o trasno paroleiro


BLOG DO EDLG DO CPI DE PONTECESURES
Camiñando ao noso pé polos corredores, pendurado das trabes do centro ou diluído na trasparencia dos vidros cando quere quentarse ao sol nas frías mañás de xaneiro, vive entre nós este trasno falangueiro. Chegou ao colexio cando este aínda era un terreo ermo no que non paraban os enlouquecidos ventos do outono. Logo coouse co seu fardel de sons entre as paredes de tixolo acabadas de levantar e xa non quixo marchar de aquí. Aprendeu axiña o noso idioma e colleulle tanto agarimo, que o que máis lle gusta é perder o tempo debruzado no peitoril das xanelas escoitando falar a rapazada. Agora tamén enreda nos ordenadores e, sen saber moi ben como, caeu dentro deste blog. Fachendoso como é, púxolle o seu propio nome e seica pensa facer reverdecer nel o noso falar.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

VIDEOCONFERENCIA DO DÍA DA CIENCIA EN GALEGO 2015

O día 4 de novembro, asistimos dende a Biblioteca do CPI de Pontecesures a unha videoconferencia organizada pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística baixo o título de: "A máquina que constrúe a mente e a realidade".
O relator foi Xurxo Mariño Alfonso, biólogo e Doutor en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago de Compostela (1998), profesor do Departamento de Medicina da Universidade da Coruña.
Segundo nos explicou, todo o que somos cada un de nós, o que percibimos, o noso "eu", as emocións cotiás, todo iso é unha construción elaborada por unha máquina que levamos dentro do cranio: o encéfalo. Aí dentro temos miles de millóns de células, as neuronas, que utilizan a electricidade para comunicarse entre elas e, dese xeito, crear a mente e a realidade. Intentou responder a varias preguntas que habitualmente nos formulamos: Como funciona esa máquina da mente? A onde vai o "eu" cando durmimos? Poden construírse máquinas artificiais que teñan mente? Esta foi a videoconferencia:







Comentarios (0) - Categoría: CIENCIA EN GALEGO - Publicado o 06-11-2015 11:53
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal