o trasno paroleiro


BLOG DO EDNL DO CPI DE PONTECESURES
Camiñando ao noso pé polos corredores, pendurado das trabes do centro ou diluído na trasparencia dos vidros cando quere quentarse ao sol nas frías mañás de xaneiro, vive entre nós este trasno falangueiro. Chegou ao colexio cando este aínda era un terreo ermo no que non paraban os enlouquecidos ventos do outono. Logo coouse co seu fardel de sons entre as paredes de tixolo acabadas de levantar e xa non quixo marchar de aquí. Aprendeu axiña o noso idioma e colleulle tanto agarimo, que o que máis lle gusta é perder o tempo debruzado no peitoril das xanelas escoitando falar a rapazada. Agora tamén enreda nos ordenadores e, sen saber moi ben como, caeu dentro deste blog. Fachendoso como é, púxolle o seu propio nome e seica pensa facer reverdecer nel o noso falar.
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

III CONCURSO DE RELATOS E VÍDEOS DE TERROR

NORABOA AO GAÑADOR DO CONCURSO DE CARTEIS DESTE ANO: PABLO OLIVEIRA CHENLO, DE 4º ESO

Achégase o Samaín:
cabazas, meigas e medo sen fin.
Ten coidado se te atopas coa meiga
pois vas quedar asustado.
A miña época do ano favorita
mais có Nadal ou Carnaval.

Abel Barros Ferro
2º ESO A


Chega o mes de outubro e con el unha das celebracións tradicionais con máis interese do ano: o Samaín. Dende o ENDL e a Biblioteca do CPI de Pontecesures non queremnos desaproveitar a ocasión e convocamos de novo o Concurso de Relatos e Vídeos de Terror, que agardamos que siga espertando grande participación entre o noso alumnado. Podedes consultar aquí as bases do concurso:

III CERTAME DE RELATOS DE TERROR


O ENDL e a Biblioteca do CPI de Pontecesures anímanvos a que compartades as historias máis arrepiantes que se vos ocorran a través da participación neste concurso que se celebrará arredor da celebración do Samaín, unha antiga tradición que conmemora a visita dos mortos ao mundo dos vivos na noite do 31 de outubro, data de comezo do aninovo celta.
As bases que rexerán o concurso son as seguintes.
1. Os relatos, orixinais e inéditos, serán redactados en lingua galega.
2. A temática xirará arredor de historias de misterio e terror.
3. Haberá seis categorías con cadanseu premio:
a) Infantil
b) 1º ciclo:
c) 2º ciclo
d) 3º ciclo
e) ESO
f) Modalidade de participación audiovisual, cunha curtametraxe gravada nun máximo de cinco minutos.
4. A participación de infantil e 1º ciclo de primaria poderá ser cun relato breve ou a través de narracións baseadas en debuxos que incorporen algunha palabra ou texto breve en galego. Nos demais niveis os textos terán unha extensión máxima de catro folios por unha cara, manuscritos ou mecanografados.
5. Cada titor/a de infantil e primaria e o profesor de lingua galega de ESO seleccionarán os tres mellores traballos de cada aula e entregaranllos ao coordinador do ENDL antes do 21 de outubro.
6. O xurado do certame estará integrado por profesorado colaborador do ENDL e da Biblioteca.
7.O fallo do xurado farase público en cadanseu acto na biblioteca do centro nun recreo de primaria e noutro de secundaria do día 29 de outubro ao que poderán acudir todos os participantes.
8. A participación neste concurso implica o consentimento do/a autor/a para a divulgación da obra presentada nos blogs de normalización e da biblioteca, así como na revista escolar O voceiro do Piñeiro manso.
9. A participación neste certame implica a aceptación de todas e cada unha das normas contidas nas presentes bases.
Comentarios (0) - Categoría: SAMAÍN - Publicado o 09-10-2015 12:06
# Ligazón permanente a este artigo
ANO DE MANUEL MARÍA

Iniciamos curso este ano coa boa nova da elección de Manuel María como escritor homenaxeado nas Letras Galegas 2016. Para comezar, podemos coñecer algo máis sobre a súa biografía e obra a través da páxina web da súa fundación, que visitaremos con asiduidade. Agardamos poder acceder a algunha das actividades que esta institución programa co gallo desta celebración.

http://www.casamuseomanuelmaria.gal/portada.htm
Comentarios (0) - Categoría: DE ACTUALIDADE - Publicado o 09-10-2015 11:53
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal