Avante Galiza!
'Estamos fartos de saber que o povo galego fala un idioma de seu, fillo do latim, irmao do Castellano e pai do Portugués. Idioma apto e axeitado para ser veículo dunha cultura moderna, e co que ainda podemos comunicar-nos com mais de sesenta millóns de almas (...) O Galego é un idioma extenso e útil porque -con pequenas variantes- fala-se no Brasil, en Portugal e nas colónias portuguesas'.

(Castelão - Sempre em Galiza)



Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet





 SECÇONS
 FOTOGRAFÍAS
 Também ando por:
 PESQUISAR NO BLOGUE
 PESQUISAR EM BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 Artigos destacados

Por qué fago un blog?
Esta é unha pregunta que coido que todo blogueiro se chegou a facer algunha vez, e mesmo de cando en vez pode que alguén da súa entorna llo preguntase. Por que fago un blog? Isto preguntoumo un amigo hai uns días e é curioso que nunca me parara a pensalo.

Introducinme no mundo das bitácoras o ano pasado co msn spaces. Fíxeno porque chateaba cunha rapaza do Bierzo que me preguntou se tiña algunha foto miña en internet... e comecei a poñer na parte do blog as típicas parvadas: correos que me chegaban, chistes, algunha reflexión rápida,... Os primeiros artigos fíxenos en castelán, pensaba que así podería chegar a máis xente xa que esa é unha comunidade internacional. Logo comecei a escribir en galego artigos máis serios, novas sobre cousas que sucedían na Galiza. Pensei entón que escribir en galego era un signo de distinción... todo o mundo escribía en castelán, mais eu era diferente... sempre tiven ese punto de ser diferente, e quería que tamén no meu mundo virtual se notase. O mal é que as primeiras parvadas que puxera xa non tiñan senso dentro do estilo que estaba a tomar. Logo de moito tempo e grazas á acción de alguén que me quixo foder eliminándome a bitácora comecei unha nova, que xa ía na liña que eu quería.

Logo comecei a relacionarme con máis xente que escribía en galego no seu espazo e tamén con mais xente da Galiza con espazos interesantes. Tamén comezou a relacionarse comigo xente do Brasil e de Portugal, que nun primeiro intre pensaban que eu era dalgún deses lares.

Un día deume unha desas viradas que me dan e chimpei á piscina da blogoteca. Cría que esta, Sempre en Galiza, había sé-la miña bitácora ?secundaria?, pra chegar a unha pequena comunidade galegofalante. Un dos primeiros en darme a benvida foi A Randeeira, que xa entón me fixo unha advertenza: ?ten coidado que isto engancha?.

Co paso do tempo pasei a escribir aquí sobre todo, mais conservo Aires da Miña Terra porque nese espazo teño moitos enlaces ás páxinas e bitácoras que máis visito, mais álbums de fotos que considero moi interesantes.

Na actualidade non considero concluída unha semana sen pasarme pola bitácora de A Randeeira e deixarlle un par de comentarios; ver que novo vídeo, imaxe ou reflexión trae Diário dum Suevo e tampouco sen acceder a ese trebello que descubrín hai pouco e premer ó lado dunha nova: Chuzar.

Mais non respostei aínda á pregunta. Que por que escribo unha bitácora? Porque a miña mente é un eterno fluír de ideas... quixera ser quen de expresalas todas, ter sempre a man algo pra escribilas e non perder ningunha... ser quen expresalas con verbas. Quixera facer chegar a todo o mundo o que penso, conectarme á mente da xente e transmitirlles esa dose, esa inxección... eses mil pensamentos por segundo que se me cruzan coma un raio e dos que de cando en vez me abstraio tomando unhas cañas, vendo un partido de fútbol, saíndo de carallada...

Por que fago un blog? En realidade non o sei. Cecais sexa afan de protagonismo, pode que sexa que o meu narcisismo me impida non predicar ós catro ventos eiquí estou eu. É probábel que só queira deixar unha pegada no mundo, constancia de que existín... non creo que me constrúan nunca unha estatua, mais podo chegar a tódolos recunchos do planeta dende esta fin do mundo. Seguramente é que son un egocéntrico e un hedonista que só ando á procura de vítores ó traveso dos comentarios.

