o trasno paroleiro


BLOG DO EDNL DO CPI DE PONTECESURES
Camiñando ao noso pé polos corredores, pendurado das trabes do centro ou diluído na trasparencia dos vidros cando quere quentarse ao sol nas frías mañás de xaneiro, vive entre nós este trasno falangueiro. Chegou ao colexio cando este aínda era un terreo ermo no que non paraban os enlouquecidos ventos do outono. Logo coouse co seu fardel de sons entre as paredes de tixolo acabadas de levantar e xa non quixo marchar de aquí. Aprendeu axiña o noso idioma e colleulle tanto agarimo, que o que máis lle gusta é perder o tempo debruzado no peitoril das xanelas escoitando falar a rapazada. Agora tamén enreda nos ordenadores e, sen saber moi ben como, caeu dentro deste blog. Fachendoso como é, púxolle o seu propio nome e seica pensa facer reverdecer nel o noso falar.
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

I CERTAME DE RELATOS DE TERROR DO CPI DE PONTECESURES

XA TEMOS GAÑADORES DO CERTAME DE RELATOS DE TERROR CURSO 2013/2014


Estes son os relatos seleccionados polo xurado do concurso nas distintas categorías:

GAÑADORES E. INFANTIL CURSO 2013/2014




GAÑADORA 1º CICLO DE EDUCACIÓN PRIMARIA 2013/2014


XABIER E OS LOBOS


Érase unha vez un neno que se chamaba Xabier. Un día foi ao monte para coller castañas para comer, porque eran pobres. Fixo unha tenda de campaña con mantas que atopou no monte. De súpeto, escoitou un berro que dicía: “Uuuuuuuuuuuu”.
O neno comezou a tremer de medo. Saíu da tenda de campaña e viu un lobo. Axiña apareceron moitos máis. Xabier púxose a falar con eles e deulles castañas. Pasado un anaco fixéronse amigos e os lobos acompañárono á casa. Despois de todo, as cousas non sempre son o que parecen e incluso uns animais tan temidos poder rematar sendo bos amigos.

Julia Iglesias, 2º

GAÑADOR DE 2º CICLO DE EDUCACIÓN PRIMARIA CURSO 2013/2014


A PANTASMA MILITAR


Érase unha vez dous nenos, chamados Xan e Tomás, que vivían nunha vila moi preto dunha estación militar. A eles gustáballes moito xogar alí, naquela estación. Un día os rapaces desapareceron: raptáraos a pantasma e tiña pensado comelos. Levounos ao comedor, pois tiña pensado preparalos ben para que estivesen máis saborosos cando os comera.
Mentres tanto, na vila estaban todos preocupados e comezaron a buscar aos nenos. Un día, uns amigos de Xan e Tomás comentaron que a estes lles gustaba xogar na estación militar así que rogaron que foran buscalos alí. Pero, de súpeto, a vila desapareceu misteriosamente e quedou só o río.
Mentres tanto, na estación militar Xan e Tomás estaban moi asustados, aínda que, ao mesmo tempo, Xan estaba encantado porque a pantasma lle daba moi ben de comer. Ese día ían comer porco, que era o seu prato preferido. Como a Tomás non lle gustaba o porco, a pantasma deulle coello, pero tampouco o quería. Logo deulle chocolate, espaguetis, lasaña e pizza, pero nada lle gustaba. A pantasma enfadouse moito e mandoulles unha mensaxe aos pais que dicía:
“Se queredes volver a ver a vila, teredes que regalarme os nenos”
Asdo. A pantasma
A carta tiña un selo arrepiante: unha cabaza. A nai dos nenos viuse obrigada a aceptar e deulle a carta coa resposta ao vento para que lla levara á pantasma. Tamén tiña un selo, pero este era en forma de corazón.
Os habitantes estaban tan contentos por recuperar a vila que decidiron unirse para acabar coa pantasma. Loitaron todos xuntos ata conseguir que fuxira e así puideron recuperar a Xan e a Tomás.

