Avante Galiza!
'Estamos fartos de saber que o povo galego fala un idioma de seu, fillo do latim, irmao do Castellano e pai do Portugués. Idioma apto e axeitado para ser veículo dunha cultura moderna, e co que ainda podemos comunicar-nos com mais de sesenta millóns de almas (...) O Galego é un idioma extenso e útil porque -con pequenas variantes- fala-se no Brasil, en Portugal e nas colónias portuguesas'.

(Castelão - Sempre em Galiza)



Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet





 SECÇONS
 FOTOGRAFÍAS
 Também ando por:
 PESQUISAR NO BLOGUE
 PESQUISAR EM BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 Artigos destacados

Sobre idiomas, dialectos, linguas e falas
O carácter social da linguaxe pódese explicar dende dous enfoques, o estrutural e o sociolingüístico. Lingüistas coma Saussure e Coseriu investigaron o seu carácter estrutural, que se basea na tradizón e nas variacións dentro dun idioma, mentres que Labov e Milroy fixérono dende o punto de vista sociolingüístico, que se basea no uso social do idioma.

Enfoque estrutural
A realidade dos usos lingüísticos é heteroxénea e variábel... utilizamos a lingua de xeito distinto en cada ocasión na que falamos, nembargantes, entre grupos humanos de falantes é posíbel entenderse sempre que haxa algo en común para entendermos.

Segundo Saussure unha lingua ten dous conceptos: a variedade real ou fala, que é heteroxénea, e o común ou lingua, que é homoxénea. Unha fala é unha realidade variábel dos usos lingüísticos (parole), mentres que unha lingua é o nexo común entre estes usos lingüísticos (langue).
Este punto de vista non é axeitado para tódolos casos, pois fica curto para explicar algunhas cousas coma o porqué o inglés da Inglaterra está máis preto do da Irlanda que o da India co dos EUA. Dentro do inglés precisaríase dunha variedade cun código máis específico do inglés da India para achegalo aos foros internacionais; semella logo imprescindíbel facer unha clasificación das posicións ou codificacións intermedias antes de chegar á fala, pois non hai un único nivel (lingua) senón unha graduación.

Para solventar este problema Coseriu fixo unha distinción tripartita:
Sistema—Norma—Fala
.
Que é logo esta “norma”? A Norma emprégase para recoñecer variedades dentro dun sistema lingüístico amplo, é un concepto que alude ó que é frecuente no uso lingüístico dentro dun grupo; esta norma ten catro factores:
- Variedade histórica, por exemplo o castelán medieval.
- Variedade xeográfica, por exemplo o inglés na Escocia.
- Variedade social, por exemplo a xerga empregada pola mocidade.
- Variedade situacional, que depende do contexto no que se desenrole.
Compre non confundir esta Norma coa Norma Académica, que é un conxunto de principios e regras impostos.

Se tomamos como exemplo o castelán temos 3 estándares: Peninsular, Centroamericano e Sudamericano. O Estándar é unha variedade que obriga a ir ós catro factores da norma; o castelán da península cumpre con ser unha variedade histórica actual, unha variedade xeográfica peninsular, unha variedade social (media) que está na xente con estudos medios e unha variedade situacional de rexistro formal.
O Sistema (Sistema—Norma--Fala) é o común a tódalas variedades: Castelán.

Chegados a este punto cómpre facer unha diferenza (realizada tamén por Coseriu) entre Lingua Funcional e Lingua Histórica:
- Unha Lingua Funcional é, como o propio nome o di, unha lingua que funciona, que está activa, que ten características xeográficas, temporais, sociais e situacionais.
- Unha Lingua Histórica contén no seu interior distintas linguas funcionais, porque os estándares varían ó longo dos séculos.

Estas distincións permitiron delimitá-las variacións dentro dun idioma e non serven para establecer relacións interidiomáticas. Grazas á introdución de Sistema—Norma--Fala desapareceu a noción de Lingua, e isto foi unha vantaxe, porque antes discutíase moito sobre o que era “lingua” e o que era “dialecto”. Deste xeito podemos dicir que dentro do Sistema “castelán” o “andaluz” é unha Norma (variedade).

Enfoque Sociolingüístico
Labov estudou as características peculiares do inglés dos negros de New York e revalorizou variedades lingüistas antes desprezadas; comezou a darlle importanza a calquera xeito de falar unha lingua. A sociolingüística de Labov trouxo o benestar ós falantes.

Milroy fixo as súas investigacións sobre o inglés en Belfast; ó igual que Labov quixo traballar con comunidades de fala (protestantes e católicos), mais non obtivo bos resultados e trocou o seu plantexamento... o que tiña importanza era como se comunicaban os individuos particulares. Milroy observou que as mulleres saían da zona católica, polo que o seu inglés era moi diferente ó dos seus maridos, deste xeito xurdiu a “sociolingüística de redes”.

A sociolingüística deulle importanza ás variedades dun idioma, as variedades intraidiomáticas, mais o seu papel estelar cómpreo nas variedades interidiomáticas (entre linguas).

As Variedades Intraidiomáticas reflicten unha poboación multicaracterizada: homes, mulleres, adolescentes, xente con estudos primarios, católicos, negros,...

Nas Variedades Interidiomáticas o criterio da intelixibilidade é o que permite que certas variedades pertenzan a un sistema; non serve para linguas isoladas coma chinés ou o euskara. Unha lingua ou idioma é entón (oficialmente) un instrumento de comunicación que foi recoñecido como tal nunha comunidade político-cultural para cubrir funcións administrativas e institucionais. Un alto porcentaxe de linguas no mundo sono porque se diferenzan con claridade doutras linguas e porque teñen tradizón histórica, son Linguas por Distancia (ex: castelán-italiano); outras linguas non teñen unha longa historia e manteñen semellanzas fortes con outras linguas achegadas, son Linguas por Elaboración. Exemplos de Linguas por Elaboración serían os seguintes:
- Noruegués: está preto do danés; alá polos anos 30 quíxose facer unha lingua estándar do noruegués para afastalo do danés, polo que comezou un proceso de elaboración no que elixiron unha variedade popular afastada deste, o Nyorsk. O sueco, o danés e o noruegués son linguas distintas que se entenden entre si (coma o castelán e o italiano).

- Hebreo: era unha lingua que deixara de ter falantes (en Lingüística non se fala de “linguas mortas”) por mor da emigración de xudeus cara diferentes lugares do mundo. Trá-la II Guerra Mundial fundouse o Estado de Israel e os xudeus decidiron que o hebreo era a lingua que debía representar ó seu Estado, deste xeito entrou en proceso de elaboración e hoxendía é a lingua oficial de Israel.

Diferentes concepcións de Lingua
Sería convinte ter en conta as diferentes definicións de “lingua” para poder chegar a discernir as diferentes posicións das administracións (Estados/Comunidades) fronte a elas:

- Lingua Nacional: Nace á par que unha cultura e manéxase no marco dunha comunidade social; polo feito de nacer á par que esa cultura identifica a esa comunidade: català, galego, euskara, chinés, guaraní, mapuche, inuit, alemán... Unha Lingua Internacional non se define por unha cultura, senón que é un mero instrumento para comunicarse (Inglés) e permanece polo número de falantes, unha Lingua Nacional ten problemas e riscos de desaparecer que non ten unha Internacional (non é así no caso alemán por estar defendido por un Estado de seu que ademais é posuidor dunha economía forte), e para que permaneza ten que ser natural e sentida polos falantes que habitan unha comunidade (é dicir, ausenza de auto-odio).

- Lingua Oficial: é unha lingua que foi proposta como medio para uso na administración e na actividade educativa nunha unidade político-cultural. Exemplos: Na Galiza a lingua nacional é o galego, as oficiais o galego e o castelán; no Éire a lingua nacional é o inglés, as linguas oficiais o inglés e o gaélico; nos países africanos as linguas nacionais son as linguas africanas, as linguas oficiais son as linguas europeas; en Kenya a lingua nacional é o Swahili, a oficial o inglés.

- Linguas Híbridas: son resultado da mestura doutras linguas e instrumentos de comunicación:
--Lingua Pidgin: xorde unha Lingua Pidgin cando os interlocutores manexan linguas distintas e precisan comunicarse, son comúns na Polinesia actualmente e fórono na Europa durante a Idade Media: Provenzal.
--Lingua Criolla: é unha Lingua Pidgin de segunda xeración, pasada de pais a fillos e durante varias xeracións, herdada e xa adquirida.


CONCLUSIÓNS:

Primeiramente que todo este “rollo” púxeno, a parte de por consideralo moi interesante, para amosar que o que eu penso/digo non parte dunha ida de olla calquera, senón que parte do coñecemento... agora si, conclusións:

- Falar de idiomas fronte a “dialectos” é vello, retrógrado e desfasado. Tódalas variedades dunha lingua son igual de dignas e non hai ningunha superior a outra.

- O galego, que aínda é considerado por moitos coma un “dialecto”, é unha lingua en si mesma, pois ten diversas variedades históricas, o galego-portugués; variedades xeográficas, bloques oriental, occidental, central, Galiza, Norte de Portugal, Brasil, Angola, etc; variedades sociais, os mozos falan distinto dos vellos, os mariñeiros dos de interior, etc; e variedades situacionais, na rúa, na escola, na administración, na TV,...

- O galego é unha lingua histórica, mais tamén unha lingua funcional, útil e utilizada. Ademáis, non só é a nosa Lingua Nacional, senón que a colonización portuguesa permítenos falar en galego (con diferentes sotaques) en América do Sul, en África e en Asia; trocando as características xeográficas, sociais e situacionais (estas dúas cambiantes mesmo dentro dun mesmo ámbito xeográfico como o galego).

- É unha hipocrisía dicir que pretenden impornos o galego e dicir que o están aportuguesando, pois o hebreo deixou de ter falantes e logo recuperounos... alguén puxo o grito no ceo por iso?? Alguén di hoxendía que o islandés non é unha lingua, que Islandia non é un país? Pois Islandia pertencía a Noruega, do mesmo xeito que hoxe Galiza pertence a España. O noruegués ten un Estado de seu que o defenda, por iso a xente non considera “nacionalistas” aos que o falan; é entón o non ter Estado propio o que produce este auto-odio galaico.

- O galego e o portugués non son dúas linguas distintas, senón normas distintas dunha mesma lingua (variedades), todas (Galiza, Brasil, Cabo Verde,...) igual de dignas e útiles para comunicarnos entre nós.

- A relación galego-castelán non é idioma-dialecto como tanto se dixo, se quixo facer pensar e se segue a predicar dende algúns sectores, senón que ambas pertencen ao mesmo Sistema Interidiomático, que inclúe, entre outras: Galego/Portugués, Castelán, Catalán, Provenzal, Francés, Aranés, Italiano, Occitano, Francoprovenzal ou Veneciano. As semellanzas, por exemplo, galego-catalán, son innegábeis: de non ser polo imperialismo castelán comezado por Isabel de Castela a Península estaría máis unida lingüisticamente por ter ambas referenzas provenzais, ex: t'estimo molt-estímote moito/te aprecio. E si, o galego tamén ten semellanzas co castelán, igual que coas outras linguas deste Sistema; mais eu teño tido moitas máis facilidades para tratar con xente doutras linguas polo galego que polo castelán... por poñer uns exemplos “ó tuntún” (galego-X-castelán): fiestra-fenêtre-ventana, áncora-ancora-ancla, xeito-jeito-modo, parolar-parlare-hablar.
Comentários (0) - Secçom: Língua - Publicado o 27-06-2007 18:05
# Ligaçom permanente a este artigo
Aprender euskara

Arratsalde on!

Teño buscado pola rede algúns cursos de euskara deses por correo electrónico, para pillar nocións básicas, pero a meirande parte deles eran unha merda pinchada nun pau que apenas ensinaban ama, aita, ni/nik e o verbo egon... iso está ben se todo o que queres é chamarlle a alguén aker [cabrón] coma quen non quere a cousa, mais se o que pretendes é saber entender mínimamente un texto en euskara e entendé-las cantigas que cantas en euskara das que non sabes máis ca o tema que tratan, pois como que non vale de moito.

Até o de agora o máis que aprendín foi grazas a unha cantiga en galego e euskara dun disco eusko-galaico en homenaxe ó movemento xurdido na Galiza trá-la catástrofe do Prestige; e o máis útil, véxase pedir tabaco, cervexa e entrarlle a algunha rapaza, aprendéronmo na viaxe que fixen a Euskal Herria co meu curmán, o Pita. Mais o outro día deume por procurar a ver se había algo con xeito por internet e topeime cun curso que ten moi boas trazas, e vou probar a ver se podo aprender aínda que non sexa máis que para ligar cunha basca, hehe. Que moita fama hai de que coas bascas non hai quen ligue e todo iso, pero á hora da verdade e/ou por experiencia persoal afirmo e confirmo que as galegas son moito máis pechadas; e como di un amigo meu cubano... “cualquiera le lleva la contraria a una gallega!!”. Ou será que as de aquí xa me coñecen?? XD

En fin... que vou imprimí-lo curso ese e ireille botando unha ollada cando vaia tendo tempo; mentres poñen anuncios na TV durante House, mentres agardo a que fervan os macarróns e esas cousas... hehe

O máis difícil é que, ó ser unha lingua que non parte do latín, as raíces e referenzas que teño do galego/português, castelán, francés ou italiano non me serven de nada; o máis doado, que a grafía é igual á do castelán ou do galego RAG, de xeito que o tema da pronunciazón está amañado. :)

Se a algún lle interesa, e para todo aquel ó que lle picase a curiosidade, podedes atopalo aquí.

