ToxoMareaS


toxomar é unha utopía

toxomar
 chorimas
 toxofotos
 olladas
 ¿non o atopas?
 busca outros blogs galegos
 chorimas vellas
 anteriores

O sorriso da boa
Imprimiu a pegada do seu sorriso no corazón de Alexis. Costáralle certo esforzo chegar ata as súas vísceras porque o laberinto do seu peito era demasiado sinxelo. Cando chegou traboulle con recato na aorta esquerda para provocar que se lle entregase cego de amor e sen condicións. El sentiu o arrepío do volcán apañándolle os pés, esgazándolle os fémures, centrifugándoo ata paralizarlle por completo o pulso do reloxo. Ofrendouse a Silvia, quen plantara un verxel de discretos coitelos no seu xardín.

O xardín de Silvia estaba ubicado en Serra Soidade e nel cultivaba as horas mortas con ácidos crisantemos e herbas do Noso Señor. Non estaba afeita ás visitas e case ninguén semellaba disposto a ancorarse no seu deserto, pero el, tal e como evidenciaba aquela pegada, foi o elixido. Ás veces pola arteria fugábaselle algunha pinga de sangue que non facía máis ca repetir a berros eres meu, meu, meu. Ela aprendeu a arte da conquista dunha boa que habitaba entre as pedras da súa casa. O seu desexo máis íntimo e segredo consistía en chegar a igualala no ritual do estrangulamento das súas vítimas.

Alexis buscaba coma tolo nos regatos das súas curvas, bebía o néctar descarnado das súas mans, abrazaba a lingua da súa voz seguíndoa en hipnose polas chairas do seu sorriso mentres se afastaba, sen a penas percibilo, dos seus propios pés, nunha travesía sen retorno cara ao xardín das escuridades. Só saía do limiar do seu novo fogar para ir ao traballo.

- Dende que estás con ela non es o mesmo – insinuáballe o seu mellor amigo – nin che prougue quedar para xogar un partido de fútbol nin para tomar unhas cervexas.
- É que non teño tempo, Daniel
- Fai como che pete, pero coido que esa rapaza non che convén, absórbeche ata a sombra.

El regresaba xordo aos corredores dos seus bicos e tamén aos das súas treboentas bágoas que sempre nacían cando Alexis lle insinuaba unha minimicroviaxe á súa antiga vida. Eres meu, meu, meu. ¿Pero será posible que este home aínda non se decate? Comigo o teu pasado non existe.

Pero un día o seu pasado foi visitalo. Custoulle moito esforzo acceder a Serra Soidade polo esgrevio dos seus silencios, os anguriosos piñeiros de unllas afiadas e os eidos minados de navallas; aínda así, mancado, ferido, case sen voz logrou personarse debaixo do dintel cun pétalo de nomeolvides na ollada. Por suposto, el non o recoñeceu e invitouno con cortesía a que os abandonase.

Como boa veciña da boa abrinlle o meu fogar. Estaba no punto exacto do deceso. Non adoito ser tan amigable, pero os séculos de silencio amolecéronme as glándulas que cuspían dardos de pozoña a calquera corazón, sen dubidalo. Tamén estaba farta da miña lindante que se adicaba, por pura deformación, a matar por asfixia coa lentitude dun esquecemento mal fechado. ¡Ai, que difícil non cravarlle os caeiros!. Son Víbora, presenteime, esa parva endexamais aprenderá a facer ben as cousas. E téñollo dito, bótalle un bo chute de veleno directo á vea, pero non, perfiere a soga, baleirar á vítima pouco a pouco das súas lembranzas. Agora é demasiado tarde, Pasado, nin tan sequera eu podo facer nada por ti, aínda quen sabe, se Alexis se deixase....
as túas palabras (1) - categoría: textos creativos - publicado o 25-04-2008 01:30
# ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Ollos en vinagre
Deiteime pero non fun quen de durmir; tiña os ollos en vinagre puro por culpa do relato. Xa me advertiran que o único xeito de lograr un texto polianguloso con aspecto de santo era traballar e traballar ata a victoria, así que me dediquei a ir de porta en porta co desexo de que alguén me emplease.
Na primeira casa estaba un señor en zapatillas, escarvadentes no bico e mans ociosas coas que me bateu a porta nos fociños. Máis tarde, por indicación dun esotérico veciño, acudín ao ritual dunha aprendiz de meiga, erudita en mesturas de sapos e bálsamos de estrugas cos que enfiar longas frases subordinadas e sediciosas combinacións de puntos e seguido. Pero o único punto que logrei na estancia foi unha dor aguda que me asaltou o bandullo tras un grolo da fedorenta beberaxe. Marchei ouveando coma un can que rastrexa no cuchizo algunha frase incompleta que me adoptase, pero o camiño estaba demasiado roto, a simple fenda deambulaba na miña cabeza. Dalgún xeito tiña que sentarme a traballar, cheirar o papel coma dinamita, cuspir chamas de faroliños vermellos nos trazos incompletos das letras, acenderme, achegarme ao ollo do mundo para que o seu reflectir acadase á palabra. A miña cabeza zorregábame en penitencia "O traballo, o traballo é a base de todas as cousas. O traballo e a técnica da aprendizaxe. Perdes o tempo. Endexamais lograrás escribir nada". O pesaroso bandullo, provocaba agnosticismo, aniquilaba as hostes da esperanza que nalgún intre crearan o holograma dun desfile triunfal coma un rosario de palabras para Mariano e os rapaces do Taller; o moi galopín, na resaca da apócema, roubárame a madeixa de fío coa que tecer anaquiños de fonemas. Montei na noite e os meus ollos en vinagre....

as túas palabras (6) - categoría: textos creativos - publicado o 29-03-2008 21:39
# ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
hoxe sentín o mar
o mar era o patio da miña infancia cando sentada no barco de pesca da familia procuraba a resposta aos milleiros de luces que percorrían o lombo acuático dos soños. aínda hoxe, malia as aprendizaxes, as luces teñen vida propia e semellan emerxer das entrañas do mar. esa foi a imaxe que me trouxo a marea mentres paseaba pola avenida anaga cara ás teresitas, a dunha meniña a bordo do Luz, abducida pola tona oceánica que se transfoma en mosaico de espellos e gozos, en camiños de sempre navegar, de idas e chegadas aos diversos portos da vida.
agora, dende a casa do mar, regreso a esa pazoleta antiga e humilde da que un día partín, dos aromas a alcatrán e verdellos, a mans con calos e olladas de sargazos, a voces que prenden e falan e din mundos e océanos; dende aquí, a certa distancia da miña galicia, baten na cerna as identidades húmidas coma unha soa comunidade universal, a comunidade de ser de aldea, de sal, de peixe.
as túas palabras (0) - categoría: espichos de toxo - publicado o 19-03-2008 21:35
# ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
onte
onte fun votar. mellor dito: foron votar os meus anticorpos. non ía ilusionada. só desexaba que por favor por favor a intolerancia non gañase. o resultado electoral alégralle ao meu nutrido exército de anticorpos que dende hai anos vén medrando sen mesura. pero tamén a lectura posterior comprende que estamos diante das dúas españas contrapostas e enfrontadas, a españa que nos quixeron vender e a outra que nos inventan asegurando que iso é a imaxe exacta da realidade. pero a realidade é que eu, consumidora-cidadá, non me ilusiono co único feito que me converte en parte dunha vida democrática. incluso a nosa minoría de idade é tan evidente que despois de máis de trinta anos de vivir cun sistema electoral aínda non mudaron a lei orgánica que regula todo este tinglado permitíndonos aos tristes usuarios da democracia ter unha participación máis viva e axeitada aos tempos que corresponden. o sistema d´hont non é por si mesmo moi democrático que digamos e moito menos as listas fechadas que só poden beneficiar aos trepas que o partido ensalce ao ceo do estrelato, que nos obrigan a non votar, a un voto en branco, ou a votar por puro anticorpo, fechando os ollos e dicindo que sexa o que deus queira, pero eu a ese/a tipo/a non o voto nin en soños. e alá imos, como nunha procesión sen festa, seica a exercer algo que bieito sexa, pero en fin...
as túas palabras (3) - categoría: espichos de toxo - publicado o 10-03-2008 09:21
# ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
biodiversidade
vou cos ollos mancados e cun arrecendo novo. fecho etapas e abro mundos. así ando, nas carreiras dos muíños, sobre min mesma, espelexando o alcatrán das rúas, respirando mans que se unen para dicir adeus con tódolos sorrisos e coa miña gratitude. nin nos mellores soños imaxinei unha despedida tan chusca como a que me ofreceron os meus compañeiros do medio natural, foto de familia para sempre e ollada limpa de traballar protexendo especies en perigo de extinción. e alá vou,cara ao instituto social da mariña, coa tenrura dunha nena que abre a man e respira. ¡grazas!
as túas palabras (0) - categoría: espichos de toxo - publicado o 09-03-2008 18:59
# ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
pintor, ti que escribes con amor....
acabo de saber, polo blog de manolo busto, que ao meu querido amigo pintor vanlle pendurar dos soños un E.
daquela supoño que poderemos xogar ao...
vexo-vexo, ¿que ves?. unha cousiña. ¿e qué cousiña é? comeza polo e... ¿que seré, que seré, que seré...?
esplendido, emotivo, especial... e- bule-bule, que son horas de que a túa pluma coa aperta de e-buxo nos escriba o tempo das colleitas, o dos lumes mansos, o dos oficios silandeiros que se inzan de luz ao contacto coas túas palabras.
gustaríame inventar o sorriso nobre e case incrédulo da túa nai que tivo tempo de ver como este labrego de verbas medraba nas abas da imaxinación, alimentándose coa cerna do pobo e dos brazos silandeiros das pontes que unen mundos posibles; imaxino a maría, acompañándote sempre nese percorrido de buguina que paseniño fan os anos; o estoupido de cor pintado no teu corazón, a carón da túa familia, porque hoxe, independentente do teu facer cotián ao servizo de construír país, a cúpula dos escritores, reunidos en asociación, recoñécente vestidiño de E, como o traxe de xastre que teu pai che faría para os domingos eméritos dos sorrisos; como aquela Rosalía, talvez, de Curros Enríquez, que "do mar pola orela mireina pasar, na frente unha estrela, no bico un cantar..."
ESCRITOR.
Parabéns e apertas (aínda que non sei que me dá que sexan de toxo)
as túas palabras (3) - categoría: espichos de toxo - publicado o 16-02-2008 12:14
# ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
marga rodríguez marcuño
hoxe no blog literario de caixanova lin un fermoso poema dunha vella amiga, e digo vella, non por idade, senón porque é unha desas amizades que nacen e levedan coma o pan, que aí continúa, nese currunchiño dos afectos dende vai un tempo, acompañado coa inmensidade do mar que nos separa pero que permite que a lembranza sempre se manteña acesa. eu, como ela, marga-simona, (a traductora do segundo sexo ao galego), ás veces tamén me pregunto cando son eu, pero aínda que só sexa unha faísca difuminada, un cachiño de case nada, de intención, de soño ou de pesadelo, alégrome de abrir os ollos e sen pensalo demasiado, ser, aínda que, asegúrovos, estaría encantada de ser dentro de días de, como mínimo, 48 horas, nesta temporada ando moi pendente da sabeliña que tivo bronquite, ocupándome tamén da rutina que nos constrúe a capas de cemento, lendo un chisco, por certo, recomendable "o desfalco", de valentín katáiev, e editado pola editorial rinoceronte, e todas esas cousiñas miudiñas, miudiñas que tecen estoupidos no corazón.
as túas palabras (1) - categoría: textos creativos - publicado o 10-02-2008 15:59
# ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
elección
¿sabedes que?, estou en puro trámite electoral. saíron as prazas das oposicións e non é nada doado elixir con tino, entroutras cousas porque a decisión non só depende do que eu queira senón do que os demais non desexen. aquí a teoría dos vasos comunicantes funciona á perfección e tamén a ausencia de referentes, polo cal, nunha arroutada semiprimaveral saín á rúa e percorrín unha por unha as distintas administracións que ofertan postos de traballo. total, que ando coa cabeza a ferver e a piques de estoupar, cando en realidade, as diversas partes que forman os vasos comunicantes do proceso selectivo descoñécense mutuamente e ignoran as preferencias dos demais. co cal... xa vos contarei a onde me envían en misiva laboral, iso si, sempre co mellor dos meus sorrisos, que a cousa do choio non está nada ben, segundo as estatísticas de desemprego.
como vedes, se non é un atranco é outro, agora que volvera coller carreira para ofrecerlle visibilidade á vida da josefa, ¡patapún!, unha nova parada por mor de organizar o mundo da outra parte da realidade, e mentres, a saber o que andarán argallando tódolos personaxes por aí.
bicos
as túas palabras (5) - categoría: espichos de toxo - publicado o 28-01-2008 22:15
# ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
33
Deiteime pero non fun quen de durmir, ou se o fixen, os pesadelos eran tan intensos que me impediron descansar, aínda así, pola mañá erguinme cedo e contenta, tanto que tracei os planos do traballo das xornadas futuras. Adicaría boa parte do tempo á investigación intensiva. O primeiro a facer era conseguir nun rueiro o enderezo exacto da casa de Lisandro, despois ir ata alí e observar os movementos habituais, coñecer cantas persoas convivían no lugar e calcular os riscos da miña inminente filtración e sobre todo, ter unha idea do que ía buscar. Por sorte na Universidade tamén nos impartiron una materia, que era optativa, pero que daba moito crédito para quen a escollese, chamábase “Didáctica dos Oficios ”, quizais esa fose unha das disciplinas máis útiles de toda a carreira porque, no caso de rematar convertida en escritora fallida, sempre che quedaba a opción de ir traballar de camareira, domadora de leóns, alquimista ou xogadora de dados. A aprendizaxe dos oficios era tan real como a vida mesma, así que durante nove meses estivemos aprendendo técnicas de desenvolvemento das diferentes profesións: electricistas, bombeiros, afiadores, barbeiros, capos do narcotráfico, dentistas, peixeiras, matachín, quincalleiro, atracador de bancos, cerralleiro, cura, adestrador de cans.... Fun correndo ao fallado para rescatar dun andel os arquivadores cos meus apuntes e velaí estaba o manual de como entrar nun domicilio alleo, sen ser usuario habitual, policía con autorización, convidado ou carecer orde xudicial sen que te trinquen para o caldeiro. Volvín refrescar a memoria, ¡que tempos os da Universidade!, non me custou nadiña sacar do armario cordas, ganzúas e outros instrumentos que me proporcionarían unha ansiada invisibilidade. Repasei con interese as normas básicas do asalto e comprobei os detalles mínimos. Cando a cabeza me fervía con tanta excitación descansei un chisco indo á tenda de deportes onde merquei o chandal, calcetíns e tenis negros xunto co pasamontañas e outros artículos varios, imprescindibles para a abordaxe. Coloquei todo enriba da cama e fun repasando un por un cada obxecto: casco de espeleólogo, coa súa lámpada ben centrada, luvas antipegadas, corda de tanza, chave mestra, cinto multiusos con navalla albaceteña incorporada e por suposto, non podía faltar no equipo unhas bragas novas e limpas. Esta precaución débese a unha teima que me xerou a miña avoa dende ben pequerrecha, aseverándome que era unha obriga de toda muller decente levar, cando saía da casa, roupa interior non só en perfecto estado de uso senón tamén de exhibición, por se un día, deus no o quixera, tiña un accidente ou unha enfermidade repentina e me levasen, un supoñer, ao hospital, onde ¡que vergoña!, ao ser inspeccionada polo facultativo competente, este quedase traumatizado coas miñas bragas tuneadas, con discretos buraquiños para a ventilación, tipo calcetíns do presidente do Fondo Monetario Internacional, ou cos laciños, que con tanto enxeño atara a ambas beiras da cintura, tras unha malvada laxitude da goma que, posta en folga permanente, facíalle fronte á lei da gravidade, e eu, empregando os máis imprescindibles servizos mínimos usaba a miña imaxinación atando as bragas con nós para poder saír correndo á rúa.
