o trasno paroleiro


BLOG DO EDNL DO CPI DE PONTECESURES
Camiñando ao noso pé polos corredores, pendurado das trabes do centro ou diluído na trasparencia dos vidros cando quere quentarse ao sol nas frías mañás de xaneiro, vive entre nós este trasno falangueiro. Chegou ao colexio cando este aínda era un terreo ermo no que non paraban os enlouquecidos ventos do outono. Logo coouse co seu fardel de sons entre as paredes de tixolo acabadas de levantar e xa non quixo marchar de aquí. Aprendeu axiña o noso idioma e colleulle tanto agarimo, que o que máis lle gusta é perder o tempo debruzado no peitoril das xanelas escoitando falar a rapazada. Agora tamén enreda nos ordenadores e, sen saber moi ben como, caeu dentro deste blog. Fachendoso como é, púxolle o seu propio nome e seica pensa facer reverdecer nel o noso falar.
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

CANTOS DE REIS

Por estas datas era costume nas aldeas e vilas de Galicia ir de porta en porta pedindo aguinaldo e cantando panxoliñas, en lembranza dos antigos cantos profanos de benvida a un novo ano e para escorrentar o frío do inverno. Para reavivar esta tradición, algúns dos alumnos e alumnas membros do ENDL de 4 e 1º de ESO, fomos de aula en aula cantando este cantar de Reis de Rinlo, con moi boa acollida, por certo. Na fotoblogoteca tedes algunha foto máis desta celebración. Boas festas a tod@s
Comentarios (1) - Categoría: NADALEANDO - Publicado o 21-12-2011 16:49
# Ligazón permanente a este artigo
XA ESTÁ UN NOVO NADAL Á BEIRA DA PORTA...

Xa está o trasno co lapis na man preparado para escribirlle a carta ao apalpador, facendo sitio no bandullo para engulir tanta lambetada e facéndolle sinais ao ano para que entre no noso centro con moi bo pé. De momento, quere darlle a benvida a estas festas cunha árbore moi libresca que encheron de follas os rapaces e rapazas de secundaria coa colaboración de moitos mestres e mestras. Así lle dicimos ao novo ano que entre ateigado de boas historias, as mellores que un narrador nos pode contar.

Esta presentación chea de poesía, feita polos rapaces e rapazas de 4º B, dálle a benvida ao Nadal:



Con esta presentación despide o ano e deséxanos unha boa entrada no novo o alumnado de 3º A de primaria:



E agora, xa que se despide de nós o Ano Internacional dos Bosques, o alumnado de 3º B de primaria móstravos a súa videopostal de parabéns:



Ollade esta videopostal feita por Laura Helena Von Hertwig Bernhardt, de 1º de ESO




Velaquí estoutra videopostal de Raúl Tubío Eitor de 1º de ESO

Comentarios (0) - Categoría: NADALEANDO - Publicado o 11-12-2011 21:16
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal