Avante Galiza!
'Estamos fartos de saber que o povo galego fala un idioma de seu, fillo do latim, irmao do Castellano e pai do Portugués. Idioma apto e axeitado para ser veículo dunha cultura moderna, e co que ainda podemos comunicar-nos com mais de sesenta millóns de almas (...) O Galego é un idioma extenso e útil porque -con pequenas variantes- fala-se no Brasil, en Portugal e nas colónias portuguesas'.

(Castelão - Sempre em Galiza)



Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet





 SECÇONS
 FOTOGRAFÍAS
 Também ando por:
 PESQUISAR NO BLOGUE
 PESQUISAR EM BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 Artigos destacados

Galiza, berce celta
Dolmen de AxeitosUnha teoría de investigadores italianos sitúa en Galiza o berce do mundo celta

Mario Alinei e Francesco Benozzo baséanse en factores xenéticos, arqueolóxicos e lingüísticos
Unha das premisas da súa tese está na antigüidade da arte megalítico da comunidade

CONGRESO DE ONOMÁSTICA

Francesco Benozzo di que os monumentos megalíticos sitúan a cultura celta en Galiza.

Galiza é un pobo celta. E aínda máis, é o núcleo orixinal ou «patria» do mundo celta que no Paleolítico estaba formado por un área compacta (non se disgregaran entón as illas británicas) que incluía o norte da Península Ibérica, Bretaña, Irlanda e Gales. Así o afirman os autores da Teoría da Continuidade Paleolítica, os italianos Mario Alinei e Francesco Benozzo, quen basean a súa tese en correspondencias xenéticas, lingüísticas e, sobre todo, arqueolóxicas entre as poboacións deste área.

Benozzo insistiu en que Galiza «non é só céltica, senón protocéltica». «Existe unha afinidade de tipo arqueolóxico e xenético que demostra que esta era un área compacta no Paleolítico e Galiza é o núcleo orixinal; a poboación céltica seguiu ao norte e chegou a Irlanda, que se estaba formando como illa», afirmou o doutor da Universidade de Bolonia e director da revista Studi Celtici. A teoría que comparte con Alinei, profesor da Universidade de Utrecht, se retrotrae á época glaciar, que sitúa fai 25.000 a 40.000 anos, en que Galiza estaba habitada esencialmente por pescadores, quen se apostaron na franxa do litoral atlántico «e a principal e indubidábel evidencia é arqueolóxica, o megalitismo». «Os megalitos son un fenómeno costeiro como culto ao mundo mariño», engadiu.

O investigador lembrou que esta manifestación «é un fenómeno celta e Galiza ten os xacementos máis antigos logo de Bretaña e por diante de Irlanda». Neste senso, subliñou que tan só 500 anos separan os megalitos galegos dos bretóns, que datan aproximadamente do 5500 antes de Cristo.

O investigador falou tamén de correspondencias xenéticas e aludiu aos estudos do inglés Bryan Sykes. «O xen paleolítico de Irlanda, e a rexión céltica de Gran Bretaña (Gales, Cornualles e Escocia) é unha extensión da España do norte (Galiza, Cantabria e logo a zona de Bretaña) -indicou-. Pensamos que hai unha correspondencia de tipo lingüístico, xenético e arqueolóxico, porque non hai signos dunha invasión externa en Galiza, senón máis ben de irradiación de Galiza». Así, segundo a súa teoría, a lingua celtibérica que se falou na España central é unha variante moi tardía da antiga lingua céltica orixinaria da Galiza. «Usando a terminoloxía de hoxe, España sería unha colonia de Galiza, non ao contrario», concluíu.


«O galego non é unha lingua céltica, si o era a súa orixe»

A Teoría da Continuidade Paleolítica, que Alinei e Benozzo explican na súa web www.continuitas.com mantén que existen evidencias que «indican unha ininterrompida continuidade local de linguas e poboacións dende a Prehistoria até os nosos tempos». Engaden que a aparición dos indoeuropeos coincide co primeiro asentamento rexional do Homo sapiens sapiens no Paleolítico superior. «Houbo un período de adaptación e influencia recíproca, pero sempre no ámbito da continuidade e con esa continuidade Galiza era a patria orixinaria celta», sinalou Benozzo.

O investigador agregou que dende un punto de vista lingüístico «o galego non é unha lingua céltica, si o era a súa orixe, e por iso as diferenzas entre o galego, o portugués e o castelán non se deben ao modo en que os romanos colonizaron a Península, senón a unha prehistoria orixinaria desta xente».

