Avante Galiza!
'Estamos fartos de saber que o povo galego fala un idioma de seu, fillo do latim, irmao do Castellano e pai do Portugués. Idioma apto e axeitado para ser veículo dunha cultura moderna, e co que ainda podemos comunicar-nos com mais de sesenta millóns de almas (...) O Galego é un idioma extenso e útil porque -con pequenas variantes- fala-se no Brasil, en Portugal e nas colónias portuguesas'.

(Castelão - Sempre em Galiza)



Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet





 SECÇONS
 FOTOGRAFÍAS
 Também ando por:
 PESQUISAR NO BLOGUE
 PESQUISAR EM BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 Artigos destacados

Sempre en Galiza
Onte decidinme, din o paso. Pensei que xa estaba en disposición de ir Máis Alá, como dicía Manuel Antonio. Tras unha tarde de estudo, paseo e internet dirixinme a última hora con paso firme á libraría Follas Novas, baixei as escaleiras até o terceiro andar e fun onde estaban os libros de Castelao... botei unha ollada e alí estaba: Sempre en Galiza. Collino firmemente, pagueino relixiosamente e dirixinme á casa.

Non puiden agardar... non tiña tempo pra lerias... de cea fíxenme un par de ?sándwichs? de salchichas con ketchup (unha receita rara e rápida que aprendín en Irlanda, están bos, en serio! E ademáis o ketchup évos moi bo pra a próstata) e fun ó sofá. Puxen música (non me gusta o silenzo) e, tras unha fotografía de Castelao e unha adicatoria ?En memoria de Alexandro Bóveda?, lin as primeiras liñas:
Os tres feixes de discursos que se axuntan neste volume -reflexos dun mesmo ideal- foron escritos no desterro, para escorrentar a morriña, e responden a situacións diferentes de lugar e tempo: Valencia e Barcelona (1937), Nova York e Océano Atlántico (1940), Bos Aires (1943). E cavilando no limiar que debía compor para encabezalos, opino que poden valer os pequenos artigos que escrebín en Badaxoz (1935), cando Lerroux tivo a ben ordear que me preparase para maores ausencias.

Comecei a lelo e sorprendeume moito, moitísimo o que di este home... non polo de novidoso, senón porque eu cheguei ás mesmas conclusións sen ter lido máis que algún pequeno fragmento das súas ideas nalgún blog, unha parte ínfima da súa obra literaria. Esta obra érame (éme de feito, pois aínda moito me queda por ler) completamente allea e, nembargantes, Castelao e mais eu chegamos a unhas mesmas conclusións. Isto fíxome cavilar... fíxome cavilar no moito tempo que este home tivo que pasar a darlle voltas á cabeza, e dígoo porque eu pra chegar ás conclusións ás que cheguei até o de agora (e que agardo que continúen evolucionando cara adiante, e sempre en positivo) deille centos de miles de voltas ás miñas ideas, lin cousas por aquí e por acolá, machiqueinas, remoínas, transformeinas e fíxenas miñas.

Que sinificado ten isto pra min? Non é senón a confirmación de que o galeguismo e a galeguidade non son froito das teorías dun home que deu en escribir un libro, senón que veñen dadas pola lóxica ilóxica da nosa Terra. Unha nazón é ou non é... se non existe non se pode inventar, e se existe non se pode agochar.

Por que tardei tanto en lé-la que se considera obra mestra do nacionalismo galego? Tiven eu un mestre, un dos bos mestres que tiven, de tecnoloxía, que dicía que Sempre en Galiza era unha obra imprescindíbel a ler pra todo o que se profesase de nacionalista. Eu non quería ter unhas ideas de papel, unhas ideas baseadas en tinta que enchoupa a folla... o ?nacionalismo? andaluz considera a Blas Infante o pai da súa patria, o que escribiu o que era Andalucía; iso é precisamente inventar unha patria, iso é o que fixo Isabel de Castela cando quixo unificá-la península baixo o seu xugo pra crear unha patria artificial. Eu quería que as miñas ideas viñesen da base, do pobo, e non dunha panda de intelectualoides de café; pra iso autoimpúxenme un proceso de aprendizaxe no que fun coñecendo dende o máis rancio galeguismo reclamador da independenza da Galiza pra sermos unha nazón de gaita, cacique e carro dos bois ó máis rancio españolismo reclamador dunha unidade de destino no universal de flamenco, misa e touros.

Eu, coma Castelao, intereseime polos eidos a seguir da Galiza dende o estranxeiro, dende fóra da nosa Terra... porque é dende fóra cando realmente se entende á Galiza. Sempre me gustou o punto de vista obxectivo... se os españois todos visen España dende fóra o seu xeito de pensar había ser ben distinto, e se tódolos galegos vísemos á Galiza dende fóra outro galo nos cantaría. Agora ben, á hora de defendela hai que facelo dende dentro, porque senón sería imposíbel comprender as inquedanzas da xente, e xurdirían cousas como as que suceden co voto emigrante, que se cren con dereito a decidí-los vieiros a tomar da Galiza sen tan sequera ter pisado os seus montes nin arrecendido o seu mar.

Arrisqueime a poñerlle á miña bitácora o nome desta obra arriscándome a que alguén me falase dela e comprobase que era un perfecto iñorante do seu contido... sómentes vía entón a forza do seu nome, a súa representabilidade. Agora vexo neste proxecto a procura dos mesmos anceios que este homiño predicaba dende tódolos vieiros do mundo, e matei así, aplastando definitivamente, ós meus ídolos.

As ideas ás que chegou Castelao non chegou por ser un xenio... chegou porque veñen dadas, estan aí, só hai que saber velas có cerebro e non só cos ollos. Eu mesmo cheguei a todas esas conclusións, e non son un ilustre escritor nin político, e non teño nin idea de pintura.

Penso agora en tantísimos artigos e ideas que escribín e non publiquei, ou que directamente borrei cando tiña a medio escribir porque non me remataba de convencer o xeito de redactalas... eu sonvos mellor predicador de bar, escudado tras unha caña e abrazado polo fume do tabaco non hai contenda verbal que se me resista... cantas ideas firmemente aferradas nalgunhas persoas teño deitado cun certeiro golpe dunha idea totalmente tola, que só a alguén que antes lle deu moitas voltas ó tema se lle poderían ocorrer, e que sorprenden pola súa sinxelísima lóxica aplastante.

Agora sei que a meirande parte destas ideas non precisaba de publicalas... xa estaban escritas nun libro que curiosamente comparte nome coa miña bitácora ;)
E así, mirando sempre cara adiante, pensando sempre en positivo, evolucionando sempre no meu pensar, agardo que todas estas ideas se espallen polo mundo, mais, sobre todo, que boten raíces... e fiquen... Sempre en Galiza.
Comentários (4) - Secçom: Reflexions - Publicado o 30-05-2007 18:59
# Ligaçom permanente a este artigo
21 primaveiras
Hoxe ándovos de aniversario, 21 aniños. Van ben celebrados que levo catro días de carallada entre as festas de Compostela e as de Roupar Dabaixo.

Polo de agora o meu balance é que os 20 foron os mellores da miña vida... o primeiro curro, o carné do coche, esa rapaza, aquela, aqueloutra... as festas, a liberdade, a responsabilidade,...

Non ando especialmente inspirado... será que non durmín moito e tomei uns cantos cubatas na festa, hehe.

As festas de Roupar foron a hostia... moloume moito a Orquestra Panorama, dan espectáculo e a cantante morena está de vicio. Mais a maior festa montámola coa orquestra Alianza, na que toca a trompeta un amigo meu... e o cabrón non me quixo presentar á cantante... hahaha

Só me fica agradecerlle a toda a xente que se lembrou do meu aniversario: Vickiña, Pita, Philippe, Ana, Eva, Laura, Sariña, Natalia, Marilia, Presi,... :)

Aos que non vin a ver se quedamos un día pra tomar algo, e ó Presi que se mellore pronto pra saír un día de cubateo, hehe.
Comentários (7) - Secçom: Reflexions - Publicado o 20-05-2007 19:44
# Ligaçom permanente a este artigo
Por qué falo galego?
Coido que tódolos que somos chamados neofalantes temos unha razón que nos impulsou a tomar esa decisión. Eu en realidade non me considero neofalante porque son fillo, neto, bisneto, tataraneto... de galegos, todos eles falantes da lingua de seu; todos até que cheguei eu, polo de agora a derradeira xeración. Como xa dixen algunha vez pertenzo a esa xeración da esquizofrenia lingüística paternofilial... os nenos falan a lingua que lles falan seus pais, se falan linguas diferentes pai e nai o cativo de pequeno mestura todo dicindo antes a palabra que primeiro se lle veña á cabeza indiferentemente da lingua, mais de grande terá a gran vantaxe de ser un bilingüe.

Os da miña xeración en xeral somos xente rara, bipolares... os mesmos que din Galiza Ceibe din tamén: Buah tio! Fuimos el otro día a la Hermo y flipas... una pila de cachondas!! Me acerco allí a una rubia potentísima... y al abrir la boca va y la jode... una montesina tio... destas que hablan un gallego cerradísimo de este de aldea, sabes? Que parecía bajada del monte la tipa.

Antes non me fixaba nestas cousas, só era un cativo, mais cando penso agora na situación que se daba á entrada da escola non lle vexo senso algún. É curioso lembrar como estabamos tódolos cativos por alí enredando e todos falabamos en castelán... e a dous metros as nais mandándolle unhas parrafadas en galego e de cando en vez dicía algunha: Juan, vente para aquí que aún vas caer.
Supoño que iso é o autoodio, mais sei que non o facían por mal... só procuraban o mellor pra os seus fillos e, inda por riba, viñan de ser educados polo franquismo. Na escola da miña nai cantaban o Cara al Sol antes de marchar á casa.

Na Galiza non había traballo, había que marchar na procura dun futuro, de xeito que a mentalidade era que os fillos tiñan que falar en castelán pra ter un bo futuro e pra non semellar uns paletiños de aldea. É curioso pensar nesas grandes enchentas que faciamos na casa dos meus avós polas festas, o entroido ou noiteboa e fixarse no aspecto lingüístico... os meus avós falando en galego, os meus pais e tíos falando en galego, e eu, a miña irmá e mailos meus curmáns todos en castelán... castelán ?daquela maneira?, porque os grandes falábannos aos cativos en tradución literal do galego de xeito que cousas como os tempos compostos brillaban pola súa ausenza. Veño sendo dunha xeración de falantes de castrapo castelanizado.

Agora xa situados ven sendo tempo de dicir por que me decidín a dá-lo salto. Como xa dixen non me autoconsidero neofalante, pois creo que os neofalantes son aqueles que comezan a estudar ou aprender galego sen ter tido relación con el antes... o mércores estaba eu conectado no bar de sempre e aledeime cando unha muller arxentina que estaba alí se enfadaba coa súa computadora porque a súa computadora non tiña autocorreción de galego. Estaba facendo un curso de galego e quería un corrector pra word de galego RAG... eu díxenlle que descarregase o OpenOffice de Mancomún :)
Esta é a xente que eu considero neofalante... mais eu que sempre falei en ?castelán? sempre estiven arrodeado de galego por todos lados, o que pasa é que se aprendes a falar nunha lingua de cativo na túa entorna de teu logo non resulta doado cambiar... todo o mundo che di: Y ahora hablas gallego! Cómo te dió por ahí?. Se dese en falar inglés seguramente lle resultaría menos raro á xente... os galegos somos así.

E por qué din en falar galego? Motivos político-ideolóxicos? Pois non, xa era nacionalista moito antes, e dicía Galiza Ceibe e comentaba cos colegas que menudo fallo aquela tipa da discoteca que falaba moi bravo. Andaba á procura de poder falar cun número maior de xente? Pois como que neste meu galego isolino, cheo de ?x? por todos lados, non hei conectar moito coas brasileiras. Enton? Pois entón... son Suso... que lle hei facer... os instintos polo de agora non me fallaron e ás veces tiran máis que o raciocinio. Había unha morena que estaba boa de carallo e falaba galego, tan sinxelo coma iso. Decepcionados? Hehehe.

Eu a verdade estou moi orguioso de dar en falar galego por unha rapaza... unha vez máis cumpro con iso de Suso tipo distinto e os que din que só falan galego os paletos e os votantes do BNG non teñen por onde collerme.

Dicía Isaac Díaz Pardo nunha entrevista que os rapaces xa non facían o amor en galego... aínda hai quen fala galego pra facé-lo amor :)
Comentários (4) - Secçom: Reflexions - Publicado o 20-05-2007 13:34
# Ligaçom permanente a este artigo
Odiadas Letras

Estou a ficar sen batería no computador... de xeito que sen máis demora, velaquí un vídeo dunhas bandas deseñadas en reflexión sobre a nosa lingua:

Os humoristas e a lingua
Comentários (1) - Secçom: Reflexions - Publicado o 17-05-2007 20:58
# Ligaçom permanente a este artigo
Letras Galegas
Mañá é o Día das Letras Galegas. Disque está adicado á escritora María Mariño. Será cousa da miña iñoranza, mais non teño nin puta idea de quen é esta paisana... se me falasen dela nunha conversa dela hai unhas poucas semanas, denantes de que se anunciase por todos lados que se lle adica a ela o 17 de maio, diría que seguro que é unha paisaniña que coñecen na súa casa e pouco máis. É precisamente por isto polo que me gusta que lle adiquen a ela o Día das Letras Galegas, porque, polo menos pra min, é unha anónima.

Considero que o feito de que se lle comece a adicar tan insigne data a alguén pouco coñecido non é sinónimo de que estamos a ficar sen persoeiros a quen adicarlla, senón que é un símbolo de avance, de tirar cara adiante, de deixar de mirar sempre cara atrás e cara os nosos predecesores e comezar a descubrir que a obra daqueles que retomaron a escrita da súa lingua trá-los Séculos Escuros non foi en balde, senón que tivo continuidade e segue a tela.

De seguro que haberá quen pensará que son parvo por dicires que María Mariño é unha completa descoñecida, mais eu, do mesmo xeito que non nego ningún dos coñecementos que teño, non temo dicir que son un perfecto iñorante de case todo. Se hai algo que aborrezo en grande medida e que me remove as tripas son os pedantes... hai unha película que me gusta moito, O indomábel Will Hunting, na que o protagonista di unha frase que emprego a miúdo: Os pedantes sobran.

O problema do Día das Letras Galegas é precisamente que só é un día, unha especie de cerimonia ritual que se lle adica a unha fala. Tamén no Éire lle adican un día ó Gaélico, mais... alguén coñece un irlandés que empregue o gaélico acotío? Eu preguntei cando estiven en Dublín como é que ninguén falaba gaélico, se non llo ensinaban ós rapaces na escola; a resposta sooume terribelmente:
O Gaélico é unha lingua moi difícil, xa só a falan uns poucos vellos por aquí... os únicos lugares nos que se fala son as zonas máis occidentais de Irlanda onde viven campesiños que se negan a mirar cara ó futuro; falando inglés podemos falar con moita máis xente do mundo.

O dezasete de maio La Voz de Galicia sempre fai unha reportaxe sobre o escritor homenaxeado e regala un libriño con parte da súa obra... este mesmo xornal publica durante o resto do ano uns seis artigos en galego ó día, e o resto en castelán, pra poder chegar a máis xente como pretendía esa persoa que non falaba gaélico. É isto o que queremos??

O único xornal que coñezo que se publique integramente en galego é o Galicia Hoxe. Na rede si é máis doado atopalos... está Vieiros ou agora Xeración; tamén disque os outros teñen tradución automática... mais eu ás veces teño que poñé-la Voz Dixital en castelán pra ser quen de descifrar algunha nova. Tan só temos unha canle de TV en galego... e hai quen pretende que cando se faga unha segunda canle nacional sexa en castelán. E en canto á radio non son especialmente afeccionado a verdade, só sei da Radio Galega pra escoitá-los partidos.

O Concello das Pontes era o único de toda a Galiza que tiña establecida como lingua oficial o galego, obviamente tivo que vir a goberná-lo BNG pra que así fose... mais o Tribunal Superior de (in)Xustiza declarou o ano pasado que iso era ilegal e obrigou a poñer tamén o castelán... así nos loce o pelo!!

P.D.- Merda!! A imaxe que ía adxuntar a este artigo téñoa no disco duro portátil na casa... a ver se a poño mañá...
Comentários (0) - Secçom: Reflexions - Publicado o 16-05-2007 18:37
# Ligaçom permanente a este artigo
© by Abertal
"Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma"
(Castelao)


Apoiamos a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués


Creative Commons License
Esta obra está licenciada sob uma Licença Creative Commons.



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0