|
|
|
Conservatorio de Compostela |
|

O Conservatorio Profesional de Música de Santiago, do arquitecto José Antonio Franco Taboada, é un edificio que trata de resolver, cunha linguaxe arquitectónica contemporánea, unha necesidade da cidade: a dun espazo para a aprendizaxe e representación da música. Neste sentido, o proxecto resolve moi correctamente as necesidades que presenta este tipo de uso, distribuíndo e organizando os espazos dun xeito claro. Para os usuarios resulta moi cómodo e eficaz: o edificio responde perfectamente á función para a que foi ideado.
A súa implantación na parcela configura o espazo da mesma e outórgalle carácter público, ordenando e dotando a todo o conxunto de calidade. É unha peza que crea cidade ao seu redor, dialogando co contorno inmediato dunha maneira dinámica e moderna.
Dous grandes volumes realizados con muros de formigón branco configuran a estrutura do proxecto. Un primeiro corpo situado na cota superior define o volume principal de aulas, mentres que o segundo, que alberga o auditorio, tamén en formigón visto branco, sitúase paralelo ao primeiro nunha cota inferior. O muro exterior na esquina da parcela que dá á avenida Rodríguez de Viguri cúrvase absorbendo a diferenza de cotas e salvando así a pendente da parcela, dándolle ao conxunto un ritmo novo.
Na planta superior o corpo principal desmaterialízase e aparece unha caixa opaca de color negro creando o contrario do acabado da fachada de formigón.
A cuberta resólvese cunha lousa inclinada suspendida sobre piares metálicos nun intento de dar un carácter de ingravidez ao conxunto.
|
|
eskribe akí |
|
|
|
|
|