Por que escribo aquí? Ó final é unha simple afección, coma quen se adica á bricolaxe. Sempre me gustou espallar ideas, non só as miñas, senón ideas en xeral... a idea de igualdade, a idea de fraternidade, a idea de nazón, de pobo, de país... a idea de liberdade, de progreso, de ledicia. Gústame coñecer xente, e este tamén é un método de facelo... sei que se vou á Mariña Lucense pódolle preguntar a Toño por algún lugar interesante a visitar, que se vou á Estrada podo ir de cañas con Adan, que podo tomar un café con Carla en Vilagarcía ou Compostela,...
Gústame aprender, e tamén é un bo método lendo blogs doutra xente. E coñeces os variados matices e opinións que hai sobre un tema. É, non sei, unha boa experiencia e un gran xeito de intercambiar ideas, cousa que sempre me gustou.

O máis curioso de todo é que cando cheguei a maior número de xente non foi cun artigo que publicase en inglés nalgures, ou cando escribín algo en castelán... o máis curioso é que cando logrei chegar a máis xente con algunha das miñas humildes opinións foi cando as escribín nun servidor de blogs galego e escribindo neste meu galego isolino que nin sequera ten ?nh?, ?ç? ou ?lh? que fagan del unha lingua que faga que os textos fiquen ?wapos wapos? pra que non os entendan os españois e si toda a lusofonía mundial.

Porque ese é o erro de moita xente á hora de escribir unha bitácora... pretender chegar á fin do mundo empregando pra elo o esperanto se é preciso. E as cousas non son así... o primeiro é entendernos co veciño, e logo cos de fóra xa nolas apañaremos pra nos entender, que cando hai fame todos sabemos pedir pan por sinais. Se escribise isto en castelán estou seguro de que tería moitas menos visitas... por que? É sinxelo; as cousas das que eu falo son problemas cotiáns meus e de calquera galego, mais nengún madrileño había comprender a necesidade de conservar unha lingua e moitos portugueses non entenden esa obsesión nosa de sermos incluídos na lusofonía... esos son problemas que eles teñen resoltos. Non teñen que loitar pola independenza da súa nazón pra poder resolvé-los seus asuntos falando de ti a ti con Bruxelas, sen ter que pasar antes pola criba de Madrid, onde lles importa tres carallos o tema da pesca, dos estaleiros ou da cota do leite... alí só lles importa ter un metro por toda a cidade, aumentá-lo número de carrís das estradas pra evitá-los atascos e descifrar verdades pra se informar de verdade con TeleMadrid.

Por que fago un blog? Nin puta idea meus. Un bo amigo díxome unha vez que pra organizá-las ideas non hai nada coma escribilas, facer un diario. Supoño que isto que eu fago é unha terapia e o que o lea será un doutor que avala a miña saúde mental... mais xa sei que estou medio tolo Doutora Seymour :)

Por que escribo todas estas cousas?... É que acaso é preciso buscarlle un porqué a todo???

P.D.- Este artigo escribino a comezos desta semana na computadora agardando a me conectar pra publicalo. Adícollo á Randeeira :)
Comentários (9) - Secçom: Reflexions - Publicado o 16-05-2007 18:27
# Ligaçom permanente a este artigo
Heráldica Labrega
Andaba eu de paseo pola Galipedia cando me topei co escudo de Abegondo. Teño que dicir que nunca na vida vira un do xeito... supoño que porque a heráldica era patrimonio exclusivo da nobreza, un arte que naceu co gallo de identificá-lo Señor nas batallas trá-lo auxe das armaduras medievais, o que facía que co ielmo posto os soldados non fosen quen de diferenciá-lo seu señor de calquera outro soldado.

Ademáis das bandeiras tamén me gustan moito os escudos, e teño que recoñecer que este é o escudo máis galego de todos cantos levo visto... referíndome, por suposto, ó noso pasado máis inmediato. O sacho, o galleto, o enciño, a gadaña, o palleiro e a marela eran até fai ben pouco, mesmo hoxe en día seguen vixentes, os elementos cos que calquera labrego da Galiza se identificaría. Está afastado de todos cantos escudos levo visto, que soen representar antigas monarquías e/ou casas de nobres.

