Avante Galiza!
'Estamos fartos de saber que o povo galego fala un idioma de seu, fillo do latim, irmao do Castellano e pai do Portugués. Idioma apto e axeitado para ser veículo dunha cultura moderna, e co que ainda podemos comunicar-nos com mais de sesenta millóns de almas (...) O Galego é un idioma extenso e útil porque -con pequenas variantes- fala-se no Brasil, en Portugal e nas colónias portuguesas'.

(Castelão - Sempre em Galiza)



Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet





 SECÇONS
 FOTOGRAFÍAS
 Também ando por:
 PESQUISAR NO BLOGUE
 PESQUISAR EM BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 Artigos destacados

Aínda é tempo de salvá-lo galego
A lingua galega semella pasar por un momento difícil, e niso hai coincidencia. Tamén en que urxe tomar medidas de moi diverso carácter atendendo aos sectores aos que se dirixan. Pero alén dese par de cuestións, as propostas para garantí-lo futuro da nosa lingua son dispares e as sensibilidades fronte ao problema, tamén.

La Voz reuniu a un grupo de persoas significadas, de idades e profesións distintas, que nun debate sobre o tema propiciaron estas conclusións. Os participantes foron o intelectual galeguista Isaac Díaz Pardo; a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López; o empresario editor Xosé Ballesteros; a escritora e filóloga Inma López Silva e a secretaria da Mesa pola Normalización Lingüística, María Xosé Jamardo.


Isaac Díaz Pardo
Eu penso que o galego vai desaparecer como lingua coloquial e que vai quedar como lingua de culto. As linguas sempre foron dos que mandan, e en Galiza non son precisamente os galegos os que o fan, senón as multinacionais. Temos exemplos semellantes aínda vivos, como os de Puerto Rico, onde prevaleceu nalgún momento o castelán pero onde se impuxo o inglés dos norteamericanos; ou mesmo o de Filipinas. Eu síntoo por Marisol, pero a lingua non hai deus que a salve se non cambian as cousas, por exemplo, achegándonos ao portugués e non cada vez máis ao castelán. Agora os rapaces xa non fan o amor en galego.

Marisol López
— Eu creo que aínda podemos facer que o galego siga a sé-lo idioma máis utilizado en Galiza, sendo conscientes de que aquí hai outra lingua, o castelán. É importante convencer a cidadanía en xeral e os novos para que ademais de facer o amor en galego empreguen a nosa lingua dun xeito habitual. Temos que convencelos de que é unha lingua útil, porque neste momento, cos datos que temos, segue a ser a falada maioritariamente e, dende o principio da democracia, incorporouse ás institucións. Dende esa perspectiva estamos nunha situación aceptable. Pero as novas tecnoloxías, boas e necesarias, ao mesmo tempo poden xogar en contra nosa se non somos quen de incorporarmos a lingua a elas. En canto ao portugués, a historia diferenciounos del, o que non quita que sexamos uns privilexiados porque cando pasamos o Miño seguimos falando coa nosa fonética e entendémonos. E somos capaces de entender os brasileiros, os portugueses e os casteláns, e os hispanoamericanos... e iso é riqueza.

PROBLEMAS POLÍTICOS

Inma López Silva
— Eu tampouco concordo coa visión catastrofista de Isaac. Se nos decatamos dos problemas que teñen os usos do galego (non o galego como lingua), telos estudado púxonos no camiño de resolvelos. Os problemas que ten o galego de cara ao futuro son de carácter político. Se é verdade que dispón das atribucións para levar ao seu bo uso, quizais sexa á Administración a quen lle temos que esixir se o Plan xeral de Normalización Lingüística vai quedar en papel mollado ou se vai ser aplicado, con que prazos, de que maneira, que papel van ter outras institucións con atribucións na normalización lingüística, pero quizais aínda non totalmente perfiladas... Temos os instrumentos, temos os estudos, os mecanismos para ver como evoluciona a cousa, e estamos ante un reto político. Hai moitos mozos dispostos a facer o amor en galego e penso que é unha cuestión de xestión o ir convencéndoos.

Xosé Ballesteros
A miña visión é que nunca a lingua galega tivo tantas ferramentas nin tantas posibilidades —mediáticas, literarias, políticas, normativas...—, e pola contra cada vez o número de falantes é menor. En poucos anos vaise decidir se desaparece como lingua de uso, como lingua coloquial, ou se mantén. Para ser moi gráfico, eu penso que estamos a correr unha carreira de fórmula 1 na que o galego vai nun turbodiésel, e o castelán, nun fórmula 1. Canto máis longa sexa a carreira, máis será a distancia que os separe. Non é só un reto político, senón cidadán. Se a cidadanía, por moitas leis e normativas que haxa, non asume que o galego é unha lingua fermosa e gratificante no día a día, non hai nada que facer, porque non é unha decisión política nin de vontade facer o amor nunha lingua ou noutra.

María Xosé Jamardo
— A Administración, mesmo a de xustiza, é lenta. Por iso perdemos tantos anos e agora nos atopamos con moitas ferramentas, con moitos estudos, falando ou tentando falar en positivo de que isto se vai amañar ou de que hai posibilidades de que se amañe... mais a situación é que cada vez se perden máis galegofalantes e a cuestión é saber por que. Salientábase sobre todo a necesidade de convencer os máis novos. Hai que facelo, pero se o acadamos, ¿teñen as ferramentas que lles permitan usar o galego no seu día a día? Igual lles pedimos imposibles, porque as play stations non están na nosa lingua. Poden entendernos, oírnos, pero hai que solucionarlles eses problemas. A lingua incorporouse tamén ás institucións hai moitos anos, mais a día de hoxe, a cuestión é como están de galeguizadas, cal é o nivel de compromiso e se realmente o seu persoal ten claras as obrigas profesionais, o seu dereito individual e se cumpre o cometido para o que está aí. Ademais, temos que atender o sector socioeconómico, no que convivimos coas multinacionais. Pode ser que acabes de funcionaria nunha institución, ou que montes a túa empresa e consideres cal vai ser a lingua de comunicación co potencial cliente... pero se es empregada dunha empresa valorarás os problemas que terás dependendo de que lingua utilices. O que debería facernos pensar é a razón de que no bombardeo publicitario hai moitísimas empresas e produtos que para vender utilizan a súa propia lingua (estou a pensar nun que emprega o italiano porque para eles é un referente de calidade).

Xosé Ballesteros
Non me gusta para nada a palabra convencer, porque iso é demasiado racional. O galego para que teña futuro debe seducir con esa parte afectiva que atesouran as linguas. Por outra banda, hai sociolingüistas que fan esta ecuación: unha lingua é un mercado. É dicir, para facer anuncios en italiano ten que haber industria e empresa, e o noso é un país tan minifundista en todo, incluso nos proxectos culturais, que nos resulta difícil exportar, pero tamén ser unha realidade no noso país. Por exemplo, aínda que temos cada vez máis editoriais, non temos industria editorial, e para que poidan pervivir temos que estar sempre mirando como funciona a institución política de turno. Debemos crer que temos país, porque se non non podemos seducir. Por iso diferenciaría as campañas políticas, mesmo de márketing, que hai que facer, e o día a día no que debemos comezar polos máis novos, mesmo polos que aínda non naceron. Aí está o reto.

SEDUCIR Á CIDADANÍA

Marisol López
Non estou de acordo con Inma en que sexa un problema político. Gustaríame que fose así, porque nalgún momento, algún dos partidos que accedesen ao Goberno solucionaríao. Naturalmente, dende o Goberno e dende a política poden impulsarse accións de apoio e traballar vendo por onde debemos ir para lograr que non siga a baixar o uso do galego entre a xente moza, curiosamente a da democracia, que ten as competencias en galego que non tivemos na miña xeración. Algo nos falla. Hai que seducir, certamente. Lograr que a cidadanía entenda que o galego é útil e que nos permite utilizalo en tódolos ámbitos da nosa vida persoal e profesional, e contar con todas as institucións e lograr que o galego non o identifiquemos con ningunha liña política concreta para fuxir tamén aquí do minifundismo. Certo que nos faltan moitas ferramentas para os mozos nas novas tecnoloxías, pero ademais de utilizar a play station suponse que falan e que len. Hai algo máis. Temos que ver que ocorre. E comezar antes de nacer, porque está a fallarnos a transmisión familiar.

Inma López Silva
— Entendo que ningún partido político ou tendencia ten que monopolizar as políticas sobre o galego, porque con iso só acadaríamos que medio país non se adherise a elas. Cando falo de que é un problema político é porque as iniciativas teñen que ser tomadas desde o poder político e saber xa por onde temos que ir, porque o tempo está a xogar na nosa contra. Posiblemente temos unha xeración perdida e é unha decisión política dála por perdida e canalizar os esforzos noutra dirección para que, por exemplo, unha muller en idade de ter fillos cando ten que traballar nunha empresa privada saiba que o pode facer na lingua que queira, porque diso vai depender que lle fale tamén aos seus fillos en galego, que teña a seguridade necesaria para entender que o uso da lingua galega é positivo. Estamos moi empeñados en pensar no nivel educativo e formativo, e igual hai que priorizar outras liñas. Hai que esquecerse de que os falantes teñen que crer no proxecto de galego e de país, porque o que interesa é que o falen. Xoga en contra darlle demasiada importancia identitaria.

Isaac Díaz Pardo
— A pesar de que Marisol o está a facer moi ben, eu penso que ninguén salva o galego de ser unha lingua litúrxica. Dende hai nove séculos que nos roubaron a El-Rei García, Galiza quedou abandonada e supeditada aos señores feudais, dos que quedan aínda restos evidentes. O galego chegou ata os nosos días nos rueiros, pero veu a invasión de todo pola televisión e as modas dos señores do ladrillo que falan en calquera idioma menos en galego. Se non hai unha conciencia, e non vai habela, a cousa quedará reducida ás universidades.

Marisol López
— As linguas evolucionan e iso temos que aceptalo.

Xosé Ballesteros
— Con todo, o galego vai seguir existindo mentres teñamos festas gastronómicas, así que aínda lle quedan moitos anos.

Inma López Silva
— Xa sabes que esa foi a política utilizada ata hai pouco e tampouco nos foi moi alá.

Xosé Ballesteros
— Non é unha política, é unha realidade. Hai unha diferenza entre os que van ás festas gastronómicas e falan en galego e a cidadanía que reside nas cidades que maioritariamente van de discoteca ou botellón e aí o galego non se usa. Eu comecei a falar galego cando tiña 16 anos e creo que na miña familia só o facía a miña avoa paterna. Foi unha decisión individual e política. Era unha experiencia case de rebeldía falalo onde traballaba. Agora non existe ese impedimento.

María Xosé Jamardo
— Iso non é así. Hai problemas en moitos traballos.

Xosé Ballesteros
— O proletariado historicamente falaba galego, pero ese non é o caso dos novos que se incorporan agora.

Inma López Silva
Unha persoa que traballe hoxe por exemplo na banca ten serios problemas para utilizar o seu idioma no traballo, por non falar doutras grandes empresas que teoricamente están comprometidas coa promoción cultural e social deste país. Hai certos niveis de hipocrisía. O Plan de Normalización é unha das ferramentas para facer cousas.

Marisol López
— Hai que facer educación de calidade e o galego ten que ter unha presenza importantísima para lograr competencias lingüísticas. O tema é logo o apoio que fagamos dende os equipos de normalización. Investigación básica e novas tecnoloxías, é importante. Pero volvendo ao PXNL, hai que dicir que se aprobou sen facer un cronograma e sen orzamento específico. Pero seguíndoo, estamos levando a cabo os plans operativos. Temos problemas no ámbito xurídico, mais banca e caixas están apoiando a normalización.

O USO É VITAL

Marisol López
— Hai un plan de normalización consensuado. O que xa vai sendo hora de accións concretas para o desenvolver, dende a naturalidade do día a día.

Xosé Ballesteros
— Con todo isto creo que podemos chegar a ter unha lingua normalizada no plano xurídico, documental, de comunicación... que é importantísimo, pero tamén máis doado de acadar que o uso, a utilización da lingua, que é o vital.

Inma López Silva
—Pero os usos son orientables desde a Administración. Hai ámbitos nos se pode esixir.

Xosé Ballesteros
— Cara ao futuro, as futuras nais e pais, igual que hai ximnasia para o parto, deberían contar cunha introdución á lingua para poder comunicarse cos rapaces en galego e recuperar a tradición oral, a hora do conto.

Inma López Silva
— Esa é unha gran idea. Aínda así, para convencer e seducir nos usos non podes darlle máis traballo ao falante. Non lle podes dicir a unha nai que vai ter un fillo que vaia a unha clase, perder o seu tempo libre para aprender lingua ou usos de lingua. Iso vai ser concibido como un traballo.

Xosé Ballesteros
E a ximnasia para o parto é un traballo?

Marisol López
— No marco da presente campaña estamos preparando unha acción concreta para as futuras nais cunha serie de materiais que queremos distribuír co Sergas. Pensamos que é un punto fundamental de recuperación.

Xosé Ballesteros
A miña experiencia é que cando lles contaba aos nenos Os tres porquiños en galego, preguntábanme por que falaba raro. É importante que as nais e pais, avós ou tíos, poidan ter a ferramenta en forma de libro, pero tamén en narración na súa memoria para poder contar os contos tradicionais na propia lingua.
Comentários (1) - Secçom: Língua - Publicado o 31-03-2007 16:34
# Ligaçom permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comenta-se que...
1 "Hai unha diferenza entre os que van ás festas gastronómicas e falan en galego e a cidadanía que reside nas cidades que maiorita#blgtk08#riamente van de discoteca ou botellón e aí o galego non se usa"

Este homiño non estivo nun botellón na súa vida!!
Dito por Suso (31-03-2007 16:37)
E ti que pensas disto?
Venho a ser:
Correio-e: (Nom aparecerá publicado)
URL: (Debe começar por http://)
E digo eu:

(Introduza o código da imagem)
© by Abertal
"Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma"
(Castelao)


Apoiamos a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués


Creative Commons License
Esta obra está licenciada sob uma Licença Creative Commons.