Avante Galiza!
'Estamos fartos de saber que o povo galego fala un idioma de seu, fillo do latim, irmao do Castellano e pai do Portugués. Idioma apto e axeitado para ser veículo dunha cultura moderna, e co que ainda podemos comunicar-nos com mais de sesenta millóns de almas (...) O Galego é un idioma extenso e útil porque -con pequenas variantes- fala-se no Brasil, en Portugal e nas colónias portuguesas'.

(Castelão - Sempre em Galiza)



Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet





 SECÇONS
 FOTOGRAFÍAS
 Também ando por:
 PESQUISAR NO BLOGUE
 PESQUISAR EM BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 Artigos destacados

Estatuto sí, mais decidimos nós
A cuestión identitaria semella ser o gran problema para que os nosos políticos cheguen a acordos sobre un texto absolutamente fundamental para o desenvolvemento da sociedade galega do século XXI.

Realidade nacional uns, comunidade autónoma outros, nazón de Breogán, País, etc?,diferentes denominacións que representan as diversas sensibilidades sociais que existen en Galiza, e que deberán ser superadas para chegar a un necesario consenso a prol do país e non dos diferentes intereses que poidan existir nun momento político ou electoral concreto.

Se é certo que Galicia/Galiza reúne todos os requisitos para que un ente territorial poida ser considerado nazón, e a min, na miña modestia, non só non me parece mal, senón todo o contrario; mais engadirlle o termo ?de Breogán? sería un esperpento valleinclanesco innecesario.

Que na sociedade actual os galegos teñamos que depender de Madrid no que se refire ás nosas costas ou que sendo a primeira potencia pesqueira de Europa non teñamos un poder de decisión máis directo, son dunha falla de lóxica aplastante, ademáis de anacronismos que o novo Estatuto debería solventar claramente, xunto cun profundo debate sobre as funcións e competencias, tanto dos concellos, como das Deputacións, e sobre a súa financiación. Pero eso só se pode facer actuando todas as forzas políticas e sociais, ademáis da cidadanía, en clave galeguista, é dicir, en clave de País e non agardando non molestar aos políticos librepensadores centralistas que pululan tanto pola rúa Ferraz como pola rúa Genova da capital do Estado.

Galicia, que accedeu á autonomía pola chamada "vía rápida" constitucional, non pode nin debe quedar en inferioridade competencial con Cataluña, nin con aqueles territorios considerados históricos por ter formulado un Estatuto na Segunda República, aos que o golpe de Estado do 36 non deixou practicamente desenvolver. Un Estatuto que reflicta o espírito galeguista de Castelao, de Boveda, e tamén dos Carlos Casares, Paz Andrade, Tobío, Ramón Piñeiro, e tantos outros que loitaron por facer da súa terra, un lugar do que todos poidamos sentirnos orgullosos.


Un artigo de Rafael Cuiña.
Comentários (0) - Secçom: Reflexions - Publicado o 19-06-2007 16:59
# Ligaçom permanente a este artigo
O poder da realidade
SavouèOnte confirmeino... o poder da realidade é máis forte que o da mentira, a forza do coñecemento é superior á da iñoranza, a seguridade que se conquire coa certeza de que aquilo que se defende é certo e existe de por si chimpa por riba de toda imposición de pensamento unitario.

Coñezo eu a un paisano que é un tipo ?de puta madre?, pero tiña unhas ideas metidas na testa á forza por mor dun sistema unitario e centralista brutal que eu non chegaba a concibir pola bestialidade que chegaban a adquirir os seus argumentos. Eu non xulgo ás persoas polo seu xeito de pensar... pensaredes que polos meus argumentos non fago máis que tratar con separatistas galaicos, e nembargantes é máis ben o contrario, a meirande parte da xente que coñezo é defensora do sistema actual de comunidades autónomas e o centralismo castelán. Mais este amigo meu non é fillo do sistema educativo español, senón dun aínda máis delirantemente centralista... o sangue que percorre as súas veas é galaico, forte, sen vontade ofensora e, nembargantes, resistente. Posúe esa galeguidade que nunca atacará a ninguén, mais resiste coma un vimbio; hai pobos que resisten coa forza dunha rocha... inquebrantábeis, mais en chegado centro intre rachan por unha fenda... os galegos somos coma vimbios... o só zoar do vento é quen de abanearnos, dobramos denantes de partirnos, e cando a ventoeira remata de novo alzamos a testa altivos, amosando que eiquí ficamos, onde as nosas raíces nos marcaron estar.