Diego Temperán Potel
3º A


GAÑADORA DO 3º CICLO DE EDUCACIÓN PRIMARIA CURSO 2013/2014


O MISTERIO DOS MESTRES


Aquela non era una mañá normal. Eu chegaba tarde á clase. Un enorme camión estaba deitado no medio da calzada. Había un montón de policías e de militares vestidos de forma estraña. Parecíanme raras as vestimentas que usaban estes axentes. Parecían sacados dun conto de ciencia ficción.
Xa chegaba tarde. Non había ningún rapaz fóra; todos estaban nas aulas. Que rabia! Ao entrar na miña aula, o mestre preguntoume que me pasara. Eu tratei de explicarlle o que vira. De súpeto el berraba en alto unhas palabras en alemán. Ao sentir isto intentei acoplarme o máis rápido posible. Non entendía nada do que estaba dicindo, pero polo seu ton sabía que me estaba berrando. Non paraba de dicir: “Halt die Klappe und sitzen!!!...” Deus sabe o que me estaba dicindo. Foi entón cando comprendín que algo non ía ben. Non era normal este comportamento do mestre. Podía ser debido a que o seu fillo non lle deixase durmir esa noite, pero parecía estresado de máis.
Despois disto, a clase transcorreu con certa normalidade. De súpeto chegou o profesor Fran pois xa era a hora de música. Foi entón cando, me decatei que detrás da orella dereita do mestre José Luis penduraba un trebello parecido a un porto USB. Asusteime tanto que me quedei bloqueada: non daba crédito do que vía. Por medo de que se riran de min, non o contei. Foi Andrea a que me dixo: “Veña vamos!!”
Xa na clase de música, mentres tocaba a frauta, pensei para min: “Isto é de tolos, que está pasando?” Cando me decatei, xa era a hora do recreo. Intentei esquecer todo o que vira pero algo na miña cabeza dicía: “Que está pasando?” Que era aquel estraño trebello do mestre José Luis e aquela estraña chamada ao profesor Fran que lle fixo cambiar a expresión da cara.
Nada máis saír ao recreo, fun en busca de Paula. Tiña que falar con alguén que me entendera. Atopeina sentada na montaña. Empecei a contarlle o que vira e díxome que Joaquín, o seu mestre, tiña un estraño tremor na man e non paraba de suar. Foi entón cando vimos chegar a furgoneta de Elías, que baixaba todo apresurado a falar con dous homes que non viramos nunca e que xesticulaban de forma ameazante e rara contra el. Paula e eu mirámonos con cara de medo e preguntámonos que lle estaba pasando a Elías. Quen eran aqueles homes que vestían de forma elegante con sombreiro negro os dous? E que querían de Elías para berrar desa maneira con el.
Nese momento de incerteza soa o timbre e díxenlle a Paula: “Non lle contes nada a ninguén, non nos van crer”. De todas formas, se ves algo, chámame despois de comer. Cando chegamos á aula vin ao mestre José Luis que estaba traballando no seu teléfono e díxonos con voz agresiva: “Non funcionan os teléfonos!!!” Polo seu ton de voz entendín que el sabía o que estaba pasando e que non funcionasen os teléfonos non era un accidente.
Cando empezamos a clase de lectura, o profe sacounos un libro que falaba de seres doutros mundos, que viñan á terra con intención de utilizarnos como escravos. Puxo moito interese en tratar de explicarnos como estes seres nos dominarían e as consecuencias que traerían para os que non estivesen de acordo coas regras que eles impuñan. Á miña cabeza veu unha serie de televisión da que meus pais me falaban e que trataba duns lagartos que se dedicaban a comer ratos, que nos escravizaban e facían experimentos con nós.
Pensando, en medio de tanta incerteza, as seguintes clases pasaron con normalidade. Xa eran as dúas e o mestre mandounos recoller como de costume. Ao saír do colexio vin a meu pai que me viña recoller. Non trouxera o coche pois facía un día estupendo. Así que tiña tempo para contarllo polo camiño. Empecei a relatarllo, pero tomoumo a broma ata que lle falei dos dous homes que berraban con Elías. El díxome que vira varios helicópteros voando por riba de Santiago e que as ambulancias non paraban. Sorprendeuse porque el tamén vira eses homes en Santiago.
Pola tarde, despois de facer os deberes, intentei chamar a Paula pero non puiden porque os teléfonos aínda non funcionaban. Era todo tan estraño… Como se fose un soño, tan raro, tan confuso… Despois de moitos intentos cansei e deixeino para máis tarde. Fun a ver a tele un pouco. Non había canles! Só unha que reproducía música antiga e aburrida! Xa farta de todo, marchei para a cama descansar polo que puidera pasar á mañá seguinte.
Pola mañá todo seguía alterado. Os mestres seguían diferentes, os teléfonos, a televisión e os demais artefactos seguían sen funcionar…

