|
|
|
|
|
|
| e agora por acá |
|
| outra vez na illa. chegamos onte e a viaxe foi épica, non só por viaxarmos en primeira clase grazas ao cheo total do avión senón tamén por tódalas aventuras circundantes. dende tenerife sur collemos á guagua ata santa cruz e de aí percorremos rúas infrutuosamente buscando o coche que doce días atrás deixáramos solitario. como o pensar é moi libre xa o demos por roubado e en taxi, atestados ata as orellas coa criatura e maletas, chegamos a casa. aquí agardaban as dúas gatas, ou mellor dito, unha estaba chimpada dentro da cama, debaixo do edredón, despois de rabuñar as portas do armario e de esmendrellarme a planta que tiña nun testo, a outra, non puido facer avarías. logo fomos á solana, e ¡ai!, velaí o cuchizo que esquecéramos de baixar antes de marcharmos para cangas. total, un fedor do inferno e insectos pululando. pero como non todo ía ser negativo, por sorte, soubemos que o coche estaba no depósito do concello, xa que un sinal de tráfico avisaba que non se podía deixar o vehículo na zona durante o domingo por mor da feira. así que iso. felices de pagar multa. polo demais todo ben. |
|
|
|
|
| por aquí |
|
onte tiven a visita duns amigos. é curioso ver medrar o tempo nos corpos dos nenos despois de todo un ano sen os ver. alédanme os reencontros, as conversas, os paseos.
regresar é todo iso, é a volta ás persoas de sempre, aos afectos afincados no pasado con duración indefinida.
tamén os lugares son importantes, pero nada que se lle poida asemellar a compartir un cachiño de mar coa xente que nos habita.
e malia estar bastante limitados polo feito de non dispoñer de coche e adaptarnos aos horarios de sabela, estou gozando destes días. |
|
|
|
|
| o lixo que nos envolve |
|
¿canto tardará en nacer unha nova conciencia que respete o entorno que nos acubilla?
parece que as persoas formamos parte dunha raza apegada aos costumes coma se fosen de ferro. ser un porco ou porca ten a súa trascendencia para o medio ambiente e tamén amosa en boa medida a autodegradación. quen non ama o seu currunchiño de terra non merece habitala, por iso quizais algún que outro regato esté posuído polas novas fadas dos bosques: plásticos e demais residuos que nos estorban cada vez que consumamos o ritual do sacro consumo. isto non che me gusta nada. tampouco achegarame ao colector de lixo para reciclar e atopalo atestado de todo tipo de porquerías agás as propias ás que foi destinado.
pois nada, ademais do idílico que resulta regresar á matria tamén debo dicir que sinto coraxe por sentila ferida.
tamén me chama a atención o feito de que antes por aquí había un bar cada pouco e agora o negocios florecentes ou polo menos visibles son as inmobiliarias e xunto con elas, as novas construccións que agroman coma cogomelos de outono. outro cantar é o que temos enriba, a dificultade de financiar os paraísos de cemento e a aceleración dos prezos das enerxías.
ale, ale, que hoxe parece que estades a ler parte da versión oficial dalgún telexornal.
|
|
|
|
|
| de regreso a cangas |
|
aquí estou, de regreso á matria. matria é un lugar poboado por afectos e lembranzas. paseo por cangas e liñas invisibles traspasan as olladas. ás veces perdo os lugares e preciso achar o punto que me equilibra: conversar coas persoas que sempre formaron parte de min e tamén achegarme ás beiras do silencio.
este mundo ofréceme lembranzas e emocións, mornura de camiñar cos pés espidos pola furna do tempo e regresar ás rúas, rescatarme, inventar universos, iso é o que fago cando de socato me traslado a sitios que durante moito tempo estiveron illados do meu corpo, pero importantes porque axudaron a contruírme.
aínda me quedan uns días por aquí.
aínda os pés poden atravesar moitas veces o silencio e o sabor do atlántico camuflado nas rías. agardo gozar das marés e das sombras, do sol, da chuvia, da voz desacougada das gavotas e seguir sentindo a dor de tódalas perdas, das persoas queridas que ficaron xa confinadas a una memoria definitiva e ás que seguirei querendo sempre e compartir coas que me rodean a ledicia de vivir.
|
|
|
|
|
| o artificio da escrita |
|
a escrita é artificio. a primeira demostración deste feito está na propia normativa, que establece unha canle convencional para que poidamos comunicarnos a través da palabra representada nun soporte distinto á voz humana.
isto vén a conto porque can sen dono suxeriume que falase dos motivos da ausencia de maiúsculas no meu blog. ollo, só emprego as minúsculas neste espazo, como un lugar propio onde podo deixar un chisco á marxe os convencionalismos establecidos polas normas ortográficas.
¿motivos? os primeiros atópoos no parvulario: eu tiña tres anos e a profesora, dona inés, non só nos trataba con moito agarimo, senón que tamén, cando podía nos traía agasallos. a aula estaba separada en dous bandos: nenos e nenas. unha vez chegou co paquete máis grande que eu nunca vira de caramelos e comezou a repartir: aos rapaces bolsas de papel celofán ateigadas de doces e ás rapazas esas mesmas bolsas cheas ata á metade. protestei e dixen que eu tamén quería como as dos nenos, pero ela retrucou que non podía ser, que as nenas só a metade. ao saírmos de clase, un amigo achegóuseme e dixo, tes razón bea, a todos nos gustan igual os caramelos, eu reparto contigo para que teñamos a mesma cantidade.
dende aquel entón ata o de agora, a xustiza, ese ben universal, fuxidío e tantas veces vilipendiado, fixo moitos equilibrios e asistín a ese desdebuxamento dos lindes da equidade, unhas veces en actos cotiáns e outras nas sopas das noticias que tamén van cargando o noso modo de percibir o mundo.
e dentro dese artificio que é a escrita, no seu ámbito formal, manifesto a miña pequena rebeldía ou discrepancia, aplicando a lei orgánica de igualdade a todas as letras; por iso evito establecer unha orde xerárquica entre maiúsculas e minúsculas, cargar con ese peso infindo de ser a primeira letra dunha palabra a que ten que soportar un trato diferente, iniciando, por exemplo, frase ou aturando os puntos e seguido ao seu carón. ¡quen sabe se esa maiusculez non é un muro de defensa contra as agresións dos signos ortográficos! para min todas as letras teñen o mesmo valor por iso eludo distincións dentro deste cativo minimundo e aplico o principio de táboa rasa, deixando unha sucesión de oracións a un mesmo nivel xerárquico.
|
|
|
|
|
|
|
un dos problemas que atopo ultimamente para escribir no blog é que non sei de que falar, así que moitas veces resolvo o tema con ficción, intentando pór un textiño dominical.
supoño que me sería máis doado se mesturase as experiencias cotiás e fixese un cóctel semiimaxinario, pero por outra banda, tampouco considero que iso teña relevancia, a fin de contas, cada un xa ten a súa vida e con iso e o seu ámbito social pode que lle abonde.
logo penso que talvez puidese construír artigos con coñecementos ou incluso opinións, pero dáme vertixe, o primeiro porque non son especialista en nada en concreto e o segundo porque é pórme en evidencia. non hai que esquecer que houbo unha época da miña vida na que desexaba ser transparente, pero non transparente de ser un libro aberto, non, transparente de pasar desapercibida, mellor enriba dun outeiro ou disolta nun anaco de mar.
así que esa é a cuestión de porque as miñas aparicións por estes eidos son tan serodias aínda que tamén hai que dicir que o músculo creativo me está a maltratar por telo medio defenestrado ao longo dos anos; deixeino en barbeito durante tanto tempo por cuestións prosaicas, como aprobar unha oposición, que agora se me volveu nugallán de raíz e debo reeducalo.
unha aperta a todos.
|
|
|
|
|
|
|
Dedos firmes. Punto de mira. Silencio. O camiño non ten volta. Augas de arrecendos. O ollo detense nas roupas caras. Os puños branquísimos da camisa asoman máis alá do corte da americana e despois, xusto despois do tecido inmaculado a man suxeita un groso maletín de pel. Ana, dende o seu outeiro cre controlar a pazoleta. Se falla paga coa vida porque outro francotirador apunta á súa caluga. Sente unha presión no lombo, talvez un agoiro de final de outono a poña sobre aviso para que revise con minuciosidade toda a súa contorna; eleva as pálpebras do reloxo que marcan desleixadas as doce e corenta e tres. O ceo cadrado e gris rebota nos coios dun chan artificial. Cambio de ollada. O francotirador excítase co pulso do sangue nas súas veas. Ela intúese obxecto pero mantén os dedos firmes, os ollos en alerta, o punto de mira e o silencio.
O home do maletín camiña pola rúa, detense a carón dunha muller baixa e enxoita coma bacallao.
O francotirador podería aproveitar xusto ese intre de concentración extrema, sería tan doado rematar con Ana.
A muller intercámbialle a carteira por unha presa de fotografías comprometedoras; é o prezo estipulado pola defensa da súa versión dos feitos. Todos semellan ter control. As dúas cabezas atópanse en boa posición dende o punto de mira de Ana. Gustaríalle borrar cunha soa bala toda a traizón. De socato semella que discuten. O home xesticula, parece intentar convencela. Só hai corenta e cinco fotos e milleiros de supoñendos pero non saben que están xusto no centro de atención da novel francotiradora. O home vestido de traxe retírase uns metros para falar polo móbil. O tempo consúmese nun vaso seco. O dedo firme tamén agarda. Silencio. O home regresa arrastrando os pés polo vertedoiro do outono. O francotirador continúa apuntando a Ana mentres Ana apunta ao home e despois irá a por ela. Non hai volta atrás. O odio ríllalle os riles imaxinándoos en calquera hotel. Xa o aturara centos de veces e centos de veces estiveran a piques do divorcio e da ruína. A súa familia déralle unha excelente educación nos mellores colexios de Estados Unidos. Ninguén o sabía, pero fora tan doado adestrarse con metralla, chegar a ser toda unha profesional das mortes, pero logo, ao rematar os estudos regresara ao seu país, coma se nada pasase, onde se incorporou de directiva no holding empresarial, así que estaba afeita aos puntos de mira. Os dedos suxeitan con forza e suavidade a arma. Acabouse, Richard! Marta tamén está alí, salpicada por un sangue de derrota. O dedo da francotiradora é agora aínda máis contundente para saldar contas co pasado. O aire non se detén en ningunha décima de segundo. O tempo traspasa a morte. O francotirador dubida, por un intre deixa a arma no chan e intenta reler a letra pequena do seu contrato: matar a Ana, o día da entrega das fotos, á unha da tarde, no edificio Amorós. Que semelle algo así como un axuste de contas profesional. O pago: un millón de euros. Pero o home do encargo está morto. O seu reloxo di que aínda son as doce e cincuenta e seis.
|
|
|
|
|
|
|
¿que estades a ler?
eu rematei "O xiro postal" de Ousmane Sembène. un libro atroz pola moito de veraz que mostra nas súas páxinas: a miseria é o motivo principal da narración e ao redor dela se desenvolve un tipo de sociedade que non ten acceso ao máis mínimo, entre o que está o feito de saber ler. o protagonista dá máis voltas ca un muíño para lograr infrutuosamente un dni. é asaltado e enganado por canto can e gato hai porque todo o mundo sabe que recibiu un xiro postal de francia, dun sobriño que está a traballar en parís de varrendeiro; un xiro que o único que lle produce á súa maltreita vida é máis pobreza e paus.
e unha pensa nas pateras, nos caiucos, nos afogados que hai debaixo do mar e en tódolos mundos posibles que hai sobre a terra, e se pregunta ¿por que estamos creando tipos de sociedades (opulentas e desabastecidas) que parece que o que pretenden é engulirnos? |
|
|
|
|
|
|
| hipócrates dixo que somos o que comemos, pero eu creo que non, penso que comemos máis do que somos e por iso en moitas ocasións padecemos trastornos físicos e emocionais ademais de padecernos a nós mesmos. |
|
|
|
|
| O sorriso da boa |
|
Imprimiu a pegada do seu sorriso no corazón de Alexis. Costáralle certo esforzo chegar ata as súas vísceras porque o laberinto do seu peito era demasiado sinxelo. Cando chegou traboulle con recato na aorta esquerda para provocar que se lle entregase cego de amor e sen condicións. El sentiu o arrepío do volcán apañándolle os pés, esgazándolle os fémures, centrifugándoo ata paralizarlle por completo o pulso do reloxo. Ofrendouse a Silvia, quen plantara un verxel de discretos coitelos no seu xardín.
O xardín de Silvia estaba ubicado en Serra Soidade e nel cultivaba as horas mortas con ácidos crisantemos e herbas do Noso Señor. Non estaba afeita ás visitas e case ninguén semellaba disposto a ancorarse no seu deserto, pero el, tal e como evidenciaba aquela pegada, foi o elixido. Ás veces pola arteria fugábaselle algunha pinga de sangue que non facía máis ca repetir a berros eres meu, meu, meu. Ela aprendeu a arte da conquista dunha boa que habitaba entre as pedras da súa casa. O seu desexo máis íntimo e segredo consistía en chegar a igualala no ritual do estrangulamento das súas vítimas.
Alexis buscaba coma tolo nos regatos das súas curvas, bebía o néctar descarnado das súas mans, abrazaba a lingua da súa voz seguíndoa en hipnose polas chairas do seu sorriso mentres se afastaba, sen a penas percibilo, dos seus propios pés, nunha travesía sen retorno cara ao xardín das escuridades. Só saía do limiar do seu novo fogar para ir ao traballo.
- Dende que estás con ela non es o mesmo – insinuáballe o seu mellor amigo – nin che prougue quedar para xogar un partido de fútbol nin para tomar unhas cervexas.
- É que non teño tempo, Daniel
- Fai como che pete, pero coido que esa rapaza non che convén, absórbeche ata a sombra.
El regresaba xordo aos corredores dos seus bicos e tamén aos das súas treboentas bágoas que sempre nacían cando Alexis lle insinuaba unha minimicroviaxe á súa antiga vida. Eres meu, meu, meu. ¿Pero será posible que este home aínda non se decate? Comigo o teu pasado non existe.
Pero un día o seu pasado foi visitalo. Custoulle moito esforzo acceder a Serra Soidade polo esgrevio dos seus silencios, os anguriosos piñeiros de unllas afiadas e os eidos minados de navallas; aínda así, mancado, ferido, case sen voz logrou personarse debaixo do dintel cun pétalo de nomeolvides na ollada. Por suposto, el non o recoñeceu e invitouno con cortesía a que os abandonase.
Como boa veciña da boa abrinlle o meu fogar. Estaba no punto exacto do deceso. Non adoito ser tan amigable, pero os séculos de silencio amolecéronme as glándulas que cuspían dardos de pozoña a calquera corazón, sen dubidalo. Tamén estaba farta da miña lindante que se adicaba, por pura deformación, a matar por asfixia coa lentitude dun esquecemento mal fechado. ¡Ai, que difícil non cravarlle os caeiros!. Son Víbora, presenteime, esa parva endexamais aprenderá a facer ben as cousas. E téñollo dito, bótalle un bo chute de veleno directo á vea, pero non, perfiere a soga, baleirar á vítima pouco a pouco das súas lembranzas. Agora é demasiado tarde, Pasado, nin tan sequera eu podo facer nada por ti, aínda quen sabe, se Alexis se deixase....
|
|
|
|
|
| Ollos en vinagre |
|
Deiteime pero non fun quen de durmir; tiña os ollos en vinagre puro por culpa do relato. Xa me advertiran que o único xeito de lograr un texto polianguloso con aspecto de santo era traballar e traballar ata a victoria, así que me dediquei a ir de porta en porta co desexo de que alguén me emplease.
Na primeira casa estaba un señor en zapatillas, escarvadentes no bico e mans ociosas coas que me bateu a porta nos fociños. Máis tarde, por indicación dun esotérico veciño, acudín ao ritual dunha aprendiz de meiga, erudita en mesturas de sapos e bálsamos de estrugas cos que enfiar longas frases subordinadas e sediciosas combinacións de puntos e seguido. Pero o único punto que logrei na estancia foi unha dor aguda que me asaltou o bandullo tras un grolo da fedorenta beberaxe. Marchei ouveando coma un can que rastrexa no cuchizo algunha frase incompleta que me adoptase, pero o camiño estaba demasiado roto, a simple fenda deambulaba na miña cabeza. Dalgún xeito tiña que sentarme a traballar, cheirar o papel coma dinamita, cuspir chamas de faroliños vermellos nos trazos incompletos das letras, acenderme, achegarme ao ollo do mundo para que o seu reflectir acadase á palabra. A miña cabeza zorregábame en penitencia "O traballo, o traballo é a base de todas as cousas. O traballo e a técnica da aprendizaxe. Perdes o tempo. Endexamais lograrás escribir nada". O pesaroso bandullo, provocaba agnosticismo, aniquilaba as hostes da esperanza que nalgún intre crearan o holograma dun desfile triunfal coma un rosario de palabras para Mariano e os rapaces do Taller; o moi galopín, na resaca da apócema, roubárame a madeixa de fío coa que tecer anaquiños de fonemas. Montei na noite e os meus ollos en vinagre....
|
|
|
|
|
| hoxe sentín o mar |
|
o mar era o patio da miña infancia cando sentada no barco de pesca da familia procuraba a resposta aos milleiros de luces que percorrían o lombo acuático dos soños. aínda hoxe, malia as aprendizaxes, as luces teñen vida propia e semellan emerxer das entrañas do mar. esa foi a imaxe que me trouxo a marea mentres paseaba pola avenida anaga cara ás teresitas, a dunha meniña a bordo do Luz, abducida pola tona oceánica que se transfoma en mosaico de espellos e gozos, en camiños de sempre navegar, de idas e chegadas aos diversos portos da vida.
agora, dende a casa do mar, regreso a esa pazoleta antiga e humilde da que un día partín, dos aromas a alcatrán e verdellos, a mans con calos e olladas de sargazos, a voces que prenden e falan e din mundos e océanos; dende aquí, a certa distancia da miña galicia, baten na cerna as identidades húmidas coma unha soa comunidade universal, a comunidade de ser de aldea, de sal, de peixe. |
|
|
|
|
| onte |
|
| onte fun votar. mellor dito: foron votar os meus anticorpos. non ía ilusionada. só desexaba que por favor por favor a intolerancia non gañase. o resultado electoral alégralle ao meu nutrido exército de anticorpos que dende hai anos vén medrando sen mesura. pero tamén a lectura posterior comprende que estamos diante das dúas españas contrapostas e enfrontadas, a españa que nos quixeron vender e a outra que nos inventan asegurando que iso é a imaxe exacta da realidade. pero a realidade é que eu, consumidora-cidadá, non me ilusiono co único feito que me converte en parte dunha vida democrática. incluso a nosa minoría de idade é tan evidente que despois de máis de trinta anos de vivir cun sistema electoral aínda non mudaron a lei orgánica que regula todo este tinglado permitíndonos aos tristes usuarios da democracia ter unha participación máis viva e axeitada aos tempos que corresponden. o sistema d´hont non é por si mesmo moi democrático que digamos e moito menos as listas fechadas que só poden beneficiar aos trepas que o partido ensalce ao ceo do estrelato, que nos obrigan a non votar, a un voto en branco, ou a votar por puro anticorpo, fechando os ollos e dicindo que sexa o que deus queira, pero eu a ese/a tipo/a non o voto nin en soños. e alá imos, como nunha procesión sen festa, seica a exercer algo que bieito sexa, pero en fin... |
|
|
|
|
| biodiversidade |
|
| vou cos ollos mancados e cun arrecendo novo. fecho etapas e abro mundos. así ando, nas carreiras dos muíños, sobre min mesma, espelexando o alcatrán das rúas, respirando mans que se unen para dicir adeus con tódolos sorrisos e coa miña gratitude. nin nos mellores soños imaxinei unha despedida tan chusca como a que me ofreceron os meus compañeiros do medio natural, foto de familia para sempre e ollada limpa de traballar protexendo especies en perigo de extinción. e alá vou,cara ao instituto social da mariña, coa tenrura dunha nena que abre a man e respira. ¡grazas! |
|
|
|
|
| pintor, ti que escribes con amor.... |
|
acabo de saber, polo blog de manolo busto, que ao meu querido amigo pintor vanlle pendurar dos soños un E.
daquela supoño que poderemos xogar ao...
vexo-vexo, ¿que ves?. unha cousiña. ¿e qué cousiña é? comeza polo e... ¿que seré, que seré, que seré...?
esplendido, emotivo, especial... e- bule-bule, que son horas de que a túa pluma coa aperta de e-buxo nos escriba o tempo das colleitas, o dos lumes mansos, o dos oficios silandeiros que se inzan de luz ao contacto coas túas palabras.
gustaríame inventar o sorriso nobre e case incrédulo da túa nai que tivo tempo de ver como este labrego de verbas medraba nas abas da imaxinación, alimentándose coa cerna do pobo e dos brazos silandeiros das pontes que unen mundos posibles; imaxino a maría, acompañándote sempre nese percorrido de buguina que paseniño fan os anos; o estoupido de cor pintado no teu corazón, a carón da túa familia, porque hoxe, independentente do teu facer cotián ao servizo de construír país, a cúpula dos escritores, reunidos en asociación, recoñécente vestidiño de E, como o traxe de xastre que teu pai che faría para os domingos eméritos dos sorrisos; como aquela Rosalía, talvez, de Curros Enríquez, que "do mar pola orela mireina pasar, na frente unha estrela, no bico un cantar..."
ESCRITOR.
Parabéns e apertas (aínda que non sei que me dá que sexan de toxo) |
|
|
|
|
|
|
|
|
|