|
|
|
|
| O TEITO DE COLMO |
|
Diferentes estudos testemuñan as semellanzas que gardaban a Serra do Suido co Leboreiro nas características etnográficas serranas e na sua arquitectura popular.
As últimas construccións da arquitectura do colmo, se exceptuamos a palloza dos Ancares, atopamolas nestas duas serras. A casa terrea con teito de colmo exitiu noutras partes da xeografía galega en datas anteriores ó 1900, sen que nos queden lembranzas delas.
Ainda pervive na memoria dalgunas persoas nestas serras, pero é difícil recoller información dos propietarios ou descendentes, pola vergoña ou "atraso" que supón a casa co teito de colmo. Son as mesmas casas de planta rectangular que vemos nas nosas aldeas do Suido, a maioría hoxe deshabitadas, e que foron telladas durante a última xeración que as habitou.
Esta perda do patrimonio etnografico non acontece noutros paises, por ejemplo Bretaña, Irlanda ou Gales amosan con orgullo estas construcción, ademais de aportar un valor engadido para o turismo que visitas as súas aldeas.
|
|
|
|
|
| O DERRUBE DA PONTE DO ARCO |
|
Desafortunadamente silenciada, como permaneceu nos últimos tempos esta fermosa ponte, mantívose ahí durante séculos compartindo un dos rincóns máis belos do río Xesta, transitada en silencio para ir e vir polas beiras do río, complice de xeracións de xovenes que tiñan o seu refuxio discreto de aprendizaxe e xogos, anfiteatro de tardes de ledicia.
Penso que é esixible un pouco de respecto polo noso patrimonio, tamén nestes tempos medíaticos onde só contan os cartos pero calquer cousa vendese como noticia, ninguén mencione que A PONTE DO ARCO DE XESTA foi derrubada pola enchente ou pola falta de previsión na conservación. Os medios falaron doutros danos nas pontes de asfalto que deixarón incomunicados aos veciños cos vehículos, pero esta ponte tamén nos deixa sen unha parte da nosa historia.
A Ponte do Arco non é unha ponte máis, ainda que hai centos delas e máis fermosas. A Ponte do Arco é patrimonio histórico, situada no Camiño Vreeiro ou Ruta dos Arrieiros que unia O Ribeiro polos cumes do Suído hacia Pontevedra, é indispensable para a recuperación desta ruta a través do concello de A Lama.
Se os responsables de Patrimonio non dan unha solución a esta vía de comunicación, estarán sentenciando un dos elementos máis importantes da historia da comarca como é a posta en valor do Camiño dos Arrieiros.
|
|
|
|
|
| Marcha en defensa dos valores ambientais do Suído |
|
A pesares da choiva moitas persoas sairon este domingo nunha marcha en defendesa do patrimonio e a biodiversidade da serra do Suído. Asamblea do Suido e as persoas que se sumaron a esta iniciativa reclamaron que se paralice o proxecto para construír unha mina na zona e esixen que o lugar sexa integrado dentro da futura ampliación da Rede Natura 2000.
O proxecto para unha explotación mineira contempla a súa instalación na zona de ampliación do Lugar de Interese Comunitario (LIC) Río Tea e situase no limite co posible LIC Serra do Suído, amais de destruir valores ambientais e culturais da zona, como o único foxo do lobo dobre que se conserva en Galicia.
Quedarían tamén afectadas sistemas de turbeiras, zonas húmidas da montaña, catalogadas pola Unión Europea e a Directiva Hábitat como hábitats prioritarios en perigo de desaparecer.
Frente a esta falla de protección por parte das administracións que persisten na destrucción desta serra, debemos recordar que a Rede Natura ten como obxectivo compatibilizar os aproveitamentos gandeiros tradicionais co medio ambiente, e supoñen un avance para dotar a esta serra dalgunha figura de protección e preservar os seus valores ambientais. |
|
|
|
|
| A Ponte de Liñares |
|
 A ponte de Liñares data de 1794, ainda que hoxe está casi en desuso por atoparse apartado das vias de comunicación actuais, é precisamente esto o que nos permite visitar esta construcción nun relativo bó estado de conservación. Está situado a uns 500m. da aldea de Liñares, conservando parte da calzada empedrada do antigo camiño real.
Ten uns 40 m de lonxitude e 8,5 m. de altura, cun único arco e solucións constructivas parecidas as da ponte de Laxe, tamén na serra do Suído.
As características desta ponte sobre o río Xesta mostran unha construcción non habitual nas aldeas da serra, que no século XVIII contaban cunha economía pobre e de subsistencia, é para o trafego cotían tiñan que cruzar o río por pontillóns e pasos de poldras.
Estas Pontes están vencelladas a importancia das rutas comerciais do viño e os camiños de arrieiros que partindo do Ribeiro avantaban a través do Suído, para chegar a Santiago, Pontevedra ou a ría de Vigo dende Verducido. Temos no topónimo de Catro Camiños o encontro de catro importantes vías de comunicación para o que foi unha terra pobre e afastada, ata que se sumíu nas arelas da emigración. |
|
|
|
|
| FESTA DA VINCHA DE CERDEDO |
|
A Asociación de Mulleres Espadela de Cerdedo convidan a participar na súa X Edición da Festa da Vincha de Cerdedo o vindeiro domingo 14 de febreiro.
Este ano, aparte do xa tradicional Concurso de vinchas haberá un novo concurso de Doces de Antroido: filloas, orellas e flores.
Durante todo o día contarán con música tradicional galega,diversos obradoiros de oficios artesáns e postos de productos ecolóxicos e da terra, hai a posibilidade de xantar no pavillón a prezos populares e terán á venda doces de antroido e a famosa vincha (¡se non a coñeces tes que probala!)
Espadela quere renderlle este ano homenaxe ó director de cine e veciño de Forcarei Chano Piñeiro, coincidindo co 25 aniversario da súa morte, entre outros traballos é o pai da entrañable curtametraxe "Mamasunción" . Este ano contan con Mariluz Montes Quireza, viúva de Chano, coma pregoeira.
A lectura do pregón terá lugar ás 12:00 para inaugura-la festa.
|
|
|
|
|
| AS ALDEAS NO ESQUECEMENTO |
|
 Doade, Baiste e Rubillón (Avión) forón un bo exemplo da etnografía das aldeas na Serra do Suido. Hoxe basta afastarse un pouco da estrada principal e das novas construccións, para atopar conxuntos etnográficos moi interesantes, pero xa esquecidos e abandoados da man do home.
Para a nosa memoria, Chano Piñeiro deixounos Mamasunción, localizada nas aldeas de Baiste e Rubillón.
Mamasunción é a produción galega mais galardonada e viaxeira de todas cantas se filmaron en Galicia. Chano iniciou con ista curtametraxe a sua breve traxectoria en cine profesional en 1984. Mamasunción converteuse axiña en bandeira do cine galego dos oitenta. A pesares da sinxeleza e as veces enxenuidade da súa posta en escea, pode considerarse hoxe como un filme clásico do cinema galego. A curtametraxe procura unha mirada lírica sobre os efectos dramáticos da emigración a través do punto de vista dunha muller que agarda durante décadas a chegada dunha carta do seu fillo emigrado en México. A extraordinaria forza expresiva do rostro da anciá, preside o universo dunha aldea galega, sin falsos folklorismos nin formalismos deformadores, con mirada cáseque etnográfica Mamasunción encarna un persoaxe insólito no cinema español de tema migratorio: as viuvas de vivos, o punto de vista dos que se quedan.
|
|
|
|
|
| SENDEIRO CIRCULAR DE PENALBA |
|
 Dende Portomartiño (Xesta) iniciamos o camiño de ascenso hacia o coto de Penalba, un dos máis importantes da serra en altitude.
ROTEIRO
Nivel de dificultade: baixa
Sendeiro: non sinalizado
Distancia: 6,5 Km.
1.Na parte alta da aldea de Portomartiño hai unha pista forestal que comenza ao lado da última casa da aldea (ten un cancela dos gandeiros que debemos abrir) Ascenderemos con suave pendente por la pista sen desviarnos. A paisaxe que nos rodea e de mato baixo, cunha boa panorámica da Carballeira de Xesta.
Esta é unha zona gandeira e o habitual é ir vendo as greas de cabalos e vacas que andas pastando polas ladeiras. Xa na parte alta comenzamos a ver as brañas onde teñen o nacente varios regatos Suido.
2.Esta pista remata noutra perpendicular que hacia a esquerda nos conduce hacia os cumes da serra. Facemos esta ascensión un pouco pronunciada ata alcanzar a parte mais alta. Atopamos unha pista que recorre toda serra dende Xesta a Laxabranca (911 m.) xa perto dos límites coa provincia de Ourense
3.Diriximonos a esquerda para facer o camiño de retorno a Xesta. Esta pista descorre sen variacións grandes de desnivel, pasando por algúns dos cotos máis altos da serra Penalba (902 m.), Capelado (916 m.) cunhas esplendidas vistas hacia o norte da Serra do Cando e o Monte Seixo.
Finalizamos na estrada, nos iremos hacia esquerda pola estrada ata Xesta, o punto onde comenzamos a ruta, se chegamos en coche recomendamos deixalo na igrexa.
|
|
|
|
|
| ACEVAIS DO PORTOMARTIÑO |
|
 Existe nos límites de Portomartiño nunha cota aproximada de 750 m. unha amplia masa de acivo (Ilex aquifolium) de tamaño mediano.
O aceval ou acevedo é un bosque dominado polo acivo, caracterízase por presentar un dosel de follaxe extremadamente denso no que rara vez aparecen carballos, bidueiros ou abeleiras. A escasa iluminación que chega ó solo non permite a penas máis que a supervivencia dalgunhas especies así como rexenerado do propio acivo.
Na maioría dos casos, os acevais están ligados a antigos emprazamentos de pastoreo estival de gando vacún (malladas, brañas), conformando orlas ou pequenos bosquetes que antano proporcionaban abrigo ós rebaños durante dias fríos ou frescor nos momentos de calor. Máis ocasionalmente, e esto é ben visible nas montañas dos Ancares, os acevedos orixínaronse no interior de extensas masas arborizadas, como consecuencia da corta de grandes pés de carballo ou faia que sobresaían no seu momento por encima dos acivos. Nestas situacións, a ausencia de rexenerado das especies mencionadas no interior do acevedo impediron a reconstitución do bosque orixinal.
Os celtas considerábanno unha árbore sagrada, con capacidade para atraer a boa sorte. Empregábase nos rituais do solsticio de inverno. Ainda hoxe a árbore emprégase en moitos países como motivo ornamental durante as festas de Nadal, o que pode pór en perigo a propia existencia do acivro: a especie está protexida pola lei e o seu comercio ou extracción procedente de exemplares silvestres está prohibido.
Esta fin de semana atopamos a beira da estrada acivos que intentaran arrincar, ao non conseguilo deixaron a árbore tirada coa metade da raices cortadas. O precioso aceval do Portomartiño conservouse polo difícil accceso e o abandono de parte da carballeira para ganaderia. A masa de acivo vese reducida constantemente, ainda que leva presente séculos nos bosques da Suido, como indican os nomes da aldea de Acevedo e outros topónimos como Coto do Acivo ou Aciveiro
|
|
|
|
|
| A PORCA PREÑADA |
|
Conta Gloria, muller de memoria excepcional, que xa a sua nai lle falaba da porca preñada na que se afundiu, hai tantos anos que ninguén coñeceu, unha igrexa no Val de San Pedro.
Recorda perfectamente que de pequena cando pasaba camiño de Laxe, pola beira da porca preñada, como as pernas se afundían todas se te metías nela.
Para chegar alí dende Xesta avantas polas veigas ata o muiño Ribeirán e ao chegar á Chan do Rio de Abaixo crúzalo pontillón e tiras polo camiño de Laxe.
Alá nas Lagoas, despois das Veigas da Laxa, había unha grande porca preñada, onde nos seus tempos houbo unha igrexa que se afundiu completamente, permanecendo as suas pedras no fondo.
Recórdanos esta creenza que os emplazamentos característicos dos lugares de culto na cultura celta, coma en Galicia, adoitaban atoparse en arboledas recónditas. Dependendo da deidade, os emprazamentos do lugar sagrado podía estar no máis profundo dun bosque, nunha lagoa, nunha pequena illa ou no cume dunha montaña.
A pesar de ser os bosques santuarios caracteríticos do mundo celta, apenas deixaron pegadas debido as características propias. En Galicia non existen mencións a través de fontes literarias da existencia de bosques sagrados, excepto no caso de Lucus Augusti, topónimo que provén de lucus “bosque sagrado”
Nos recollemos esta curiosa lenda popular e comprobamos alí a existencia dun lugar de culto no bosque, que prevaleceu no toponimo Chan de Misa, lugar cristianizado como Val de San Pedro.
|
|
|
|
|
| TURBEIRAS DO SUIDO |
|
Esta serra atlántica ten un alto nível de pluviosidade, a grande cantidade de auga que recolle no inverno queda retida no chan especialmente nas turbeiras. Estan teñen unha grande importancia como reguladoras hidrolóxicas dos nascentes na montaña e garanten a fertilidade dos nosos vales. Moitas destas turbeiras, incluidas as do Suido, ecosistemas únicos e moi sensíbeis, están sendo destruidas pola acción do home e a implantación de parques eólicos, perdéndose o seu papel regulador das augas libres.
As características hidrolóxicas da maioría das concas sedimentarias de Galicia non son propensas á formación de grandes extensiones de turbeiras. Estas atopanse relacionadas con outro tipo de humedais, tanto de carácter higrófilo, fluvial ou lacunar.
As turbeiras do Suído ocupan os fondos de val con solos de granito impermeable que propician a acumulación de auga. A auga que as alimentan procede de escorrentía superficial ou de augas subterráneas. Na turbeiras desenvolvese unha vexetación propia, composta de plantas hidrófilas, chamadas así porque nelas formase a turba a partir da materia orgánica en descomposición e as propias plantas mortas.
A planta máis común é o esfagno, que vai cubrindo toda a superficie da turbeira e é o principal formador de turba. A medida que entra en descomposición vai creando sucesivas capas de turba que poden acadar ate 4 m. de grosor.
Na zona son coñecidas estas formacións que tremen, liberan burbullas ou se desprazan sobre a auga como porcas preñadas.
|
|
|
|
|
|
|
|
|