Asociación Micolóxica Sendeiriña


Asociación Micolóxica do Val de Barcala






O meu perfil
sendeirina@yahoo.es
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 GALERIA
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Xa temos máis datos.
Xa temos máis datos!! Temos localizado o hábitat, foi en Carballeira. E temos máis fotos, e son para babear diante da pantalla!!



Como vedes non foron dous ou tres exemplares, foron máis de 20...

Cónstanos de boa fonte que algunhas das da foto pasaron pola tixola. Quédanos saber se o sabor é digno de reis tal como din.

Seguimos buscando!!
Comentarios (1) - Categoría: Especies que inda non atopamos no Val de Barcala - Publicado o 21-09-2011 11:20
# Ligazón permanente a este artigo
Momento histórico!!!
Cando un pasa moitas horas no monte, hai moitas posibilidades de que atope cousas moi moi interesantes, pero as posibilidades de atoparse cunha Amanita cesarea na nosa zona, son bastante remotas... Ou iso foi o que sempre nos ensinaron...

Por iso, o día de hoxe poderiamos definilo como histórico, e é que dous socios de Sendeiriña atoparon o preciado manxar, o ovo do rei, o cogomelo dos césares, a máis desexada: A Amanita Cesarea!!!

Deixamos proba fotográfica do achado e esperamos comentarios de como foi ese intre, encantaríanos saber que sensacións se vos pasaron pola cabeza nese primeiro encontro. Houbo bágoas de emoción?? Correron litros de champán?? Abreuse o viño que se garda para ocasións especiais?? Contade, contade!!

Para tódolos socios e para tódolos que nos siguen, e que aínda non tiveron a sorte de coñecer persoalmente este cogomelo, dicirvos que non foi no Val de Barcala, pero polas poucas pistas que nos deron os afortunados, foi bastante preto. Así que xa sabedes, Haberlas hailas, ... o que hai é que encontrailas!!

En calquera caso, noraboa ós premiados!

Comentarios (4) - Categoría: Especies que inda non atopamos no Val de Barcala - Publicado o 18-09-2011 23:09
# Ligazón permanente a este artigo
Leucocoprinus castroi no Val de Barcala
Menuda sorpresa que levamos cando atopamos isto:



Unha especie tan bonita e delicada tiña que ser algo importante!! E efectivamente, despois de confirmalo co propio descubridor do cogomelo, podemos dicir que se trata dun Leucocoprinus castroi Blanco-Dios.

Ata en catro sitios diferentes o atopamos estes días. Infórmanos Blanco-Dios, que ó ser unha especie saprófita pode atoparse tanto en carballeiras como en piñeirais e así o puidemos comprobar.

Por se non vos lembrades esta especie atopáramola no Encontro do Arco Atlántico de Ferrol (pica aquí para lembralo)e xa daquela nos parecera todo un acontecemento, así que estamos encantados de telo atopado agora preto da casa.

Deixámosvos un enlace para os que queirades ampliar as vosas guías con esta nova especie para a ciencia.

http://revistes.iec.cat/index.php/RCMic/article/viewFile/3658/49652
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-09-2011 16:21
# Ligazón permanente a este artigo
Boletais ó poder!!
Estes días no Val de Barcala pódese falar dunha auténtica "explosión micolóxica".

Se tivéchedes a sorte de facer algunha mini ou maxi escapada ó monte, veríades que os cogomelos non se fixeron de rogar e irromperon con forza neste inicio de temporada. As choivas de fai semanas e as altas temperaturas, fan que as condicións de humidade sexan favorables, así que o monte é un paraíso neste momento para os amantes da micoloxía.

En especial estes días, os Boletais parece que se puxeron dacordo para sair, e bótanse ós camiños, ás corredoiras, e ata ós prados... Levantan o musgo para facerse un sitio, (coma o da foto) ou fanse ver á beira da estrada desafiando o asfalto.

Poderíamos colgar centos de fotos, e poñerlle os dentes largos a aqueles que non poideron ir ó monte, pero de momento imos aprazalo...

O que queremos é ensinarvos dúas especies atopadas durante a última fin de semana, que non é a primeira vez que se atopan no Val, pero que tampouco son das máis habituais.




A primeira delas é un Gyroporus cyanescens (Bull.:Fr) Quél. O nome común sería Camaleón azul, e é que ó corte toma unha intensa cor azul-violácea. Tamén se caracteriza esta especie por ter un pe moi cavernoso. Tanto, que o exemplar que collemos para a foto parteuse por este motivo.



É unha especie considerada por algúns como excelente comestible, pero nalgúns manuais dise que é unha especie rara polo que se desaconsella a súa recolecta. Atopamos 6 exemplares en total, e, salvo o da foto, o resto foron indultados.

A segunda especie da que vos queremos falar é un Boletus calopus Pers. O nome vulgar é Andoa amarga; non é unha especie tóxica pero o seu sabor tan amargo, fai que non sexa comestible.

A cor do sombreiro, podería facernos pensar no temido B. satanas, pero o Boletus calopus diferénciase perfectamente por ter un retículo branco marcado no pe, e sobre todo por que os poros son de cor marelo, mentres que son vermellos ou alaranxados no B. satanas.



A carne azulea ó corte, pero fixádevos que o pé so azulea no ápice, na base toma tonos roxizos ou ocres.

Xa vedes, estes días o monte é un paraíso, non deixedes de aproveitar, que o outono logo pasa...
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-09-2011 12:01
# Ligazón permanente a este artigo
Pequena práctica con un Pluteus
Nalgún libro dise que para empezar facendo algunha práctica de microscopía, se non temos ningún cogomelo á man, collamos un champiñon fresco dos que se venden nos supermercados. Non dicimos que mirar un champiñon non sexa interesante, pero se tedes oportunidade, recomendamos que a primeira práctica de microscopía se faga con un Pluteus.

Os Pluteus son especies saprófitas, que nacen normalmente sobre a madeira, non teñen volva e as láminas ó madurar vólvense rosas. É un xénero que, aínda que non en grandes cantidades, é fácil de atopar no Val de Barcala.

Os Pluteus son cogomelos super agradecidos. As láminas son gordiñas e son fáciles de quitar, e a nada que collas calquer anaco e sen ter excesivo coidado podense ver cousiñas. En fin, que se prestan moi ben para ser observados incluso para os que ainda non temos práctica ou somos algo chafalleiros.

Esta é unha práctica moi sinxela, que para empezar está moi ben, non temos que intentar ver cousas complicadas nin reaccións, nin nada. alá imos!

Deixamos o cogomelo directamente enriba do porta para ver a cor da esporada. Como podedes ver é dunha bonita cor rosada.

Primeiro fixemos unha proba con un pouquiño de auga con glicerina para ver as esporas, xa máis en detalle. (O da glicerina é para espesar un pouquiño a auga e que as cousas non se movan no porta)



E aquí presentamos as esporas de un Pluteus:



Son esporas son lisas e non se aprecia poro xerminativo.

Despois collemos un anaquiño de lámina e xa empezamos a ver algunha cousa interesante pero isto non era o que buscabamos...



E entón apareceu isto que vedes. Os Pluteus teñen uns cistidios moi diferenciados e cunha forma moi peculiar, como se lle peinaran a raia ó medio... mirade que cousa tan bonita:



Cando ós cistidios teñen eses pinchos na punta dise, (máis técnicamente falando) que teñen "apéndices apicales".



Na seguinte poden verse algúns basidios de tamaño moito máis pequeno, pero case pasan desapercibidos:



E última foto:



O ideal é que despois de rematar a práctica poideramos concluir de que especie concreta de Pluteus estamos falando, pero imos deixalo cun interrogante para darlle máis emoción...jeje
Comentarios (0) - Categoría: Microscopía - Publicado o 17-09-2011 11:17
# Ligazón permanente a este artigo
Primeiras actividades na Estrada.
Pois alá imos. Xa está todo preparado! A función xa pode comezar!

E coma tódolos anos, os primeiros en arrancar son a xente da Estrada, de feito para a primeira charla xa chegamos tarde!!

Damos conta das principais actividades:

Saídas ao monte dende a praza do Concello, ás 9:00 da mañá nas seguintes datas:

- 8 e 22 de Outubro
- 12 e 26 de Novembro
- 3 e 17 de Decembro

Conferencias ás 20:00, no local de Novacaixagalicia da Estrada a cargo de:

-09/09 : Antonio Rodríguez González, "Boletales y micorrizas"
-23/09: J. M. Castro Marcote, "Cogomelos dos ecosistemas dunares"
-7/10: Julián Alonso, "Contaminación nos cogomelos"
-21/10: Jaime Blanco Dios, "Nuevas especies para Galicia"
- 19/11:José María Costa, "Usos medicinais dos Gasteromicetes" e charla-clausura con degustación de cogomelos.

E se esto vos parecía pouco tamén teñen Mostra micolóxica: dende o Martes 15 ata o 19 de Novembro, de 19:00 a 21:00 tamén no local de Novacaixagalicia.

Imos ir anotando na axenda, que despois acumúlasenos o choio!

E por suposto deixamos o enlace:



http://www.aestradaverde.com/images/cartel_2011-grande.jpg
Comentarios (1) - Categoría: Cursos, xornadas e conferencias - Publicado o 14-09-2011 18:10
# Ligazón permanente a este artigo
As primeiras phalloides do ano!!





Poderá haber moitos cogomelos o resto do ano, pero cando aparecen as primeiras phalloides é como se déramos o "pistoletazo" de saída.

Elas son as raíñas, e é como se ó atopalas xa soubéramos que o espectáculo vai comezar; como se elas deran permiso para que tódolos demáis cogomelos empecen a asomarse... -Xa podedes saír! Veña, xa é o momento!!

As fotos que vedes son desta mañá, e con elas, e sendo un pouco optimistas, imos dar por inaugurada a temporada ou pre-temporada no Val de Barcala do outono 2011.

Este ano a cousa empeza cedo e promete!!! Crucemos os dedos para que non se torza.










Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-09-2011 19:44
# Ligazón permanente a este artigo
Concurso fotográfico micolóxico





Os compañeiros da Agrupación Micolóxica de Vilagarcía A Cantarela envíanos as bases para a participación nun concurso fotográfico que organizan tódolos anos. Deixámos mostra do cartel coa foto gañadora do ano pasado e tamén as bases por se algúen quere animarse a participar.











Para máis información tamén podedes visitar a súa web: www.cantarela.org



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-09-2011 11:26
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal



Contador gratis