Camiñando ao noso pé polos corredores, pendurado das trabes do centro ou diluído na trasparencia dos vidros cando quere quentarse ao sol nas frías mañás de xaneiro, vive entre nós este trasno falangueiro. Chegou ao colexio cando este aínda era un terreo ermo no que non paraban os enlouquecidos ventos do outono. Logo coouse co seu fardel de sons entre as paredes de tixolo acabadas de levantar e xa non quixo marchar de aquí. Aprendeu axiña o noso idioma e colleulle tanto agarimo, que o que máis lle gusta é perder o tempo debruzado no peitoril das xanelas escoitando falar a rapazada. Agora tamén enreda nos ordenadores e, sen saber moi ben como, caeu dentro deste blog. Fachendoso como é, púxolle o seu propio nome e seica pensa facer reverdecer nel o noso falar.
O pasado sábado 6 de abril celebrouse en Outeiro de Rei a fase final do Concurso de Recitado de Poemas. Estes foron os representantes de Primaria do CPI de Pontecesures, aos que lles damos a nosa noraboa pola calidade da súa interpretación.
O alumnado de 1º de E. Primaria recitou o poema "O chifre" de Manuel María.
Emily García Mata, de 2º de E. Primaria, recitou o poema "O soñador" de Manuel María.
Pilar Antonella Morison Rey recitou "Silencio", de Follas Novas.
Blanca García Mosquera recitou "Cada noite eu chorando pensaba", de Follas Novas.
O xoves 14 de marzo tivo lugar na Biblioteca do CPI de Pontecesures a primeira fase do Concurso de Recitado de Poemas de Rosalía de Castro e Manuel María coa participación do alumnado de 1º, 2º de E. Primaria e de diversos cursos da ESO. Eliximos os representantes dos cursos de primaria e da ESO que acudirán á segunda fase do certame na Casa Museo de Manuel María o sábado 6 de abril.
O alumnado de 5º de E.P. do CPI de Pontecesures (2018.19), realizou este fotomontaxe para reivindicar a IGUALDADE entre mulleres e homes con motivo do DÍA DA MULLER, baixo a música de Guadi Galego, coa súa canción "MATRIARCAS"
Con lecturas de poemas nas aulas de E. Primaria, ensaiando o recitado de poemas seus para o concurso que organiza a Casa Museo de Manuel María e coa proxección deste cartel da AELG no corredor central do centro, celebramos este ano o Día de Rosalía.
O EDLG do CPI de Pontecesures e o Departamento de Lingua Galega organizou esta actividade á que acudiu o alumnado de 3º e 4º de ESO. Despois da lectura do libro de Séchu Sende, Made in Galiza, puidemos ver esta versión teatral do libro na que se reflexiona, desde a sátira e o humor, sobre os prexuízos lingüísticos sobre o galego.