É canto menos curioso, xa que calquera se podería sentir identificado con el. Eu de cativo sempre ía co meu avó á leira coas vacas, teño galletado herba pra facer palleiros, sachado na horta ou na leira das patacas, teño levado broncas por andar sempre preto de quen andaba a segar ca gadaña (dato curioso: aprendín na miña última viaxe a Euskal Herria que grabuñá-la gadaña en caselán dise picar),...

Coido que persoalmente me sinto máis identificado con este escudo que co de As Pontes, xa que o pontés representa á vila, mais este representa a tódolos labregos de interior.

É como o símbolo do comunismo... calquera campesiño ou traballador se pode sentir identificado cunha fouce ou cun martelo. O escudo de Abegondo non é un escudo da nobreza, é un escudo do pobo, e iso pra min ten moito mérito.

Tamén se me fixo curioso imaxinar como sería se fose feito hoxe... eu imaxino que se substituirían os apeiros de labranza por un tractor, o palleiro por un rolo deses que se fan envoltos en plástico cunha máquina e a marela por unha frisona.
Comentários (0) - Secçom: Reflexions - Publicado o 16-05-2007 18:16
# Ligaçom permanente a este artigo
Galiza, 12 points
É un vello soño persoal que se aviva cada ano por estas datas. Galiza participando no festival de Eurovisión. Beatriz Manjón cantando os nosos puntos en inglés a toda Europa coa fachada do Obradoiro ó fondo. A nosa lingua soando nun estribiño festivaleiro, por primeira vez con acento do Miño norte, e competindo con Bielorrusia, Montenegro, Andorra e outros países pequenos, eses que tanto aborrece a vella Europa occidental e que tan boa excusa dan para ocultá-lo fracaso dos sus cada vez máis anodinos representantes.

É só un exemplo máis da decadenza das grandes potenzias frente á Europa do Tetris que se gusta e se vota entre ela. Se a ilo sumamos que o resto de Europa tamén lles vota a explicación semella clara: fano mellor. Ante esa verdade irespostábel a España ficalle rebotarse, como José María Iñigo, ou estudar fórmulas para sobrevivir no novo contexto europeo da diversidade. Galiza, Escocia, Bretaña, Euskal Herria, Laponia, Gales, Cerdeña, Kurdistán. Todos a Eurovisión.

Certo é que isto que se chama tristemente linguas minorizadas xa ten un festival non menos triste, o Liet, que tamén é de cantiga pero infinitamente máis aburrida. Música digamos auténtica, digamos de raíz, que estará moi ben pero nunca sacará a estas linguas da condición de minorizadas. Moitos xa estamos cansos de vé-la música galega nos estantes de "músicas do mundo", esos que visita pouca xente e de padais exquisitos. Os mesmos que acostuman odiar Eurovisión. E extrapolen este odio ás instancias mainstream que lles dea a gana.

Porque o festival de Eurovisión é do máis grande que nos deu Europa, a televisión e a cultura popular en xeral. Fai máis por cohesionar este continente que calquera posíbel constitución ó unirnos pola vía rítmico-emocional e amosar ó tempo a nosa diversidade. O elemento común é o pop, o diferente é o xeito de entendelo. Se nos anos 60 e 70 saíron das grandes potenzias festivaleiras algúns dos meirandes hinos do século pasado, os 80 e os 90 foron os da convulsión xeopolítica, a escuridade e o horterismo versus a austeridade new age. Pero nos últimos anos a poboación saíu do armario, en varios sensos, e foi asumindo o pop como un camiño de non retorno, no que algúns levan máis ventaxa que outros. No panorama comercial español, a situazón é penosa, e iso non hai contubernio do Este que o xustifique.

Na Galiza até fai pouco o terreno pop estaba práticamente deserto. O último, e aínda o mellor, fíxoo Andrés do Barro fai máis de 30 anos. Nos 90 o auxe do folk e dalgún rock en galego desterrou á cultura pop até o seu subterfuxio natural, que era a casa de cada un. A xente seguíu escoitando pop pero na intimidade. En inglés e en español. e ó igual que os folkis renegaron no seu día da tontería pop, os mozos de agora fuxen do folk, máis que nada por saturación. É dicir, seguen indo a Ortigueira e iso, pero poucos deles van cun interese maior que o de tallarse de campo.

Hai, pois, toda unha nova xeración na Galiza cunha cultura pop alucinante e capaz de facer soar algo máis que unha gaita, e de facelo con intelixencia. Xa no se ven na obriga a defendé-la súa terra nin a súa identidade explícitamente coa música, e pouco a pouco se van atrevendo a usá-lo galego para dicir calquera parvada, que é a base dunha boa cantiga pop. Volvo ó meu soño, e vexo a este país de estribiños que inventou o "Pousa, pousa" enviando ó seu representante eurovisivo no, poñamos, 2015. Teño claro ó meu candidato: chámase Projecto Mourente e é o máis parecido a pop electrónico de masas que temos por aquí. Deuse a coñecer na Rede o ano pasado, xerando un montoazo de fans que este mércores peregrinarán á Sala Nasa de Santiago para vé-la primeira actuación en directo dalguén que compón, grava e publica dende o salón da súa casa. Non se me ocorre mellor xeito de celebrá-las letras galegas que bailalas nunha pista. O día que Galiza vaia a Eurovisión tamén agardo que España nos vote, aínda que non sei se lle poderá a envexa. Na nova Europa das nazóns pequenas, ir pola nosa conta é a nosa única oportunidade.

Un artigo de María Yáñez.
Comentários (0) - Secçom: Reflexions - Publicado o 16-05-2007 18:01
# Ligaçom permanente a este artigo
De reis e reinos
Sofía, como seguramente coñecerán, significa sabedoría en grego. E si, esta nena naceu co don. Porque de agora en diante, haberase falar máis da infanta Sofía ca da propia raíña, unha sorte de alegoría da degradación que as monarquías, inexorablemente, haberán padecer nas vindeiras décadas.

Se un país se constituíse hoxe ex-novo, a ninguén ben da cabeza se lle ocorrería constituílo como unha monarquía. Os réximes monárquicos acaían ben naqueles tempos nos que as castas sociais se definían dende o berce e, así, uns nacían para ordenar e mandar, outros para vagar e gozar, os máis para sufrir e laborar, e moitos para facer de carne de canón. Os mandatarios rexios quedaban lexitimados pola graza de Deus, quen seica transmitía a inspiración divina ás almas e aos miolos dos clans elixidos.
A pesar do carácter numantino dalgúns que mesmo semellan querer volver á Idade Media, o paso do tempo, o que chamamos ?a evolución?, termina por mudar ata os convencionalismos máis arraigados. Así pois, xa dende a Revolución Francesa, os principios sobre os que se sustenta a convivencia das comunidades democráticas son, xa non a graza de Deus, senón a igualdade de dereitos, as decisións libres e individuais, a asignación xusta dos recursos dispoñíbeis e a corresponsabilidade colectiva sobre o funcionamento das institucións lexislativas, executivas e xudiciais (certo que unha cousa son os principios e outra a súa aplicación).

O papel das monarquías dentro dunha organización nacional (mesmo nun estado plurinacional) artellada sobre eses alicerces comunmente admitidos, é difícil de encaixar, por expresalo con suavidade. O propio nacemento desta nena veu manifestar o desaxuste: un xefe de Estado en destino descoñecido, unha raíña nos funerais dun violonchelista, un pai querendo aparecer simpático entre ducias de facultativos e hordas de xornalistas, uns cativos en formación para prover de material ás revistas do corazón, unhas canles de televisión analizando ate as dobras das saias e os pantalóns... En fin, alguén debería explicar o que ten que ver este circo coa rexencia dun país.

Galiza amosa unha longa e retorta relación coa institución monárquica. De feito, o primeiro reino católico de Europa foi o Reino suevo de Galiza, creado no ano 410 e do cal Hermerico se alzou como primeiro mandatario. O Reino de Galiza foi absorbido polo visigodo no ano 585, creándose de tal maneira o estado panibérico que duraría ata 711 cando chegan os musulmáns á península e Galiza recupera, en certa maneira, a independencia aínda que sen organización formal.

Manipulación historiográfica
A partir de aí, a historiografía española fabula e manipula a realidade para tentar restituír a idea da Hispania visigoda que se vai recuperar a partir da chamada Reconquista. O rei Pelaio convértese por obra e graza dos historiadores en rei de Asturias cando, en primeiro lugar, Pelaio (en realidade Paio) era un señor galego nacido en Tui, e en segundo lugar, a única entidade territorial con conciencia unitaria daquela era Galiza, que xa fora provincia romana e despois, como se dixo, reino.

O mito de Covadonga resultaría simpático se non fose porque a recreación da patria española parte daquela lenda. Abonda con ler o ?himno da Santina? para comprobar a arquitectura fiticia sobre a que se ensamblou un edificio que amosa importantes defectos de construción. Así, por exemplo, os reis que ?sucederon? a Paio (ou Pelaio), isto é, Fáfila, Afonso I, Froilán I... haberían ser, de ser algo, reis de Galiza e Asturias. Posteriormente, co traslado da capital do reino a León, Ordoño II, Froilán II, etc., foron reis de Galiza e León, tal como recollen as crónicas da época (recomendo o libro ?Os reis de Galiza? de Anselmo López Carreira, a ?Historia xeral de Galiza? editado por A Nosa Terra, e a colección Trivium de Toxosoutos para unha completa información).

O Reino de Castela adquire relevancia a partir do rei galego Alfonso VII (de Caldas de Reis, para máis datos), que foi nomeado ?emperador? de Galiza, León e Castela no ano 1135. A partir de aí, Castela foi gañando poder ata concentralo por completo con Isabel a Católica. En 1833, trala morte de Fernando VII, implántase a división provincial en España, co cal desaparece o Reino de Galiza que, en realidade, só existía nominalmente dende o século XVI.

Adoita falarse de que Galiza foi un reino sen reis, o cal é un erro derivado das argalladas da historiografía española. A existencia do Reino de Galiza supuña un atranco importante no obxectivo de ?restauración? da integridade hispánica ?perdida? trala invasión musulmana. Velaí o mito de Pelaio e do Reino de Asturias como precedente sen solución de continuidade do Reino de Castela. Un magnífico exemplo desta manipulación podemos atopalo no manual de Historia de España máis difundido das últimas décadas, cal é o elaborado polo ideólogo aznarista García de Cortázar quen, ademais de ignorar obscenamente a existencia do Reino de Galiza, cita o rei galego Don García como rei de Castela.

Revisionismo
A visión revisionista da Historia é criticada dende moitos ámbitos, en especial dende as instancias máis próximas ás organizacións herdeiras dos que exerceron o oficio da manipulación. Pasaron séculos dos tempos de doma e escuridade, demos a benvida á democracia definitiva e acabamos de nos internar con audacia no terceiro milenio. Un día deste milenio, a véspera da festa do traballo do ano 2007, naceu unha nena a que chamarán (xa chaman) infanta Sofía.

Os británicos utilizan a expresión ?to be? para referirse a aquela condición futura que se espera acadar. Así, a irmá de Sofía, a infanta Leonor, sería a raíña ?to be?... or not to be. Imaxinemos, por imaxinar, que esta nena, Leonor, xa crecidiña, amosa debilidade polos ?guardaespaldas? ou mantén conversas comprometidas a través do móbil. Porque xa se sabe que os xenes poden resultar traizoeiros, que o ADN pode revirarse e que as neuronas poden saír ben brincallonas.

Imaxinemos, por imaxinar, que a Leonor, iso de xogar a reis e a raíñas, non lle vai moito e que prefire ?la vida loca? e o ?dolce farniente?. Daquela, habería ser esta criatura que acaba de nacer a sucesora de Felipe VI, a quen se cadra veremos reinar nuns aniños tan logo abdique o seu pai farto de tantas voltas e revoltas.

Ou mesmo imaxinemos, por imaxinar, que a sociedade española racha de vez esta vaga de aparvamento na que leva instalada demasiado tempo e que ningunha das fillas de Felipe ten que aturar o sacrificio de reinar porque España sexa, ao cabo, unha república federal e Galiza, xa que logo, un dos seus estados federados. Claro que eu non estarei xa para velo. Cando menos, podo imaxinalo.


Comentários (1) - Secçom: Reflexions - Publicado o 12-05-2007 04:56
# Ligaçom permanente a este artigo
Spain is not cool

Un argumento que teño escoitado por parte de xente pra seguir pertencendo a España, alén do manido argumento da economía, é que mola iso da fama de festeiros que teñen os españois. Ante isto a min sempre se me ven ós miolos como son as festas españolas: Feira de San Isidro, Feira de Abril e todas cantas feiras e festas hai en España teñen un denominador común... a tauromaquia. Ó final as festas españolas non fan senón alimentá-lo tópico do país de pandeireta: touros, sevillanas, xitaneo, olés e vivaespañas.

Pra festas as da Galiza, sen dúbida ningunha... Galiza é o país das mil festas. Se temos en conta que na Galiza están case a metade de núcleos de poboación do Estado, e que en cada un deles, por pequeno que sexa, se fai unha festa ó menos... facede contas!!

Nós non precisamos dun presuposto brutal multimillonario como o da Feria de Abril, coas súas casetas e os seus miles de bombillas consumindo a todo trapo, e tampouco precisamos de asasinar ou torturar ningún animal nunha praza do pobo pra pasalo ben. A nós chéganos con viño, música e comida, e tan só con iso montamos unhas caralladas brutais. Penso agora, por exemplo, no Mundo Celta de Ortigueira, na Festa da Fraga de As Pontes, na Festa da Dorna de Ribeira ou no Desembarco Viquingo de Catoira e en ningunha delas se precisa dun presuposto desorbitado nin de matar un touro pra se xuntar e montar unha descomunal.

Logo está o tema das festas gastronómicas, que xa é tema aparte... eu non o podería ter dito mellor ca Carlos Blanco:



Que os españois teñen fama de festeiros?? Sempre me ten chiste cando algún español ven á Galiza e remata flipando porque non é quen de nos seguí-lo ritmo, e mesmo en Euskal Herria deixámo-lo pavillón ben alto o meu curmán e mais seu saíndo tres días seguidos de carallada... un deica as seis da mañá e os outros dous até as dez rematándoa cun almorzo de cocido (nisto si que nos gañan os bascos, hehe).

Lémbrome que en Montreal o primeiro que me preguntaron foi sobre as ?bullfights?, as corridas de touros, e ficaron bastante trastocados porque lles dixen que non vira unha na miña vida nin tiña pensado facelo. Logo tiven que lles explicar que en España había varias nazóns con diferentes costumes e diferentes línguas; tamén en Irlanda fliparon cando lles dixen que en España falábanse catro línguas oficiáis.

Nunhas das BBQ (barbacoas) ás que son tan afeccionados nestes países un dos alí presentes díxome: ?Spain is cool! Fiesta, toros, sangría!?. Eu resposteille ?Spain is not cool! Galiza is cool! Festa, bagpipes, wine!?. Outro díxome: ?And you came here to learn english? Nous sommes le Quèbec, nous parle françoise!?. A conversa seguiu así:
- Mais je ne parle pas françoise!
- Oh, ti parle françoise!!
- Non, non... je ne parle françoise, je comprend un peu françoise.

Logo o tipo explicoume o tema do Quebèc, e pensaríase que non o había de comprender... mais flipou logo cando lle contei eu a historia da Galiza e díxome que aínda tiñamos nós máis dereito a ser independentes ca eles. Ó final rematamos brindando ?pour le Quèbec et pour la Galiza?.
Comentários (5) - Secçom: Reflexions - Publicado o 08-05-2007 17:48
# Ligaçom permanente a este artigo
© by Abertal
"Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma"
(Castelao)


Apoiamos a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués


Creative Commons License
Esta obra está licenciada sob uma Licença Creative Commons.



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0