Avante Galiza!
'Estamos fartos de saber que o povo galego fala un idioma de seu, fillo do latim, irmao do Castellano e pai do Portugués. Idioma apto e axeitado para ser veículo dunha cultura moderna, e co que ainda podemos comunicar-nos com mais de sesenta millóns de almas (...) O Galego é un idioma extenso e útil porque -con pequenas variantes- fala-se no Brasil, en Portugal e nas colónias portuguesas'.

(Castelão - Sempre em Galiza)



Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet





 SECÇONS
 FOTOGRAFÍAS
 Também ando por:
 PESQUISAR NO BLOGUE
 PESQUISAR EM BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 Artigos destacados

Os parvos
Os persoaxes parvos son idénticos no falar. Posúen a memoria dos papagaios ou dos gramófonos, e a intelixencia dos monos. Levan a alma uniformada con adobíos baratos. Viven espiritualmente “de gorra”. Débenlle as ideias a calquera libro de testo e débenlle o señorío a calquera xastre. Gostan do Casino de caballeros, das “terrazas do café”, dos “paseos de moda”. Militan en partidos de “dereita” e soñan coa volta do pasado. Estarían mellor en Madrid que no mesmo Ceo. Son monecos parlantes de fabricación nacional. Están feitos en serie, por Real Orden publicada na Gaceta.

Estes personaxes obedecen á súa condición de parvos, e odian o galeguismo, sen teren capacidad para comprendelo. Adoran o Estatuto unitario e centralista, ou sexa, a “sagra unidade da patria” (verbas máxicas, capaces de faceren parvear a calquera, incluso a un intelectual). Creen que as autonomías sempre rompen a unidade da súa patria, que é unha boliña que lle meteron na cabeza cando eran nenos. Creen que falar castelán é falar ben e falar galego é falar mal. Creen que os monárquicos son máis hespañoes que os republicanos. En resume: creen todo canto creían os seus difuntos fabricantes.

A mentalidade dos señoritos parvos concorda coa mentalidade das señoritas cursis. Ambos os dous disimulan o acento nativo e fían o seu señorío na standarización dos modos e maneiras. Ambos os dous afincan o seu orgullo no traxe que levan posto. Viven en mundos tan arredados do noso que non debemos concederlles a categoría de adversarios.

Irmáns: Fuxide sempre dos parvos. Non vos arrimedes a eles, porque poden roubarvos algo da vosa razón e transmitirvos a súa parvada. Deixádeos pasear, falar, danzar e medrar no seu mundo. E se algún parvo chega a ser autoridade non mostredes asombro, porque son cousas do sistema que combatimos e dos tempos en que nos cadrou vivir.


Castelao. Sempre en Galiza. Adro, IX (páxs. 28-29)
Comentários (0) - Secçom: Sempre en Galiza - Publicado o 22-06-2007 16:15
# Ligaçom permanente a este artigo
Os vellos galegos
Lémbrome dos galegos vellos que andan aboiados polas rúas cibdadáns. Parecen superviventes dunha gran catástrofe. Asáñanse coa ledicia dos rapaces, e refúngalle esta vil sentencia: "¡Xa chegaredes a vellos!" E os rapaces non dan creto.

Eles foron os supersticiosos do progreso. Adoraban o misterio da electricidade no miragre do arco voltaico, creían que a cultura viña polos aramios, ollaban nas máquinas a salvación do mundo, e para eles a letra de molde non podía mentir. Andan vestidos á moda que acaba de pasar, fuxen da raxeira do sol tapándose con sombrillas, falan castelán por señoritismo, desprezan a cencia dos labregos e mariñeiros, pintan de aluminio os balcóns da súa casa e síntense moi orgullosos de que nas alamedas da súa cibdade medren as palmeiras de África.

Eses vellos endexamáis ouviron falar a Antolín Faraldo i esqueceron o nome de Alfredo Brañas. E cando nos escoitan a nós, perguntan alporizados: "¿Que andan a decir eses tolos?"

Os nosos vellos son galegos e non o saben, porque sempre viviron nun mundo de mentiras e artificios, fóra das realidades íntimas, como arañas pantasmaes que tecen o esquecimento da súa propria eisistencia. Non; non é posible que estes vellos nos comprendan.

Eu teño mágoa de non velos ao redor da nosa obra, regalándose co noso traballo, axudándonos co seu ollar ledicioso, Eu quixera que amostrasen o orgurllo da súa vellez e que poideran decirnos: "Somos vellos porque fomos novos". Pero eles non tiveron mocedade.

Eu quixera ver detrás dos galegos vellos unha rolda de parados, a rillaren as angurias de non poder axudarnos, ou envexosos da nosa ventura biolóxica. E que os incapaces ou perguiceiros arelasen chegar a vellos para poder asistir con dinidade ao traballo dos mozos.

Endebén, podemos felicitarnos de que os vellos que andan agora polas rúas galegas son os derradeiros sobreviventes dunha época que non volverá.

Cando nós sexamos vellos iremos ver o traballo dos mozos e animarémolos coa nosa ledicia. E cando rematen unha obra tomaremos parte no albaroque do ramo.


Castelao. Sempre en Galiza. Adro, VII (páxs. 23-24)
Comentários (4) - Secçom: Sempre en Galiza - Publicado o 10-06-2007 15:41
# Ligaçom permanente a este artigo
Quen pode salvar Galiza?
Xa voltei do mitin e xa sei que os socialistas teñen preocupación de resolver os problemas desta terra de latifundios, rexida por un bárbaro sistema feudal. Os oradores falaron ao corazón dos “castúos” e déronlle a espranza dunha vida mellor. Tamén falaron ao meu corazón de home. Pero saín do mitin a cavilar na desventura dos labregos de Galiza, que non son obreiros nin patróns, que non poden avencellar os seu problemas vitaes á preocupación dos grandes partidos de clase, e que, polo tanto, verán as súas reivindicacións ao marxe do balbordo revolucionario que inza esta Hespaña anacrónica, detida no réxime patrimonial que tivo por orixe a usurpación e conquista. ¿Pode acaso o Estado centralista, fillo destes páramos calcinados, preocuparse doutra cousa que non sexa o de transformar a estrutura dos seus latifundios, sacándolle a terra a quen non a traballa, para construír, por fin, a clase agrícola que necesita? Non; o Estado actual non ten lecer para ocuparse do problema minifundista de Galiza, anque este apareza tinguido de terribles inxustizas e o seu desarranxo teña doada solución con sóio aceptar a necesidade dunha reforma múltiple. Pero como Galiza non é unha estepa e os seus problemas son minoritarios, quedará sempre excluída do “intrés nacional” en canto a Lei sexa única.

¿Quen pode pois salvar a Galiza? Galiza mesma. ¿Como? Cun gran partido político nidiamente galego. ¿E para que? Para que a nosa Terra conquira o dereito a lexislar para si mesma. ¿E cando contaremos con ese gran partido? Cando os nosos labregos abran os ollos e deixen de votar a quen non comprende a nosa diferenciación.


Castelao. Sempre en Galiza. Adro, IV (páxs. 19-20)
Comentários (0) - Secçom: Sempre en Galiza - Publicado o 09-06-2007 02:14
# Ligaçom permanente a este artigo
Castelao e eu
Dixen hai uns días que comezara a ler Sempre en Galiza... pois ben, canto máis adiante vou máis alucino... e de novo digo que non porque considere esta obra unha xenialidade superior, senón unha sinxelísima xenialidade, froito dos pensamentos máis lóxicos e máis sinxelos que se poidan ter; pensamentos sinxelos ós que non se chega por medio dunha idea fugaz, senón dun meticuloso proceso de aprendizaxe que se prolonga até o infinito, pois tal e como pretendían os filósofos gregos, pra chegar ó SER, á esencia mesma de algo, hai que partir da Apariencia para, quitando capas por medio das ideas, chegar á Esencia.

Estou alucinando porque os argumentos expostos no libro téñoos utilizado eu centos de veces para rebatir ideas. Aínda a semana pasada estiven a discutir con alguén que me dicía que había que impoñer unha língua internacional para mellorá-las relacións socioeconómicas, e para máis inri dicía que debía de sé-lo inglés (o de “para máis inri” dígoo porque eu sei inglés e esta persoa non); pois ben... tras unha longa discusión logrei facer entrar en razón ó individuo, non o convencín, pois eu cando discuto algún tema nunca trato de convencer, senón que lle amosei a realidade e a lóxica aplastante que esta traía consigo. Pois ben... hai dos dias, á noite, ó deitarme, collín o libro e iniciei e lectura... e... sorpresa! Ese tal Castelao facía unha esposición case idéntica á que eu lle fixera a esta persoa, empregando mesmo os mesmos exemplos.

Tras esta grata sorpresa decidín que vou facer unha nova sección na bitácora, de nome obvio, na que irei escribindo en orde cronolóxica segundo atope tempo e ganas os fragmentos desta obra que considero máis importantes de xeito íntegro. Non só estarei expoñendo a visión de Castelao, senón tamén a miña :)
Comentários (0) - Secçom: Sempre en Galiza - Publicado o 09-06-2007 02:14
# Ligaçom permanente a este artigo
© by Abertal
"Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma"
(Castelao)


Apoiamos a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués


Creative Commons License
Esta obra está licenciada sob uma Licença Creative Commons.