SNL Concello de Redondela


O SNL ten novo sitio

Co comezo do novo ano mudamos tamén de morada virtual. Dende agora estamos na Blogaliza

http://servizonlredondela.blogaliza.org/

Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 10-01-2011 11:37
Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Ventureiro Aninovo


Coa nosa forza habemos seguir adiante.
Pola saúde da nosa lingua!

Ventureiro Aninovo.

Feliz 2011!


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-01-2011 19:45
Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Detrás da canción
O vindeiro 4 de xaneiro, a Secretaría Xeral de Política Lingüística achega a Redondela o proxecto DETRÁS DA CANCIÓN, coa colaboración do SNL do Concello de Redondela, que se inclúe na programación do programa Bocaberta de dinamización lingüística.
Este proxecto inclúe a celebración de obradoiros de creación musical e un concerto final.

Como se compón unha canción de pop? Como se poden aproveitar as novas tecnoloxías para gravala e compartila co resto do mundo? A estas cuestións tenta responder esta actividade, na que integrantes dos grupos de pop galego Projecto Mourente e The Homens dan a coñecer a trastenda do proceso creativo.

Detrás da canción é unha actividade destinada a mozos e mozas a partir dos 12 anos, que pretende demostrar que compoñer cancións e gravalas é algo doado e que calquera o pode facer cunha mínima calidade. Pero alén de todo iso, quere mostrar que a lingua galega é un idioma tan válido coma calquera outro para a expresión musical de masas.

Os obradoiros desenvolveranse na sala da Rede de Telecentros de Redondela, no Multiusos da Xunqueira, dende as 18.00 ás 19.50 horas.Para participar nos mesmos é imprescindible formalizar a inscrición na web www.detrasdacancion.info

A seguir, o Auditorio da Xunqueira acollerá o concerto acústico de The Homens e Projecto Mourente, aberto a toda a cidadanía e de balde, que comezará ás 20.00 horas.

Comentarios (0) - Categoría: Dinamización - Publicado o 23-12-2010 17:41
Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Calendario 2011


























Na mañá de onte, a Casa do Concello de Redondela acolleu a presentación dos calendarios 2011 elaborados polos centros de ensino público dende a Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística de Redondela (Coordinadora ENDL Redondela), coa colaboración da Concellaría de Normalización Lingüística.

Un ano máis confeccionáronse uns calendarios que servirán de apoio ao traballo de dinamización e normalización da lingua que os centros de ensino público do concello de Redondela veñen facendo ao longo de todo o curso, pero cambiando o modelo clásico de almanaque de parede por outro que será de mesa.

Nesta ocasión escolléronse como motivos dúas conmemoracións que se celebrarán o vindeiro ano: o Ano Internacional dos Bosques e máis o Ano Internacional da Química, promovidos polas Nacións Unidas.

O lema A ciencia e o medio, en galego! vai estar presente nas aulas e nas casas redondelás, para lembrar que a nosa lingua pode e debe usarse tamén nas materias de ciencias, aínda que o Decreto do Plurilingüismo reduza a presenza da nosa lingua nalgunhas materias do ámbito científico-tecnolóxico.

As Concellarías de Normalización Lingüística e Medio Ambiente fixeron posible este calendario no que se pode consultar o santoral en galego, algunhas das especies de fauna e flora autóctona e con maior presenza nos nosos bosques e na Enseada, algún invento científico e, sobre todo, o traballo que os centros están facendo a prol da nosa lingua no seu ámbito de traballo.

Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 22-12-2010 17:11
Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Máis Nadal en galego
Como xa fixemos o ano pasado, traemos nestas datas algunhas suxestións para promover a nosa lingua nas celebracións e agasallos de Nadal.

A primeira das propostas vén da CTNL (Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua) e máis a Unidade Técnica de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, que puxeron na rede a páxina web AGASALLO.EU

Trátase dunha guía que inclúe unha pequena selección de novas creacións e produtos: libros, discos, filmes, aparellos, camisolas, xogos... cun mesmo fío condutor: a lingua galega.
É, pois, unha proposta que quere contribuír a visibilizar a lingua galega e recomendar os agasallos que a usan. Polo tanto, en calquera ocasión podemos optar polo propio e escoller o galego.

A outra proposta chega da man da CGENDL (Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización da Lingua), e inclúe panxoliñas, información sobre o Apalpador, cartas aos Reis Magos e ao Apalpador, concursos, refráns, costumes, receitas de cociña, cantos de Nadal, discos de panxoliñas, recursos didácticos sobre o Nadal, e moitísimas propostas de agasallos en galego para todos os gustos e idades.

Se premes na imaxe podes comprobar esta inmensa artesa de posibilidades.
Comentarios (0) - Categoría: Recursos - Publicado o 19-12-2010 19:01
Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Os 4 da Xunqueira, en Redondela
O Auditorio da Xunqueira de Redondela acolle, o xoves 16 de decembro, ás 19.00 horas, a representación teatral Os 4 da Xunqueira.

Trátase dun espectáculo coproducido por Limiar teatro, MAO e a AGADIC a través do Centro Dramático Galego, promovido dentro do XV aniversario de Ponte nas Ondas coa temática “O tesouro dos avós”.

Os 4 da Xunqueira é un espectáculo teatral, musical, didáctico e interactivo dirixido á infancia, á mocidade e á terceira idade, baseado na historia de tradición oral “Os catro amigos”, presente tanto na cultura galega como na universal.

A temática da peza vira sobre o despoboamento rural e o vínculo que se establece entre mozos e maiores. O espectáculo valora a experiencia e os coñecementos dos maiores, así como a transmisión da tradición oral como fonte de sabedoría, e achega os mozos ao mundo rural como algo valioso, como unha aventura, como un novo mundo por descubrir cheo de posibilidades. Alén diso, presenta tamén un achegamento ás relacións interpersoais e interxeracionais. É unha montaxe que conxuga modernidade e tradición, cunha duración dunha hora, que integra teatro, música, danza, acrobacias, monicreques e malabares. A música é en directo, e fusiona instrumentos tradicionais con instrumentos urbanos e contemporáneos, e desenvolve actividades interactivas relacionadas coa musicoterapia e outros elementos sensoriais.

Limiar Teatro realizará dúas funcións en Redondela: a primeira, en horario de mañá, está destinada a alumnado de secundaria e 3º ciclo de primaria, que se desprazará dende os centros de ensino; e a función vespertina, aberta a toda a cidadanía e de balde, representarase ás 19.00 h, no Auditorio da Xunqueira.

Ao rematar a función da tarde, entregaranse os premios do concurso de blogs Reblogdela sobre o deporte redondelán, organizado en colaboración coa Asociación de Empresarios de Redondela.
GAÑADORES DE REBLOGDELA 2010

2º finalista: recibe un MP4
Título do blog: SPORTELA
Enderezo: http://redondeladeportiva.blogspot.com/
Autora: Alba Campo Alves

1º finalista: recibe un MP4
Título do blog: ATLÉTICO VILAR
Enderezo: http://xuvenilesdoatleticovilar.blogspot.com/
Autor: Arturo Piñeiro Rodríguez

Blog gañador: recibe un ordenador portátil
Título do blog: REDONDELA DEPORTISTA
Enderezo: http://deportesredondela.blogspot.com/
Autor: Xurxo Freitas Pereira

FOTOS
Comentarios (0) - Categoría: Dinamización - Publicado o 15-12-2010 10:50
Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Linguagalega.tv
Estes días abriu a súa emisión un portal de televisión por internet dedicado integramente á divulgación, promoción e coñecemento da lingua galega.


Este é un proxecto de Acuarela Comunicación S.L.L., que conta coa colaboración institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña e o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo.

O obxectivo deste portal é elaborar unha programación que reflicta as diversas e numerosas accións de promoción da lingua galega que se desenvolven dende as administracións públicas: Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, universidades, deputacións e concellos galegos.

Ademais, este portal manterá un especial interese no ámbito da emigración e na participación das entidades cidadás comprometidas coa lingua galega: os servizos de normalización lingüística das diversas institucións, editoriais, produtoras de cine, compañías de teatro, creadores, movemento asociativo, etc.

A súa programación estrutúrase en catro canles temáticas: Lingua, cámara, acción!, dedicada á divulgación das iniciativas promovidas dende as institucións públicas galegas a prol do galego; e A Lingua na Sociedade, destinada ás accións de promoción lingüística realizadas dende a propia cidadanía. A Secretaría Xeral de Política Lingüística é a impulsora destes dous proxectos que forman parte de Lingua Galega TV.

As outras dúas canles son: Lembranzas e Reflexións, especializada en pequenas pezas videográficas que incidan na recuperación da nosa memoria histórica e promovan o noso patrimonio inmaterial; e, por último, a canle Falemos, dedicada á divulgación de contidos vencellados á literatura, á cultura, á arte, á economía e á historia de Galicia, da man de destacados profesionais.

O proxecto comezou a súa andadura e agora cómpre enriquecelo entre toda a sociedade.

Parabéns!

Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 14-12-2010 10:00
Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Presentación do libro de Carlos Callón
A Mocidade pola Normalización Lingüística, en colaboración coa Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Redondela, organiza a presentación do libro "En castellano no hay problema", de Carlos Callón.
O libro fai un repaso da situación da lingua galega durante os últimos tres lustros, e achega tamén un convite á reflexión e á implicación individual e colectiva para conseguir a continuidade do idioma galego. Ademais analiza as últimas medidas dos gobernos galegos en materia de política lingüística e intenta achegar solucións para superar os prexuízos e argumentos máis estendidos en contra da normalización da nosa lingua.
O acto de presentación contará coa intervención de Xandre Vázquez (presidente da Mocidade pola Normalización Lingüística), X. Manuel Moo (da Editorial Xerais) e o propio autor, Carlos Callón.

Celebrarase o venres, 10 de decembro, ás 20.00 h, na Casa da Cultura de Redondela.

CARTEL

FOTOS
Comentarios (0) - Categoría: Novas - Publicado o 09-12-2010 10:37
Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
CINEMA INFANTIL
A Concellaría de Normalización Lingüística promove novamente proxeccións de cinema galego, desta volta para público infantil.

Estas proxeccións son froito da colaboración coa Axencia Audiovisual Galega, e forman parte da programación de CINEMAS DIXITAIS, un servizo que pretende achegar cine galego de calidade a espazos non habituais.

Esta iniciativa, promovida dende o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela, pecha o ciclo de cine do mes de novembro “Cinema ás 7”, no que se proxectaron 3 longametraxes nas tardes de domingo, cunha sesión de curtas de animación para público infantil e para as familias. O obxectivo é continuar coa promoción e difusión da nosa lingua a través dun dos medios máis atractivos neste mundo tecnolóxico no que vivimos: o audiovisual. E tamén achegar a nosa lingua ás franxas de idade máis cativas, que poucas veces teñen oferta de lecer en lingua galega.

As curtas proxectaranse o sábado, 4 de decembro, ás 18.00 horas, no Auditorio da Xunqueira, están recomendadas para maiores de 3 anos, e incluirán os seguintes títulos:

IGNOTUS (2000)
MEIGALLOS, SOMBRAS E PAPAS DE ARROZ (2001)
ALISTÁN, O DEMO OVEIRO (2003)
O MUÍÑO ABANDONADO (2006)
A ESCOLA DAS AREAS (2002)


A entrada a estas proxeccións é de balde, e as invitacións poderanse retirar dende o venres á tarde na recepción do Multiusos da Xunqueira.
A duración total aproximada é de 1 hora.

PROGRAMA
Comentarios (0) - Categoría: Dinamización - Publicado o 03-12-2010 14:56
Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Xoga e fálao, da mañá á noite
A Piscina Municipal de Redondela acolleu este mediodía a presentación da nova campaña para normalizar o uso da lingua galega no ámbito deportivo, promovida pola Concellaría de Normalización Lingüística.

Ao acto de presentación asistiron a Concelleira, Ánxeles Babarro, o director da piscina municipal, José Bamio, traballadoras deste centro deportivo, e varios representantes dos clubs deportivos Redondela Fútbol Sala e Club Deportivo Cesantes.

Nunha primeira fase a campaña divulgarase a través de diferentes soportes que farán visible o lema XOGA E FÁLAO, DA MAÑÁ Á NOITE, que estará presente en carteis, trípticos divulgativos de léxico dos deportes, viseiras, bolsos porta zapatillas, e camisolas para o persoal da Piscina Municipal (tanto de recepción como dos monitores da piscina e das distintas especialidades deportivas que se imparten no centro).

A partir deste desenvolvemento inicial a campaña espallarase por todas as entidades e clubs deportivos do concello que queiran apoiala. Nestes comezos xa teñen confirmada a súa adhesión a este programa o Club Deportivo Choco, Club Redondela Fútbol Sala, Redondela Escola de Fútbol Base, Club de Remo Chapela, Club Balonmán Chapela, Sociedade Atlética Redondela (SAR), Club Deportivo Cesantes, Club Patinaxe Artística Bolboreta e Club de Tenis Redondela.

A campaña desenvolverase durante todo o ano 2011 e o obxectivo é que o deporte redondelán “fale galego”, que a nosa lingua estea presente en todas as comunicacións orais e escritas que produzan as entidades participantes: entradas, carteis, megafonía, regulamentos, estatutos, páxinas web e blogs dos clubs, competicións ou publicidade, e que utilicen a lingua galega como lingua habitual, para que os hábitos saudables da poboación incidan tamén na saúde da nosa lingua propia.

Para iso o Servizo de Normalización Lingüística colaborará con todas elas para axudarlles a desenvolver unha verdadeira promoción da lingua galega, facéndolles correccións e traducións, e facilitándolles a confección de páxinas web ou blogs nos que poidan divulgar as súas actividades.

TRÍPTICO (completo, exterior, interior)
CARTEL
FOTOS
Comentarios (3) - Categoría: Dinamización - Publicado o 30-11-2010 15:04
Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
SERVIZO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA






O contido desta páxina precisa unha versión máis recente de Adobe Flash Player.

Obter Adobe Flash Player



BEN FALADO




normalizacion@redondela.info
 CATEGORÍAS
 ANTERIORES
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 Nos blogs galegos
 ARQUIVO
 FOTOS NOSAS

Servizo de Normalización Lingüística
Multiusos da Xunqueira, 2º andar
36800 - Redondela
Tel.: 986402842
© by Abertal