Asociación Micolóxica Sendeiriña


Asociación Micolóxica do Val de Barcala






O meu perfil
sendeirina@yahoo.es
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 GALERIA
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Aureoboletus gentilis (Quél) Pouzar.
Na recente saída que fixemos algúns socios de Sendeiriña ó Sobreiral do Río Arnego, tivemos a sorte de atoparnos con esta pequena pero fermosísima especie.
A foto non lle fai xustiza, o sombreiro tiña una cor rosa chicle e ó darlle a volta parecía talmente que alguén a pintara con un rotulador fosforito.
Chegamos á conclusión de que se pode tratar de un Auroeboletus gentilis (Quél.) Pouzar, que no libro 500 Cogomelos do Litoral Atlántico e do Noroeste Peninsular sinala que é moi rara.

Había ben tempo que non atopabamos unha cousa tan bonitiña!! Pasa a formar parte do listado de especies que inda non atopamos no Val de Barcala.
Comentarios (0) - Categoría: Especies que inda non atopamos no Val de Barcala - Publicado o 16-10-2016 17:51
# Ligazón permanente a este artigo
Chegan as cesareas ó Val de Barcala!!

Non hai nada de mentira no titular desta nova.
Chegaron as cesareas ó Val de Barcala, son estas que vedes na foto, peeeroooo,tranquilos!! non vos tiredes ó monte a buscalas, porque chegar chegaron, pero viñeron en coche!!!


O único que sabemos é que son da semana pasada, que non foi no Val de Barcala, e algunha pista sobre o hábitat, pero do sitio concreto, nada de nada, e seguramente non chegaremos a sabelo nunca. Varios socios de Sendeiriña, gardan o segredo como un dos seus máis preciados bens.

Felicitámolos por segundo ano consecutivo e morremos de envexa, pola emoción do achado, tanto que a Xunta Directiva de Sendeiriña valora a posibilidade de invertir os escasos fondos da Asociación en contratar un detective privado para que siga os mentados socios en cada incio de temporada...


Comentarios (0) - Categoría: Especies que inda non atopamos no Val de Barcala - Publicado o 15-10-2012 23:04
# Ligazón permanente a este artigo
Xa temos máis datos.
Xa temos máis datos!! Temos localizado o hábitat, foi en Carballeira. E temos máis fotos, e son para babear diante da pantalla!!



Como vedes non foron dous ou tres exemplares, foron máis de 20...

Cónstanos de boa fonte que algunhas das da foto pasaron pola tixola. Quédanos saber se o sabor é digno de reis tal como din.

Seguimos buscando!!
Comentarios (1) - Categoría: Especies que inda non atopamos no Val de Barcala - Publicado o 21-09-2011 11:20
# Ligazón permanente a este artigo
Momento histórico!!!
Cando un pasa moitas horas no monte, hai moitas posibilidades de que atope cousas moi moi interesantes, pero as posibilidades de atoparse cunha Amanita cesarea na nosa zona, son bastante remotas... Ou iso foi o que sempre nos ensinaron...

Por iso, o día de hoxe poderiamos definilo como histórico, e é que dous socios de Sendeiriña atoparon o preciado manxar, o ovo do rei, o cogomelo dos césares, a máis desexada: A Amanita Cesarea!!!

Deixamos proba fotográfica do achado e esperamos comentarios de como foi ese intre, encantaríanos saber que sensacións se vos pasaron pola cabeza nese primeiro encontro. Houbo bágoas de emoción?? Correron litros de champán?? Abreuse o viño que se garda para ocasións especiais?? Contade, contade!!

Para tódolos socios e para tódolos que nos siguen, e que aínda non tiveron a sorte de coñecer persoalmente este cogomelo, dicirvos que non foi no Val de Barcala, pero polas poucas pistas que nos deron os afortunados, foi bastante preto. Así que xa sabedes, Haberlas hailas, ... o que hai é que encontrailas!!

En calquera caso, noraboa ós premiados!

