o trasno paroleiro


BLOG DO EDNL DO CPI DE PONTECESURES
Camiñando ao noso pé polos corredores, pendurado das trabes do centro ou diluído na trasparencia dos vidros cando quere quentarse ao sol nas frías mañás de xaneiro, vive entre nós este trasno falangueiro. Chegou ao colexio cando este aínda era un terreo ermo no que non paraban os enlouquecidos ventos do outono. Logo coouse co seu fardel de sons entre as paredes de tixolo acabadas de levantar e xa non quixo marchar de aquí. Aprendeu axiña o noso idioma e colleulle tanto agarimo, que o que máis lle gusta é perder o tempo debruzado no peitoril das xanelas escoitando falar a rapazada. Agora tamén enreda nos ordenadores e, sen saber moi ben como, caeu dentro deste blog. Fachendoso como é, púxolle o seu propio nome e seica pensa facer reverdecer nel o noso falar.
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

CELEBRACIÓN DO DÍA DE ROSALÍA NO CPI DE PONTECESURES
Agradecemos dende o ENDL e a Biblioteca do CPI de Pontecesures a entusiasta acollida por parte do profesorado e o alumnado de todos os niveis das actividades para festexar este evento en honor á nosa universal escritora.

Aquí vos deixamos vídeos e fotos do día:

Para comezar, escoitade ao alumnado de 5 anos de E. infantil cantando "Adiós ríos, adiós fontes":



O alumnado de 4 anos, disponse espontaneamente a recitar os versos de Cantares gallegos sobre os que deseñaron a súa postal:



E velaquí unhas fotos e debuxos do traballo realizado este día nos distintos niveis educativos:




Aquí tedes a ligazón das actividades deste día noutros centros de ensino de Galicia:

http://www.aelg.org/GetActivityById.do?id=343#activ-centrosensino
Comentarios (0) - Categoría: DE ACTUALIDADE - Publicado o 24-02-2016 16:44
# Ligazón permanente a este artigo
24 DE FEBREIRO, DÍA DE ROSALÍA
A Asociación de Escritores en Lingua Galega propón a celebración do 24 de febreiro, coincidindo co aniversario do nacemento da nosa universal escritora, como Día de Rosalía de Castro. Esta entidade proponlle á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contaron con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo.
Dende o noso centro sumámonos á celebración, conscientes da importancia simbólica para a nosa lingua e cultura que un acto deste tipo ten.
Xa hai días que o alumnado de E. infantil e primaria está traballando nas aulas de plástica, elaborando deseños coa imaxe da escritora, que incorporarán a unha postal que enviarán ás súas familias o día 24. No documento inclúense estes versos de Cantares gallegos:

Canta, paxariño alegre,
canta!
Canta porque o millo medre,
canta!
Canta porque a luz te escoite,
canta!
Canta que fuxeu a noite.


En E. secundaria propoñémosvos que no 2º recreo do mércores 24 de febreiro, os/as que queirades participar, vos situedes na entrada do edificio de primaria e secundaria, diante do graffiti das vacas, e enviedes un verso de Rosalía desde os terminais móbiles, baixo a etiqueta #mobilizarosalía. O verso, do poema IV de Cantares gallegos (parte da estrofa 13) é o seguinte:

Trocando en sonrisas / queixiñas e choros

Enviarase a través das redes sociais, en calquera das súas múltiples aplicacións e formatos, acompañado, se pode ser, dunha imaxe alusiva a Rosalía.

Agardamos que a celebración sexa un éxito.
Comentarios (1) - Categoría: DE ACTUALIDADE - Publicado o 22-02-2016 21:08
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal