E os soños, soños son...

Busco...
Busco o meu pobo enxebre, aloumiñado entre vagos recordos,
acubillado detrás das fiestras, mergullado nas frondosas carballeiras,
acotío esquecido en ringleiras de anos que veñen e se van.

Busco a esas xentes de antaño,torcidas polo mango da eixada,
eses camiños labrados pola roda do carro que soan o son das
badaladas das campás da igrexa que tocan a defunto .

Busco as melodías do vento de inverno que acuna os toxos do Barazal,
mezcladas co armonioso sorriso do regacho que resbala cantareiro polas
saias do monte,ata romper en mil cachos de espuma alá na Fareixa.

Busco ao lexos entre milleiros de cepas adornadas de roxos racimos,
aquelas xentes,aquelas vendimas,aqueles panos brancos a cabeza,
que ao final da colleita se retaban uns a outros con aqueles aturuxos.

Mais xa non atopo... nin vexo...nin escoito...nin xiquera imaxino .
Cheas de cemento tapan as casiñas, moreas de alquitrán
esconden os camiños, cantidade de recordos durmen no cemiterio.

Voan faiscas por riba dos tellados e con elas voan todos os meus
recordos da infancia, xa só quedan : fiestras, pedras, fentos ...
e o murmurio do silencio que o abafa todo .


Comentarios (0) - Busco. - Publicado o 22-01-2017 15:52
© by Abertal


Santi López Rodríguez