Comentarios (4) - Categoría: Especies que inda non atopamos no Val de Barcala - Publicado o 18-09-2011 23:09
# Ligazón permanente a este artigo
O que garda sempre ten!
Hoxe no blog de Sendeiriña queremos facer unha homenaxe a tódalas avoas do mundo, e en especial a tódalas avoas que teñen por costume aconsellar, e aconsellar ben ós seus netos. E se o consello remata cun refrán, á esas especialmente vai adicado este artigo do noso blog.

A miña avoa Carmen, sempre dicía "Garda neniña, que o que garda sempre ten". E canta razón tiña...

Canto coñecemento nos aportan os nosos maiores e que pouco caso lles facemos, ás veces!!

O pasado 26 de xuño en La Voz de Galicia saía esta nova:

http://www.lavozdegalicia.es/sociedad/2011/06/25/00031308993275456112943.htm?utm_source=buscavoz&utm_medium=buscavoz

Para os que non teñades tempo de pinchar e ler todo, a nova ven dicir, que foi descuberta unha nova especie no Parque Nacional das Illas Atlánticas, á que lle van chamar Arrhenia salvorana, precisamente pola Illa de Salvora. Os artifices de tan bo achádego son Jesús Parada de Refungando e Jaime Blanco-Dios do Grupo Micolóxico Galego.

Na nova do xornal non veñen fotos, pero se queredes velas podedes pinchar neste enlace:

http://refungando.blogspot.com/2011/06/hoxe-vos-traemos-novo-cogomelo-dende.html


Así que xa sabedes hai que ir actualizando as vosas guías e tachando os datos que esten mal e engadindo esta nova especie... Por exemplo no libro de Gerhardt, Hongos de España y de Europa, dise que hai en Europa 6 especies de Arrenhia, pois nada pasámoslle tipex e escribimoslle un 7 e xa o temos actualizado!!

E agora ven a parte na que as nosas avoas nos tirarían das orellas, en Sendeiriña un ano antes deste marabilloso achado sacamos estas outras fotos que vos ensinamos:




Están sacadas na Illa de Ons na Semana Santa do ano 2010. Parecen as mesmas, verdade?? Pois nunca o chegaremos a saber, xa que non gardamos ningún exemplar, nin sequera un anaquiño pequeno dunha lámina, nada de nada... Así que non o podemos confirmar.

Así que xa sabedes a partir de agora facerlle moito caso ás vosas avoas porque "O que garda sempre ten!!".
Comentarios (0) - Categoría: Especies que inda non atopamos no Val de Barcala - Publicado o 01-07-2011 13:59
# Ligazón permanente a este artigo
Ventaxas de non ver a Final da Copa de Europa de fútbol
Estas son algunhas das ventaxas de non ver o partido da final da Copa de Europa entre o F.C.Barcelona e o Manchester do sábado pasado. Seguramente non convenceremos a moitos pero, imos intentalo...

A primeira ventaxa é unha cuestión de saúde; se non vemos o partido non imos sufrir de estress, nen imos ter esas alteracións no ritmo cardíaco cando os xogadores se achegan á portería do campo contrario. Esto engadido a que evitamos tomarnos as tapiñas do bar e as típicas cervexas, mentres vemos o partido, vai axudarnos por suposto no noso proxecto bikini e verémonos cun aspecto moito máis saudable.

A segunda ventaxa, é que se non vemos o partido, evitaremos estar durante dúas horas sentados frente a caixa tonta, e poderemos aproveitar para dar un paseo coa agradable compaña dalgún amigo, desfrutando do aire fresco do monte, da posta do sol, o canto dos paxaros...

E a terceira e principal ventaxa de non ver a final da Copa de Europa, é que poderíamos ter a sorte de atopar unha especie moi pero que moi rara de Amanita. Un cogomelo tan raro, que é moi posible que xa nunca máis volvéramos atopar.

E isto foi o que lles pasou a dúas socias de Sendeiriña, que mentres todo o mundo pegaba chimpos de alegría e berraba e braceaba diante do televisor, decidiron dar unha voltiña e desfrutar da súa aficción preferida. E así, atoparon este raro cogomelo que vos ensinamos na fotografía. Trátase dunha Amanita beillei (Beauseign.) Bon & CAntu, unha Amanita que ten láminas rosadas ou asalmonadas cando os exemplares están maduros. Normalmente nace illada e foi por iso polo que só temos un exemplar.

Deixámosvos uns enlaces por se queredes saber máis sobre esta bonita e rara especie primaveral, que algúns autores consideran como unha variedade da Amanita boudieri Barlia.

http://micoex.org/content/view/441/
http://hongosgalicianportugal.blogspot.com/2010/03/amanitaceae-inusual-en-galicia.html

De momento imos deixala no apartado de Especies que inda non atopamos no Val de Barcala, pero quen sabe, quizais se o ano que ven o Barça chega outra vez á final da Copa de Europa volvemos a atopala polos nosos lares...
Comentarios (0) - Categoría: Especies que inda non atopamos no Val de Barcala - Publicado o 30-05-2011 19:10
# Ligazón permanente a este artigo
Posible Pluteus leoninus (Schaeff.) P. Kumm.


O outro día navegando pola rede, en concreto polo facebook da Sociedade Micolóxica Lucus, (que aproveitamos para recomendar, polas impresionantes fotos coas que contan), atopámonos cun cogomelo ben curioso, dunha bonita cor amarela, que talmente parecía que estivera pintada cun deses rotuladores fosforitos cos que acostumábamos a suliñar os apuntes na escola.

Pois ben, despois de ver a foto, quedounos un roe-roe na cabeza, coa impresión de que algunha vez tiñamos visto algo parecido... e efectivamente, despois de buscar e buscar no baul dos recordos encontramos a proba documental que deixa constancia de que algún día tiñamos atopado un cogomelo que, senón é o mesmo, é moi semellante.

Podería tratarse, de ser a mesma especie, dun Pluteus leoninus (Schaeff.) P. Kumm. que presenta un sombreiro dunha cor amarela intensa como pode apreciarse na foto. Medra sobre polas caídas de planifolios e tamén en coníferas e normalmente faino de forma illada. O único exemplar que atopamos medraba precisamente neste hábitat. Foi no ano 2006, xa choveu dende aquela, o día do Pilar, 12 de outubro, e o sitio é a Fraga de Catasós no concello de Lalín, así que de momento o recén descuberto cromo imos ter que deixalo no apartado de Especies inda non atopadas no Val de Barcala.

Por certo, dinos a xente de Lucus, que de retocadas nada, que as fotos que colgan na súa páxina, son tal cual, e que se os cogomelos que aparecen son impresionantes é porque así se presentan na natureza. Aproveitamos para mandarlles un saúdo e para recomendarvos que visitedes as súas páxinas:

http://www.smlucus.org/

e para atopalos no facebook tendes que buscar Sociedade Micoloxica Lucus en www.facebook.es
Comentarios (3) - Categoría: Especies que inda non atopamos no Val de Barcala - Publicado o 30-01-2011 15:22
# Ligazón permanente a este artigo
Arrhenia rickenii (Hora) Watling
Para empezar o ano, en Sendeiriña queremos presentarvos unha pequena especie que non tivemos o gosto de atopar no Val de Barcala, senón no Concello do Grove a escasos metros dunha zona de praia.

Trátase dunha especie que identificamos como Arrhenia rickenii (Hora) Watling, e que se caracteriza por ese pequeno tamaño e pola súa semellanza coas especies do xénero Omphalina.Parécenos que pode tratarse desta especie porque as lamelas son moi peculiares, moi anchas e separadas,... pero aceptamos calquera suxerencia.

Os exemplares da foto medraban entre brións nun balado de cemento.

É unha especie pouco frecuente segundo se di no libro Cogomelos de Galicia, e ademáis propia de terreos calcarios, polo que vai resultar difícil atopala polos nosos lares.

Deixámosvos un enlace para que coñezades un pouco máis este cogomelo:

http://micoex.org/content/view/149/


De Arrhenia

Comentarios (0) - Categoría: Especies que inda non atopamos no Val de Barcala - Publicado o 03-01-2011 17:31
# Ligazón permanente a este artigo
Tricholoma cingulatum (Almf. in Fr) Jacobasch
Fixádevos que especie tan curiosa atopamos.

Non foi no Val de Barcala pero non queremos desaproveitar a ocasión de ensinárvola, por se algún día encontramos algo semellante. A súa identificación foi complicada pero cremos que finalmente demos con ela.

Hai veces que para chegar a unha especie antes de pensar no que pode ser, o que facemos é descartar todo o que non pode ser.

Unha especie con lamelas brancas e anel, fainos pensar no xénero Amanita, pero falta a volva, polo que o descartamos. Se ten anel e non ten volva, pensamos en Agaricus,... pero coas lamelas tan brancas, incluso nos exemplares maduros... hai algo que non cadra...

En principio, descartamos o xénero Tricholoma, precisamente pola presenza do anel,... E entón cando xa case estabamos convencidos de que esta especie ía ser un novo descubrimento para a ciencia e xa lle estabamos buscando un nome... fixemos algo básico para a súa identificación... PEDIR AXUDA!! E así foi como coñecemos que hai unha especie dentro do xénero Tricholoma que encadra perfectamente coa nosa.

Trátase dun Tricholoma cingulatum (Almf. in Fr.) Jacobasch, unha especie dentro da sección Atrosquamosa, que se caracteriza por ser de pequeno tamaño, por ese característico anel (nalgunha bibliografía dise que é un velo cortiniforme) e por aparecer asociado a Salix.
(Na nosa foto está fora do seu hábitat pero foi recollido no Courel na subida á Devesa da Rogueira, seguramente con nalgunha zona de salgueiros.)

Agradecemos a axuda ós expertos de micologia.net que sempre nos dan pistas e nos poñen no bo camiño.

Deixaremos o de poñerlle nome a unha nova especie para outra ocasión...
Comentarios (2) - Categoría: Especies que inda non atopamos no Val de Barcala - Publicado o 29-12-2010 11:17
# Ligazón permanente a este artigo
Tremella foliacea (Pers.) Pers.



Añadimos esta especie ó listado de cogomelos que inda non atopamos no Val de Barcala.

Trátase dunha Tremella foliacea (Pers.) Pers., un heterobsidiomiceto de textura de xelatina, moi semellante á Tremella mesenterica que si abunda no noso Val.

Ten un aspecto cerebriforme, con partes lobuladas e é de cor pardo, con tons encarnados. Cando se seca encóllese e vólvese dura, como unha especie de cotra que se volve novamente xelatinosa se volve mollarse. Ten un escaso valor culinario pero pode facerse fervida e botala en ensaladas ou sopas, (anque o seu aspecto de moco francamente non a fai moi apetecible).

Non é moi común na nosa comunidade. Foi fotografiada no Courel no inverno do 2009.


Comentarios (0) - Categoría: Especies que inda non atopamos no Val de Barcala - Publicado o 28-12-2010 16:08
# Ligazón permanente a este artigo
Hygrocibes
E falando de cousas bonitas que atopamos este outono... Hai moitos cogomelos que destacan pola súa beleza, pero os Hygrocibes son deses que nos deixan sen palabras.

Estes foron atopados nunha área de descanso da autopista de Coruña a Santiago. Posiblemente o de cor branca sexa un Hygrocibe virgineus, e o outro algún familiar, primo ou curmán do Hygrocibe conicoides,... Por que xa sabedes, son moi bonitos pero moi difíciles de identificar!!


Comentarios (0) - Categoría: Especies que inda non atopamos no Val de Barcala - Publicado o 13-12-2010 18:41
# Ligazón permanente a este artigo
Trichia decipiens (Pers.) Macbr.
Ainda non a atopamos no Val de Barcala, xa que as fotos son da provincia de Zamora, e a especie foi atopada pola presidenta de Sendeiriña medrando no tronco dunha árbore morta. Posiblemente de faia.

Ten un color laranxa moi rechamante e aínda que se aprecie pouco, ten un pequeno pe de cor máis clara. Foi identificada no foro de micoloxía.net como Trichia decipiens, un mixomiceto que na nosa comunidade é pouco frecuente segundo se di no libro Cogomelos de Galicia.

Parecenos dunha gran beleza e por iso queríamos compartila con todos.


De mixo
Comentarios (0) - Categoría: Especies que inda non atopamos no Val de Barcala - Publicado o 08-12-2010 22:39
# Ligazón permanente a este artigo
Hericium erinaceum (Bull. ex Fr.) Pers.
Dentro das especies que inda non atopamos no Val de Barcala, pero que vimos neste outono por primeira vez, engadimos esta especie, que a falta de confirmación, clasificamos como Hericium erinaceum. O seu nome común sería Melena de León, xa que o parecido é evidente.

Trátase dunha especie pouco común, pero segundo a bibliografía con altas propiedades medicinais.

Deixamosvos uns enlaces:

http://www.fungipedia.es/clasificacion-orden/basidiomycota/hericiales/299-hericium-erinaceum.html
http://www.hifasdaterra.com/index.php/2010/10/08/melena-de-leon-y-enfermedades-intestinales-inflamatorias/

As fotografías están sacadas pola noite. O único exemplar que atopamos medraba nun falso plátano na Alameda de Padrón, a uns 3 metros de altura, polo que tivemos que subirnos a un banco para sacar as fotos e aínda así non sairon moi claras.

De Hericium
Comentarios (0) - Categoría: Especies que inda non atopamos no Val de Barcala - Publicado o 27-11-2010 17:49
# Ligazón permanente a este artigo
É un biscoito? é un bombóm? é unha lambetada?

Aínda que parece un biscoito de chocolate e da ganas de pegarlle unha dentellada, estamos nin máis nin menos que diante dun cogomelo. Tratase dunha especie que ademáis non é comestible, por ser dura e correosa.

Podería tratarse dunha especie do xénero Ganoderma, xa que a súa esporada de cor parda ferruxinosa (que caía sobre outros exemplares) e o seu hábitat (sobre un carballo caído), fan descartar o xénero Phellinus.

Chegar á determinala con exactitude xa é outro cantar.

Posiblemente se trate dun Ganoderma applanatum (Pers.) Pat., unha especie que pode chegar a medir 10-30 cm de diámetro e que dura varios anos como parásito ou saprófito de frondosas. Cada ano iríase formando un novo aro sobre o carpóforo antigo, este é un detalle que si parece apreciarse na nosa especie e tamén nalgunha foto que atopamos pola rede que podes ver aquí.

Tanto no libro de Marcote, Cogomelos de Galicia, como no de Marisa Castro, Guía Micolóxica dos ecosistemas galegos, fálase desta especie e da súa posible confusión con outras moi semellantes. Segundo estes autores, separaríase de Ganoderma australe porque esta ten o sombreiro máis groso e as esporas de maior tamaño. Ganoderma lucidum , o coñecido rhei-shi ten un longo pe excéntrico que lle da aspecto de cachimba. Ganoderma resinaceum, é sésil, carece de pé e ten esporas mais grandes. Ganoderma adspersum ten a casca máis grosa, forma de consola e carne de cor parda ferruxinosa uniforme.

Polo tanto chegar a unha identificación completa non vai ser doado, pero deixamosvos un enlace para maior información.

http://www.fungipedia.es/es/clasificacion-orden/basidiomycota/90-ganodermatales/364-ganoderma-applanatum.html


Comentarios (0) - Categoría: Especies que inda non atopamos no Val de Barcala - Publicado o 11-05-2010 13:55
# Ligazón permanente a este artigo
Mitrula paludosa Fr.
Dous socios de Sendeiriña que estiveron na Semana Santa polo sur da provincia de Pontevedra, achégannos estas fotos desta pequena, podería dicirse diminuta, especie.

Trátase dunha Mitrula paludosa, un Ascomiceto moi peculiar polo hábitat no que se desenvolve, lugares empouzados, brañas, e medrando sobre restos de follas e agullas en descomposición.

Incluímola no apartado de especies que aínda non atopamos no Val de Barcala, pero que precisamente nos gustaría atopar xa que se trata segundo se di en internet dunha rareza micolóxica.

Deixamos uns enlaces por se queredes coñecer algunha cousiña máis deste peculiar cogomelo:


http://www.fungipedia.es/es/clasificacion-orden/ascomycota/80-leotiales/108-mitrula-paludosa.html


Comentarios (0) - Categoría: Especies que inda non atopamos no Val de Barcala - Publicado o 04-04-2010 16:30
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal



Contador gratis