Este amigo meu é fillo da emigración, esa emigración de galegos cara Europa, cando a modernidade comezaba nos Pirineos. Naceu e medrou en Savoue, esa nazón con tan forte personalidade de seu, histórica, magoada de tanto resistir os embites do delirante centralismo borbónico francés. É imposíbel ler un libro de historia sen atoparse con algunha fazaña ocorrida na mítica Savoia.

El defendía que a súa lingua era o francés, e o seu país Franza... nembargantes arelaba con que a súa ?provincia? de Savoué formara parte da Suiza, ese país exemplo do que debería de ser un Estado (mesmo as ameazas de morte dos paquetes de tabaco están en alemán, francés e italiano).
Eu dicíalle se non estudaban na escola a historia de Savoue, a súa cultura, a súa lingua... el respostaba que en Savoue falárase francés de toda a vida, e que non tiña nada que ver Savoue coa Galiza ou Euskal Herria. É máis... ese centralismo delirante e unitario convidábao a dicir que había que impor unha lingua universal, e que esta non tiña que ser ningunha artificial coma o esperanto, senón o inglés porque si e por collóns, porque ?é a máis falada do mundo?; non amigo, a máis falada do mundo é o chinés mandarín, e o castelán fálase en todo un continente... á forza, mais fálase.

Foi a semana pasada ó seu país, Savoué, e voltou de alí cunhas ideas totalmente cambiadas. Foi á ?Savoia profunda? e descobríu que existía unha cultura propia, unha historia e mesmo unha lingua de seu que falaban os vellos e estudaban os rapaces na escola. Voltou con mágoa de que non lle tivesen ensinado iso na súa escola, de non ter aprendido unha lingua pertencente á súa nazón, de non ter coñecido esa realidade.

Eu nunca estiven en Savoie, mais coñezo algo da súa realidade. El viviu alí toda a súa vida e era absoluto descoñecedor dela. Ás veces, para coñecé-las realidades propias, é mellor afastarse delas que achegarse. Eu non coñecín a realidade galega dende a Galiza, senón dende o Reino Unido... os nacionalismos cúranse viaxando, di a xente; NON, os nacionalismos coñécense viaxando!!

Curiosa anécdota esa no metro de Londres... o vagón ateigado e un home á porta que non deixaba pasar:
- A ver ho! Entra que vai saír o metro sen nós!!
- Si, hostias!! Non ves que o home este do fuciño grande non deixa pasar??
Nese intre o home deu a volta e dixo:
- Se che molesta o fuciño, apártocho...
Asombro... incredulidade... desconcerto... No metro de London fálase galego!!!!! Hai un galego na Lúa!!!!

Hai un galego na Lúa e hai galegos espallados por todo o mundo... non hai cidade no mundo que eu pisase na que non atopara galego algún. É un intre no que semellas totalmente parvo... só dis parvadas... en galego, mais parvadas. O único que queres facer é falar galego... amosarlle ó mundo que te arrodea que tes algo en común con esa persoa alén de ser un humano coma el; queres falar sen que os demais che entendan... é unha situazón kafkiana.

Dicíame o meu amigo que non entendía por que na súa escola non lle ensinaran iso, por que non lle aprenderan a lingua da súa nazón. Antes dicía cando lle amosaba a páxina das minorías europeas que non entendía por que saía Savoue... dende a lonxanía amoseille o que había... el era ceibe de crer o que eu lle dicía ou negalo; eu non impoño crenzas, amoso camiños ocultos trá-la maleza... e logo as persoas teñen a liberdade de seguir ese camiño ou deixar que a maleza medre de novo e volte a ocultalo. Foi a Savoie coa mente aberta... deixou de ver cos ollos realidades impostas para ver coa mente realidades existentes... e descobríu que eu non son un tolo que esbardalla parvadas ó ar co anceio de que alguén as crea, senón que o que eu falo é froito dun anceio de coñecemento profundo da realidade do mundo.

O feito de que na súa escola non lles ensinasen iso, que o negasen, non me sorprendeu. Sucédelle a toda nazón aldraxada. Sucede no Bierzo e nas Portelas, no Eo-Navia; sucede no País Valencià e en Mallorca; sucede en Araba e Nafarroa. Tivo que coñecé-la súa nazón dende fóra para descobrila ó voltar a ela... tivo que ir ó ?Lugo? ou á ?Guipuzkoa? da Savoué para vér unha realidade que se lle negaba.

O nazonalismo non é un xogo de cativos con moito tempo libre... non é cousa duns tolos que queren impor o seu xeito de pensar. O nazonalismo é algo moi serio, profundo,... é unha viaxe iniciática na procura da verdade, das realidades que se nos ocultan. O nazonalismo ten que ser obxectivo e deixarse de patriotismos sentimentais baratos; aqueles que se escudan tras unhas siglas coma ETA ou EGPGC non son nazonalistas, son uns tipos que frivolizan e xogan con cousas moi serias.

Ser nazonalista non é xogar a crear un imperio, é ser un fervente defensor da verdade.

Unha nova mente aberta, desexosa de coñecé-la realidade do seu pobo, non é un triunfo do nazonalismo... é un triunfo da verdade sobre a mentira.

A xente non me di que lle amosei que unha nazón existía, porque unha nazón é ou non é, a xente dime que lle ensinei a senda dun camiño que descoñecían; cando cansen de pasear poden dar volta, mais nunca esquecerán que aí hai un camiño que existe, que non é unha pista asfaltada nova creada polo home, senón que é un camiño cheo de pedras e fochancas, de subidas e baixadas, do que ninguén sabe a súa procedencia... estaba aí dende sempre, existía sen máis... e só cando un ávido aventureiro se decidiu a coller un fouciño e quitá-las silvas e os toxos que impedían vé-la súa entrada, o seu comezo, con ansias de coñecemento de novas realidades este camiño ficou á vista do resto do mundo, que é ceibe de camiñar por el se ten anceios de coñecemento, pero que tamén é ceibe de ficar ollando ó seu comezo e, vendo que non está asfaltado, dicir que aquel que se aventure a camiñar por el non é máis que un tolo que se aventura a escordar un nocello e bater cos fociños contra o chan. Eu prefiro camiñar, aínda a risco de escordar un nocello ou magoarme nun xeonllo, que ficar quedo ollando como a xente camiña e dicindo deles que son uns ousados e uns toleiráns.

Viva o multiculturalismo!! Vive la Savouè!!
Comentários (3) - Secçom: Reflexions - Publicado o 12-06-2007 19:37
# Ligaçom permanente a este artigo
Galaico-Cubano
Tanto a semana pasada coma esta emitiron no programa da Galega Alalá unha reportaxe especial sobre os galegos na Cuba. Teño que confesar que non son fiel seguidor deste programa, entre outras cousas porque antes sempre coincidía con House, mais, estas dúas semanas, foime imposíbel separarme da pantalla da televisión. Fixeron unha reportaxe sobre os centros galegos, sobre emigrantes, sobre fillos e netos de emigrantes, sobre cubanos interesados na Galiza,... sobre cultura, tradizóns, lingua galega, morriña, ledicia,... a mellor reportaxe sobre a Galiza exterior de todas cantas levo visto.

Existe algún galego que non teña un familiar emigrado a Cuba??
O meu bisavó estivo alí, e disque fixo grande fortuna, malia que esta desaparecese tra-la Revolución. Bromeaba eu cun amigo cubano sobre que posibelmente el estivese a vivir alá nunha das dúas casas do meu ?patrimonio? familiar que alí ficaron. Os galegos fomos os máis nobres colonizadores da illa, até o punto de que os cubanos nos teñen un grande agarimo; primeiro foi colonizada polos españois, que só querían explotar á Illa e ás súas xentes, logo polos estadounidenses, que instauraron unha ditadura que converteu a Cuba no burdel dos EUA e, finalmente, polos galegos, que fomos alí a arrimá-lo ombro, a poñé-lo lombo, a mesturarnos coas súas xentes... hai un dito na Cuba que di que os mulatos son froito da mistura dos galegos coas cubanas.

Para min non hai maior nobreza, forza e enteireza que a de quen marcha do seu país co posto na procura dun futuro mellor para el e para os seus, a traballar e gañarse a vida diñamente.

Sabía eu historias dos galegos na Cuba polas dúas partes... a da familia e a escola, que falaban do drama da emigración, e dos meus amigos cubanos, que agora son eles os que aquí emigran, que falan dun país no que se fusionan tódalas culturas e todo o mundo ten cabida. É curioso o paralelismo... os galegos que alí foron por mor da ditadura non sabían cando había poder voltar á súa patria, do mesmo xeito que os cubanos que agora veñen aquí non saben cando poderán voltar á súa patria por mor da ditadura.

Voltando ó tema... sorprendeume cómo nese país tropical, rebosante de ritmos musicais, triunfaba a muiñeira entre as novas xeracións. É realmente emocionante ver rapaciños mulatos que ningunha relación teñen coa nosa Terra vestidos cos traxes típicos galegos, bailando unha muiñeira, tocando a gaita e a pandeireta e desfrutando da festa... perdón, rectifico, esos rapaciños senten máis Galiza que moitos galegos de nacemento; eles quérena polo que é, polo que representa para eles, non teñen un ?compromiso vital" con esta Terra e, nembargantes, están moito máis comprometidos con ela que moitos de nós.

A meirande parte das persoas destes centros culturais nunca viran a Galiza, para eles tan só representa unha utopía, un sentimento, un anceio de coñecé-la ?terra prometida? da que falan os vellos. Para min Galiza é o mesmo... esta terra de neocaciquismo, tixolo en primeira liña de costa e auto-odio non é máis que unha parodia desa utopía, ese sentimento, ese gran país do que nos falan os anuncios da televisión. Galiza é un sentimento... dicía Manuel María: Galiza somos nós, a xente e maila fala, se andas á procura da Galiza, en ti tes que atopala.

Nembargantes, o que máis me impactou non foi que bailasen muiñeira, nin que tocasen a gaita, nin que amasen a nosa cultura... o máis impáctante era escoitar ás xentes destes centros falar en galego, ou canto menos tentar chapurrealo. Os nenos e nenas asistían a clases de galego... e rapaciños duns sete ou oito anos sabían que ?tortuga? dise tartaruga, e que Santiago de Compostela é a capital da Galiza, e que os fillos da galiña se chaman pitos; facede a proba... preguntádelle a un neno de oito anos galego estas cousas.
Comentaba un señor, que nacera na Galiza, foi a Cuba, voltou de rapaz á Galiza e novamente marchou á illa unha anécdota realmente interesante. Tras corenta anos volveu de visita á Galiza, e na súa vila sorprendíanse de que tras catro décadas aínda se lembrase do galego... el dixo que nun principio pareceulle raro, pero que logo o comprendeu cando soubo de moitos que ían catro meses a Alemaña e xa lles esquecía o galego.

Os cubanos son os únicos de toda Latinoamérica que non usan o termo ?gallego? de xeito despectivo... a arrogancia arxentina, que lles fai cré-lo embigo do mundo (en toda Latinoamérica lles teñen noxo), espallou este termo a xeito despectivo por América do Sur... mais en Cuba non callou. Na Cuba os galegos somos amigos, do mesmo xeito que os cubanos son amigos na Galiza.

Dende logo que eu preferiría que o voto emigrante fose o deses cubanos que se interesan por aprender a nosa cultura que non teñen relación ningunha a nivel familiar coa Galiza, e non o deses netos, bisnetos ou quen sabe o que de galegos emigrados a Venezuela, que só votan a quen lles da cartos, que se esquecen das súas raíces e que votan ás dereitas da nosa terra por pura xenreira contra o seu goberno.

Para rematá-la reflexión, unha curiosidade... os cubanos aprenden a bailar muiñeira na Cuba, e eu aprendo a bailar salsa cubana na Galiza. Eu diríxome aos meus amigos cubanos coma guajiros, e eles diríxense a min coma rapaz :)
Comentários (1) - Secçom: Reflexions - Publicado o 09-06-2007 01:49
# Ligaçom permanente a este artigo
Nueva toponimia gallega
Agora que pasaron as eleccións os nosos políticos gozan de novo de liberdade para facer o que lles pete durante catro anos. E tamén agora que o BNG da Coruña fai proposicións radicais e imperialistas non se sabe con quén ha pactar Mr. Losada.

A súa intención inicial de seguro que había ser renomeá-los lugares que ficaron con denominazón obsoleta por non lle ter posto o nome na língua cervantina durante o Vazquismo; así, a Avenida da Sardiñeira pasariá a chamarse "Avenida de la Sardinera", a Ronda de Outeiro, "Ronda de Otero", e a Praza das Conchiñas, "Plaza de las Conchitas".

Os ricos irián a vivir ó monte de "La Zapatera", e o polígono de Bens pasaría a chamarse polígono "de Bienes". O barrio de Labañou sería entón de "La Bañó", e o de Elviña, converteríase no barrio de "El Venía".

Na área metropolitana, o cambio máis importante afectaría a Culleredo, que pasaría a chamarse "Cucharedo", e por tanto, Fonteculler sería tamén "Fuentecuchara". Vilaboa locería máis como "Villabuena", e A Corveira revalorizaríase ó chamarse "La Cuervera". A parroquia de Veiga podería ser "Vega", e a de Castelo, "Castillo". En Oleiros intentaríase cambiá-lo nome polo de "Olleros", e San Pedro de Nós pasaría a ser "de Nosotros".

Tamén se poderían facer cambios na Costa da Morte, que pasaría a ser "Costa de la Muerte", e así, Carballo sería máis cool sendo "Roble", e preto de alí, A Silva sería "La Zarza", e mesmo se podería construír un palacio... Muxía soa demasiado bruto fronte ó fino nome de "Ordeñaba". Pino do Val estaría moito mellor sendo "Pino del Valle".

Por Ferrolterra, a nosa imaxe de cara ó exterior melloraría moito, pois todo o mundo desexaría visitar "Campo Largo", "Puentedeume", "Las Puentes de García Rodríguez", "Valle del Vino", "Cedera", "Ortiguera" e "San Andrés de Teijido".

Non podemos esquencernos do resto da Galiza, que tamén sería modernizada cambiando Ponteareas por "Puentearenas", O Porriño por "El Porrito" (que sería un paraíso hippie, algo así coma Ibiza), Monforte por "Monfuerte", A Fonsagrada por "La Fuentesagrada" (asegurándose o subministro de romeiros), A Rúa de Valdeorras por "La Calle de Valledeorras" e Becerreá por "Ternereá".

Así poderíamos seguir con infinidade de nomes a modernizar pra entrar no século XXI: "Rianjo", "Bueymuerto", "Puertosín", "Valle de la Iglesia", "Iglesia Hecha", "Puentenueva", "Cabañas", "El Infiernito", "El Roblecito", "Encima del Eo", "Campoembarrado",... caso aparte merece "San Ginés", que por pura iñoranza tódolos pijo-guays traducen coma "Sanjenjo".

Mesmo chégase a falar de que Sir Paco utilice as súas influenzas actuais para que deixen de referirse ó Vaticano coma Santa Sede e pase a chamarse Santa Sed. Que para iso beben a súa copiña en cada misa... de Ribero, ou Alvarito!

O derradeiro
Comentários (23) - Secçom: Reflexions - Publicado o 02-06-2007 00:04
# Ligaçom permanente a este artigo
A "Xeración Xabarín"
Os menores de 30 anos aprezamos o galego máis ca nunca, ao tempo que deixamos de falalo.

Non somos académicos nin lingüistas nin políticos. Non estamos obrigados a sermos correctos nin a quedar ben co tema da lingua, cando menos de maneira consciente, aínda que hai algo nas nosas cabeciñas que nos di que o galego está moi ben, que non debería perderse e que o habería que falar máis. Que o falemos ou non é outra historia, moi distinta da dos nosos pais.

Nacimos en democracia, somos coetáneos do Estatuto de Autonomía, medramos coa TVG e tivemos galego na escola. Porén, somos os que menos galego falamos. A documental Linguas cruzadas, estreada o Día das Letras Galegas na Galega e agora dispoñíbel en Internet, retrata á nosa xeración nacida nos 80, a Xeración Xabarín. Para moitos a única referenza mediática en galego foron os famosos debuxos animados da galega. Case todos temos carné do Xabarín. Pero tamén hai moitas circunstanzas que nos separan e que condicionan a nosa diferente relación coa lingua.

María, que naceu no 1989, teno claro: "O castelán é para a clase de lingua". Estuda segundo de Bacharelato no instituto da Terra Cha, un caso particular de monolingüísmo onde se contan cos dedos dunha man os alumnos que falan castelán e ademais non son moi ben vistos polo resto dos rapaces. "Eu creo que é por darse a máis", di María, "será por darse un aire pijo, porque se non non se entende". Tampouco se explican a actitude de seus pais, os que lles trasmitiron a súa lingua, que teñen máis vergonza de falar galego. "Por exemplo cando van a unha tenda a Lugo axiña cambian de idioma, non sei, pensan que non os van entender", din con ton de burla, porque eles xa nunca cambian de idioma "a menos que teña que ir fóra de Galiza, claro, pero aínda así cústame máis expresarme en castelán". Son conscientes da súa excepcionalidade a respecto a outros mozos da súa quinta. "Dende aquí non coñecemos ben o que están pasando moitos sitios. Nós pensamos que vai moi ben, pero claro, despois vaste a Lugo ou A Coruña e non oes mais que castelán".

E así é. Na Coruña atopar alguén de menos de 20 anos que fale galego non é que sexa raro, é que xa se dá por feito que non é coruñés. Polo menos iso lles pasa aos amigos de Roli, estudante de Turismo nacido no 86, que só o falan cos avós, ou nin sequera. Estudaron galego na escola e a maioría afirma ter un coñecemento total do idioma, pero a "falta de costume" impídelles atreverse a utilizalo.

Algúns amosan certo pesar por non usar a lingua de seus pais, que sendo galegofalantes decidiron educalos en castelán para que non o pasasen mal na escola. Porque se ben agora non, recoñecen certa crueldade cando eran rapaces. "Venía uno en mi clase que hablaba gallego y sí que se le quemaba un poco", admite Roli. "Pero por garrulo, no porque hablara en gallego". "También hay mucho garrulo que habla castellano", engaden os colegas.

Moitos din que lles gustaría falar máis en galego pero cren que xa é demasiado tarde, e depositan as culpas nos seus pais, nos políticos, na moda... "A pouca xente que coñecemos que fala galego cambia para falar con nós, entón nós que imos facer", din Ana e Raquel con resignación. Nótanse as clases de galego, e vese que non lle suporía moito esforzo falalo. Se tivesen con quen.

Outros casos demostran que esa contradición interna pódese superar, con esforzo e vontade, aínda que se cadra hai que desintoxicarse un pouco do ambiente de orixe para atreverse a dar o paso. Así nacen os neofalantes, un neoloxismo alcuñado entre a mocidade universitaria santiaguesa no que se recoñecen centos de mozos que decidiron empezar -ou volver- a falar galego ao chegaren ao campus. É o caso de Fer, estudante de Física de 22 anos que de criarse na Coruña sen ningún contacto co galego pasou a falalo con todo o mundo... agás cos seus pais, cos que aínda lle é difícil cambiar de idioma, aínda que ten o propósito de facelo.

Fer nega o tópico de que os neofalantes sexan todos nacionalistas, aínda que admite que na maioría dos casos priman as razóns políticas, mesturadas coas razóns de inmersión social, mesmo sentimental. Desta última dá boa conta Eva, a súa moza, que empezou a falar galego dende que sae con el. O galego como ETS (enfermidade de transmisión sexual) é un chiste privado cun gran fondo de verdade que circula moito entre os neofalantes composteláns.

Á fenda xeracional na transmisión do galego únese a fenda socioxeográfica, que ten un dos seus puntos máis críticos nas vilas. O documental achégase ata Bueu, onde, a través dos xogadores dun equipo de balonmán, constatamos a hexemonía total do castelán entre os rapaces. "Os nosos pais falannos galego pero nós falamos castelán por levar a contraria", confesan entre risas Andrés e Mauro, dous irmáns de 16 e 18 anos. Andrés conta como cando era pequeno falaba en galego con todo o mundo, ata que chegou á escola e viu que todos os profesores lle falaban castelán. Os seus pais non o tomaron moi ben aínda que xa están resignados, e albiscan a esperanza de que algún día volvan falar galego. Pero aínda ten que pasar moito para iso. A Andrés de momento dálle vergonza falar en galego cos seus pais.

"Botamos de menos todo en galego". Niso concordan falantes de galego e castelán, monolingües ou a tempo parcial. A televisión, os cómics, Internet, a prensa ... O pouco que hai en galego asóciano á escola, aínda que todos mencionan a Harry Potter e a Shin Chan como referentes nesta lingua. O que máis estrañan é a música. "É que todo o que hai son cancións moi vellas ou gaitas", din na Terra Cha.

Cando se lles comenta que algo de música moderna en galego existe, non o acaban de crer. O ámbito cultural no que se prodigan esas cousas élles completamente alleo. E xa o di Fer, o noso físico: "Estase enfocando a normalización cara ás letras, as artes, as Humanidades, pero non hai ciencia en galego". E Tania, que é unha das primeiras da súa clase na Terra Cha, fala con sinceridade: "Os concursos literarios están moi ben para a xente que escribe, pero á outra, como a incentivas para que use o galego?".


Un artigo de María Yáñez cunhas certas modificacións á primeira persoa que considero imprescindíbeis ;)
Comentários (2) - Secçom: Reflexions - Publicado o 01-06-2007 16:59
# Ligaçom permanente a este artigo
© by Abertal
"Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma"
(Castelao)


Apoiamos a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués


Creative Commons License
Esta obra está licenciada sob uma Licença Creative Commons.



Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0