talieiro



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Sobre ti virán os versos

Eu sobre a dor; difuminado no ceo
con tanta luz, eu, que te desexo,
imaxinando a Deus, vendo o teu amencer, soñando
o moito que te quero e non poido quererte.

O meu amor endexamais dirá a derradeira verba
e así ascenderei a unha santidade que me matará
pouco a pouco
como as cores cegas do meu reflexo nos teus ollos
que se despexaran cando non existas para min.

Un día dixenlle aos teus oidos xordos
coa saña dun absoluto enamorado:
"deusa de corpo lixeiro
deixame que rompa o ceo cuberto de deidades
desta forma apaixoada
o meu amor por ti, a luz na fonda noite,
meu amparo, a miña caida no baleiro,
adherida a min como a miña carne,
eu mesmo, pois ¿quen son eu sen ti,
a quen debo o único que teño,
a miña fuxitiva eternidade de home
?"


Nada entendiches, nada entendes,
non porque non penses,
e que non me comprendes,
e que non me coñeces.

Desde agora, desde sempre,
desangrarei a miña voz en versos...
non teño medo, non son cobarde,
pero é que xamais escoitei algo fermoso
algo profundo de min, en min...tal vez
é por eso que te quero sen esperanza,
tal vez por eso che escribo desde a desesperanza.

Xa virán os versos sobre ti
...e serán fermosos...
Comentarios (1) - Categoría: Poema da Semana - Publicado o 10-12-2009 22:37
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
FALSA TRADUCCIÓN DUNHA CANCIÓN SEN RIMA

non perdamos o tempo;
esta pode ser a derradeira noite...
este outono
pode ser unha viaxe...
sei que estás soa,
nun cuarto,
sen lampada,
triste coma un cadro de Renoir,
despintando o teu mundo por completo...
entón, non perdamos o tempo...sempre
pode ser a derradeira noite
e esta debería ser a nosa noite...
porque este gris novembro
podería ser unha húmida fuga
do seo de sombras onde a nosa carne se detén...
non perdamos máis tempo,
hai intres que non se realizan nunca,
a túa ausencia e presencia xuntas
xamais poderán ser a treboada
viva da miña alma...quedome pois
co teu corpo e soño contigo...Deus dirá...
só está noite,
para nolos dous,
recuperemos as nosas voces
e unha fermosa realidade presente
para devorarnos insaciables...
unha noite, esta noite, a nosa noite...
Comentarios (0) - Categoría: Poema da Semana - Publicado o 20-11-2009 21:55
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
SOÑO - poema Brais Martínez Camba -

Un novo poema de Brais,...gracias meu por unha nova mostra máis do teu talento, dese intimismo radical,...espero que sigas colaborando...ti e os teu poemas tedes sempre un oco neste humilde espacio.


Soño,
soño que a túa boca perdoa os meus beizos.
Soño,
soño que os meus ollos apagan os teus pensamentos.
Soño e esperto,
esperto porque te afastas do meu camiñar,
cansado, esgotado, ferido.
Esperto sentado ó borde do teu desprezo,
xenreiro, cego, doido.
Esperto e soño.
Só este soño bulideiro será quen de me afastar
da soidade perdida da túa presenza.

Comentarios (1) - Categoría: Colaboracións - Publicado o 13-11-2009 23:35
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Poema para catro gatos, un tellado e unha noite de lúa chea.

Buscades nas miñas verbas a ver que se descubre
"o meu fermoso amor, o meu doce amor,
...o meu amor perdido"
a miña triste vida, quizais...
todo ser que se desnuda é un ser cautivo
e eu só estou preso dos meus versos...
preso dunha ternura inmensa
e dunha treboada desgarradora,
algo así coma o carácter dun pequeno deus
mortal, feble, ambiguo e temeroso...
algo así coma o dun deus cheo de humanidade...
o meu deus de verso e vida...

Que buscades nas miñas verbas?
o mundo dun estrano ferido,
a pluma gris que soporta a camisa,
o xogo do balanceo dun corazón, dous, tres,...
a fuxida dun lector agochado aquí, neste momento,
Que buscades nas miñas verbas?
recén nacidas dos soños caídos,
recompostas de grans de café,
moldeadas de inquietude e barro,
regadas de provincia, montaña e día gris,
Que buscades nas miñas verbas?
nada que puidera ser canción,
nada que sobre a herba vos faga mover os pés,
nada pequeno, nada grande,
só ramas sen follas, xeadas
e tal vez unha presa de noces...

