As miñas webs.



OS MEUS TRABALLOS :
D.URBANO FERREIROA MILLAN




"Se queres deixar unha mensaxe"

San Fiz de Navío o balcón do Ribeiro


Santi López
 Categorías.
 Galería de fotos
 Arquivos

10º aniversario do blog de S.Fiz de Navío
Foi fai 10 anos, un 6 de Outubro de 2009 cando me enfrentei a tarefa de conectar a historia da nosa aldea cos veciños e simpatizantes deste bonito "balcón do Ribeiro".
O principio todo parecía sinxelo, pero plasmalo en fotos e palabras, xa non era tan doado. A pesares deso, como son bastante teimudo, seguín co propósito de facer a San Fiz visible nas redes e no lugar que lle corresponde na historia.
Comenzaron a chegar os primeiros "gústame" e os primeiros "corazonciños" e así entre emoticóns, tic tac do teclado e sorrisos, chegamos o 6 de Outubro de 2019.
Reflexionando un pouco, podo dicir que valeu a pena.

A TODOS OS SEGUIDORES DESTE BLOGUE, GRACIAS POR ESTAR AQUÍ LÉNDOME.
Deixa un comentario (3) - Categorías A miña bitácora - Publicado o 06-10-2019 10:59
" IGUALDADE DE XÉNERO "

¡ Enarborade a bandeira da igualdade, mulleres ! ¡ Loitade polos vosos dereitos e contade coa miña leal colaboración !

Decía, si mal non recordo, LOUISA MAY ALCOTT, escritora e autora do libro: "Mujercitas"
Deixa un comentario (0) - Categorías A miña bitácora - Publicado o 25-02-2018 11:50
Dende o alba o solpor

As raiolas de sol peitean as ramas dos piñeiros de Castreás , alborotadas polo vento mañanceiro que baixa murmurando cancions que soan nos cómaros das leiras da Quintá. Espertan os merlos competindo na cerdeira por as poucas cereixas que deixou ir arriba o crú inverno. Soan as bisagras enfurruxadas dunha porta, e por éla sae o mais madrugador dos veciños, a eixada o lombo, no peto un mendrugo de pan con chourizo e o cinto unha fouce, son as armas que empuña día a día pra sacarlle a esta fértil terra o seu fruto. Camiña torcido, devagarciño, o tempo descurre o seu carón o ritmo que él lle marca, non hay reloxos, só traballo, suor e fatiga.
O sol do solpor que se deita no cumio de Pena Corneira, será o que pon fin a súa xornada. Sentado, remoendo os derradeiros recordos do día, encende o chisqueiro e ponlle lume o cigarro, e entre o fume diste e a tenue luz do solpor, pérdese nas lembranzas de cando era neno, flúen os sentimentos río abaixo, camiño das Candorcas, ata quedar afogados nas augas da morriña.

Homenaxe os labreg@s.
Santi López
Deixa un comentario (0) - Categorías A miña bitácora - Publicado o 27-07-2013 16:13
Aqueles intres...
O candil xa non alumea, nembergantes fica alí colgado encima da lareira, hasta fai pouco a carón dunhas varas de chourizos de cebola, oxe só.Estame recordando que houbo tempos en que era imprescindible, pintando sombras fantasmais nas paredes da cociña. Pendurado sobre a miña cabeza, permanece inerte entre o fume do canizo, ollando o devir dos tempos, esperando unha faisca que o acenda e lle dé vida. Debaixo eu; nunha loita a vida ou morte coa miña computadora, alumeando palabras, desenterrando recordos, calculando canto falta para que este ritmo endemoniado nos faga voltar aqueles intres, ainda que millor que non volten.
Miro para arriba e vexo moverse, derrepente xurden aquelas noites de contos, de meigas e de trasnos, menos mal que sólo e un soplo de vento que se colou por a fiestra, pero consigo arrastrou aquela morriña que xa pensei enterrada. Agora foise a luz i a pantalla amenaza con durar só unhos cantos minutos mais, pero non importa, no peto ainda teño unha caixa de mistos...
Deixa un comentario (0) - Categorías A miña bitácora - Publicado o 16-06-2013 19:02
De ben nado é ser agradecido .

