Asociación Micolóxica Sendeiriña


Asociación Micolóxica do Val de Barcala






O meu perfil
sendeirina@yahoo.es
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 GALERIA
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Segundo número de MICOLUCUS
E xa van dous!

Parece que foi onte cando nos sorprendía o primeiro número de MICOLUCUS e xa están presentando o segundo número. Será venres día 4, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Deputación de Lugo. Para os que vos quede preto, non dubidedes en asistir e conseguir un exemplar.

De momento non puidemos botarlle un ollo pero polo que contan na súa páxina poderemos ler "diversos artigos de grande interese sobre micoloxía, nos que se inclúen traballos sobre taxonomía, coroloxía, biodiversidade micolóxica, ou interesantes citas de especies como, entre outras, algunhas das encontradas durante a celebración do VII Encontro Internacional de Micoloxía do Arco Atlántico celebrado en Lugo no outono de 2013. Tamén hai espazo para achegas bibliográficas, curiosidades etnomicolóxicas, datos sorprendentes sobre a xeoloxía de Lugo, aspectos turísticos das emblemáticas reservas da Biosfera lucenses ou atractivas suxestións micogastronómia."



https://www.facebook.com/events/944106425680639/
Comentarios (1) - Categoría: Publicacións - Publicado o 04-09-2015 18:17
# Ligazón permanente a este artigo
Micolucus













Os incansables compañeiros da Sociedade Micolóxica Lucus veñen de sacar o primeiro número da súa revista micolóxica que deron en chamar MICOLUCUS.

Xa pode descargarse en formato pdf, aínda que se alguén quere a revista en papel, tamén pode solicitala mediante email a inscripciones@smlucus.org

Non podemos deixar de felicitalos por esta nova iniciativa, e recomendarvos a lectura en detalle da publicación que non ten desperdicio!!



Deixámosvos o enlace AQUÍ
Comentarios (0) - Categoría: Publicacións - Publicado o 10-02-2015 09:05
# Ligazón permanente a este artigo
ATLAS MICOLÓXICO DA PENÍNSULA DO GROVE



Damos conta desta nova publicación de micoloxía, en concreto centrada na península do Grove.

Neste enlace podedes ver unha parte da obra

http://www.blurb.es/b/5241810-atlas-micologico-de-la-peninsula-de-o-grove

E aquí unha entrevista co autor:
http://www.farodevigo.es/portada-arousa/2014/05/09/o-grove-prepara-ruta-visitar/1019941.html
Comentarios (0) - Categoría: Publicacións - Publicado o 29-09-2014 12:24
# Ligazón permanente a este artigo
Tarrelos 2013
Xa o temos nas nosas mans! O Tarrelos 2013 fíxose de rogar pero xa o temos entre nós.

Nas próximas actividades de Sendeiriña, poderás facerte con un exemplar.

Neste número de Tarrelos, poderás encontrar artigos tan interesantes coma estes:

- Operculados ou inoperculados: una introducción ao mundo dos Discomycetes. J.M. COSTA LAGO

- El género Sarcodon en Galicia. J.M.C. Marcote

- Favolaschia calocera (¿especie invasora en Europa?). S. DE LA PEÑA

- Una nueva variedad del género Contumyces. J.B. BLANCO-DIOS

- Algunas especies interesantes del género Russula recolectadas en el entorno del río Lambre, A Coruña. C. TRABA VELAY

- Algunhas especies de macromicetos presentes nun xaral de Cistus ladanifer L. no municipio de A Rúa de Valdeorras (Ourense, N.O. Península Ibérica). II. J. ALONSO & O. REQUEJO

- Aportaciones al conocimiento de la flora micológica del Parque Natural do Sudoeste Alentejano e Costa Vicentina (Portugal). (I). Antecedentes bibliográficos. J.B. BLANCO-DIOS.

