coa axuda de Rosa Nodar, preparou esta presentación que nos fala de distintas especies de animais:

Comentarios (0) - Categoría: O RECUNCHO DO TRASNO EN E. PRIMARIA - Publicado o 08-05-2012 22:31
# Ligazón permanente a este artigo
CANCIÓNS PARA OS MÁIS PEQUENOS
Recompilación de canción feitas por e para @s pequen@s

http://coordinadoraendl.org/musicainfantl/index.php

Poderedes escoitar vídeos musicais coma este:

~

Comentarios (0) - Categoría: O RECUNCHO DO TRASNO EN E. INFANTIL - Publicado o 03-05-2012 20:10
# Ligazón permanente a este artigo
VIAXE A CANTABRIA 2º ESO
CANTABRIA 2012
MARTES 10-04-2012// 6:15
Asómome a fiestra e atópome un día de choiva, vaia sorte, catro meses sen chover e decide diluviar ese mesmo día, pero en fin… que lle imos facer, aínda así non permitimos que o mal tempo nos arruinara o día.
Minutos antes de partir seguía chovendo con forza. O día non parecía mellorar pero partimos cara a Cudillero, xa cos compañeiros do instituto de Valga que compartiron a excursión con nós. De camiño fixemos unha pequena parada en Mondoñedo, concretamente no “Rei das tartas” onde descansamos un pouco.
Pasamos o Eo e cando chegamos a Cudillero tivemos bastante sorte: o bo tempo acompañábanos e grazas a iso puidemos coñecer esta bonita vila pesqueira.
Paramos a xantar en Cangas de Onís. Tamén chovía pero non demasiado, polo que tivemos tempo para dar unha volta.
Pola tarde visitamos Covadonga: a paisaxe e maila igrexa eran impresionantes mais o Santuario con aquela fervenza era incrible.
Logo de visitar Covadonga emprendemos a viaxe cara Entrambasaguas, lugar onde se atopaba o albergue no que dormiríamos os próximos catro días. Todos estabamos desexando chegar, xa que o traxecto en autobús foi esgotante. Unha vez alí fomos ás nosas habitacións, ceamos, tivemos unha especie de “discoteca” e a durmir… mañá esperábanos outro día de visitas.

MÉRCORES 11-04-2012// 7:45
Xa estabamos tod@s espertos, agardando a que nos acendesen as luces e escoitando como chovía. Almorzamos unas ricas torradas de marmelada e manteiga e algo parecido ao que aquí chamamos leite.
As 9:30 montamos de novo no autobús e dirixímonos cara ao Parque Natural de Cabárceno. Alí vimos toda clase de animais: xirafas, avestruces, osos, leóns, tigres, elefantes, rinocerontes, camelos, dromedarios, gorilas, monos, serpes, lagartos… e un fantástico show no que os protagonistas eran leóns mariños. Esta foi unha das visitas que máis nos gustou xa que é un lugar espectacular cheo de animais impresionantes.
Cando rematamos a visita voltamos ao albergue. Xantamos albóndigas, callos e de postre unha laranxa. Bueno, non estaba tan mal aínda que a algunhas persoas non lles fixo demasiada graza a comida: uns dicían que estaba crúa, outros que se pasaban cocéndoa… como podedes ver, infinitas queixas, pero non estaba tan mal, todo hai que dicilo.
Pola tarde visitamos Santander, especificamente a Illa da Magdalena e o Sardinero, uns lugares moi fermosos por certo. Non facía bo tempo para ir a praia pero ver o mar algo revolto xa era un espectáculo.
Cando acabamos a visita regresamos ao albergue, onde a cea tampouco tivo demasiado éxito entre algúns de nós. Logo os monitores preparáronos uns xogos que nos entretiveron ata a hora de durmir. O día seguinte sería o máis impresionante para case todos nós…
O que ninguén se esperaba pola noite era que o monitor entrase de súpeto, polo que botou a algún que andaba co móbil ou que falaba alto.

