Avante Galiza!
'Estamos fartos de saber que o povo galego fala un idioma de seu, fillo do latim, irmao do Castellano e pai do Portugués. Idioma apto e axeitado para ser veículo dunha cultura moderna, e co que ainda podemos comunicar-nos com mais de sesenta millóns de almas (...) O Galego é un idioma extenso e útil porque -con pequenas variantes- fala-se no Brasil, en Portugal e nas colónias portuguesas'.

(Castelão - Sempre em Galiza)



Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet





 SECÇONS
 FOTOGRAFÍAS
 Também ando por:
 PESQUISAR NO BLOGUE
 PESQUISAR EM BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 Artigos destacados

Celtismo ou anticeltismo?

A ciencia apoia o mito do celtismo

Un grupo de historiadores e arqueólogos da Universidade de Santiago irrompen no debate sobre a orixe dos galegos cun traballo que foxe da mitoloxía e abunda nos datos historiográficos.

A terceira vía. O termo non lles gusta porque lembra a Tony Blair, pero é a proposta que fan un grupo de arqueólogos e historiadores da Universidade de Santiago pra interpretar, en clave céltica, a cultura castrexa galaica do último milenio antes de Cristo. A proposta intenta superá-lo enfrontamento entre partidarios da presenza dos celtas en Galiza e os que negan dita pegada; son estas unhas discrepancias que viñeron consolidándose nos últimos anos, sobre todo baseándose nos resultados das escavacións arqueolóxicas.

A situación de partida é que despois de máis de 150 anos de influencia do mito acuñado por Murguía e os seus contemporáneos, arqueólogos e historiadores pasáronse alén, para negar toda presenza dos celtas en Galiza. Francisco Javier González García, doutor en Xeografía e Historia pola Universidade compostelá, é o coordinador do libro Os pobos da Galicia céltica (Akal) un traballo de máis de 600 páxinas elaborado por nove especialistas e que se presenta como un intento de interpretación histórica do último milenio antes de Cristo no sector noroeste da Península en clave céltica, interpretación que intenta desvincularse das visións celtistas tradicionais.

Sostén este especialista xa na segunda páxina deste libro que con respecto aos celtas e ao celta, "a Galicia actual sofre un desdobramento de personalidade" de tal modo que "a investigación sobre a protohistoria galega vive sumida nesa dualidade, nesta oposición entre celtistas e anticeltistas". Como exemplo desa situación cita a reportaxe publicada nos Domingos de La Voz o 25 de novembro do 2001 baixo o título de ¿Somos celtas os galegos?, un traballo que, segundo recoñece, impulsou a estes nove especialistas, vinculados co Laboratorio de Patrimonio, Paleoambiente e Paisaxe da Universidade compostelá e ao Instituto de Estudos Galegos Pai Sarmiento, a elaborar esta documentadísima publicación.

RESTOS ARQUEOLÓXICOS

As opinións de entón seguen vixentes, segundo din, e van dende a de Antonio da Peña Santos negando calquera peso e importancia ao compoñente céltico, tanto no pasado como no presente galego á de Blanca García Fernández -Albalat para a que en Galiza todo é celta, dende a cultura castrexa até o folclore actual.

Desta última opinión discrepa Dolores Bastos, unha das museólogas do castro e museo de Viladonga, un dos máis importantes do noroeste peninsular, ao apuntar que neste lugar apenas hai restos celtas e estes reduciríanse a torques achados tanto no castro como nunha leira do municipio de Sarria; estas últimas foron achadas durante unhas obras nunha leira particular e trátase de dúas pezas de ouro de 414 e 242 gramos que se exhiben en devandito museo e están datadas entre os séculos IV e II antes de Cristo. Carolina Pérez e Marta Cancio, outras dúas especialistas deste castro, amosan dous novos muros descubertos nas últimas escavacións.

En As Pontes tamén se está escavando un circo lítico —a piques de ser destruído por unha nova estrada— que, segundo os arqueólogos, podería ser usado polos celtas para os seus ritos, pero é moi anterior a eles. O mesmo ocorre nesta zona coas chamadas Medoñas de Cheiván, no alto de Espiñaredo: "Están aí diante, no medio dos toxos; o monte aínda é noso", explica un veciño do lugar, que amosa unha planicie no alto, cuberta de monte baixo, con moita auga e uns peculiares bloques rochosos espallados no que podería ser un enterramento megalítico pero non é celta, apunta González García. Neste senso apunta que en Galiza "non hai enterramentos celtas e por iso non atopamos armas, que son habituais neles, como pode verse noutros lugares de España".

TOPONIMIA

Tamén matiza as crenzas acerca dos torques de ouro, "que moitos se empeñan en que era algo así como a cartilla de aforros da tribo, onde ían gardando o seu ouro, pero estes torques existen en moitas outras culturas e normalmente levábanos as divindades".

Para este especialista, os topónimos son unha das pegadas máis claras da presenza celta en Galiza, algo que Antón Tovar xa expuxera nun traballo que titulou Etenia e lingua na Galicia antiga: o problema do celtismo, presentado nun congreso que tivo lugar en Santiago. Dicía Tovar que xunto con celtas de orixe celtibérico, en Galiza é seguro que houbo outros celtas e cita como proba diso datos de Plinio segundo os cales habería "166.000 almas libres do convento lucense", divididos en 16 tribos "todas de nome descoñecido e bárbaro, é dicir, difícil de pronunciar, excepto os célticos e lemavos". Tovar anota o topónimo aínda vivo de Céltigos, en Frades, Ortigueira e Sarria, ademais dun arciprestazgo terra de Celtegos documentado en 1125.

O Céltigos de Ortigueira é unha pequena poboación á que Murguía estaría encantado de visitar porque tras formular na súa Historia de Galicia que os celtas eran unha raza superior, a aria, proviniente do centro de Europa, atoparíase neste enclave a uns cantos arios, concretamente alemáns. Claro que estes ao que viñeron, e veñen sobre todo no verán, é a gozar das casas que se fixeron na praia, segundo explica Carmen Lema, unha veciña do lugar dende fai 35 anos. "Aínda que eu son de Corcubión", di. De Céltigos é Hugo Héctor Pajón, aínda que o seu acento parece negalo: "Regresé acá hace cuatro años", explica, tras pasar a meirande parte da súa vida en Paraguai, un país ao que emigrou de neno. Ambos non atopan ningunha vinculación cos celtas, a única, o nome da barbería: Trisquel.

A Fundación Ortegalia, que conserva na súa sede un monumento megalítico, pero non celta, iniciou un estudo da toponimia desta parroquia que podería achegar novos datos á controversia entre celtistas e non celtistas, na que median os autores deste libro entre os que, ademais do citado González García, están os arqueólogos Álvaro Arizaga Castro, Xurxo M. Ayán Vila, Pastor Fábrega Álvarez, Alfredo González Ruibal, César Parcero Oubiña e Andrés Teira Brión, e os historiadores Rosa Brañas Abade, Marco V. García Quintela. Cada un deles divulga diversos aspectos da historiografía celta.


Que cadaquén saque as conclusións que queira e opine o que queira... mais eu confirmo que se pode ser Deportivista e Celtista ó mesmo tempo! hehe ;)
Comentários (2) - Secçom: Cultura - Publicado o 11-03-2007 03:29
# Ligaçom permanente a este artigo
En galego, e logo!
Hai algo que non podas facer en galego?

En galego tes todo por dicir...

E logo!
Comentários (0) - Secçom: Língua - Publicado o 11-03-2007 03:04
# Ligaçom permanente a este artigo
Día da Clase Obreira Galega

Onte unha manife fascista acaparou tódolos medios de comunicación, mais tamén houbo unha manife rebosante de dignidade que lembraba a dúas víctimas do franquismo.

A Confederación Intersindical Galega (CIG) celebrou este sábado unha serie de actividades co gallo da celebración do "Día da Clase Obreira Galega". Os actos comezaron en Ferrol ás 12:30 horas na praza "10 de marzo" cunha ofrenda floral ante a estatua dos dous empregados asasinados pola policía franquista durante unha manifestación operaria celebrada no 1972, Amador Rei e Daniel Niebla.

As actividades continuaron co desenvolvemento dunha manifestación que percorreu as rúas ferroláns até chegar ao Cantón, onde se celebrou un xantar popular. Alí mesmo, ás 16:30 h proxectouse o documental “Metal en loita”, sobre o conflito protagonizado por este sector na provincia de Pontevedra en maio do 2006.

Precisamente a Federación do metal da CIG en Pontevedra foi homenaxeada este venres nun xantar que organizou o sindicato no Pazo de Congresos de Santiago co gallo da celebración.

Na conferencia de prensa de presentación de actos do Día da Clase Obreira Galega, o secretario comarcal da CIG-Ferrol, Xesús Anxo López Pintos, lembrou que están a traballar “pola consecución do marco galego de relacións laborais que permita a negociación dos convenios en Galiza”. Pintos subliñou ademais a necesidade de que neste día os traballadores e traballadoras do país reivindiquen os seus dereitos como clase.

Comunicado de Comisións Obreiras

A organización sindical Comisións Obreiras tampouco esquece a sinalada data e a través dun comunicado conmemora o trixésimo quinto aniversario “daqueles acontecementos tráxicos que en 1972 convulsionaron Ferrol, Galiza e todo o Estado”.

Dende Comisións lémbrase a data “sen concesións á nostalxia nin á propia compracencia” senón “con vontade de análise crítica de reflexión para extraermos o mellor daqueles feitos e empregalo en construír o futuro, detectar as carencias e superalas en diante”.

O sindicato considera que é necesario manter viva a “mobilización do conxunto do conxunto de traballadores e traballadoras, analizando a cotío os problemas, reflexionando sobre eles e elaborando propostas con rigor e intelixencia que inclúan o diálogo social para buscar saídas acordadas.
Comentários (0) - Secçom: Notícias - Publicado o 11-03-2007 02:28
# Ligaçom permanente a este artigo
O Carallo 29
O carallo 29
“O carallo 29″ é unha expresión que forma parte da fala popular da lingua galega. O termo carallo fai referencia vulgarmente ó pene, ó membro viril. En galego, un dos idiomas máis ricos en matices que hai, esta palabra traspasou a fronteria idiomática até converterse nun vocablo universal que, sen perdé-la súa expresividade orixinal, pódese utilizar en diferentes ámbitos e con diferentes significados: admiración, asombro, desprezo, dúbida…

Precisamente, a expresión “o carallo 29″ ten connotacións de dúbida, reparo, recelo, incertidume ou desconfianza. E ten unha orixe histórica que se remonta xa aos tempos da Restauración, intre no que o artigo 29 da Lei Electoral proclamaba automáticamente gañador das eleccións a un candidato cando era o único que se presentaba nun distrito electoral e sen necesidade de celebrá-las votacións. Motivo polo cal se facía todo o posíbel, legal ou ilegalmente, por lográ-lo candidato único e a consecuente aplicación do artigo en cuestión. Razón pola que os galegos, que viviron en primeira persona o caciquismo da época, bautizaron o artigo con tal expresión, coas conotacións ditas xa anteriormente.

Moitos son os que terán escoitado esta expresión algunha vez. Poucos os que coñecen a súa orixe. Pero case ninguén sabe da súa existencia real. Porque sí, existe. O carallo 29 está en Compostela, no número 29 da Rúa Travesa, como non podía ser doutro xeito, a 50 metros da Mexilonería Belgo. Realmente está no 9 da Rúa de San Bieito, rúa perpendicular á Rúa Travesa, que, malia que remata no número 27, se seguise atopariamonos no 29 cunha pedra con forma de carallo, de falo.

Pra chegar até alí, e a xeito de orientación, na Praza de Cervantes collémo-la rúa que está entre o Restaurante Casa Manolo e a Igrexa de San Bieito do Campo, ambos facendo esquina. Esa rúa é a Rúa de San Bieito, que baixa até o Colexio Maior San Agustín. Uns 25 metros antes do final da rúa atópase a pedra, no cruce ca Rúa Travesa.
Comentários (4) - Secçom: Cultura - Publicado o 11-03-2007 01:29
# Ligaçom permanente a este artigo
"Excursión" a Madrí
O que a estas alturas non esteña enterado da manife na que o PP convoca a "todos los españoles normales y sensatos" (estaremos os galegos dentro do concepto "españoles"?) non debe de vivir neste mundo. Será unha gran festa na que as dereitas e dereitoas o pasarán chupi piruli.

Na manife, entre outras cousas, os asistentes adicaranse a "gabar" ao presidente de España e a ergué-lo brazo... mesmo hai quen representará unha coreografía creada especialmente pra tan insigne acontecemento:

O Baile dos caídos


Na viaxe en bus, no cal tódolos viaxeiros levarán na lapela un lazo azul, haberá algúns que teñan tempo de tomar un pinchiño antes da acción pra coller forzas, e de paso poderán repasá-la lección pra non errar á hora de berrá-las consignas:

Zapatero: cabrón, indecente e erróneo
Comentários (2) - Secçom: Política - Publicado o 10-03-2007 02:17
# Ligaçom permanente a este artigo
© by Abertal
"Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma"
(Castelao)


Apoiamos a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués


Creative Commons License
Esta obra está licenciada sob uma Licença Creative Commons.