Avante Galiza!
'Estamos fartos de saber que o povo galego fala un idioma de seu, fillo do latim, irmao do Castellano e pai do Portugués. Idioma apto e axeitado para ser veículo dunha cultura moderna, e co que ainda podemos comunicar-nos com mais de sesenta millóns de almas (...) O Galego é un idioma extenso e útil porque -con pequenas variantes- fala-se no Brasil, en Portugal e nas colónias portuguesas'.

(Castelão - Sempre em Galiza)



Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet





 SECÇONS
 FOTOGRAFÍAS
 Também ando por:
 PESQUISAR NO BLOGUE
 PESQUISAR EM BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 Artigos destacados

O galego rexurde nas Portelas

A asociación Xente Nova das Portelas e a área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo celebran esta fin de semana as primeiras xornadas de lingua e cultura galegas en Lubián, un dos concellos galegofalantes da bisbarra das Portelas, na provincia de Zamora. A iniciativa naceu pola necesidade de promover a introdución do galego no ensino na comarca, como xa acontece noutras zonas galegofalantes de fóra de Galiza, coma o Bierzo, para cumprir, dese xeito, coa Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias.


O variado e intenso programa de actividades abrirase o venres ás catro e media da tarde cun campionato intergalaico de birlos entre Os Lobos de Lubián e Os do Valo de Manselle. Unha hora despois celebrarase o acto inaugural nas Escolas Vellas, coa presenza dos alcaldes de Lubián, Hermisende, Porto e Pías e mais do director da área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, Xosé-Henrique Costas. A primeira xornada completarase con dúas conferencias, sobre o castro da Muradella e o Cortello dos Lobos, e a actuación dun contacontos.

As xornadas rematarán o sábado 2, que se abrirá cunha conferencia sobre a memoria histórica nas Portelas, ás dez da mañá. Despois, presentarase o libro Horizontes de libertad, de Bernardo de Diego, e renderáselle homenaxe a Manuel Fábregas. Ao mediodía, participarán nunha mesa redonda sobre a situación do galego na sociedade e nas escolas das Portelas a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López; o inspector xefe de Educación en Zamora, Pedro Marín Lago; a profesora de galego en Ponferrada Carme López; o secretario da asociación Xente Nova, Felipe Lubián; a directora do colexio Tuela-Bibei de Lubián, e mais o xefe do departamento de Lingua do IES de Pobra de Seabra. Xosé-Henrique Costas intervirá como moderador. Pola tarde, haberá visitas guiadas ao castro da Muradella e mais ao Cortello dos Lobos. As xornadas clausuraranse ás sete.

O prazo de inscrición está aberto até o mércores 29 na área de Normalización Lingüística da universidade viguesa, enviando un correo electrónico a anl@uvigo.es ou chamando ao teléfono 986-813574. Tamén se agarda na zona a visita do director Rubén Pardiñas, que está a preparar unha serie de documentais sobre o galego exterior, que levarán o título de Fronteiras.
Comentários (1) - Secçom: Cultura - Publicado o 27-11-2006 19:47
# Ligaçom permanente a este artigo
500 metros XA!
Tódolos galegos equivalemos á poboación de Madrí. Pesamos pouco e témo-la menor taxa de natalidade de Europa, ainda que imos mellorando grazas ós emigrantes.

Hoxe contamos con multinacionais Made in Galiza -polo menos mentres non as vendan todas-, pero non somos un coloso industrial. Económicamente estamos catalogados como renqueantes, segundo proba o que nos manteñen os fondos europeos mesmo trá-la entrada dos modestos países do Este.

Nembargantes, ninguén dubida de que Galiza é un lugar especial, un país que paga a pena. ¿Por qué? Porque ten unha cultura de seu longa e valiosa (cuio mellor rasgo, nunca ben valorado, cecáis sexa un senso do humor espelido e intranferíbel). Porque Galiza ten auga, un ben que cada vez cotiza máis alto. Porque é a reserva verde e forestal da Península. E sobre todo, porque ten un litoral único, pola súa paisaxe e pola súa riqueza.

O modelo Sanxenxo é doado de repetir. En catro anos de ledicias poderiamos sanxenxizar sen problemas Porto do Son, Laxe, Barreiros, Carnota, Fisterra,... Os constructores serán felices. As inmobiliarias de Madrí atoparán leiras virxes pra o seu negocio tras levantar un muro que corre de Tarragona a Málaga. Os veciños aplaudirán, pois a meirande parte considerarán un exitazo empetar cartiños por unhas leiras que tiñan paradas. Os alcaldes gañarán as elecións, pois deixar facer o que lle pete a cada quén, fumarse as leis impopulares que esixen rigor urbanístico e duplicá-lo tamaño do teu pobo aínda da votos. Ademáis, entre promoción e promoción, algo cae no peto dos edís picaróns.

Se gaña todo o mundo, ¿quén perde? Galiza, que tapona o seu mellor valor por un calentón especulativo. Pódese construír con orde, gañando cartos e sen liquidar unha costa única. ¿Marbella ou Menorca? Toca elixir.
Comentários (3) - Secçom: Denúncia - Publicado o 26-11-2006 18:18
# Ligaçom permanente a este artigo
Feismo

O feismo, ese mal endémico que afecta á arquitectura da Galiza. É unha práctica tan habitual que ás veces mesmo nin reparamos nela. O máis común é atopar casas en eterna construcción, ou as comúns casas do omnipresente tixolo á vista malia que por dentro estean habitadas; pero tamén se producen todo tipo de aberracións esquizofrénicas saídas, probábelmente, dunha mente, canto menos, afecionada á absenta.
Comentários (0) - Secçom: Denúncia - Publicado o 26-11-2006 17:25
# Ligaçom permanente a este artigo
A Emigración
Cando nas noites de luar caladas
vía unha estrela polo ceo correr,
decía miña nai, cas maus direitas:
"¡Dios te guíe con ben!"

Dende entón, cando vexo que un galego
a terra deixa onde infelís naceu,
i achego busca noutras praias, digo:
"¡Guíete Dios!" tamén.

Non o culpo, ¡coitado!, non o axo,
non pido pragas nin castigs pra el,
nin de que é dono de coller me esquezo
pra onde lle conviñer.

¡Que aquel que deixa seu natal curruncho
e fóra dos eidos pon os pés,
cando troca o seguro polo incerto,
motivos ha ter!

Preguntaille, e diravos que sin rego
o milleiral, o lume sin cardés,
sin herba o gando e sin traballo o home,
non se poden manter.

Diravos, si, que é pouco canto gana
prás arcas do señor e prás do Rei;
fai un mes que non comen cousa quente
os fillos i a muller!

E diravos que porque dus destreales
mercou nunha ocasión us poucos bes
xuroulle o crego non lle dar sagrado
si chegar a morrer!

I havos decir que lonxe, alá moi lonxe,
alén do mar que o vai tragar tal ves
si libertá, si pan non logra, santa
tumba terá xiquer...

¿Quen sodes vós, chorosos niquitates,
ruís loubadores dun Poder cruel,
que as alas de ouro dun esprito libre
agrilloar querés?

¿Por virtú de cal próvida promesa,
en nome de que Dios, nin de que lei
querés que aquel que á morte condenastes
non fuxa, si puder?

¿Que lle ofrecedes na nativa terra
a ese que a cruzar vai mares de fel?
¿Resinación? - Con ela non se come...
¿Fe? - ¡Non lle basta a fe!...

¡Correde o velo que a Xusticia encubre!
Daille traballo, libertá, saber...
¡Non é dina dos ósos de seus fillos
patria que os non mantén!

Dicen que como o Miño, o noso pobo
so na terra donde nace quer morrer;
pero o sono do río é sosegado
i o deste non é.

O río ten un leito mulidiño,
perfumado de rosas e cravés;
tamén tiña outro o pobo; mais... vendéronllo,
i agora non o ten.

¡Deixaino que o adiquira donde poida!
Deixade ó gafo Xob co fol á res
buscar o muladar onde se espiolle.
¿Sanará?... Pode ser.

A civilización i as anduriñas
dunhas terras prás outras van e vén;
querer que non emigren e matalas
o mesmo vén a ser.


Manuel Curros Enríquez; Aires da miña Terra
Comentários (0) - Secçom: Cultura - Publicado o 26-11-2006 17:23
# Ligaçom permanente a este artigo
Finis Terrae, o supercomputador galego
Mostra da gran capacidade de memoria do supercomputador
O proxecto do supercomputador Finis Terrae, o máis potente de Europa en canto a memoria compartida e que se instalará no Centro de Supercomputación de Galiza (Cesga), comeza a tomar corpo. O consello de Ministros autorizou onte mesmo ao Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) a firma dun convenio que liberará un total de 19.450.010 euros para dotar un centro, ubicado en Compostela, dun sistema de supercomputación de cálculo intensivo que permitirá á comunidade investigadora, tanto galega como do ámbito internacional, resolver probémas que cos medios actuais non se poden aclarar.

O CSIC invertirá entre o 2007 e o 2011 preto de nove millóns de euros, mentres que a Xunta aportará o resto.

No proxecto, que en canto estea rematado na súa totalidade soporá unha inversión de 60 millóns de euros, segundo se anunciou na súa presentación en marzo, tamén participan as empresas Hewlett Packard e Intel. Estas dúas últimas serán as encargadas de promocioná-lo supercomputador Finis Terrae, fabricado por HP con procesadores Intel de última xeración.

O novo supercomputador entrará en funcionamento o cuarto trimestre do vindeiro ano e os seus promotores aseguran que se converterá nun referente a nivel mundial de cálculo científico e técnico. A futura máquina do Cesga estará integrada por 2.500 procesadores e disporá dunha memoria de 19 terabytes. Ou o que é o mesmo, esta capacidade técnica permitiralle realizar 16 millóns de operacións por segundo.
Comentários (0) - Secçom: Notícias - Publicado o 26-11-2006 17:21
# Ligaçom permanente a este artigo
1 [2] [3]
© by Abertal
"Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma"
(Castelao)


Apoiamos a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués


Creative Commons License
Esta obra está licenciada sob uma Licença Creative Commons.