Estaba satisfeita, ollaba o meu equipamento mínimo previo á excursión polos arredores domiciliarios de Lisandro, e xa, pola tardiña, con máis datos frescos, visitaría aos meus personaxes, que, ¡sufridiños eles!, me agardaban cos seus alifafes no sanatorio.
as túas palabras (3) - categoría: josefa ten unha aventura - publicado o 13-01-2008 10:31
# ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
32
O ordenador amosaba que o cuarto 315 estaba habitado por dous fulanos: Lisandro Dapena Dasilva e Manuel González Fernandez. Aí si que me fervían as orellas. Datas de nacemento: 22 de febreiro de 1960 o primeiro e 15 de novembro de 1945 o segundo. Polo aspecto físico, e salvo unha operación estética antiengurras podería afirmar que o meu Martiño era o tal Lisandro e axiña me veu a cabeza a palabra liscanso, porque se lle parecía bastante, e unha muller dedicada a escribir é como un corpo aberto, non pode fechar a súa imaxinación aos vocablos e a súa representación, e por algo sería que se me figurou unha especie de culebra dos eidos, aínda que debería investigar se ese réptil contaba con algunha reserva de veleno. O motivo do ingreso debíase a cuestións traumatolóxicas, niso non había engano, pero si, creo, en todo o demais.
Fechei a sesión e Sandrita dixo, ¡acabouse!. Non quero saber nada máis de ti na vida, nin me fales se me atopas pola rúa, porque che torzo a cara. E xa o sabes, nin unha palabra a Ernesto (o honesto), nin unha palabra. Así será. Non teño intención de meterme en matrimonios alleos, pero si no google, e cando pulsei o nome de Lisandro Dapena Dasilva, aquilo foi... uf!, unha marasma de información, agora só tiña que tirar do fío correcto, porque a rede é o que ten, é unha arañeira enorme na que, se non se anda con tino, a confusión é lei, e falando de confusión, deixoume algo perplexa a anexión do nome de Lisandro á Asociación de Amigos dos Pendellos, a dos do Patrimonio Patrimonio, Congregación de Adoradores de Berobreo e ao Partido Ecoloxista Nacional Instantáneo Con Azos, ou o que é igual, Penicazo. Anotei con pulcritude o enderezo deste fulano na miña axenda, así como o seu número de DNI, o da seguridade social e os teléfonos, polo que puidese ser. A investigación non fixera máis ca comezar. Daquela sorrín, media en éxtase, imaxinándome xa nas gabetas da súa casa. ¡Estás no meu poder!, pobriño, Lisandro, ata, se me apuro, dábame un chisco de mágoa. Lisandriño, que saibas que por moi listo que sexas, comigo non tes nada que facer. O que me agarda de aquí en adiante é, como dicían as monxas do colexio, coser e cantar.
as túas palabras (2) - categoría: josefa ten unha aventura - publicado o 11-01-2008 22:48
# ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
31
A información da computadora non deixaba lugar a dúbida, por unha banda as usuarias do cuarto 347 eran María Josefa Montejano Abade e María del Carmen Alonso Davila, que naceron unha en Cangas do Morrazo, o 23 de marzo do 1961 e a outra en Moaña, o 14 de xullo de 1938, tamén o enderezo da muller denominada María Josefa coincidía cos apuntamentos que me ofrecera durante os traballos de recolección de datos para escribir a historia, co cal, ante as evidencias e o aspecto físico que delataba as idades das señoras, non me quedou a máis mínima sospeita de que a primeira usuaria e confidente non me enganara respecto da súa identidade agás no feito de omitir o seu primeiro nome de pila, xa que é posible, que por algún motivo descoñecido a chamada Josefa non quixese que ninguén soubese que realmente se chamaba María, quizais por non darse a coñecer como unha galleta ou unha das disciplinas máis doadas dos planos de estudo, xa que chamarse María tiña esas connotacións, que por suposto pouco ou nada tiñan que ver coa realidade, así que imaxinei que traspoñendo o nome á historia que nos ocupa, desvelarme que o seu nome era María Josefa significaba estar berrándolle á humanidade que quería que Amenábar dirixise unha película destinada a elevar ao cumio das emocións a insulsa vida dunha muller fácil que se desfacía en migallas de galleta se alguén lle ofrecía un café, e evidentemente, non era ese o caso. Así que me centrei no historial desta fémina, coa certeza de que a velliña que tiña ao seu carón e que só dicía: ai nuestro señor, de cando en vez, ou dios bendito, ou san antoniño, por deus, por deus, ou que a santísima virxe dos milagres nos ampare, e ai, ai, ai, non era a destinataria das miñas pescudas. O ingreso producírase por unha rotura de tibia e peroné e velaí o motivo polo que a Josefa estaba pegada á cama. Agora debería cotexar os fragmentos das historias que estaban apuntadas na miña libreta e construír a verdadeira historia da Josefa, porque unha escritora profesional non pode deixarse enganar por ninguén, e ante todo e como sempre mantiven, pese a miña falta de ortodoxia na materia, a verosimilitude non pode quedar cuestionada como se fose unha pregunta con varias alternativas por resposta; non, a certeza de que o lector non se sinta estafado é unha máxima filosófica e vital que non se debe botar ao cuchizo por nada do mundo.
Sandrita estaba nerviosa, ben se lle notaba na voz polo móbil. De tódolos xeitos estaba a pagar o xustiprezo aprazado durante todos estes anos. Era prácticamente imposible que ninguén se decatase do acceso ao sistema. Eu non ía manipular datos e o que fixemos non era agresivo nin deixaba pegada. Ademais, a saturación de traballo hospitalario impedía unha revisión a fondo dos horarios nos que os ordenadores da sala de admisión traballaban. Seino porque un amigo informático indicoume, cando éramos mozos, anos hai, algún que outro segredo dos lugares destinados á Administración. Tamén me falou das normas de protección de datos, unha tal lei orgánica, que me parece que acababa de vulnerar e iso, deus me perdoe, poñíame como unha moto, sentíndome igual que cando formabamos parte dunha banda. Si, porque Sandrita a Peluxa, Mónica a Croca, Manola a Miñoca e eu, nos nosos tempos de xuventude, creamos a banda do güi e cando Sandrita colleu mozo tivemos un problema enorme porque o seu hoxe flamante cónxuxe era moi estirado e non lle ían as lerias, pero á outra reviróuselle o sentido e erre que erre que o tiña que levar ata o altar como fose e deu un cambio que calquera diría que aquela moza fora membro dunha caterva e máximo da do güi güi. O noso grupo non se adicaba a canción malia que o güi formaba parte do noso berro de guerra e diciamos, os domingos, que era o día habilitado para sermos da banda: güi, güi, güi, las de la banda, las de la banda, güi, güi, güi, las de la banda estamos aquí. Unos beben vino, otros aguardiente y los más pequeños agua de la fuente, güi, güi, güi. E claro, nós xa non eramos unhas merdeiras para beber auga, e sendo da congregación non quedaba outra que ir coas nosas cervexas, calimocho e un chisco de augardente de licor café furtado das adegas dos nosos avós, á cova da raposa, que estaba perto do monte do elefante, cun tremendo radiocassette e unhas patacas fritidas para comezar a festa. E todo foi estupendamente, ser da banda do güi daba un status especial na adolescencia e daquela creamos uns circos de amizade que poderiamos denominar como bastante indestrutibles e sempre nos cubriamos a unhas ás outras, elidindo calquera castigo doméstico. Sermos desta asociación implicaba tamén outros detalles menores, como pasar as chuletas dos exames na clase, axudarnos ata o límite posible do posible, e todo ía ben. Non, todo ía moi, pero que moi ben, ata que a Sandrita a Peluxa déuselle por namorar nada menos ca dun rapaz que era testemuña de Xeová quen lle obrigou prometer que nunca na súa vida doaría sangue por ser contrario ao dogma nin bebería un ápice de alcol, e isto porque se lle alteraría o entendemento humano e un deixaba de ser un mesmo para converterse no esperpento do que podería ser. E velaí o porqué Sandrita, unha muller conversa á nova relixión e que semella levar unha vida exemplar acodindo aos oficios dos domingos, me debe unha. Fun eu quen argallou a súa historia, explicándolle a Ernesto (o honesto) o conto de que ela, cando viña connosco só pretendía redimirnos dos nosos erros e pecados, evitar que caésemos nas poutas do descontrol, e por iso se sacrificaba cada fin de semana coa intención de protexernos e conseguir que endereitasemos camiño indo pola boa vía. Está claro que o tipo era parvo porque me creu, pero Sandrita deixou a banda do güi güi, güi e ese foi o principio da fin. Ao final acabamos como o rosario da aurora, cada quen ao seu chou. Logo comezou a vida laboral ou a prolongación da vagabundería na universidade, e eu, sendo como era, leal ás festas de gardar, optei polo traslado a outra cidade para estudar con estupor a carreira de escritora.
as túas palabras (0) - categoría: josefa ten unha aventura - publicado o 11-01-2008 22:35
# ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
30
O sistema informático do hospital era do máis vulnerable, calquera podería acceder cunha mínima axuda do exterior. Sandrita alteraba as súas quendas no hospital. Unha semana ao mes traballaba de noite, xusto cando aquela preciosa sala de admisión xogaba aos desertos e as máquinas e mobiliario de ofina gozaban do seu máximo esplendor. Foi unha sorte que mentres pasaba o pano do po, case sen querer, premese o botón de acendido dun dos ordenadores, o máis afastado da entrada que se atopaba xusto detrás dunha columna, e tamén, mira ti, que casualidade, que cando pousaba os dedos no teclado para borrar calquera clase de marca dixital, sen saber nin como, marcou os botóns que compoñían un nome de usuario e contrasinal axeitado, que ao darlle a enter, a computadora, rendida ás súas mans, abriu o seu ventre amosando todo un estimulante sistema operativo. A muller tremíanlle as pernas, seino porque mo estaba confesando polo móbil. Pola voz deducín que estaba algo incómoda e que quería rematar canto antes, porque, segundo ela, non só lle podería custar o seu posto de traballo, senón o que era peor co cárcere, que tamén lle caería en sorte se a trincaban, a súa dignidade. Pero eu retruqueille, ¿de que dignidade me estás a falar?, ¿seica non te lembras? A outra tiña mal xorne e non quixen seguir a conversa por eses derroteiros. Indiqueille que abrise o programa UltraVNC Server para facerme co control do sistema. Despois de seguir as miñas atinadas indicacións e fornecerme o DNS do ordenador, ela seguiu cos seus labores, limpando acá e acolá e botándolle auga as plantas, sobre todo ao cáctus que enfeitaba a máquina que, dende a calor da miña casiña, meu lar, cantas onciñas de ouro me vals, estaba a manipular, e así, investigando, investigando, accedín á base de datos do hospital onde constaba toda a información persoal dos individuos que nalgún intre das súas vidas estiveran ou estaban ingresados no sanatorio. Como xa non me fiaba dos datos da Josefa nin de Martiño empreguei un filtro coa intención de asegurarme, a través dunha busca avanzada, da verdadeira identidade dos actuais usuarios dos cuartos 315 e 347. Poderíase dicir que velaí comezou todo, todo o novo, para entendérmonos, porque eu, Ramona Rial, escritora profesional e detective ocasional, ao día seguinte fun correndo a unha tenda de deportes onde merquei roupa axeitada que engalanei cun impresionante pasamontañas.
as túas palabras (4) - categoría: josefa ten unha aventura - publicado o 07-01-2008 11:58
# ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
onte paseei con sabeliña por unha rúa peonil ateigada de xente. era xente que ía dun lado a outro, ás veces detíñase, enchía os comercios, falaba, camiñaba. a rúa estaba preciosa, adubiada para un día de festa. nun canto unha voz máxica saía dunha gorxa e unhas mans pronunciaban notas musicais que fluían da alma da súa guitarra. quisiera ser un pez... e o líquido amniótico desa auga primitiva percorreume mentres, devagar, consumía lastros e desexos. daquela sorrín. estaba segura, era o meu agasallo de reises magos, ¿que podería haber mellor que o sorriso e a inocencia de sabela descubrindo o universo a carón dunha voz incrible que me poñía a pel do revés? o aire agradáballe aos meus pulmós e o meu pulso latexaba con forza. non importaba que para min todos os transeúntes fosen estraños porque ás veces tamén eu son estraña para min mesma, algo semellante ao que dicía hobbes, de que o home é un lobo para o home; pois iso, aquí participamos desa estrañeza que che dá percibir polos cinco sentidos, e como a noitiña ía caendo enriba dos pés, puxemos rumbo a casa para recoller a outro entrañable e coñecido estraño con quen fomos apañar caramelos e olliños alucinados, xa que ese foi o agasallo que sabela nos tiña preparado, un enorme sorriso e unha pregunta irresoluble dentro dos seus dezasete meses, ¿pero isto que é?
as túas palabras (1) - categoría: espichos de toxo - publicado o 06-01-2008 10:44
# ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
feliz 2008
para entreterme nas alturas, metín a man no peto e remexín o abecedario como se nada, como se dese o mesmo xan ca pericán, vencellar un b cun c, e así, no transcurso da viaxe, xerouse a palabra bágoa. a bágoa gabeaba con todo o seu sal polo tecido do pantalón, sentía toda a súa humidade e abofé que queimaba como saben queimar as bágoas cando saen a cachón dos ollos, sen importarlles a tristura ou a ledicia, só chorar e desarmar a estrutura metálica da cara que con tanto traballiño veu labrando o paso do tempo, encistándose nos regos da pel e botando ao lixo toda a compostura. comprendín que as letras andaban un chisco trabucadas, ¿como ían desexar agasallarme no nadal cun monllo de auga salgada?, así que obrigueinas a recompoñerse, daquela secaron o líquido e co sal impreganaron un precioso xamón engalanado con lazos de cores e luces de festa que acompañaba a unha doce enciclopedia, que sen dúbida, entregarían de balde a quen mercase tan cobizado manxar, malia que o canastro que os acubillaba non estaba incluído no lote. as letras, ineludibles, estouparon coma pipocas en aceite a ferver, a man queimaba, expulsábanme do meu peto, díscolas, en fileira de formigas cara aos libros. sentín un pánico de pirañas. por sorte o avión acababa de aterrar, xusto a tempo para non perder altura porque aquel peso infinito me afundía na cadeira. meu irmán agardábame no aeroporto. cheguei extenuada entre tanta enciclopedia e empurróns do abecedario , a penas podía camiñar arrastrando o pernil do porco, coa lingua seca e o lombo sinistrado, entregueillo,¡toma!, tralo abrazo a cinco pernas. despois retomei as maletas e os quince grosos volumes que habilmente se adheriron a unha lumbalxia retranqueira e fungona, ¡ai,centella, e logo din que o saber non ocupa lugar!
as túas palabras (5) - categoría: textos creativos - publicado o 01-01-2008 03:28
# ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
nadal
non, non vou falar do número dous do tenis do mundo, é algo moito máis etéreo e eterno, xa que forma parte do tempo que se constrúe xunto cunha parte da humanidade que celebra estas datas, un tempo cíclico que ano a ano se repite, engadindo un elo máis á roda dese muíño que nos arrastra e que, ás veces, en silencio, nos dilúe transformándonos sen ser plenamente conscientes das metamorfoses. e así, como se escribísemos nas páxinas do peche dun exercicio contable, engadimos derrotas, éxitos e desexos aos nosos ollos, prendemos ilusións en forma de rúas engalanadas que se ateigan de xente e continuamos co devalar dos nosos días, co íntimo propósito de vivir, de respirar cada átomo de circunstancias que nos afectan, e aquí estamos, ante unha porta que se fecha e un conxunto de posibilidades que se abren...
ai, amigos, creo que me estou pasando co peso das palabras, mellor calo, é o mellor xeito de achegarme a vós e se sentides lume no corpo, ledicia de estar, ganas de compartir, ¡parabéns! e que máis vos podo dicir? moitos bicos para todos e deica logo, marcho unha semaniña para galicia e ese si é un bo motivo para estar máis ca contenta!!!!
as túas palabras (5) - categoría: espichos de toxo - publicado o 20-12-2007 15:17
# ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
© by Abertal