Avante Galiza!
'Estamos fartos de saber que o povo galego fala un idioma de seu, fillo do latim, irmao do Castellano e pai do Portugués. Idioma apto e axeitado para ser veículo dunha cultura moderna, e co que ainda podemos comunicar-nos com mais de sesenta millóns de almas (...) O Galego é un idioma extenso e útil porque -con pequenas variantes- fala-se no Brasil, en Portugal e nas colónias portuguesas'.

(Castelão - Sempre em Galiza)



Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet





 SECÇONS
 FOTOGRAFÍAS
 Também ando por:
 PESQUISAR NO BLOGUE
 PESQUISAR EM BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 Artigos destacados

Lévame ao lugar que amo...
Quero volver a sentir como aquel día sentin...


Ialma - Lévame
Comentários (2) - Secçom: Música - Publicado o 31-10-2007 19:38
# Ligaçom permanente a este artigo
Mil anos de idioma galego

A lingua de Rosalía comezou a existir no entorno dos campamentos romanos, independizouse do latín entre os séculos IX e X e comezou a escribirse no XIII.

Está o idioma galego en disposición de celebrar os seus primeiros mil anos de existencia? "Seguro", responde Basilio Losada, o primeiro catedrático de Filoloxía galega e portuguesa que houbo na Universidade de Barcelona. O galego, ou o xerme do que evolucionaría até o que hoxe coñecemos como língua oficial da Galiza, comezou a balbucirse no entorno dos campamentos romanos instalados no territorio máis noroccidental da Península e iniciou a súa expansión coa decadencia de Roma.

A partir do século V, os bárbaros desintegran o imperio e comezan anos escuros de fame, peste e morte. As cidades abandónanse e o latín (e todo o que ten que ver coa alta cultura) queda acantonado nos mosteiros. O pobo vai esquecendo o idioma dos romanos e mestúrao coas novas influencias e co substrato prelatino. "Entre o século X e o XI, pode dicirse que a xente xa non entendía o latín", continúa Losada "e, no XII, esa nova lingua empeza a escribirse". Até onde se sabe, é a cantiga satírica Ora faz ost'o senhor de Navarra o documento literario máis antigo escrito nunha lingua que xa non era o latín, senón o que se deu en chamar galego. Escribiuno o trobador Joam Soares Paiva contra o ano 1200.

As testemuñas

Os primeiros documentos non literarios que se conservan son a Noticia de Torto, un texto notarial datado entre 1212 e 1216, e o testamento de Alfonso II de Portugal, de 1214, cunha regularidade ortográfica que fai pensar aos expertos que é imposíbel que non haxa testemuños anteriores. Os dous textos foron achados en Portugal. Na procura de datas de referencia, hai dous anos que o Consello de Cultura Galega presentou o documento máis antigo escrito en galego, e escrito en Galiza: O Foro do bo burgo do Castro Caldelas, un privilexio real -o único que se coñece escrito en galego- redactado por un notario de Allariz en 1228, cando o galego amencía cara ao seu esplendor e era, xa, a lingua dos reis.

Se até alí nengún investigador o remedia, haberá que agardar aínda preto de douscentos anos para celebrar o primeiro milenio do galego. Aínda que todo é cuestión de interpretar as cousas: "Cando unha lingua comeza a escribirse, ten detrás ao menos dous séculos de implantación oral", aclara Basilio Losada. Outros expertos, como o profesor Henrique Monteagudo, comparten a teoría. Logo, o galego ten mil anos.


Un acento propio que transformou o latín facendo da "luna" romana unha lúa galega

Antón Santamarina, até hai pouco director do Instituto da Lingua Galega (ILG), tamén está pola tese dos mil anos do galego, aínda que subliña o difícil de datar o momento no que o latín se converteu en galego. O profesor explica que o propio xeito de falar dunha comunidade articulada por redes sociais que a adoptan determinou a evolución das linguas romances, tamén do galego: "O idioma cristalizou por unha serie de redes urbanas e polo influxo eclesiástico en áreas determinadas moitas veces pola propia distribución administrativa da Igrexa".

O que non ten dúbida é que o galego naceu no noroeste da Península, e se expandiu polo que hoxe é Portugal por medio da colonización que acompañou á Reconquista: "Ese proceso é o que altera a dinámica lingüística na Península. Todas as linguas romances nacen no norte e expándense por medio do repoboamento a medida que avanza o proceso de Reconquista. Os galegos repoboaron a parte máis occidental, e a súa lingua foi con eles".