Gora euskaraz! :)


P.D.- Son un “friki” raro, non?? A meirande parte da xente á que lle da por aprender unha “lingua rara” decántase polo xaponés... mmmm... xaponesas!! Bah... a fin de contas é moito máis barato viaxar a Euskal Herria que ó Xapón! hehehe
Comentários (6) - Secçom: Cousas Minhas - Publicado o 25-06-2007 18:22
# Ligaçom permanente a este artigo
Txalaparta
A Txalaparta é un instrumento musical basco. Os instrumentos musicais máis representativos de Euskal Herria son a trikitixa, a alboka e a txalaparta.

A txalaparta como instrumento consiste en dous cabaletes que sosteñen unhas táboas, e estas son golpeadas con catro paus (dous por persoa, téñena que tocar dúas persoas) para facelas soar; é unha especie de xilófono en versión primitiva.

Normalmente unha imaxe vale máis que mil palabras, así que mellor que o vexades por vós mesmos:

Txalaparta
Comentários (1) - Secçom: Euskal Herria - Publicado o 25-06-2007 18:03
# Ligaçom permanente a este artigo
A rede é políglota
Sabías que existen 30 diferentes palabras para a cor branca en Inuik, que o kichua ten dúas formas de dicir ‘nós’, coñeces as diversas formas que toman o pronome ‘ti’ en tiwi? No mundo existen máis de 6.000 linguas, a maioría condenadas ao esquecemento e máis do 50% deles están o perigo de extinción, segundo alertan os expertos.

Enfrontadas á cultura occidental e á presenza dominante de idiomas como o castelán, portugués e inglés, as linguas indíxenas como o kiliwua en México, o ona e o puelche en Arxentina ou o ditamarí e o berba en África, apenas sobreviven polo uso que fan delas pequenos grupos de persoas, na súa maioría anciás.

Pero tamén hai outras como o kichua, o aymara ou o guaraní, cuxo futuro parece máis prometedor, pois en conxunto fálanas máis de 10 millóns de persoas e moitos gobernos apadriñan a súa existencia con distintos programas educativos, culturais e sociais. As novas tecnoloxías, ademais, convertéronse na gran esperanza para a súa difusión e promoción.

Aínda que para algunhas internet e as novas tecnoloxías favorecen a homoxeneización da información e marxinan ás linguas indíxenas, a verdade é que nos últimos anos non pararon de aparecer iniciativas novas que conseguiron sacar a moitas linguas indíxenas das súas aldeas.

Infinitas posibilidades
Editar un blog en kichua, aprender o Pitjantjatjara australiano a través de gravacións online ou coñecer as expresións máis utilizadas do guaraní son algunhas das posibilidades ás que se poden asomar os internautas.

Filólogos e lingüistas lanzáronse a crear webs con información e recursos sobre as linguas coas que traballan e gobernos e Estados comézanse a implicar para tratar de frear a desaparición das súas linguas indíxenas, o que para moitos é considerado un "xenocidio cultural".

Esta mesma semana, a Organización de Países Non Aliñados (NOAL) aplaudiu na UNESCO unha iniciativa do goberno venezolano encamiñada a protexer as linguas indíxenas a través das novas tecnoloxías. A iniciativa venezolana fortemente vencellada a internet e á creación de redes de comunicación en liña recibiu o respaldo de numerosos países, entre eles Colombia, Honduras e Guatemala, países cun importante compoñente lingüístico indíxena.

O embaixador de Venezuela en Franza, Jesús Arnaldo Pérez, explicou que hai que utilizar calquera plataforma que estea dispoñible para salvar as linguas. "O noso deber é salvagardar un patrimonio cultural de incalculábel" valor universal, rexional e local", afirmou.

Outras entidades, como a Academia da Lingua Kichua, con sedes en Cuzco e en Ecuador, apostan tamén polas novas tecnoloxías. "A rede de redes foi xerme dun gran movemento de revalorización do idioma e a cultura indíxena, xunto co movemento de reivindicación social e política en América Latina", explican desde a Academia de Ecuador.

Asociacións de apoio ás linguas indíxenas de Perú tamén teñen unha forte presenza en internet. "No noso país existen arredor de 80 linguas e dialectos. Moitos deles están por desaparecer. Así como a xente se preocupa por conservar o Chan Chan ou o Machupichu, tamén se deberían preocupar por este patrimonio non tanxíbel. A través de internet podemos pór en marcha campañas de concienciación e sensibilización, ademais de difundir a beleza e variedade das nosas linguas", explica Modesto Gálvez Ríos, da Dirección Nacional de Educación Bilingüe Intercultural de Perú.

A Universidade Iberoamericana Cidade de México tamén se sumou ao carro das novas tecnoloxías para traballar na difusión das linguas indíxenas. "Un total de 20 linguas indíxenas de México, case unha terceira parte das que aínda existen no país, están en perigo inminente de extinción", advirte Sylvia del Valle, profesora do centro.

Software indíxena
"Ante este desacougante panorama formulámonos utilizar Internet como plataforma de difusión barata e accesíbel. Creamos un campus virtual onde os estudantes interesados poden aprender linguas como o cucapá, o seri, o kikapu ou o aguacateco, todos idiomas que corren perigo de desaparecer ante a falta de usuarios e o seu desprazamento polo uso do castelán", engade.

"Entre os estudantes recollemos documentación da gramática e o alfabeto destas linguas que colgamos no campus e realizamos entrevistas online a persoas da terceira idade, que son as que xogan o papel de mestres activos de ditos dialectos", explica Del Valle.

Ante o aumento da sensibilidade para a protección das linguas indíxenas e o incremento de páxinas webs, foros e recursos online sobre estes idiomas, algúns sistemas operativos comezaron a lanzar as súas versións en idiomas como o kichua ou o guaraní.

Microsoft conta con traducións a varias linguas indíxenas dos seus programas máis importantes. "Isto permite que millóns de persoas kichua-falantes de América Latina accedan á tecnoloxía no seu idioma e cultura e poidan difundila en todo o mundo para alcanzar o máximo do seu potencial", afirmou Juan Alberto González, director de Microsoft para a rexión andina de Perú.

Unha iniciativa similar levouse a cabo en Canadá, onde a empresa Web Networks xerou un software libre que ofrece a posibilidade de crear páxinas online en inuktitut (unha lingua aborixe de Canadá), ademais de lle dar á comunidade inuit a oportunidade de publicar textos en liña na súa lingua natal.

Planeta políglota
Das case 7.000 linguas que existen no planeta, entre 4.000 e 5.000 están clasificadas como indíxenas, segundo estudos de Darrell Addison Posey, profesor da Universidade de Oxford e galardoado polas Nacións Unidas co premio cultural 'Global 500'.

O maior número de idiomas fálase en Papua Nova Guinea, onde se distinguen 847 linguas diferentes. Séguenlle Indonesia con 655, Nixeria con 376, India con 309, Australia con 261, México con 230, Camerún con 201, Brasil con 185 e Zaire con 158.

As linguas máis ameazadas son aquelas con menos de mil falantes. Máis de mil idiomas son falados por entre 101 e mil persoas. Outros 553 son falados por apenas 100 persoas ou menos.

Segundo o estudo de Posey, 234 linguas morreron nos últimos 15 anos. E algúns investigadores calculan que nos próximos cen anos o 90% dos idiomas do mundo se extinguirán ou estarán por se extinguir.

A UNESCO tamén advertiu que a metade das linguas existentes no mundo podería perderse dentro de "poucas xeracións", debido a presións culturais e económicas.

O organismo difundirá despois do verán un amplo estudo sobre as linguas indíxenas de Asia e América Latina, co que aspiran a chamar a atención sobre o fenómeno.

Desde 1999 e por iniciativa da UNESCO, cada 21 de febreiro celébrase o Día Internacional da Lingua Indíxena. Ademais, existen acordos no sistema da ONU, como a Declaración Universal sobre a Diversidade Cultural e o seu Proxecto de Acción, de 2001, e a Convención para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial, de 2003.

Tamén está a Recomendación sobre a Promoción e o Uso do Plurilingüismo e o Acceso Universal ao Ciberespacio, de 2003, e a Convención sobre a Protección e Promoción da Diversidade das Expresións Culturais, de 2005.
Comentários (0) - Secçom: Língua - Publicado o 25-06-2007 17:56
# Ligaçom permanente a este artigo
A necesidade de alzá-la voz
Cando os nazis viñeron a polos comunistas fiquei calado; eu non era comunista.
Cando encadearon aos socialdemócratas fiquei en silenzo; eu non era socialdemócrata.

Cando chegaron a polos sindicalistas non dixen nada; eu non era sindicalista.
Cando viñeron a polos xudeus non pronunciéi palabra; eu non era xudeu.

Cando viñeron a por min non quedaba ninguén para dicir algo.


(Bertolt Brecht)
Comentários (6) - Secçom: Reflexions - Publicado o 24-06-2007 18:20
# Ligaçom permanente a este artigo
© by Abertal
"Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma"
(Castelao)


Apoiamos a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués


Creative Commons License
Esta obra está licenciada sob uma Licença Creative Commons.