Deixade alegremente descansar a miña conciencia
a ver se ela me escoita (e vós tamén)
me ve e me dispara un sorriso...
o meu corazón nunca deixou de caer e levantarse
e levantado quere mirarte e preguntarche
se ela buscará algo en mín...se ti buscarás...
escribirei sempre
e non esquecerei os vosos ollos.
Comentarios (2) - Categoría: Colaboracións - Publicado o 29-10-2009 12:18
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
E AGORA QUE TE ESPERO

Espero o teu corpo e os teus dentes
coa vehemencia sinxela do meu corpo,
espero o teu soño e o teu reloxio parado
xusto na palma da túa risa,
espero a túa boca, os teus muslos,
a túa cabeleira
lisa e infinita
cando non rís ou cando non choras,
espero as túas mans e o teu ventre,
espero os teus pés de luz, descalzos de cidade,
espero o teu silencio
e o sonoro vaivén dos teus beizos.
Hoxe quero recordarte
ciscando a cinza dos meus ollos
e mirarte agora que a terra me rodea
subíndome ata os hombreiros,
coma sempre, sábado e penas grises,
espero volver a ver os teus aires de interior
vivo de pureza e claridade
e que me devolvas coma un tren o meu abrazo
e que me deixes ver en ti
as túas estrelas máis profundas.
Cando ti chegues, este poema será o sorriso
que desdibuxe as nosas fronteiras...
Comentarios (1) - Categoría: Colaboracións - Publicado o 22-10-2009 21:41
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
CANTO DO FILLO - Cantos no nome dun ser vencido

Miña carne o seu límite,
súa carne o meu destino;
nun soño el – si, nun soño –
perdido e presente, erixido
nunha terra e nunhas raíces,
na memoria – se acaso existe –
o universo fronteirizo;
agochado e cunha bágoa
nos puños, xiro impropio
dun pranto, da carraxe,
do noso eterno braquido;
sen recordos, a imaxe da dor
fugaz dun tempo, dun peito,
dun designio, da verba última
enxertada neste espacio
gris, sen vontade de fuxir
da espiña, do fin, do silencio.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-10-2009 17:55
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
RESIDENTES NO MAR - Residencia no mar

Hai corazóns independentes que sospeitan de si
no cálido e pequeno do seu corpo...
arredan deles...
a conversa perfecta,
a verdade e o silencio
de quen xamais bate contra as pedras;
a muller, o froito e a semente dun cosmos
de suave pupila embriagada
e fugaz xesto entrevisto.


Pertencen a raza das bestas tabernarias
...seres eternamente entregados...
á visión do ocaso e o sarcasmo,
aos desexos que esconden os leitos femíneos,
ao motor do seu anhelo,
ao tópico de deitarse e miralo ceo
e só amar cando non existen
para poder calar e fuxir
nun baño eterno e fraternal


co destino e o mar, co amigo e o mar,
consigo e o mar...
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-10-2009 17:43
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
ALÉN DAS GALERÍAS - Entre espiños e loureiros -



a metálica suxestión da urbe sepúltase na nosa preguiza instintiva;
a síntese do home eríxese sobre vidrosos nichos,
cubículos transparentes ateigados de vidas desarraigadas;

nese espacio
[xeométrico, monótono, rítmico, depredador]
un quere ser o gran atleta da vangarda
[recto, harmónico, prosódico, competitivo]
un reinventado cosmopolita dono das ficcións da metrópole;

nese ideal a luz xamais emprenderá o camiño de volta á caverna,
ao mítico reducto da saña, da besta, da víscera gangrenada;
[quen contempla as sombras na parede e alimenta a fogueira?]

dese espacio, a nada;
do cerne do meu corazón, unha sala baleira onde o silencio aprende a voar;
da cadencia da miña razón, unha ponte que me guíe á sempre leal soidade;
de min, o animal anónimo que expirará soñando cos vieiros enlamados dos primeiros pasos.

dese ideal, o coñecemento;
do abismo do teu credo, a coiraza altiva da especie elixida;
da metralla da túa verba, o esmorecer do poema do río, da pedra, do deserto, da herba...;
de ti, a fraqueza do espírito, da masa, do anhelo covarde da materia.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-10-2009 17:27
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
AS ENTRAÑAS DO VIXÍA

Só co teu corpo xigante
fuches quen de resistir a milenaria
embestida das ondas que,
polas penas grises e núas,
gabean ata poñer fin á Terra.
Do día á noite,
en mística metamorfose,
cos teus ollos de lume,
impulsache, impetuoso, o rumbo
das pálidas estrelas.
O mar,
pintor de tormentas,
afirmou a túa alma de poeta...
rescatadora de versos afogados
no basto e cruel Imperio de Neptuno.