Foi entón cando saímos ao recreo. Volvín reunirme con Paula na montaña cando vimos a Elías correndo cun estraño artefacto parecido a un ordenador. Cinco minutos máis tarde vimos a profesora Carmen que saía do colexio para a casa de Elías. No mesmo intre de ela saír, entrou Joaquín. Quedamos perplexas! Paula díxome: “Temos que saber o que está pasando!” Mirámonos unha á outra e repetímonos: “Temos que saber o que pasa!” Nese momento puxémonos a andar cara a casa de Elías e ao abrir a porta… Vimos ao mestre Joaquín deitado no sofá, conectado por un cable a aquela estrana máquina de Elías. Eu miro a Paula, ela mírame a min e dime: “Meu Deus, que é isto?!”
Beep beep beep, beep beep beep,beep beep beep! É o despertador!! Todo foi un soño! Mentres almorzo, o soño segue dando voltas na miña cabeza, parecía non acabar máis… Por fin é hora de ir ao colexio e esquecerse dese estrano pesadelo que non tiña nin pés nin cabeza!.
E hora de saír, xa son as nove, cando se abre a porta do garaxe e chegamos á calzada, alí estaba o camión volcado!! Isto xa pasou, ou vai a pasar?

Marina Miguéns Diz
5º B

GAÑADOR DE EDUCACIÓN SECUNDARIA CURSO 2013/2014


O MISTERIO DO SAMAÍN


Aquilo non podía ser verdade. Xa sei que estabamos no Samaín e era tempo de bromas de medo, pero aquilo saíase do normal. Chámome Anxo e este é o meu amigo Raúl. Todo empezou así…
Era una noite tranquila, a noite na que comezaba o Samaín. Estabamos todos os da familia reunidos na miña casa, ceando. Todo estaba moi tranquilo ata que, de súpeto, se apagou a luz e se oíu un ruído fantasmal; Raúl e mais eu, os pequenos, case mexamos por nós. Cando a luz volveu, démonos conta de que os meus curmáns desapareceran. Puxémonos a buscar todos e, cando mirei no armario, saíron os dous dando un berro; do susto, case morro.
Cando xa estabamos de novo todos sentados á mesa, comenteille que ben lle saíra o susto, sobre todo o ruído… e dixeron a coro:
-Que ru…
Non lles deu tempo de acabar a pregunta cando se oíu:
UUUUUUUUUUUUUUHHHH!!!!!!!!!!!!
Eu contesteille vacilante con medo no corpo:
-Ese ru…
De tanto medo que tiña, mirei debaixo da mesa por se había algún monstro.De novo apagouse a luz e un calafrío percorreume o lombo. De súpeto, a candea que estaba apagada enriba da mesa acendeuse sen máis e iluminou cunha luz tenebrosa o salón. Entón vin que enriba da mesa había unha nota que poñía:

“Se queredes volver ver ao rapaz, teredes que resolver os enigmas antes de que lle pase algo un pouco… desagradable, ou teredes que pagar algún prezo, pero supoño que non teredes o suficiente valor para evitar que lle pase algo, non?”
O Espírito do Samaín

A luz da candea apagouse e volveu a luz da lámpada. Todo foi moi rápido e desconcertante. Deseguido decatáronse de que Raúl desaparecera. Buscárono por toda a casa, pero non aparecía. Anxo mirou no seu cuarto. Na cabeceira da súa cama había unha nota que dicía:

“Como xa che dixen, querido Anxo, heiche deixar notas nas que atoparás pistas para rescatar ao teu amigo nun tempo considerable, se non… Pero seguimos ao noso, esta é a primeira pista:
Nun lugar escuro e cheo de trastos has de mirar, alí, a segunda pista atoparás…”

Ao final da nota había un selo arrepiante: Unha cabaza cun sorriso diabólico

Collín o papel e fúnllelo ensinar a todos. Xa deixaramos a sobremesa no prato porque a desaparición nos quitara o apetito e a nota foi a guinda do pastel, sobre todo aquel selo da cabaza en cera vermella.
Con todo, puxémonos a pensar lugares onde houbese trastos e estivese escuro. Saíron varias ideas pero a máis decente foi a do faiado e, como non había máis ideas, fomos alí.
Cando chegamos, démonos conta de que non só os faiados dos debuxos son escuros, cheos de pó e con moitas arañas. Acendemos a luz e alí, enriba dunha mesa, atopábase a segunda nota, que dicía:

“Se miras mellor por esta zona, unha porta atoparás; E ao abrila, pasmado quedarás.”

Aquel selo aínda me facía estar inquedo, pero o importante era atopar a Raúl. Puxémonos a buscar todos por alí, ata que me chamou a atención un baúl enorme, apartado cara a unha esquina, á que non lle chegaba a luz. Picoume a curiosidade e abrino. Alí dentro había outra nota:

“Aquí non está a porta mencionada pero, se segues buscando así, lograrás atopala; Por aquí cerquiña está… “


Parecíame que o espírito me quería axudar a buscar ao meu amigo así que a min déuseme por mover o baúl. E non vexades o que encontrei alí debaixo! Alí debaixo atopei a porta; Ao abrila, quedei pasmado. Era como un caixón. Alí só había un espazo pequeno; Nunha parede estaba unha frase arrepiante escrita en… sangue! Poñía: "AXUDA!!!"

De novo un calafrío percorreume o lombo. Fixeime nunha das paredes. Estaba mal construída, deille un golpe e derrubouse; Alí apareceu Raúl, atado de pés e mans, inconsciente e sangrando polo nariz.
Saqueino de alí e reconstruín rápido o muro, leveino ao piso de abaixo para que o atendesen os meus pais e volvín correndo para arriba. Cando cheguei para pechar a porta con chave e volver a poñer o baúl no seu sitio, isto é o que me encontrei: unhas cantas caveiras colocadas en círculo, no medio un caldeiro vello cheo de augardente, da que se elevaba un remuíño de lume moi alto. Alí oín unhas voces que recitaban o conxuro da queimada:
“Mouchos, coruxas, sapos e bruas…”
Sacoume do meu pasmo un aire xeado que apagou a labarada, elevouse no aire unha nube de fume coa forma dunha cabaza, que despois se esfumou e formou unha palabra:
Vaite!!!
Desde ese mesmo intre pechei a porta con cadeas e bloqueeina, e non se volveu a entrar no faiado nunca máis. Tampouco non se soubo nada do espírito, ata o próximo Samaín…
E como agora estamos preto, pódelo ter xusto detrás de ti, ou agardándote na túa casa para atacar de noite. Non o sei, o Espírito do Samaín é moi imprevisible...

Jorge Temperán Potel 1º E.S.O.

NA SECCIÓN DA FOTOBLOGOTECA TEDES FOTOS DA ENTREGA DE PREMIOS
Comentarios (0) - Categoría: SAMAÍN - Publicado o 17-10-2013 23:04
# Ligazón permanente a este artigo
O CASTIÑEIRO, A CASTAÑA E O MAGOSTO
Interesante presentación para traballar esta celebración tradicional nas aulas feita polo CEIP de Monforte de Lemos.

http://www.xunta.es/linguagalega/arquivos/Castineiro_Castana_Magosto.pdf
Comentarios (0) - Categoría: MAGOSTO - Publicado o 15-10-2013 12:37
# Ligazón permanente a este artigo
FOTONOVELA DE MEDO DO ALUMNADO DO IES ROSALÍA DE CASTRO
http://www.xunta.es/linguagalega/arquivos/Samain_Fotonovela.pdf
Comentarios (0) - Categoría: SAMAÍN - Publicado o 15-10-2013 12:31
# Ligazón permanente a este artigo
NOVA CANLE DE TV EN GALEGO
Nace a canle de televisión Nós. Este é o vídeo de presentación:

Comentarios (0) - Categoría: O GALEGO EN POSITIVO - Publicado o 11-10-2013 11:33
# Ligazón permanente a este artigo
PREMIO NACIONAL DE POESÍA 2013 PARA ÁLVAREZ TORNEIRO
O poemario Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro, vén de ser recoñecido co Premio Nacional de Poesía, despois de ter recibido o Premio da Crítica española, o da AELG e o Ánxel Casal.

Para saberes máis sobre este autor podes consultar estas páxinas:

GALIPEDIA:

http://gl.wikipedia.org/wiki/Manuel_%C3%81lvarez_Torneiro

BIBLIOTECA VIRTUAL GALEGA

http://bvg.udc.es/ficha_autor.jsp?id=Man%C1lvar&alias=&solapa=biografia
Comentarios (0) - Categoría: DE ACTUALIDADE - Publicado o 09-10-2013 23:36
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal