Asociación Micolóxica Sendeiriña


Asociación Micolóxica do Val de Barcala






O meu perfil
sendeirina@yahoo.es
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 GALERIA
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Rosellinia sp.
É tempo de paus, de agudizar a vista e de estudar cousiñas que noutras épocas do ano pasarían totalmente desapercibidas.

É o caso desta pequena, ou case mellor, minúscula especie, que atopamos nun pau e que identificamos como Rosellinia sp.

O xénero Rosellinia, está composto por máis de 90 especies, moitas delas considéranse parásitas de prantas, e outras son facultativas, é dicir poden vivir tamén de xeito saprófito nos restos da leña ou das raíces. A súa clasificación taxonómica sería:

Reino Fungi
División Ascomycota
Subfilum Pezizomycotina
Clase Sordariomycetes
Subclase Xylariomycetidae
Orden Xylariales
Familia Xylariaceae





As pequenas boliñas que vedes apenas chegan a ter 1 mm de diámetro, puxemos a cámara directamente na lupa para as fotos nas que se ven máis grandes.








Traballar con elas, abrilas e conseguir algo interesante para ver ó micro, non foi nada nada fácil!!



En cando á microscopía, non puidemos ver ascos (que poderían dar moitas pistas para determinar a especie), pero si moitas esporas. Se vos fixades nas fotos, son moi características, xa que teñen una especie de fisura lonxitudinal que recorda un gran de café.

https://goo.gl/photos/nyGWc9EEFKfJChyw5

Deixamos un enlace ben interesante da páxina de Asturnatura de
Rosellinia sp.



Comentarios (0) - Categoría: Microscopía - Publicado o 21-01-2017 21:13
# Ligazón permanente a este artigo
Pequena práctica con un Pluteus
Nalgún libro dise que para empezar facendo algunha práctica de microscopía, se non temos ningún cogomelo á man, collamos un champiñon fresco dos que se venden nos supermercados. Non dicimos que mirar un champiñon non sexa interesante, pero se tedes oportunidade, recomendamos que a primeira práctica de microscopía se faga con un Pluteus.

Os Pluteus son especies saprófitas, que nacen normalmente sobre a madeira, non teñen volva e as láminas ó madurar vólvense rosas. É un xénero que, aínda que non en grandes cantidades, é fácil de atopar no Val de Barcala.

Os Pluteus son cogomelos super agradecidos. As láminas son gordiñas e son fáciles de quitar, e a nada que collas calquer anaco e sen ter excesivo coidado podense ver cousiñas. En fin, que se prestan moi ben para ser observados incluso para os que ainda non temos práctica ou somos algo chafalleiros.

Esta é unha práctica moi sinxela, que para empezar está moi ben, non temos que intentar ver cousas complicadas nin reaccións, nin nada. alá imos!

Deixamos o cogomelo directamente enriba do porta para ver a cor da esporada. Como podedes ver é dunha bonita cor rosada.

Primeiro fixemos unha proba con un pouquiño de auga con glicerina para ver as esporas, xa máis en detalle. (O da glicerina é para espesar un pouquiño a auga e que as cousas non se movan no porta)



E aquí presentamos as esporas de un Pluteus:



Son esporas son lisas e non se aprecia poro xerminativo.

Despois collemos un anaquiño de lámina e xa empezamos a ver algunha cousa interesante pero isto non era o que buscabamos...



E entón apareceu isto que vedes. Os Pluteus teñen uns cistidios moi diferenciados e cunha forma moi peculiar, como se lle peinaran a raia ó medio... mirade que cousa tan bonita:



Cando ós cistidios teñen eses pinchos na punta dise, (máis técnicamente falando) que teñen "apéndices apicales".



Na seguinte poden verse algúns basidios de tamaño moito máis pequeno, pero case pasan desapercibidos:



E última foto:



O ideal é que despois de rematar a práctica poideramos concluir de que especie concreta de Pluteus estamos falando, pero imos deixalo cun interrogante para darlle máis emoción...jeje
Comentarios (0) - Categoría: Microscopía - Publicado o 17-09-2011 11:17
# Ligazón permanente a este artigo
Lume no microscopio!!
Hoxe dentro da sección de microscopía queremos darvos conta dun pequeno experimento que fixemos, e que nos parece que da uns resultados cando menos, un pouco curiosos.




A que parece que encenderamos un deses "foghetillos" que se lle poñen ás tortas de aniversario??

Pois non! Trátase dun pequeno experimento caseiro que nos ensinou Patrice Laine, (experto en Inocybes, ademáis de excelente persoa.)

Deixamos algúnha foto máis.


Xa vos contaremos como fixemos, porque aínda temos que perfeccionar a técnica.



E a última:



Esto do microscopio é un mundo por descubrir...
Comentarios (0) - Categoría: Microscopía - Publicado o 11-06-2011 11:15
# Ligazón permanente a este artigo
Stropharia semiglobata (Basch.: Fr.) Quél.
Pois despois da resaca da inauguración, presentamos unha pequena práctica de microscopía para ir empezando a encher a sección.

Normalmente os expertos acuden ó microscopio cando teñen dúbidas sobre a especie ou o xénero que están a tratar, e é o microscopio o que os axuda a chegar a determinación final.

Nós de momento, facemos xusto o contrario, cando practicamente estamos seguros do xénero e da especie, pasámolo polo micro e comprobamos se vemos o que na bibliografía dí que teríamos que ver. Este sistema que parece fácil, non o é tanto,...

Nesta práctica traballamos con material fresco. Trátase duns exemplares de Stropharia semiglobata (Basch.: Fr.) Quél. que medraban sobre excrementos seguramente de cabalo, nunha leira de monte.

Para o estudio macroscópico desta especie deixámos este enlace.

http://www.micologia.net/gallery2/main.php?g2_itemId=53236

Colocamos os cogomelos directamente sobre un porta, e ista sería a cor da esporada.

De Stropharia semiglobata

Nalgunha bibliografía defínese como parda escura, incluso negra con tons violáceos.

Estas serían as esporas no máximo aumento do microscopio cunha gotiña de aceite de inmersión.

De Stropharia semiglobata

Son esporas grandes. Non temos obxectivo micrométrico polo que non podemos poñervos as medidas, pero a simple vista xa se ven moito máis grandes que as que vemos habitualmente. A forma defíniríase como elipsoidal, non teñen ornamentación ningunha e pode verse moi ben o poro xerminativo (ese pequeno oco nun dos extremos).

Ata aquí todo ben. Agora collemos un anaquiño dunha lámina, e intentamos ver máis cousiñas. Botámoslle unha gotiña de Rojo Congo, para ver mellor as estructuras.

De Stropharia semiglobata

Esto sería un basidio.

De Stropharia semiglobata


Outro basidio. Os basidios nesta Stropharia son tetraspóricos, é dicir, con catro esterigmas (catro ganchiños dos que colgan as esporas). Certamente poidemos ver esta característica, pero é moi difícil plasmalo nunha foto.

De Stropharia semiglobata

Buscabamos un basidio que tivera aínda as esporas colgando, aquí atopamos 3 pero ningún con esporas.

Na seguinte podemos ver cistidios. Ou iso nos parece...

De Stropharia semiglobata

Máis cistidios.

De Stropharia semiglobata


Mirade os da foto de abaixo que forma tan rara teñen na punta.

De Stropharia semiglobata


Aquí vemos esas estructuras globosas, que aparentemente non parecen nada importante, pero quedádevos co dato...

De Stropharia semiglobata


Non se nos descargou o rotulador, é que probamos a botarlle unha gotiña de Azul de Cresilo, pero aínda non temos moita práctica nas cantidades. Vedes algo raro?
De Stropharia semiglobata


E cando parecía que non ían aparecer...
De Stropharia semiglobata


Aquí o tendes. Un basidio con esporas. E incluso atopamos outro:

De Stropharia semiglobata


E se tivéchedes paciencia para chegar ata aquí, agora ven a parte interesante do experimento. Resulta que se di, nun dos libros dos que dispoñemos, (que por certo nos está axudando a aprender francés) que no xénero Stropharia pode apreciarse a existencia de crisocistidios con KOH (Hidróxido potásico), así que intentámolo; e nun anaquiño de lámina, botamos unha gotiña de KOH, tal e como se dicía. E, efetivamente!! Ou moito nos enganamos ou esto que vos ensinamos son os crisocistidios dunha Stropharia semiglobata, que nas fotos anteriores non se apreciaban.

De Stropharia semiglobata


O noso primeiro crisocistidio. Isto é todo un acontecemento!!

De Stropharia semiglobata


Vense de maravilla!!. Incluso na foto de azul de cresilo o que se ve pode ser tamén un crisocistidio, xa que se di que se pode obter este mesmo efecto empregando unha solución de azul de algodón. O problema é que tiñamos que ter limpado a preparación con amoniaco e pasóusenos ese detalle.
De Stropharia semiglobata


Non digades que non son chulos. Que cousa tan bonitiña. Ata parece que se peinaron para a foto.
De Stropharia semiglobata


E como en toda práctica que se precie, tamén ten que aparecer un "Expediente X", algo que atopamos sen esperalo e que non temos a máis remota idea do que pode ser.

De Stropharia semiglobata


Ser é bonito, pero que é isto?

Ata aquí os nosos experimentos con estas pequenas Stropharias. Agradecemos suxerencias, comentarios, correccións,... que estamos aprendendo e sempre serán benvidos.
Comentarios (0) - Categoría: Microscopía - Publicado o 19-04-2011 10:47
# Ligazón permanente a este artigo
Queda inaugurada a sección de microscopía!!
Xa que estamos en periodo pre-electoral, e nós aínda non temos prohibido o tema das inauguracións, aproveitamos para inaugurar oficialmente a sección de microscopía do noso blog.

Nesta nova sección imos ir colgando diferentes experimentos, descubrimentos e algúns dos moi poucos coñecementos que temos sobre este tema.

Non pretende isto ser unha páxina para a divulgación científica, nin moitisimo menos, xa que somos uns novatos totais nesta materia. Temos moito interese e moitas ganas, pero faltannos medios, faltannos coñecementos, faltannos asesores (alguén se ofrece?) e sobre todo faltanos unha das cousas máis importantes: ter tempo!!! Algo realmente indispensable para adentrarse neste mundillo.

Por iso, avisamos de que todo o que colguemos nesta sección pode ser ou pode non ser o que a nós nos parece. Por que estamos nese momento microscópico no que de 5.000 cousiñas que vemos polo buratiño do micro, temos 4.999 que non temos nin a máis remota idea do que poden ser...

Agradecemos comentarios, aclaracións e por suposto correccións de todos aqueles que xa se iniciaron neste mundo e que seguro que tiveron as mesmas dúbidas que nós.

E para os que inda non lles picou o gusaniño da microscopía animámolos por suposto a que se acheguen, porque os expertos poderán saber moitas cousas, pero hai unha na que non nos poden gañar, que é "a emoción da primeira vez"...

Esta primeira foto que poñemos é dunha esporada dun posible Paneolus papilonaceus var. papilonaceus (Bull. ex Fries) Quélet ,e dicimos posible, porque nesto da micoloxía hai poucas cousas que se poidan afirmar con total seguridade.

Deixamos esporar o cogomelo directamente sobre un porta, e simplemente engadimos unha gotiña de auga destilada (cunhas gotiñas de glicerina, para que non se nos movan moito) e isto é o que vimos.


De Retocando retocando


Este tipo de esporas defínense na bibliografía que manexamos como elípticas ou amigdaliformes, pero non me digades que a súa forma non recorda á silueta dun limón (será correcto dicir limoniformis??, seguro que non!). Tamén se di que teñen un poro xerminativo visible; pois si, podemos afirmar que é visible,... vamos que se ve con claridade, (esto non sempre é sinxelo).

De Panaeolus sphinctrinus


A cor das esporas é a orixinal, non lle engadimos ningún colorante e correspóndese coa cor da esporada en masa, que é parda oscura, case negra


E con isto queda inaugurada oficialmente a sección de microscopía. Tentaremos ir colgando algunha cousiña máis en canto teñamos tempo.
Comentarios (5) - Categoría: Microscopía - Publicado o 18-04-2011 19:49
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal



Contador gratis