Nomes e topónimos

Está claro que a propia forma de falar, de interpretar o latín e darlle un acento singular, tivo que ver coa evolución cara o galego. É o mesmo acento que hoxe caracteriza a forma de falar o castelán dos habitantes da Galiza? "Non se poden lanzar hipóteses tan aventuradas -responde Santamarina-. Cando se aprende unha segunda lingua introdúcense hábitos articulatorios da propia, pero non temos datos para comparar, porque non sabemos case nada das linguas que se falaban na Galiza antes do latín. Díxose que a gheada é un rastro da fala anterior. É probábel. Ou que a sonorización do 'p' intervocálico (cabra en vez de capra) tiña que ver co substrato lingüístico previo, pero apenas nos quedaron algúns topónimos como 'Barallobre', nomes propios ('carqueixa', 'queiruga') e pouco máis".

Outro trazo característico daquel galego primitivo que chegou até hoxe é a perda do 'l' e do 'n' intervocálicos que converteron a 'luna' romana nunha 'lúa' galega, a 'pala' en 'pa', ou a lana en 'la'. Santamarina rexeita outros trazos, como a falta de ditongación ('pedra' por 'piedra'), "porque tamén son propios doutras linguas, como o italiano".


Unha traxectoria de éxito e represión que a converteu na lingua romance máis popular

A historia do galego está chea de altos e baixos, de momentos de gloria e esplendor combinados con outros de escuridade que foron configurando unha lingua peculiar cun forte compoñente popular.

O galego, en xustiza o galego-português, converteuse moi pronto nunha lingua culta adoptada polas clases dominantes. Así, nos primeiros séculos da súa vida escrita, o galego era o idioma lírico por antonomasia. O castelán era o idioma no que se veiculaban as accións administrativas, e o galego-português, a lingua na que se expresaban os literatos, a que servía para falar do amor ou da soidade. Neses anos que van do século XIII até o XV, o galego-português convértese nunha lingua internacional que sae da Península por medio das súas composicións. "A poesía medieval en galego está á altura das máis importantes de Europa", explica Basilio Losada, quen recorda que, cando lle comunicaron ao rei Alfonso VI a morte do seu fillo, expresouse en galego, como recollen os cronistas. O propio Alfonso X distinguiu entre o castelán, no que escribiu a súa obra administrativa, e o galego, que utilizou para as súas cantigas, unha referencia na literatura medieval da Península.

O galego estaba entón preto da súa decadencia, que chegaría cos Reis Católicos e o cambio político esencial que afectaría gravemente a Galiza e tamén a súa lingua. O desembarco dunha nova administración con notarios e funcionarios que escribían en castelán relegou o uso da lingua ao pobo e o galego deixou de existir como idioma escrito: "Hai que ter en conta tamén -explica Henrique Monteagudo, profesor da USC e secretario do Consello da Cultura Galega- que a Igrexa tiña practicamente o monopolio da alta cultura e Galiza, entre o século XV e o XIX, non tivo practicamente ningún bispo galego".

Adeus, português

É neses séculos cando o galego evoluciona dun xeito distinto ao português, unha lingua que si ten Estado e administración de seu. "O fenómeno da imprenta fixo que os idiomas europeos se latinizasen moito porque os primeiros textos imprentados eran en latín e, daquela, todos os intelectuais eran bilingües. Ocorreulle tamén ao português, pero moito menos ao galego".

A liña quebrada da vida do idioma queda pois sepultada no pobo durante séculos até a chegada do que Basilio Losada considera como un milagre: "Rosalía devolve a voz ao pobo chea de nobreza e por escrito. Se Deus mirou algunha vez para Galiza foi no século XIX, o día que nos regalou ese prodixio de Rosalía de Castro". Monteagudo tamén eleva a traxectoria do galego até o máis alto no ano 1880: "Edítase tamén Aires da miña terra, de Curros Enríquez, pero, sobre todo, é o ano no que Rosalía publica Follas novas".

O Rexurdimento, un fenómeno que se daría paralelamente en Catalunya, devólvelle ao galego a súa dimensión literaria, que se vería freada dramaticamente outra vez por un acontecemento político: o franquismo. A xente e a fala volveron a salvagardar o tesouro até a súa recuperación coa Autonomía e o seu recoñecemento como lingua oficial.
Comentários (5) - Secçom: Língua - Publicado o 24-10-2007 20:08
# Ligaçom permanente a este artigo
O lago das pontes

Como di meu pai, “o tempo pasa pero non o ves pasar”. Isto é o que pode ocorrer coa mina de lignito que explota Endesa en As Pontes a ceo aberto: tras trinta anos de extraer mineral para alimentar a súa central térmica, disque van deixar o lugar, máis ou menos, tal como o atoparon. Habemos ver.

O plan é pechar a chamada Mina do Tesouro o vindeiro 31 de decembro. A partir de xaneiro, e a través dun canal de 5.700 metros case rematado, a compañía eléctrica principiará a verquer no inmenso buraco auga procedente do río Eume. En total, serán 540 millóns de metros cúbicos que se transvasarán dende o leito fluvial durante catro anos ata formar o meirande lago artificial de Europa, o cal ocupará unha superficie de 8 quilómetros cadrados (así como a Illa de Arousa).

Nos últimos meses, escoitáronse voces supostamente autorizadas que defendían o lago artificial coma un auténtico dinamizador económico. Eu, agás a actividade previsible dun par de restaurantes durante as fins de semanas e o aluguer dunhas lanchas de pedais, non vexo qué outras actividades económicas se poden desenvolver a partir da nova lagoa. Os responsables do proxecto desvelaron hai pouco os plans para crear unha praia artificial, unha illa ornitolóxica e un peirao para embarcacións deportivas. Isto nun país, Galicia, con máis de 1.700 quilómetros de costa!

O transvase de auga presenta riscos importantes que paga a pena lembrar. Por suposto, o primeiro será o impacto sobre o propio caudal do río Eume e, consecuentemente, sobre a fauna e flora que vive no seu interior e na contorna. O segundo dos interrogantes será a calidade da auga que conforme o lago, pois o buraco que deixa a mina amosa unha alta presencia de pirita, mineral tóxico cuxo efecto se pretende minimizar cunha capa de arxila branca. O terceiro problema sería a contaminación por reborde das propias augas do Eume se finalmente se produce a acidificación do lago por mor da pirita. Por último temos a propia loxística da operación pois seica o seu éxito vai depender do ritmo do transvase, atopando opinións diferentes en función do técnico ou experto consultado.

Ante un novo macroproxecto de incertos efectos, altos custos e moi escasa produtividade previsible, propoñemos a seguir unha alternativa que se nos antolla máis coherente co feito a subsanar e, sobre todo, coas necesidades reais do país. Vexamos.

Visión Alternativa creadora de traballo e riqueza

As Pontes áchase a 40 quilómetros do porto exterior de Caneliñas. Logo ten unha evidente oportunidade para converterse nun importante centro loxístico. A súa localización implica unha fácil relación con sectores fundamentais para a economía galega como a construción naval, a pesca ou o agrogandeiro. A central de Endesa seguirá a funcionar a pleno rendemento pola importación de hulla asiática e polos investimentos comprometidos para abordar o ciclo combinado a partir do gas de Reganosa. As Pontes soa como posible destino da planta que veña substituír a amortizada factoría de Ence na ría de Pontevedra. Ademais, está a 25 quilómetros de Vilalba, logo terá conexión directa coas vías de alta velocidade (por estrada ou ferrocarril) do Cantábrico e de conexión coa Meseta. En resumidas contas, As Pontes reúne as condicións para virar nun dos centros neurálxicos da economía galega no inmediato futuro.

Por outra banda, Galiza leva sufrindo cando menos dez anos unha pésima planificación de solo industrial e un déficit importante de superficie nas áreas con maior potencial produtivo. A esta negativa circunstancia hai que engadir a ampla dispoñibilidade de terreo industrial no norte de Portugal a prezos extremadamente competitivos.

Por último, por máis ca o Conselleiro de Traballo insista no obxectivo do pleno emprego en tres anos, a teimuda realidade é que o noso país continúa a perder traballadores novos cada ano ao tempo que a taxa galega de actividade mantense sete puntos por debaixo da española, sendo a cuarta peor do Estado.

Así pois, se Galiza precisa crear máis postos de traballo dos que xera ao ritmo actual de actividade; se sofre unha persistente falta de solo industrial; se As Pontes supón unha localización con vantaxes salientables, e se a Mina do Tesouro carece, evidentemente, de calquera valor ecolóxico, se todo isto é así, alguén debería explicar de onde saíu a idea de asolagar oito quilómetros de solo aproveitables para usos industriais.

Por que non analizar unha opción que achegue un valor real ao noso país? Supoñamos que o lago dos oito quilómetros cadrados redúcese á súa oitava parte, co cal diminúen notablemente os riscos comentados ao comezo do artigo. Supoñamos que, por exemplo, outros dous quilómetros se deixan para zonas residenciais, de servizos (garderías entre eles) e de lecer. Supoñamos que se instala nalgún punto do lugar un centro especializado de servizos empresariais (ordenadores de gran capacidade, sistemas de xestión de telecomunicacións, asesoramento tecnolóxico, departamento de axudas...). Supoñamos que se destina o resto da superficie a grandes parques empresariais especializados en (sigo cos exemplos) loxística, enerxía e I+D enerxético, biotecnoloxía e innovación agrogandeira. Supoñamos que se reforza notablemente a OPYDE (oficina de desenvolvemento da bisbarra de As Pontes) con equipos expertos en cada un deses sectores apoiados con empresas consultoras do primeiro nivel en captación de proxectos de investimento. Supoñamos que se ofrece o solo industrial a 10 céntimos o metro cadrado (nada extraordinario tendo en conta que nestes momentos está prevista a inundación do terreo). Supoñamos que o Goberno galego entra en negociacións coas principais empresas europeas en cada un dos sectores definidos. Supoñamos que crea un gran fondo de investimento con capital propio máis as achegas das grandes empresas e dos grandes empresarios galegos, tanto os que están no país como os que andan por Cataluña, Madrid, México ou Brasil. Supoñamos que nos embarcamos nun gran proxecto de atracción de empresas de alto valor engadido e gran capacidade de creación de traballo e riqueza.

Un auténtico desafío. Complicado, evidentemente, pero se cadra, digno cando menos de estudar. Isto ou quedar mirando como van caendo os metros cúbicos de auga dende o río Eume ata o artificial lago das Pontes.



Comentários (0) - Secçom: Economía - Publicado o 20-10-2007 00:20
# Ligaçom permanente a este artigo
Solidariedade cos Alfandegarios

Resulta que lles chegou aos Aduaneiros Sem Fronteiras unha reclamación baixo ameaza de demanda xudicial por delitos de inxurias por parte de Yolanda Castaño debido a que nunha das súas entradas había comentarios difamatorios cara ela.

Os Aduaneiros propuxeron retirar os comentários, mais a parte demandante non aceptou e pedía tamén a retirada da imaxe, polo que os aduaneiros emitiron este comunicado:

Sendo requiridos por Dom Pablo Carvajal de la Torre, representante legal de Dona Yolanda Castaño Pereira, a retirar do nosso site o desenho gráfico “Tu Quoque Iolanda?” e os comentários a ele adjuntos, sob ameaça de demanda judicial por delitos de injúrias com publicidade, e nom querendo ferir a delicada sensibilidade da nossa insigne poetisa, Aduaneiros sem Fronteiras, questionando-nos até que ponto tem sentido continuar a fazer humor gráfico neste país e a desenvolver umha autocrítica da razom galega, vimos de decidir fechar o nosso site por enquanto o nosso legítimo direito à liberdade de expressom nom se veja a salvo de coacçons judiciárias fora de lugar.



Eu creo que o que propio sería eliminar tales comentarios, pedir unha desculpa e moderar mínimamente os comentarios do blog, e santas pascuas. O mal é que ó parecer tamén piden a retirada da imaxe... e non sei por que será...

De tódolos xeitos eiquí vai esta entrada do blogue en solidariedade con eles, mais tamén coa escritora galega polos comentarios difamatorios que se teñan verquido sobre dela.

E dicirlles aos Aduaneiros que continúen coa súa gran laboura... e que abran o blogue dunha vez que non ven a conto pechalo... total... téñolles mangados case tódolos deseños... hehehehe

P.D.- E se fai falla que avisen e fago unha compra ben grande das súas camisolas e suadoiros pra subvencionar a causa ;)


Podedes ampliar informazón aquí.
Comentários (2) - Secçom: Denúncia - Publicado o 17-10-2007 19:27
# Ligaçom permanente a este artigo
12 de Outubro
Hoxe é o día no que os españois celebran o exterminio e opresión de todo un continente.

12 de Outubro en España


Non esqueceremos esta masacre!!



Engado agora o vídeo realizado por CQC España... Unha imaxe vale máis que mil palabras.

Día de la Hispanidad
Comentários (4) - Secçom: Denúncia - Publicado o 12-10-2007 18:43
# Ligaçom permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal
"Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma"
(Castelao)


Apoiamos a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués


Creative Commons License
Esta obra está licenciada sob uma Licença Creative Commons.