Avante Galiza!
'Estamos fartos de saber que o povo galego fala un idioma de seu, fillo do latim, irmao do Castellano e pai do Portugués. Idioma apto e axeitado para ser veículo dunha cultura moderna, e co que ainda podemos comunicar-nos com mais de sesenta millóns de almas (...) O Galego é un idioma extenso e útil porque -con pequenas variantes- fala-se no Brasil, en Portugal e nas colónias portuguesas'.

(Castelão - Sempre em Galiza)



Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet





 SECÇONS
 FOTOGRAFÍAS
 Também ando por:
 PESQUISAR NO BLOGUE
 PESQUISAR EM BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 Artigos destacados

A Xunta apoia ó galego do Val das Ellas
Un ano despois de que o goberno estremeño cualificase o convite galego á colaboración cultural de "delirio imperialista dos nacionalistas", o vicepresidente da Xunta inaugura na localidade cacereña de San Martiño de Trebello un curso sobre A Fala de Xálima.

"Só queremos ofrecer unha man de amigo e a nosa colaboración para un ben tan simbólico e importante como o mantemento dunha lingua como é a fala", explicou Anxo Quintana durante a súa intervención na vila cacereña de San Martiño de Trebello. Aló, e acompañado polo rexedor local, Máximo Gaspar, e por Ana Pérez, alcaldesa do veciño concellos de Valverde do Fresno, e por Antonio Bellanco, alcalde de Ellas, Quintana destacou o vencello de Galiza con estes tres enclaves onde se fala galego.

"Galiza estará sempre interesada en estreitar relacións con todos os pobos e especialmente coa comunidade estremeña coa que ?un dos seus sinais de identidade nos une e nos vencella estreitamente", comentou o vicepresidente. Foi así que propuxo avanzar na colaboración entre administracións coa que reforzar "o labor dos propios falantes da lingua", co obxecto de manter vivo "ese patrimonio que diferenza e enriquece a un territorio".

Un ano desde o enfado do goberno Ibarra
"A administración galega nunca tivo nin terá interese imperial", expresou o vicepresidente da Xunta, lembrando o escasamente diplomático comunicado que o goberno estremeño publicaba hai algo máis dun ano, onde se lía entre outras cousas que "a Junta de Extremadura rexeita as fantasiosas premisas sobre as que se asenta o delirio imperialista dos nacionalistas galegos".

O goberno daquela liderado por Juan Carlos Rodríguez Ibarra respondía en abril de 2006 á petición do BNG no Parlamento galego, onde por aqueles días propoñía instar ao Goberno a que as axudas ao uso da lingua no exterior incluísen o Val das Ellas. "Sería absurdo que mentres Galiza e este val se identifican, as súas institucións se sintan distantes ou enfrontadas", sinalou Quintana este martes.

Fernández Vara asegura que non haberá confrontación sobre o Val das Ellas
Na mesma xornada, o vicepresidente da Xunta tivo tamén unha reunión co actual presidente da Junta de Extremadura, Guillermo Férnandez Vara. O relevo de Ibarra á fronte do goberno estremeño afirmou que o Val das Ellas "temos que convertelo nun motivo de aproximación e cercanía". Ao fío, falou da "dimensión económica" que na súa opinión ten para Extermadura o feito de deixar "as portas abertas a Galiza", destacando o grande interese que existe no seu goberno pola "colaboración económica e política" co noso país. "As linguas non son limitantes. A fala será o que queiran os habitantes do Xálima, e nós comprometémonos a axudar a preservala e mantela", dixo Fernández Vara.

Aproveitando a súa viaxe a Extremadura, Anxo Quintana comentou ademais que iniciativas como a desta visita "non deberan entenderse como un asedio imperialista" senón como "unha oferta de colaboración coas administracións e a sociedade civil de aqueles territorios nos que se fala o galego ou algunha variante". "Trátase unicamente dunha proposta de traballo en rede, para adecuarse á realidade e á complexidade da sociedade actual nun terreo especialmente propicio, pois as linguas non respectan fronteiras ou límites territoriais e administrativos existentes", indicou.

Por outra parte, o vicepresidente chamou a deixarlle aos lingüistas "o papel de determinar a orixe desta lingua" e mentres a mirar porque "ambos pobos e institucións traballen conxuntamente en todo o que sexa preciso para acadar a súa conservación". "Como galego síntome identificado coa Fala, con independencia da súa orixe", destacou.


Velaquí un par de exemplos de xentes do Val das Ellas falando:

Fala das Ellas



Estudo da fala de Gerda Haßler, da Universidade de Potsdam
Comentários (0) - Secçom: Língua - Publicado o 10-07-2007 23:43
# Ligaçom permanente a este artigo
Aupa Athletic!!
O concerto de Kepa Junkera en Ortigueira foi brutal... unha pasada! Mágoa que a choiva deslucise o final :/

O caso é que me fodeu que non tocase esa tan guapa que lle adicou ó que eu considero un dos mellores equipos de futebol do mundo, o equipo do seu natal Bilbo. O que fai o Athletic ten moito moito mérito... de feito eu considero que así é como deberían ser tódolos clubes de futebol. E aínda por riba esta aí, na Primeira División, competindo cos que se supón que son os máis grandes... competindo contra equipos que funden millóns de euros en contratar estrelas foráneas, que lles quitan oportunidades ós autóctonos, que fan do futebol un espectáculo do supercapitalismo, ocultando a súa esenza desportiva.

Kepa Junkera - Athletic Bihotzez
Comentários (2) - Secçom: Música - Publicado o 10-07-2007 20:19
# Ligaçom permanente a este artigo
O que importan as cousas: a reacción ideolóxico-política
Tan importante é que vexan a TVG no Eo-Navia? De primeiras, non. O problema é o que se agocha detrás da decisión, tomada lonxe do Eo-Navia, de que non é bo para os eonaviegos ver unha televisión que non sexa feita en Asturies. Cada vez que a terra de entrambasaugas se reafirma na súa asturianidade dicindo que non a calquera cousa que lembre a Galiza no fondo estase a entregar nas mans dunha planificación económica moi centrada no triángulo Avilés-Uviéu-Xixón que aínda non é quen de encaixar do todo a peculiaridade socioeconómica (non só sociolingüística) do Eo-Navia.

Moita xente de Tapia, A Veiga, A Caridá, etc. recoñecíache que os xornais asturianos tiñan deixado da man de Deus á comarca eonaviega. ?Se non fora pola Voz...!? Tamén gozaba de moitos programas da TVG ou da Radio Galega nos que, por moito que empregaran un galego normativo, éralles máis acaído que a imaxe que deles daban en Uviéu. Xa se sabe: ?De Luarca para allá...? Fronte a iso, escoitar referencias en programas da televisión ou radio galegas aos irmáns e amigos asturianos de Castropol, El Franco, Navia, etc. resultaba máis agradábel. Por moi asturianos que se sentiran. Como é normal, os medios de comunicación do Principado, e diferentes sectores da cultura e política asturianos, reaccionaron. Nada que dicir. Ora ben: como o fixeron? Na estratexia adoptada confluíron varios vectores: ideolóxicos, políticos, económicos, lingüísticos e culturais.

Xa noutras ocasións temos comentado que en Asturies, as teses nacionalistas non tiveron moi boa acollida. Os partidos estatais con implantación en terras asturianas son de corte claramente xacobino: algunhas referencias á unidade da patria (da grande, claro) son dignas do máis puro e rancio centralismo, por moito que en ocasións se mesture con vangardas obreiras internacionalistas ou no seu caso con burguesías potentes que non se poden pechar na ?aldea?. En clave asturianista, unha visión unitaria e homoxénea do que debe ser Asturies tamén choca de fronte coa asunción da especificidade eonaviega. A única vía que atopa o nacionalismo asturiano é a da asimilación pura e dura. Un novo covadonguismo agroma cada vez con máis forza (polo menos mediática): o ?Asturias es España, y lo demás tierra conquistada? é agora sustituído por ?Asturies ye el centru, y lo demás tierra que asimilar".

Nun plano estrictamente político-partidario a dialéctica Asturies-Galiza reflicte uns posicionamentos instrumentais dos que cada quen se serve segundo o rol que desempeña na vida política asturiana. Así, mentres o PSOE estaba no goberno en Uviéu e o PP en Compostela, os populares asturianos pedían contas ao goberno autónomo a respecto dos intentos colonizadores da TVG e do nacionalismo radical galego. Como era de agardar, e sen ningún ánimo de buscar solucións ao problema de fondo, o PSOE botaba en cara ao PP que eles gobernaban en Santiago, que por que non lle pedían explicacións ao Sr. Fraga. [Amentar a este señor en moitas zonas de Asturies era como mencionar a bicha , sobre todo para aqueles e aquelas que fixeran prácticas de atletismo polas rúas carballonas, xixonesas, avilesinas, das cuncas mineiras..., diante duns homes de gris.] A escusa era perfecta. Para os dous. Pero ningún deles encaraba o problema de fondo. Tan só azurraban ás súas respectivas bancadas. Cando o PP acadou a presidencia do goberno asturiano tan só mudaron os papeis xogados por uns e outros.

Salto cualitativo
O salto cualitativo produciuse cando o nacionalismo galego accedeu ao goberno en Compostela. Ao longo dos anos 90 foise observando con preocupación (e certa envexa, tanto positiva como da outra) o ascenso do nacionalismo galego. Con todo, o paraugas Fraga aportaba moita tranquilidade. Certos persoeiros foron mudando a súa percepción do Fraga ex-ministro franquista á do Don Manuel excelente xestor e magnífico dique de contención do perigoso nacionalismo veciño. Pois ben: coincidindo, como nunca se dera, o mesmo partido en Compostela e en Uviéu (non é digno de mención o tripartito de Laxe pola súa brevidade) o partido opositor tiña todo ao seu favor para sacar o maior proveito posíbel: o PP. Nunca tal cousa se vira. Nun primeiro momento, o PSOE entraba ao trapo a todas as denuncias de inxerencia galega. Pouco a pouco foise decatando de que esa era unha vía suicida. Mais aínda seguen coa teima do nacionalismo radical de extrema esquerda. Como se non compartiran responsabilidade de goberno cos seus compañeiros de partido en Santiago.

Todo bo mariñeiro sabe que o vento é moi traidor, que o que hoxe empurra ao teu favor, mañá pode puxar na túa contra. Ben traballo costa saber en Asturies que os señores Feijoo e Quintana se entrevistan, dialogan, tentan negociar (tamén o Estatuto, aquel co que, segundo dicían, o BNG quería anexionar non sei que terras!). Que opinarán algúns da oferta do presidente dos populares galegos ao BNG para acordos puntuais que permitan gobernar á forza máis votada? O sistema tripartito de partidos en Galiza está a estabilizarse cada vez mais. E cada vez vese menos lonxe o trato entre iguais no mesmo. Serán quen de comprendelo na comunidade veciña? Poderán o PP e o PSOE galegos facérllelo comprender aos seus compañeiros asturianos? E iso non empece ren o dereito lexítimo de ditos partidos a discrepar do BNG na súa concepción da lingua e da cultura. Pero tamén se trata de defender condicións de igualdade para as empresas galegas. Por que non van poder facer elas o que si fan outras no mesmo contorno socio-económico? Non podemos seguir consentido anatemas antigalegos coa escusa de que só van dirixidos contra ?esos?.


Un artigo de Farruco Graña.
Comentários (0) - Secçom: Reflexions - Publicado o 10-07-2007 16:35
# Ligaçom permanente a este artigo
O Estado contra o desporte basco
O delegado do goberno español en Euskal Herria ordenou á Avogacía do Estado recorrer os estatutos de 19 federacións desportivas bascas xa que, segundo el, "pretenden outorgar ao deporte basco unha representación internacional" que só dá o Estado.

As federacións afectadas serían a de ciclismo, a de karate, a de deporte adaptado, balonmán, xogos e desportes bascos, atletismo, natación, loita e sambo, halterofilia, ximnasia, surf, hípica, triatlón, automobilismo, rugby, judo e deportes asociados, xadrez, actividades subacuáticas e tiro olímpico.

A lei na que se fundamentan os estatutos recorridos xa fora impugnada polo executivo español ante o Tribunal Constitucional, debido, en palabras textuais "a que pretendía outorgar ao deporte basco unha representación de carácter estatal e internacional que, en opinión do goberno, vulneraba o artigo 149-1-3 da Constitución española", segundo o cal só o Estado ten exclusiva competencia en relacións internacionais.

O delegado do goberno en Euskal Herria, Paulino Luesma, lembrou que o Constitucional xa acordara suspender o relativo á representación das federacións bascas, alén do seu ámbito territorial, e que hai que os suspender, xa que se "opoñen á normativa estatal en materia de desporte".
Comentários (0) - Secçom: Euskal Herria - Publicado o 10-07-2007 16:22
# Ligaçom permanente a este artigo
Cymru gobernado por nacionalistas
Oito anos despois de que dese comezo a 'devolución', o nacionalismo está presente no executivo do Úlster (Éire), Escocia (Alba) e, agora, Gales (Cymru).

Non sendo Éire, Galiza foi en 2005 a primeira das nacións celtas do Atlántico en conseguir un goberno nacionalista. Dous anos despois, en 2007, Alba, primeiro, e agora Cymru, seguen a senda galaica, que xunto co acordo chegado en Irlanda do Norte -coas súas peculiaridades, compoñen un particular póker de pobos sen Estado que ven reflectidos no poder Executivo os seus arelos de autodeterminación.

Este sábado, o Plaid Cymru aprobaba con 225 votos a favor (92%) e 18 en contra referendar un goberno de coalición co Partido Laborista, que a súa vez fixo o propio un día antes, cun respaldo do 78,4%. É a primeira vez, dende que hai oito anos comezase o proceso de 'devolución' (creación de parlamentos e goberno autonómicos con competencias, no Reino Unido), que os nacionalistas conseguen gobernar en Cymru.

'Vice-primeiro ministro'
O líder do Plaid Cymru, Ieuan Wyn Jones, será 'vice-primeiro ministro' do goberno que dirixirá o laborista Rhodri Morgan, e que contará tamén con varios 'conselleiros' nacionalistas.

Jones sinalou que estaba "moi contento" e "moi orgulloso" de ser "o primeiro líder do Plaid en conseguir levar o partido ao goberno". "A decisión que hoxe (polo sábado) levou moito tempo facela realidade. Levou nove semanas negociar un acordo de goberno, mais o Plaid Cymru tardou 82 anos en chegar a este punto".

"Gobernar para todos os galeses"
Ademais, o líder dos nacionalistas manifestou que o Executivo representará "todos os galeses, sen importar onde vivan ou a súa orixe", e que o acordo "non é polo interese de ningún partido , senón polo interese do pobo de Gales". "É un momento histórico na vida do noso partido, na vida dos nosos políticos e na vida da nosa nación", engadiu.

A coalición supón que o Partido Conservador se converta na principal forza da oposición. O seu líder xa sinalou que hai moitos puntos do acordo nos que discrepa, mais prometeu unha "oposición construtiva".
Comentários (0) - Secçom: Cymru - Publicado o 09-07-2007 15:53
# Ligaçom permanente a este artigo
© by Abertal
"Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma"
(Castelao)


Apoiamos a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués


Creative Commons License
Esta obra está licenciada sob uma Licença Creative Commons.



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0