- Plantas carnívoras de Galicia (I). O xénero Drosera. J. CASTRO

- VII Encontro Internacional de Micoloxía do Arco Atlántico. SOCIEDADE MICOLÓXICA LUCUS

- El trípode en la fotografía micológica. J. ALONSO

- 30 anos da Agrupación Micolóxica "A Cantarela". C. ÁLVAREZ PUGA

- Intoxicado con apoio da autoridade. A. SACO CID

- Os árbores fungo. J.EIROA, E. EIROA & J. UCIO

- El género Boletus en micogastronomía I. J.L.TOMÉ ORTEGA

Comentarios (0) - Categoría: Publicacións - Publicado o 06-11-2013 23:20
# Ligazón permanente a este artigo
Nova edición de Cogomelos de Galicia
Hoxe, luns día 8, temos moi boas novas!! A primeira é que está chovendo!!! Viva, viva!!Anque os homes e mulleres do tempo se empeñen en dicir que volve o "mal tempo", os micófilos e as micófilas do Val de Barcala frotámonos as mans con este ouro en forma de chuvia que cae do ceo.

E a segunda boa nova, é que xa se pode atopar nas librarías a nova edición de Cogomelos de Galicia!! Despois da longa espera, xa está nas tendas a baixo o título "Setas de Galicia y del Noroeste Peninsular", da Editorial Cumio.

Trátase da primeira parte de "500 setas del Litoral Atlántico y Noroeste Peninsular", que xa comentaramos noutro enlace.

Non vos podemos comentar moito máis, porque aínda non o temos nas nosas mans, pero coméntannos que se mellora a calidade das fotografías, e se actualiza a anterior edición. Está escrito en castelán e por un prezo algo superior á anterior edición (35 euros). Deixamos este enlace para máis información: http://www.cumio.com/libro.php?id_libro=666

Recordade, estas dúas obras son o Antigo e o Novo Testamento!! Se tendes os dous xa tendes a Biblia Micolóxica completiña!!
Comentarios (0) - Categoría: Publicacións - Publicado o 08-10-2012 11:27
# Ligazón permanente a este artigo
O xénero Russula na Península Ibérica
Deixámosvos un enlace dunha publicación micolóxica da que non deramos conta no noso blog. Neste caso trátase do libro "El Género Russula en la Península Ibérica", de Carlos Monedero, Editorial CEME, publicado xa o ano pasado.

http://mintegui.blogspot.com.es/2011/12/las-russulas-de-carlos.html

É un libro que cubre un oco importante na bibliografía sobre este tema, xa que ata o de agora non existía ningunha publicación desta categoría que reunira e estudiara nunha soa obra o xénero Russula.

Trátanse caracteres macroscopicos, microscópicos, reactivos e reaccións macro e micro, ecoloxía, toxicidade, gastronomía,.. en fin, que parece unha obra ben completa tanto para científicos como para aqueles que queiran iniciarse no complicado mundo das Russulas.


O seu autor cedeu os dereitos de venda e distribución, á obra social de Cáritas Diocesana de Bilbao, e o seu prezo é de 70 euros.
Comentarios (0) - Categoría: Publicacións - Publicado o 30-09-2012 15:01
# Ligazón permanente a este artigo
Os cogomelos na cociña e outras cousas

Achegamos ó noso blog, información sobre unha nova publicación sobre cogomelos. Trátase do libro: "Os Cogomelos na Cociña e outras cousas", de Baía Edicións.

Aparecen como autores a Asociación Micolóxica Viriato, Xosé Manuel Fernández Costas e Pedro Roca. Non tivemos ocasión de telo nas nosas mans pero ten unha pinta estupenda.

Deixámosvos a descricion que aparece na páxina da editorial, e aproveitamos para felicitar os compañeiros de Viriato pola iniciativa:

"Os cogomelos na cociña e outras cousas é unha singular achega á literatura gastronómica. Atopamos pratos que podemos encadrar na 'nova cociña' e outros que adaptan receitas tradicionais, convertendo os cogomelos habitualmente, tratándose tanto unhas como outras de composicións innovadoras.

Valorando a importancia do coñecemento do que a natureza pon nas nosas mans, a súa utilización para fins gastronómicos e o papel da conservación, a obra está concibida en tres partes:

Na primeira, Na cociña cos cogomelos, preséntase un pequeno mostrario dos cogomelos máis apreciados na cociña e unhas notas sobre conservación e precaucións básicas a ter en conta cando estes se recollen para comer.

Na segunda, Receitas, propóñense diversas preparacións do cociñeiro Pedro Roca, un dos maiores e mellores divulgadores da excelencia dos cogomelos na cociña, e de Paco Bernabeu, Manolo Costas, Quico Fraguela, José Andrés Moure e Andrés Roca.

Na terceira, Da nosa Asociación, faise un repaso das actividades da Asociación Micolóxica Viriato nos seus trinta anos de andaina."


http://www.baiaedicions.net/galego/os-cogomelos-na-coci-a-e-outras-cousas.html?___from_store=galego
Comentarios (0) - Categoría: Publicacións - Publicado o 24-09-2012 19:22
# Ligazón permanente a este artigo
Novidades editoriais importantes!!
Xa está nas librarías!!! Xa podemos correr a mercalo!

A segunda parte do libro "Cogomelos de Galicia" xa está á venda!

Aínda non o temos nas nosas mans, pero onte chegou a tan agardada nova a través dun aviso dos autores ó e-mail de Sendeiriña.

Este segundo tomo, ven engadir 500 especies novas ó primeiro volume que xa está esgotado e do que, polo que nos comentan, van sacar tamén unha nova edición revisada.

En canto ó contido, neste segundo tomo imos atopar especies tanto de bosques autóctonos, como de plantacións foráneas e ata de sistemas dunares. Engádense ademáis especies de interese de diversos hábitats de Asturias.

Ademáis achégase un elaborado traballo de José María Costa Lago sobre etnomicoloxía e usos tradicionais dos cogomelos e temas de micofilia e micofobia, usos alimentarios, usos medicinais e usos rituais, facendo un recorrido a través do tempo e da geografía.

En fin, que se xa co primeiro tomo falabamos da Biblia de todo bo apañador de cogomelos galego, agora xa temos o Antigo e o Novo Testamento, dous tomos, que máis se pode pedir!

Noraboa ós autores.
Comentarios (0) - Categoría: Publicacións - Publicado o 15-10-2011 14:05
# Ligazón permanente a este artigo
Guía de setas de Burela y A Mariña
Hoxe en Sendeiriña queremos falarvos dunha publicación, que caeu nas nosas mans case por casualidade. (Ainda que a presentación foi xa en xaneiro do ano pasado, nós non a coñecemos ata o de agora...)

Trátase dunha guía dos principais cogomelos que poden atoparse na comarca de Burela e A Mariña. Un libro de case 200 follas, que conta con algo máis de 140 fichas descriptivas, unha introducción sobre os diferentes hábitats da zona, un pequeno resume sobre a bioloxía dos fungos e unha última parte con recetas de sinxela preparación. O prólogo é de José M. Catro Marcote, e na parte final tamén se recolle un pequeno glosario e un índice cos nomes vulgares dos cogomelos, en galego e castelán.

Tivemos a sorte de coñecer persoalmente á autora da obra, Mª Cristina García-Echave Puente, (unha persoa encantadora por certo), e foi precisamente ela, a que nos regalou varios exemplares, xa que o libro foi editado polo Concello de Burela e non se atopa á venda.

A autora xa ten outras dúas publicacións, Arbores y arbustos de las calles, plazas y jardines del ayuntamiento de Burela, e Guía de plantas con flores de Burela y A Mariña.

O certo é que despois de ter a guía nas máns, só temos palabras de admiración, porque nótase que foron invertidos moitos esforzos, moitas saídas ó monte, e seguramente moitas horas de traballo, para a súa elaboración.

Compartimos totalmente o comentario de Marcote no prólogo, cando dí que "... contribúe a encher un espazo da bibliografía galega, tan necesitado de publicacións..."

Comentarios (1) - Categoría: Publicacións - Publicado o 12-06-2011 18:36
# Ligazón permanente a este artigo
Nova publicación de cogomelos en Galicia

Pois xa temos unha nova publicación sobre cogomelos en Galicia, trátase dun libro de Baia Edicións que se encadra dentro dunha colección que ten outros de aves e de árbores, e que suscriben como autores Marisa Castro, Puri Lorenzo e Alfredo Justo.

Aínda non o temos nas nosas mans, polo que o único do que podemos opinar, de momento é da portada, que por certo é ben chula.

Deixámosvos a descripción do libro que se fai na páxina de Baia así coma un enlace por se alguén quere mercalo.

"Móstranse as 50 especies máis comúns en Europa Occidental, achegando unha información moi seleccionada, cunha linguaxe sinxela, que proporciona os coñecementos suficiente para identificalos correctamente. Para enriquecer a información, estas 50 especies van acompañadas de 2 ou 3 debuxos de outras, tamén comúns, coas que comparten características (consistencia, hábitat, cor?).

Aprende a recoñecer os 50 cogomelos máis comúns de Europa Occidental.

Con este libro aprenderás a recoñecer os cogomelos máis comúns, os seus usos, como ir ao monte a apañalos e outros aspectos de interese sobre a súa conservación. Nas fichas de identificación achégase a información necesaria para identificalos, incorparando imaxes das especies semellantes coas que se poderían confundir. "


E aquí o enlace.
Encontrar unha Amanita cesarea non estaría mal, pero atopar algunha das da portada polo monte podía ser flipante!!
Comentarios (0) - Categoría: Publicacións - Publicado o 02-02-2011 21:09
# Ligazón permanente a este artigo
Sae á rúa o Tarrelos número 12
Xa o temos nas nosas mans. Xa o lemos ó completo e xa podemos confirmar que este novo número da Revista da Federación Galega de Micoloxía non ten desperdicio.
Por primeira vez aparecemos na revista como Asociación Federada e as nosas actividades aparecen nas actividades para o ano 2010 das Asociacións Micolóxicas de Galicia.

O contido deste número que fai a docena é ben interesante.

Chama a nosa atención un artigo de Blanco Dios sobre unha nova especie para a ciencia do xénero Entoloma, que precisamente atopou no Encontro Internacional de Micoloxía do Arco Atlántico no que participamos varios socios de Senderiña. ¿Quen sabe se non pasaríamos a carón desta nova especie e inorantes de nós nen sabíamos que era tan importante? A especie en cuestión chámase Entoloma capeladense, e o nome precisamente fai referencia á lugar da súa localización na Serra da Capelada.



Tamén chama a nosa atención un artigo de Óscar Requejo sobre catro cogomelos que se citan por primeira vez en Galicia e que son ben raros de encontrar ou polo menos de ver, xa que algún deles non pasa dos 5 milímetros.

Non deixedes de botarlle un ollo á parte da revista adicada á micogastronomía, porque se fala dun xénero moi abundante no Val de Barcala, o Xénero Cantharellus.

Recóllense tamén artigos sobre vestimenta e calzado para ir ó monte e varios artigos interesantes sobre bioloxía en xeral.

Tamén contén dous artigos de Marcote sobre amanitas comestibles e varios artigos sobre cogomelos típicos de areais costeiros.

En fin, que en Sendeiriña temos varios exemplares e se queredes facervos con un, podedes pasarvos por Garsport e polo módico prezo de 2 euros xa teredes nas vosas mans toda esta información da que vos falamos.

Só lle imos poñer un pero,... tampouco non imos sempre comulgar con todo!! Enterámonos na última reunión da Federación que tódolos anos Política Lingüistica subvencionaba a revista e por iso precisamente estaba integramente escrita en galego. Este ano, con tódolos recortes que houbo, perdeuse esa subvención e quizais por iso moitos dos artigos xa non están en galego... Non sabemos se como acto de protesta ou por deixadez pero en fin que é unha peniña...
Comentarios (0) - Categoría: Publicacións - Publicado o 08-12-2010 22:31
# Ligazón permanente a este artigo
Nova publicación sobre cogomelos en Galicia
Acaba de ver a luz unha nova publicación sobre cogomelos en Galicia.

Trátase do libro Guía de Cogomelos dunares dos ecosistemas dunares galegos, de J.M. Castro Marcote.

Varios socios de Sendeiriña tivemos a sorte de asistir en Ribeira a unha conferencia a cargo do autor e precisamente sobre o tema do que trata o libro, da que viñemos encantados e con ganas de ter xa nas nosas mans unha obra que ata o que coñecemos non ten precedentes no noso país.

O libro consta de unhas 80 fichas sobre cogomelos neste hábitat tan peculiar, e contén fotografías tamén da observación microscópica dos mesmos. É froito de un enorme traballo de máis de 10 anos nos que o autor percorreu a costa de norte a sur para ofrecer unha visión diferente de tan apaixoante tema.
Comentarios (0) - Categoría: Publicacións - Publicado o 23-10-2010 17:46
# Ligazón permanente a este artigo
Publicado un novo libro de cogomelos en Galicia


Co título de Nove ducias de cogomelos de Ourense ve a luz un novo libro de referencia no mundo da micoloxía galega. Os autores son Ricardo Mínguez Abajo e Alejandro Mínguez González, pai e fillo respectivamente, que xa teñen publicado outros libros sobre esta materia.

No libro recóllense 108 fichas descriptivas de especies, (de ahí ven o título de 9 ducias), así como receitas de cociña, curiosidades, ilustracións...

Polo que vemos na rede, parece que este vai ser un manual perfecto para iniciarse no mundo micolóxico xa que se recollen todos aqueles apuntes que un afeccionado debe ter en conta antes de saír ó monte. O prezo no mercado é de 18 euros.

Interesante, parece moi interesante,... Dende Sendeiriña intentaremos facernos con un exemplar...

http://galiciagastronomica.galiciae.com/nova/56205.html

http://refungando.blogspot.com/2010/06/novo-aporte-bibliografia-micoloxica.html
Comentarios (0) - Categoría: Publicacións - Publicado o 18-07-2010 12:57
# Ligazón permanente a este artigo
Novo Boletín do Grupo Micolóxico Galego
Acaba de ver a luz un novo Mykes, en concreto o número 11 do Boletín do Grupo Micolóxico Galego "Luis Freire" correspondente co ano 2008.

Neste enlace podedes ampliar información sobre os contidos do mesmo.

http://www.anosaterra.org/nova/43935/sae-o-numero-11-de-mykes.html

Dende Sendeiriña intentaremos facernos con algún exemplar para a súa consulta, pero mentres tanto podedes consultar os boletíns anteriores neste outro enlace:

http://www.mykes.es/Mykes_contidos.htm
Comentarios (0) - Categoría: Publicacións - Publicado o 08-04-2010 18:15
# Ligazón permanente a este artigo
Os cogomelos cultivados con loureiro e eucalipto cambian de sabor
Un recente estudio realizado por investigadores arxentinos, ven de demostrar que os cogomelos que se cultivan sobre residuos de loureiro e eucalipto cambian de color e lixeiramente de sabor, e ademáis os cultivados con loureiro, son incluso de mellor calidade.

Podedes ler a nova ó completo no seguinte enlace:

http://www.plataformasinc.es/index.php/esl/Noticias/Las-setas-cultivadas-con-laurel-y-eucalipto-cambian-de-sabor
Comentarios (0) - Categoría: Publicacións - Publicado o 02-04-2010 23:32
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal



Contador gratis



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0