A Teoría da Continuidade rompe con dúas correntes dominantes. A primeira mantén que os celtas eran indoeuropeos e viñan da estepa ucraína, dende onde protagonizaron unha invasión por Europa «nun escenario apocalíptico», segundo Benozzo. A segunda, do Neolítico, coñeceuse a partir de 1987 e pertence ao arqueólogo inglés Colin Ranfield. Segundo esta tese, non houbo tal invasión nin se produciu sobre o ano 4000 antes de Cristo, senón no 7000 antes de Cristo e foi pacífica, «tendo como base a agricultura». Outra teoría máis recente e con puntos en común con Alinei e Benozzo é a do inglés Bryan Skyes, que sostén que os celtas que invadiron Gran Bretaña procedían de Galiza, argumentada en bases xenéticas.
Comentários (0) - Secçom: Cultura - Publicado o 29-10-2006 17:29
# Ligaçom permanente a este artigo
Alguén me pode axudar?
Ola a todas e todos!

Quixera saber se algún de vós me podería explicar cómo se fai para poñélos vídeos no blog directamente no canto de escribí-lo enlace para pinchar e ir a el.

Agradecería todo tipo de axuda, xa sexa explicándomo nun comentario ou dicíndome algunha dirección dunha páxina onde expliquen cómo facelo.

Grazas de antemán :)
Comentários (4) - Secçom: Cousas Minhas - Publicado o 29-10-2006 16:30
# Ligaçom permanente a este artigo
O futuro enerxético de Galiza
Cinco empresas negocian coa Xunta crear unha petroleira galega

Cinco empresas de capital galego negocian coa Consellería de Industria dende fai unhas semanas a creación dun operador de hidrocarburos que introduza máis competencia no mercado das gasolinas e gasóleos da comunidade. A base deste proxecto sería Recuperalia Novas Enerxías, unha sociedade constituída recentemente por ese grupo de firmas e na que podería entrar a propia Administración autonómica cunha participación, un asunto este que se atopa en fase de análise.

As empresas que lanzaron esta iniciativa son pequenos distribuidores de hidrocarburos, así como propietarios de gasolineiras independentes da Coruña, Pontevedra e Ourense. Segundo o plan que presentaron a Industria, o primeiro paso para consolidar o seu proxecto é conseguir apoios para construír un ou dous grandes parques de almacenamento de hidrocarburos en Galiza, unha infraestrutura indispensábel para competir cos operadores dominantes. No caso galego, principalmente con Repsol e Cepsa.

Unha vez desenvolvidos estes parques, o modus operandi sería sinxelo. Constituída xa como petroleira, Recuperalia compraría gasolinas e gasóleos no mercado libre a calquera operador dispoñible (Repsol, CLH, Cepsa...) e ao prezo máis axustado. Eses hidrocarburos almacenaríanse nos seus propios tanques e distribuiríanse posteriormente á rede de gasolineiras coa que xa conta a empresa.

Nestes intres, Recuperalia dispón de medio centenar de estacións de servizo repartidas por toda Galiza, pero aspira a captar un número moito maior de instalacións se cristalizan os seus obxectivos. O seu principal reclamo serían unhas tarifas máis atractivas.

É este punto o que suscitou o interese da Xunta. A Consellería de Industria do actual Executivo xa amosou fai uns meses o seu interese por promover a creación dunha petroleira galaica como vía para abaratar os prezos das gasolinas e gasóleos, que figuran entre os máis caros de España. E iso, a pesares de que Galiza conta coa refinería de Repsol na Coruña e dúas instalacións de almacenamento de hidrocarburos de CLH, unha na cidade herculina e outra en Vigo. De feito, Industria encargou entón ás universidades de Santiago, Navarra e Barcelona un estudo para analizá-la posibilidade de comercializar produtos petrolíferos. Neste escenario, a iniciativa de Recuperalia entronca cos obxectivos da consellería. O seu titular, Fernando Blanco, asegura que Recuperalia contará co seu apoio por canto que o proxecto cumpre inicialmente varios obxectivos: «Se as cousas se fan ben, beneficiarán ao consumidor con prezos máis baratos, pero tamén xenerará actividade, emprego...», conclúe.
Comentários (1) - Secçom: Economía - Publicado o 29-10-2006 16:26
# Ligaçom permanente a este artigo
Os Ancares, Reserva da Biosfera

A Unesco cataloga Os Ancares como Reserva da Biosfera

A comarca dos Ancares converteuse esta semana na terceira das galegas que é declarada Reserva da Biosfera. No 2002 a Unesco catalogou así as Terras do Miño e o ano pasado fixo o mesmo con Allariz. Malia iso, Adega, que cualificou de satisfactoria a decisión, pediulle ás administracións un compromiso para que o acontecido esta semana sexa algo máis ca "un novo título honorífico".


Para o colectivo ecoloxista é tamén prioritario traballar na mellora da calidade de vida da poboación e "elevar as condicións sociais, económicas e culturais, no marco sempre dun desenvolvemento sustentábel". Dende Adega sinalan que os veciños da zona están preocupados polas "posíbeis repercusións negativas que poda ter sobre a actividade agro-gandeira e demais actividades económicas da comarca". A asociación lembra que se precisa da participación das institucións locais e do secundario en xeral. Adega conclúe que esta declaración ten que servir para un verdadeiro desenvolvemento sostíbel e para elevá-la calidade de vida dos que seguen a vivir na comarca montañesa.
Comentários (0) - Secçom: Natureza - Publicado o 29-10-2006 16:24
# Ligaçom permanente a este artigo
España é un Estado Plurinacional
O BNG consegue que España sexa un "Estado plurinacional"

Non imaxinaban os deputados nacionalistas no Congreso que o debate sobre o Estatuto dos cidadáns españois no estranxeiro ía traer consigo a declaración de España como "Estado plurinacional". O BNG presentou unhas emendas ao texto entre as que se atopaban varias destinadas a garantí-los dereitos dos emigrantes a coñecer e recibir formación sobre as culturas e linguas propias, xa que España é un "Estado plurinacional, pluricultural e plurilingüístico". O PSOE, sen ser consciente dese punto, votou a favor, o que desatou a polémica no hemiciclo.

O Bloque Nacionalista Galego presentou no Congreso dos Deputados esas emendas ao Estatuto dos cidadáns españois no estranxeiro. A maioría delas redactadas co fin de ofrecer aos inmigrantes garantías sociais, xurídicas, electorais ou de asociación. As emendas tamén incidían na necesidade de garantir unha formación e potenciar o coñecemento sobre as distintas culturas e linguas que forman o Estado español. Deste xeito, o texto recollía este punto xa que España é "un Estado plurinacional, pluricultural e plurilingüístico".

O texto dos nacionalistas galegos foi aprobado na sesión ante o despiste do grupo socialista, o que provocou as iras dos populares. Segundo a deputada nacionalista Olaia Fernández, a postura do BNG agora vai ser defender as emendas no Senado, logo de que o PSOE anunciase a súa intención de botar atrás o texto aprobado o que, en palabras de Fernández, "é lamentábel".

A deputada nacionalista, asegura que a emenda non se redactou co fin de enganar ao grupo socialista, se non que simplemente recolle unha realidade patente no Estado así como unha necesidade real da diáspora, aínda que recoñece que os socialistas "non colleron o matiz".

Indignación no PP
Pola súa parte, o Partido Popular a través da secretaria executiva de Política Autonómica e Local, Soraya Sáenz, asegurou que "é un feito de gravidade extrema que o PSOE votase un proxecto de Lei" a condición de España como "Estado plurinacional".

Segundo Sáenz, "é absolutamente inaceptábel que as leis comecen a recoñecer a condición plurinacional de España porque contradí abertamente "a definición de Estado que se votou en 1978".

Máis do 90 por cento das emendas aprobadas
Olaia Fernández Davila non ocultou a súa "satisfacción" pola aprobación do 94 por cento das emendas presentadas polo BNG ao Estatuto. As propostas do partido supoñen unha serie de melloras de índole social, político-xurídico e cultural para os cidadán españois residentes no exterior.

A parlamentaria destacou entre as emendas incorporadas á lei a relativa a facilitar o acceso dos emigrantes en situación de dificultade á rede sanitaria nos países nos que habitan. Tamén sinala que "resulta moi positivo que se incluíra o relativo coa emisión do voto nos procesos electorais" subliñando a que fai referencia a garantir a igualdade de todos os partidos políticos á hora de concorrer ás eleccións, asegurar a transparencia á hora de emitir o voto ou a posta a disposición de Embaixadas e Consulados para o exercicio deste dereito.

No eido social, aprobáronse as emendas destinadas a "impulsar e consolidar o movemento asociativo, co apoio ás asociacións que teñen infraestruturas para atender ás persoas maiores, o fomento da participación dos emigrantes a través do Consello Xeral da Emigración, e a procura de melloras das súas condicións de vida nos países onde habitan.

Aínda así, Olaia Fernández amosa a súa decepción por non aprobarse a proposta nacionalista para que os netos de emigrantes poidan acceder á obtención da nacionalidade española.
Comentários (0) - Secçom: Política - Publicado o 29-10-2006 16:20
# Ligaçom permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal
"Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma"
(Castelao)


Apoiamos a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués


Creative Commons License
Esta obra está licenciada sob uma Licença Creative Commons.