XOVÉS 12-04-2012 //7:45
Como a mañá anterior, estabamos xa espert@s, seguía chovendo, pero ese día a choiva non era mala sorte senón todo o contrario. Dirixíamonos cara aos Picos de Europa para realizar a subida no teleférico, ao que máis dun temía. Unha cousa é dicilo pero outra moi diferente é vivir esa experiencia, dado que había néboa e semellaba que te dirixías a un lugar tenebroso. Pero a subida mereceu a pena, a paisaxe dende alí era marabillosa, e poder vela dende tan alto quitaba a respiración.
Como dixen antes a choiva foi unha sorte xa que estaba nevando. Botamos bastante tempo alí enriba, xogando, mirando a paisaxe, enterrándonos na neve ao non calcular a súa profundidade… como podedes ver unha boa forma de pasar a mañá.
Ese día fixemos unha comida pic-nic na pequena vila de Potes. Visitámola e algúns estivemos nas tendas de recordos mirando o que había e resgardándonos da choiva.
Pola tarde visitamos San Vicente de la Barquera, un lugar moi bonito e cunhas fermosas vistas cara ao Mar Cantábrico. Estivemos paseando por alí case toda a tarde, e logo dirixímonos de novo cara a Entrambasaguas.
Alí a cea volveu a ter o mesmo éxito que o día anterior... ata había xente que compraba os bocadillos e os comía na habitación para non durmir co estómago baleiro. Ese día tamén nos fixeron unha especia de “festa de despedida”, na que a xente non quedou demasiado contenta porque fomos moi cedo para a cama.
Esa noite na nosa habitación non foi coma as demais. Como algunhas non quedaran demasiado contentas coa “festa”, decidiron montar elas unha na habitación, pero nada fóra do normal: móbiles, risas, argalladas… en fin nada raro nunha habitación de 16 raparigas de 13 anos, ademais era a nosa última noite alí, xa que ao día seguinte partiríamos cara a Pontecesures de novo.


VENRES 13-04-2012 // 8:00
Ese día espertamos máis tarde: normal, despois de estar ata as tantas de festa…Almorzamos e dirixímonos cara as Covas El Soplao. Alí vimos estalactitas, estalagmitas, pequenos lagos… toda unha paisaxe incrible dentro dunha cova. Percorremos unha pequena parte dela xa que tiña demasiados kilómetros –dezanove en total!- como para vela toda.
Como ese era o noso último día alí a comida realizámola en Gijón, no hotel León. O menú foi macarróns, xamón asado con puré de patacas e, de postre, melocotón en almíbar. Aquel día o xantar foi todo un éxito, a comida era exquisita, aínda que coma sempre houbo algún que outro que lle atopou pegas. Supoño que pensan que van estar comendo a rica comida da súa casa toda a vida…
Despois visitamos a zona vella de Gijón, pero como eran as catro da tarde case todas as tendas estaban pechadas, polo que dedicámonos a coñecer un pouco mellor a cidade.
Ás cinco da tarde emprendemos a viaxe cara a Pontecesures. Quedábanos por diante unas cinco horas de viaxe, pero de novo paramos en Mondoñedo no “Rei da tartas” a merendar.
Cara ás sete da tarde subimos de novo ao autobús, esta vez continuamos sen ningunha parada ata chegar ao noso destino, todos estabamos esgotados pero aínda así houbo forzas para armar barullo. Foi peor cando entramos en Galicia: saber que estabamos na nosa terra era unha festa para algúns.
As nove e media da noite chegamos a Pontecesures. Cando parou o autobús só se escoitaban os ruídos dos bicos de despedida entre nós e os compañeiros e compañeiras de Valga (xente estupenda por certo). Non nos queda demasiado lonxe pero de todos os xeitos, a saber cando nos veriamos todos xuntos de novo!
Velaquí remata a nosa aventura, xa queda menos para a próxima!

CARLA Mª CONSTENLA BARRAL. 2ºA
Comentarios (1) - Categoría: O RECUNCHO DO TRASNO EN E. SECUNDARIA - Publicado o 01-05-2012 12:11
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal