Camiñando ao noso pé polos corredores, pendurado das trabes do centro ou diluído na trasparencia dos vidros cando quere quentarse ao sol nas frías mañás de xaneiro, vive entre nós este trasno falangueiro. Chegou ao colexio cando este aínda era un terreo ermo no que non paraban os enlouquecidos ventos do outono. Logo coouse co seu fardel de sons entre as paredes de tixolo acabadas de levantar e xa non quixo marchar de aquí. Aprendeu axiña o noso idioma e colleulle tanto agarimo, que o que máis lle gusta é perder o tempo debruzado no peitoril das xanelas escoitando falar a rapazada. Agora tamén enreda nos ordenadores e, sen saber moi ben como, caeu dentro deste blog. Fachendoso como é, púxolle o seu propio nome e seica pensa facer reverdecer nel o noso falar.
No último día de clase antes das vacacións de Nadal organizamos no noso centro un obradoiro de graffiti, impartido polo Colectivo Mutante Creativo, que xa realizou outros murais no centro outros cursos con excelentes resultados. Este ano o tema elixido foi o mar, dado que é o asunto sobre o que trata o proxecto interdisciplinar posto en marcha pola Biblioteca do centro. O alumnado que colabora habitualmente nas actividades que organiza o EDLG do CPI foi o que participou na actividade.
Aproveitamos esta data para publicar un vídeo elaborado por un grupo de alumnos/as do noso centro, que procura sensibilizarnos sobre a violencia a que están sometidas moitas mulleres.
Publicamos os relatos que resultaron gañadores no concurso do Samaín. O xurado destacou a grande calidade dos relatos e a nutrida participación deste ano.
RELATO GAÑADOR DA MODALIDADE DE 3º E 4º DE E. PRIMARIA: "O ESQUELETO DO SAMAÍN", DE TOMÁS MELÓN RODRÍGUEZ
Co título de "Que fermoso é o máis alá", presentamos este ano desde o EDLG a entrega de premios do VI Certame de Relatos e Vídeos de Terror do Samaín. Para os que non puidestes presenciar a representación, deixámosvos a gravación da obra protagonizada por un grupo de 16 alumnos/as da ESO:
Xa temos decidido cal é o cartel gañador para anunciar o VI Concurso de Relatos e Vídeos de Terror para o Samaín 2018. Como estes anos anteriores, foi o alumnado de Plástica da ESO o que elaborou as propostas que se presentaban a concurso. Estas foron as decisións do xurado, tras unha difícil deliberación pola calidade dunha boa parte dos traballos presentados:
AUTORA DO CARTEL GAÑADOR:
Lara Blanco Fernández, de 3º ESO A.
AUTORAS DOS CARTEIS FINALISTAS:
Ángela Miguéns Freiría, de 4º ESO
Paula Oliveira Bello, 3º ESO B
Noraboa ás tres autoras e, por suposto, tamén a todos/as participantes e ao profesorado de Plástica da ESO pola súa implicación no certame.