o trasno paroleiro


BLOG DO EDNL DO CPI DE PONTECESURES
Camiñando ao noso pé polos corredores, pendurado das trabes do centro ou diluído na trasparencia dos vidros cando quere quentarse ao sol nas frías mañás de xaneiro, vive entre nós este trasno falangueiro. Chegou ao colexio cando este aínda era un terreo ermo no que non paraban os enlouquecidos ventos do outono. Logo coouse co seu fardel de sons entre as paredes de tixolo acabadas de levantar e xa non quixo marchar de aquí. Aprendeu axiña o noso idioma e colleulle tanto agarimo, que o que máis lle gusta é perder o tempo debruzado no peitoril das xanelas escoitando falar a rapazada. Agora tamén enreda nos ordenadores e, sen saber moi ben como, caeu dentro deste blog. Fachendoso como é, púxolle o seu propio nome e seica pensa facer reverdecer nel o noso falar.
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

2º A DE PRIMARIA, GAÑADORES DO CONCURSO DE BANDA DESEÑADA DO CORRELINGUA 2016

CONCURSO DE BANDA DESEÑADA:

Parabéns ao grupo de 2º A de E. Primaria pola súa magnífica banda deseñada, que resultou gañadora no concurso deste ano.




CONCURSO DE VÍDEO:

Este ano o alumnado do noso centro participou activamente no concurso de vídeo, enviando estas tres propostas. Agardamos que vos gusten.


"FALAMOS GALEGO"

Este é o vídeo que presentou a concurso o alumnado de 4 anos de E. Infantil:



"COMO CAÍDO DO CEO"

Vídeo que enviou a concurso o alumnado de 1º de ESO:



"A CORAZÓN ABERTO"

Este é o vídeo que presentou o alumnado de 2º ESO B:



CONCURSO DE MANIFESTO

O alumnado de 4º de ESO tamén presentou a súa proposta de manifesto, que foi este:

O GALEGO ESTÁ EN NÓS


"Estabamos todos alí, no derbi galego. Un espontáneo salta ao terreo de xogo montado nun xabaril azul e branco. Parece ser o Gayoso. Os gardas de seguridade perségueno polo campo. O árbitro suspende o partido. Gayoso segue montado no xabaril. Vai a un plató da TVG e rompe as cámaras. Era visto. Uns larpeiros de Serramoura bambolearon ao son da gaita de Susana Seivane. NÓS seguímolo ata chegar a un cuarto escuro. LUCES, CÁMARA, ACCIÓN! A sala de cine está petada. Emiten “A esmorga”. O Bocas malla no Milhomes. De súpeto Gayoso irrompe no seu xabaril a través da pantalla. Todos aplauden. O público quere amarralo, pero consegue escapar. Marchamos tristes para a casa.
Ao día seguinte seguimos lendo o NOSO libro favorito, Os Bolechas. As letras móvense soas, caen ao chan e os debuxos falan nunha xerga estraña. Pechamos o libro, arrepiados, e Chispa corre tras de nós para trabarnos nos pés. As xemelgas Pili e Loli esmendréllanse de riso. SuperGayoso acode na nosa axuda e o Xabaril Porcobravomán consegue desfacer o maleficio. Os Bolechas volven falar galego. Imos todos xuntos celebralo.
Despois atopámonos na praza do Obradoiro. Están a piques de botar os fogos artificiais do Apóstolo. Sae de novo un xabaril montado nun foghete que deixa unha estela que di:
Galicia somos nós:
A xente e máis a fala
¡Se buscas a Galicia
En ti tes que atopala!
Corremos tras del para pillalo. Parece que vai parar enriba dun piñeiro onde un bardo, que quizais sexa Pondal, ou Gayoso, canta ao son da súa arpa.
“Pol-o baixo cantando,
O bóo bergantiñan,
Co' aguillada o lombo…”
O porco bravo escapa de novo, castro adiante, cara a unha feira onde están cocendo o polbo. Non pode ser! Ou vexo mal, ou o que o está cocendo é Gayoso. O polbo resístese a ser cociñado. Aférrase ao seu pescozo, estao afogando…. Porcobravomán aparece ao rescate. En pouco tempo malla o polbo e méteo tres veces na pota.
Sentamos todos NÓS nunha das mesas da feira: Susana Seivane, Pondal, o Puskas, o Bocas e o Milhomes, Chispa, Manuel María, Benigno, Luís Suárez e, claro está, Gayoso na cabeceira da mesa. Porcobravomán esváese pouco a pouco no horizonte, ao mencer…
Riiiiiiiiiiing! Érguense todos para ir ao recreo. O ruído das cadeiras espértame. Miro pola xanela. Verónica entra polo portal. Que tarde chega hoxe ao instituto! Xírase para falar con Brais. Vexo que leva nunha chapa da mochila un porco bravo azul e branco que me chisca o ollo..."
Comentarios (0) - Categoría: CORRELINGUA - Publicado o 29-03-2016 11:31
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal