Avante Galiza!
'Estamos fartos de saber que o povo galego fala un idioma de seu, fillo do latim, irmao do Castellano e pai do Portugués. Idioma apto e axeitado para ser veículo dunha cultura moderna, e co que ainda podemos comunicar-nos com mais de sesenta millóns de almas (...) O Galego é un idioma extenso e útil porque -con pequenas variantes- fala-se no Brasil, en Portugal e nas colónias portuguesas'.

(Castelão - Sempre em Galiza)



Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet





 SECÇONS
 FOTOGRAFÍAS
 Também ando por:
 PESQUISAR NO BLOGUE
 PESQUISAR EM BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 Artigos destacados

Referendo basco pola autodeterminazón
O presidente do goberno de Euzkadi, o lehendakari Juan José Ibarretxe manifestou este venres a súa decisión de, "previa autorización" do Parlamento, convocar unha consulta democrática antes da fin desta lexislatura -na primavera de 2009- "porque son os bascos os que deben decidir que futuro queren" e "faga o que faga a ETA".

Ibarretxe asegurou que que en ningún caso aceptará que o futuro de Euzkadi se decida en Madrid, e que chegado o momento, corresponderalle á cámara basca esta responsabilidade. Neste senso sinalou que a consulta popular gozará de toda a "validez política", aínda que manifestou as súas reservas respecto ao aval xurídico co que puidese contar.

O presidente basco realizou estas declaracións en resposta a unha interpelación do deputado do PP, Leopoldo Barreda. Ademais, solicitou respecto para o coñecido como 'Plan Ibarretxe', xa que esta reforma de Estatuto contou coa maioría absoluta do parlamento de Vitoria.
Comentários (0) - Secçom: Euskal Herria - Publicado o 17-06-2007 20:37
# Ligaçom permanente a este artigo
Existe o dereito de ignorar o idioma galego?
Calquera persoa que teña unha idea lixeira da historia deste país, sabe que a lingua galega foi proscrita do sistema educativo desde tempos inmemoriais, unha proscrición que impuxo unha pesada lousa discriminatoria sobre a maioría do pobo. Cando comezou a corrixirse esta inxustiza? Nos anos 70, o Ministerio de Educación deu en admitir que se ensinasen as linguas vernáculas nos centros oficiais, de xeito voluntario e fóra do horario oficial. Ao longo dos anos 80, coa transición democrática e os primeiros pasos da autonomía, o ensino da lingua e a literatura galegas foise xeneralizando nas escolas e institutos.

Na segunda metade desa década artelláronse tímidas medidas que contemplaban a súa utilización como lingua vehicular nun número reducido de materias: por primeira vez, falábase xa non de ensino do galego, senón de ensino en galego. Nos mediados dos anos 90, a Xunta de Galiza promulgaba un decreto que supuña a extensión do seu uso a un terzo do currículum nos ciclos educativos preuniversitarios. Finalmente, neste curso, a Consellaría anunciou que vai aprobar unha norma que disporá a utilización do galego ata a metade do horario lectivo.

GALEGUIZACIÓN DO ENSINO: AVANCES E RESISTENCIAS

Ata o de agora, a lentitude do progreso na implantación do galego viña en certa maneira compensada polo asenso xeral e a aceptación pacífica dos pasos que se foron dando. Pero tamén é certo que practicamente desde que comezou este proceso se ergueron voces denunciando a imposición do galego, que tiveron unha acollida. Non é menos certo que, ao mesmo tempo, tanto colectivos cívicos como expertos viñeron denunciando, con base en estudos sobre o terreo, a existencia de amplas zonas de sombra no cumprimento das previsións legais, que se localizaban fundamentalmente no ensino medio e nos centros de xestión privada. Pode que a opinión dalgúns pais pesase na actitude refractaria desas bolsas de resistencia (máis ben pasiva) cara ao galego, pero a renuencia proviña máis ben das direccións dalgúns centros e de determinados sectores do profesorado.

No caso dos docentes que refugan o uso do galego nas aulas, adoita evocarse a liberdade de cátedra: ninguén pode obrigar un/ha profesor/a a utilizar nas aulas unha determinada lingua. Este argumento é insustentable, pois o profesorado cumpre unha función de servizo público, e debe cumprila nos termos establecidos pola normativa legal. Sen dúbida, un proceso de cambio desde unha situación de predominio excluínte dun idioma (o castelán) fundado na marxinación doutro (o galego) a unha situación de progresiva promoción do idioma postergado, presenta dificultades inevitables, sobre todo para os escolantes.

O PROFESORADO: FACILIDADES E MOTIVACIÓNS

O profesorado ten que dispor de tempo para adaptarse e a administración debe ofrecerlle a posibilidade e as maiores facilidades para obter a suficiente capacidade na segunda lingua. A prudencia aconsella que as autoridades educativas actúen coa maior flexibilidade, atendendo as situacións particulares que poden xustificar un tratamento excepcional, e sempre co maior respecto polas leis e os dereitos individuais. Pero unha cousa é a prudencia e outra moi distinta é o desleixo, que acaba por abrir a porta á irresponsabilidade, e torna as leis en papel mollado.

Na realidade, para unha boa parte de docentes reacios, o problema reside sobre todo na falta de motivación, que pode obedecer a diversas causas, en parte comprensibles: desde que non se saben explicar ben as razóns que xustifican a política de galeguización do ensino, pasando pola carencia de incentivos, ata a simple comodidade, que convida a seguir coa rotina. Sen dúbida, correspóndelle á Xunta e aos líderes políticos actuar con intelixencia, ofrecer explicacións convincentes, motivacións axeitadas e recursos suficientes que faciliten a incorporación do profesorado ao galego.

Hai que dicir que ata agora se bota en falta unha política minimamente articulada neste sentido. Tamén se teñen cometido erros de vulto, sobre os que algún día voltaremos. Así e todo, a maioría do profesorado atinxido, que cumpre a lei (por convicción ou por responsabilidade), conseguiu acompañar o proceso grazas ao seu propio esforzo, e moitas veces con grande xenerosidade.

Pola banda do corpo docente, para cumprir a legalidade neste punto non fai falla sentir un compromiso ou un afecto especiais cara ao idioma galego: abonda cun mínimo de profesionalidade. É certo que o emprego nas aulas dun idioma antes non utilizado lles esixe un sobreesforzo, maior para os que menos o saben. Pero o primeiro que teñen que ensinar os profesores aos estudantes é que aprender esixe empeño: moi mal exemplo dan os que renuncian a saber o galego porque se negan a facer o esforzo correspondente. Canto aos argumentos de tipo ideolóxico (sobre os que de contado tornarei) abonda con sinalar de momento que os ensinantes, por ética profesional, deben coidarse moito de que as súas crenzas persoais, por lexítimas que sexan, interfiran negativamente na formación dos seus alumnos.

CAPACITACIÓN LINGÜÍSTICA E CONVIVENCIA

Pero o argumento maior contra a galeguización consiste en que a opción lingüística é cuestión de liberdade individual: "Que os galego-falantes, se ese é o seu desexo, teñan garantido un ensino en galego; e reciprocamente os castelán-falantes". Esta posición responde a unha radical incomprensión do modelo de convivencia lingüística que deseña a lexislación vixente, convivencia que constitúe un dos piares da nosa democracia. O galego (igual que o castelán) non é lingua oficial da parte da Galiza que o fala, é idioma oficial do país. Non é concibible o mantemento dun mínimo de cohesión social e de sentido de pertenza compartida a un país se cada grupo lingüístico se aconchega en si mesmo dando as costas aos demais.

Por desgraza, esa é precisamente a actitude que, cunha irresponsable curteza de miras, se está a fomentar na España central monolingüe: o galego, o catalán, o eusquera... son cousa dos galegos, cataláns, euscaldúns, non dos castelán-falantes. Este asunto hanos dar azo a unha reflexión futura, deixemos arestora dito que as consecuencias desa actitude son visiblemente funestas e no futuro non distante poden revelarse catastróficas.

En todo caso, a devandita non é a situación das periferias bilingües. Ninguén pode negar aos cidadáns e cidadás en formación deste país, hoxe estudantes dos nosos centros educativos, o dereito a aprender o galego. E non se trata só dun dereito teórico, pois no futuro previsible ese coñecemento vailles resultar útil, se non imprescindible, para desenvolvérense social e profesionalmente en Galiza. A única maneira de facer efectivo o principio de cooficialidade é conseguindo que a xeneralidade dos habitantes da nosa comunidade saiban manexar as dúas linguas a un nivel minimamente operativo, e iso esixe unha presenza maciza do galego no sistema educativo.

En Galiza non existe o dereito de ignorar o galego, como se este idioma fose cousa exclusiva dos que o usamos habitualmente. Os que se organizan para combater a galeguización do ensino están a facer un fraco favor aos estudantes e a propor un derroteiro que só pode conducir este país cara á desfeita.


Un artigo de Henrique Monteagudo.
Comentários (2) - Secçom: Língua - Publicado o 17-06-2007 20:30
# Ligaçom permanente a este artigo
Comida rápida galega
Os profesionais que traballan nas cidades cada vez teñen menos tempo de xantar na casa, un problema para os que levan unha dieta sa. E é que os restaurantes de comida rápida ofertan menús sen suficiente froita ou verdura fresca.

Pero xa hai unha alternativa, chámase Cocó, a primeira cadea galega de comida rápida e, o que máis importante, equilibrada.

Alternativa aos MacDonalds
Cocó é unha iniciativa de Frutas Nieves, firma viguesa con máis de sesenta froiteirías e popular polo seu slogan "De Fruta Madre".

O seu director xeral, Armando Gallar, explica que o público de Cocó son "mozos, que traballan no centro e con pouco tempo para xantar, e tamén preocupados por levar unha alimentación equilibrada". É dicir, algo similar aos Pret a manger, que están a comerlle o mercado aos McDonalds e Burger Kings nas capitais europeas ofertando comida rápida, pero menos calórica.

Proximamente en toda Galiza
Cocó, que xa ten en marcha un restaurante na Gran Vía de Vigo, abrirá outro este ano nesa cidade. A medio prazo, prevé expandirse no resto de capitais galegas. E é que o local da Gran Vía conquistou rápido un público "moi fiel", di o empresario.

Un dos retos de Cocó é adaptar os menús aos gustos galegos. Gallar destaca que os sándwichs, ensaladas e froitas nos que se basea Pret a manger "non son abondo tendo en conta o clima que hai aquí no inverno". Por iso ten un equipo de restauradores e nutricionistas traballando na incorporación de caldos, entre outros produtos.

As cifras de Frutas Nieves
As posibilidades de medrar de Cocó están avaladas pola fortaleza de Frutas Nieves, que ten perto de 100 empregados e move uns 15 millóns de froita ao ano. O grupo, que facturou 12 millóns en 2006, acaba de inaugurar unha nave de distribución no Parque Tecnolóxico de Valadares.
Comentários (2) - Secçom: Notícias - Publicado o 16-06-2007 19:57
# Ligaçom permanente a este artigo
La canción del verano
O Guararey tivo presenza destacada no último mes na blogosfera, mais a medida que se achega o verán as candidatas a “canción del verano” aumentan. Se ben na Galiza aínda é unha incógnita cal pode ser, no Estado as cousas comezan a tomar trazas...

Digo o da Galiza como caso especial porque o ano pasado, e grazas a unha lixeira menor presenza de auto-odio, creouse o concurso A Polo Ghit, que en realidade non tivo grande éxito, pois a cidadanía galega avogou polo reintegracionismo e A Cabritinha de Quim Barreiros foi a clara triunfadora do verán galego.

Esta semana púxenme un pouco ó día visualizando na TV Sé lo que hicisteis... e Buenafuente, e fixen acopio e difusión por medio da miña TuboPáxina de posíbeis grandes “hits”. Sen dúbida o YouTube trocou o noso xeito de vé-lo mundo e abriunos as fronteiras, por exemplo, das bondades da música ecuatoriana... si, son cumbias de toda a vida, mais as letras non ten nengún desperdizo.

Qué precisa unha cantiga para sé-la máis escoitada do verán? En realidade nada... abonda con agardar a que a xente, acalorada polo sol, se embriague de licores varios e cando xa non lle rulen os miolos os pinchas inxéctanlles unha dose de música “chispún chispún” chicle, desa que é mastigábel miles de veces, mais intragábel. Ten que ter unha base pegadiza, unha letra facilona e, imprescindíbel, teñen que saír no videoclip cachondas a mans cheas (chamádeme machista se queredes... mais prefiro iso a ter que ver unha manada de maromos refregándose entresdeles).

Velaquí algunhas das candidatas:

- Os Hermanos Carrión foron os creadores desta perla. Son uns ecuatorianos cumbieiros que nos presentan unha coidada posta en escea... non sei por que é que me lembra a esas orquestras de non hai moito que levaban unhas chaquetas de “lentejuelas” de cores que eran o colmo do horterismo.

Hermanos Carrión - El Guararey


- Ao parecer as féminas víronse ofendidas por tan sublime creación (hai... a eterna guerra de sexos! Esa loita de contrarios que nunca remata...) e decidiron contraatacar. O Grupo Deseo (que consiste nunha chea de cachondas que menean os seus mazizos corpos mentres fan que cantan... Veñen sendo as Sex Bomb ecuatorianas. Respostáronlles aos irmáns Carrión creando a frase máis bruta que nunca escoitei en cantiga algunha: “Algunos padres se creen que sus hijos son bien machos... cuántas veces habrán puesto boca abajo a los muchachos”.

Grupo Deseo - El Guararey


- Pero estas féminas non só saben contraatacá-lo dano feito contra o orgullo feminino (realmente alguén se pode ofender con estas... “cousas”?), tamén son quen de creá-las súas obras de seu... é así como nos amosan que son amantes da natureza e teñen adoptado un coelliño.

Grupo Deseo - Mi Conejito


- Teño eu feitas miles de brincadeiras sobre o ataque ó World Trade Center, a cada cal máis bruta (si, son un deses tipos que fan humor negro), mais teño que confesar que o señor Delfín Quishpe dáme mil voltas.

Delfín Quishpe - Torres Gemelas


- Tamén poderíamos meter entre as candidatas a esta perla... se o que pretendemos é traumatizar ós mozos que se sobrequentan nas discoteques coa calor, os corpos apenas tapados, os licores varios e o roce dos corpos, un gran xeito de evitar embarazos non desexados.

Las Hijas de la Tigresa del Oriente - Que viva el amor


- E si... eu tamén me preguntei de onde sacarían ese nome para o seu grupo... velaquí a resposta:

La Tigresa del Oriente


- Pero xa abonda de importar á Europa cantigas latinoamericanas... aquí tamén temos xenio creador dabondo para crear grandes obras. Da mesmísima España sae unha cantiga baseada nunha personaxe clásica dos chistes españois: Jaimito. Que digo eu... se queren rematar co absentismo e o fracaso escolar abondaría con poñer mestras como a de Jaimito, non? Asegúrovos que non había haber alumno que estivese na clase mirando ás musarañas... todo o mundo atendendo á mestra!
Lémbrome agora de dúas mestras que tiven eu, un pouco do xeito da de Jaimito... e asegúrovos que nunca tanto interése puxen nas clases de lingua española (o meu amigo Anxo, que sentaba ó meu lado, ría toda a clase porque eu estaba todo o tempo mirando ó cu daquela impoñente pelirroja [cómo carallo se di “pelirroja” en galego?? xa tiven esta dúbida hai un par de meses cando andaba unha ídem tras de min]) e nunca tantas ansias tivemos eu e os meus amigos en ir á escola de idiomas a aturar unha hora de inglés coma cando viñera a sustituí-la nosa mestra aquela loira... que andabamos todos pendentes do reloxo a ver cando era hora de ir ás clases...

Jaimito is in da house


- E para rematar... a menos repetitiva de todas. É incríbel, mais a tipa canta durante catro minutos sen repetir nin unha soa verba. Vina a primeira vez vía Yonkis e logo repetírona taitantas veces en Buenafuente; logo foi a protagonista do videoclip ó programa e confirmeino... esa muller está “de toma pan e molla”!! Ademais é italiana... bufff como me poñen as italianas!!! Cando din iso de “alora”... Deixo o tema que me emociono. Un saúdo a María Antonia!! :) e tamén a Estella!! :D

Tata Golosa - Micromanía
Comentários (6) - Secçom: Música - Publicado o 15-06-2007 18:50
# Ligaçom permanente a este artigo
Tangallego comoelgallego
Hai un grupiño de xente con apelidos moi compostos e filiación inequívoca que anda a recoller asinaturas en contra do noso idioma. Seica van polas dez mil, e non dubidamos que serán algunhas máis. Segundo eles, estase a producir unha imposición da lingua no ensino. O seu argumento-estrela é que o español é tan galego coma o galego.

Imos intentar desentrañalo por consenso científico. A ver logo. Aplicamos a lóxica que nos ensinaron (en español, só en español, sempre en español) na escolarización media e primaria. Non hai présa.

-Principio base: calquera cousa é igual a si mesma. Se A é igual a A, A é igual a A. O español é igual a si mesmo e o galego tamén. Espero que ninguén se sinta ofendido por este principio.

-Principio base avanzado ou axioma da ra Gustavo: se unha cousa é igual a si mesma e aparece unha segunda cousa que é igual á cousa anterior, as dúas cousas son iguais. Exemplo (vid. Barrio Sésamo): certo número 3 vai andando a brinquiños por un centro comercial. Busca impaciente a máquina de refrescos. De repente aparece outro número 3 brincando nervioso. Os dous quedan parados. O segundo número 3 non busca un refresco, senón a súa filliña, a letra P, que acaba de escaparlle para a sala de xogos. Nada máis verse, o primeiro número 3 e o segundo número 3 detéñense e crávanse a mirada. Acaban de descubrir que son iguais! E senten alegría, unha inesperada proximidade (en Barrio Sésamo a xenética non existe).

Como todo o mundo viu algunha vez Barrio Sésamo, non reproducimos o resto da historia. É moi entrañable e ao final, xa adiviñaría o astuto lector, a máquina de refrescos estaba dentro da sala de xogos.

-Principio tangallegocomoelgallego: un 4 vai saltando co seu único pé polo centro comercial de antes. Busca a máquina de refrescos. Segundo tangallegocomoelgallego, cando aparece 3 en escena, 4 dálle unhas palmadas nerviosas. “Ei! Ti e mais eu somos iguais!!”, di con satisfacción. A escena conxélase.

Sae a ra Gustavo, didáctica: “queridos nenos, este número está confundido. El di que é igual a 3. Vós que pensades?”. Nenas e nenos de medio mundo, sentados frente á tele da casa coas perniñas colgando, berran “Nooon! Son distintos!”. E entón vén o monstro das galletas e canta a canción dos dez números. Publicidade.

-Conclusión A: o galego é tan galego coma o galego. O español ten máis sorte; é en todo igual a si mesmo pero ademais pode ser igual a outra cousa.

-Conclusión B: o español é tan español coma o español e tan galego coma o galego. Pero o galego non é tan español coma o español –isto último creo que pode entendelo incluso un españolista-.

BIBLIOGRAFÍA (en español, claro)

Lógica fluida : una alternativa a la lógica tradicional, DE BONO, Edward, Ed. Paidós
Constitución española, VV.AA, Ed. Castillejo
Barrio Sésamo – Aprenda con el monstruo de las galletas, Ed. Planeta Junior

Un artigo de Xabier Cordal.
Comentários (5) - Secçom: Denúncia - Publicado o 15-06-2007 18:21
# Ligaçom permanente a este artigo
[1] ... [4] [5] [6] 7 [8] [9] [10] ... [13]
© by Abertal
"Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma"
(Castelao)


Apoiamos a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués


Creative Commons License
Esta obra está licenciada sob uma Licença Creative Commons.