E o teu corpo, os teus ollos, a túa alma,
atoparon o punto xusto de equilibrio na espiral
dolorosa das túas vísceras, no teu carnal
interior de pedra...eternamente tinxido
do vermello pesadelo dos naufraxios.

Eu busco no teu atlético físico o canto,
a barcarola que algún día acariciou
a túa pel curtida de nordeste
e navíos fumeantes.
Eu atopo no teu espírito o meu porto,
flotando no tempo, co nome da miña xénese
tras a porta aberta dun ceo que ronca,
tan forte, que a súa mirada esgota
ás desertas mareas de lúa chea.
Eu enxerto, como rama de espiño,
a túa metáfora no meu peito
para agocharme no fondo abisal dos soños
e logo aparecer triunfante coroado de loureiro.

E sendo materia, idea pura, poesía,
sobrevivimos, case oceánicos...
sobrevivimos, en soidade e feridos...
escoitando o pranto do mundo e contemplando
a calma e a tempestade do Cantábrico ensimesmado...
a paz e a furia creadora nas entrañas do vixía.


Comentarios (0) - Categoría: Colaboracións - Publicado o 04-04-2009 15:41
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Terra, traballo e capital...onde Deus se contempla.
Por esta ventá que dá ao patio de luces só entra o frío. As vidas anónimas que se presentan ante os meus ollos a través dos "escaparates" dos edificios veciños son xélida humanidade. Esta é a vida urbana que tanto detesto. Xestos e sorrisos insonoros coma unha televisión acesa e co volume ao mínimo. Neste cosmos de aceiro e cemento, aluminio, pvc e vidro un só pode ser rescatado por si mesmo. Ás veces penso que neste espacio rezumante de modernidade as parellas son verdadeiramente dous (cousas da lóxica, puro desprezo á emoción)...quen ama a quen?...quen se ama a si mesmo?

Na consulta dos psicólogos e psiquiatras do SERGAS hai colas ateigadas de soidade e medo. Nesta cidade todo o mundo ten os ollos escuros, os beizos amoratados e a pel pálida e sen embargo, as máscaras cobrizas das modas pasaxeiras están de saldo. Detesto cuestionar a miña liberdade en cada esquina, por cada esquina onde deixo de sentir que realmente vivo...entón é cando "os meus pasos xa son só zapatos".

Na rúa a autoafirmación ten forma de coche, abrigo, gafas de sol, moreno artificial,...marcas rexistradas...materia. "O meu corazón pendurase dunha corda de xeo" e sinto que nada do que me fai home ten máis valor que unha simple imaxe de cartón en dúas dimensións. "Algunha vez pensei e soñei en tocalo horizonte, algunha vez o meu rostro fráxil amouse a si mesmo, algunha vez o sol en cinza coloreume os ollos, algunha vez mirácheme, literal vida miña, pero eu perdínme na memoria de min mesmo e estes agora son os derradeiros versos do medo".
Comentarios (0) - Categoría: Colaboracións - Publicado o 18-03-2009 16:58
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
© by Abertal
http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2004/07/31/2901291.shtml

http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2001/08/24/100000004813.shtml

http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2000/05/18/36514.shtml

http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2005/07/02/3867524.shtml

http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2004/06/19/2784625.shtml

http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2005/08/11/3974202.shtml

http://www.lavozdegalicia.es/amarina/2008/08/23/0003_7081687.htm

http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2006/08/18/5033926.shtml

http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2000/05/16/33510.shtml

http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2003/06/18/1764273.shtml

http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2005/08/09/3968520.shtml

http://www.lavozdegalicia.es/amarina/2008/11/16/0003_7318090.htm

http://www.lavozdegalicia.es/amarina/2008/11/16/0003_7318090.htm