Xa dende fai bastantes anos , cando penso na escola e nos mestres da miña infancia , surxe a idea dun agradecemento especial a mestra da escola de San Fiz : Dña Manuela .
Agora que xa pasaron os arreós i as prisas da xuventude , agora que acougaron as ansias locas de brinca e diversión , agora que chegou a calma que solen dar os abundantes cumpleanos celebrados , agora que cada mañá asisto o reconto e peinado dunha boa chea de canas … agora e o momento de voltar a vista atrás e reconocer que alí naquela pequena escola de San Fiz , foi donde se forxaron os primeiros ideales , os primeiros soños ; e quen foi axudando a cociñar o que oxe somos , foi éla : Dña Manuela , pois os nosos pais éralles pouco o tempo para votar as patacas , levar as vacas o monte e atender as leiras .
Sí ; con éla comezamos os primeiros percorridos polo mapa de España , cantaruxando aquello de “ El Miño nace en Fuentemiña , provincia de Lugo , pasa por Lugo , Orense y Pontevedra , y desemboca …”

Foi alí na escola donde se sentaron as bases do que agora somos : uns mestres , outros empresarios , outros peons , non importa o que agora somos , todos tivemos unha oportunidade dentro dunha orixe parecida .
Eran tempos difíciles pros mestres , e senón acordádevos do dito aquel : “ Pasas mai fame que un mestre de escola “ pero éla sempre estaba alí , puntual , atenta a cada necesidade de cada neno ; por moi duro que fose o inverno a escola estaba aberta , e se facía moito frío , deixábanos traer unha lata chea de brasas , que víñamos abanicando por o camiño , e nos daba calor nas primeiras horas da mañá . E qué dicir daqueles meses de Mayo na escola , as nenas recitando os seus versos , o altar adicado a Virxen , os rezos do rosario todas as tardes .

Por todo iso e por moito mais , síntome na obriga de agradecerlle aqueles anos que adicou a nosa formación , destacando nela a dobre tarefa que desempeñaba : nai e mestra . Soupo conxugar a faceta conciliadora e agarimosa dunha nai con outra severa e constante dunha mestra . Agora toca por tanto facer unha cura de humildade o ver os títulos , os logros acadados , ainda que levan o noso nome i os nosos datos non debemos permitir que escondan todos eses anos de traballo que éla adicou a nosa formación cultural i humana .

Gustaríame ser un pouco escritor ou poeta para dicir en palabras todo o que eu sinto , pero como non o son , soamente trato de dibuxar sentimentos con estas palabras que éla me aprendeu de pequeño , sinto que si Dña Manuela as ve , vai dicir : “ Santi , xa che dicía eu que tí non eres de letras , senon de ciencias … “ pero enfín , como mellor se expresan as sensacions , os recordos i os sentimentos son con feitos e si non se pode , pois faise con palabras , pero non con fórmulas químicas .

Nestres intres a bastantes kilómetros de San Fiz , cerro os ollos e vexo a escola no medio da Carballa i unha ringleira de nenos pelexándose por poñerse de primeiros na fila que os conduce hasta a porta da escola , Doña Manuela baixa as escaleiras da sua casa e todos a un coro adicámoslle un “ bos días Doña Manuela “ , entramos a escola , comenzan as clases … e a mín apáganseme os recordos … e asoma unha bágoa .
Deixa un comentario (1) - Categorías A miña bitácora - Publicado o 24-04-2011 12:15
Tempo de Nadal .

¿Quén manda aquí ...o ?

Agora que nos achegamos a unha data das mais importantes do almanaque , que cando nenos , tíñamos marcada cun círculo vermello ; eu pregúntome : A quén vou dirixir a proxima carta pra pedir un pouco de cordura , un anaco de bondade , un cacho de ledicia e un torrezno de solidariedade ?
Sí;porque cando vivían os avós falaban do APALPADOR ou Pandegueiro , un personaxe moi entrañable que baixaba das altas montañas do Oriente Ourensán e visitaban unha por unha cada casa onde habitaba un rapaz e apalpáballes a barriguiña e miraba si estaba chea e lle cantaba " así , así estéas todo o ano " e lle deixaba unha presa de castañas .

Meus pais só me falaban dos REIS MAGOS , pra min cando era neno eran os personaxes mais importantes que había no mundo , tamén visitaban un por un a todos os rapaces , un traía ouro , que xamais puden nin cheiralo , outro incienso que non sabía o que era , nin maldita falta que facía e o ùltimo traía mirra , que tampouco lembro que era , pero penso que sería o carbón que algunhas veces aparecía onda os zapatos que deixaba na lareira , ainda que as mais das veces o agasallo era un lapis , unha goma de borrar e unhos cantos figos mirrados , que lle deveron sobrar da cena do Nadal . ¡ Amigo ! recordo que certo ano me deixaron uns Juegos Reunidos Geyper en Ourense na casa dos meus padriños .

Agora cando u meu fillo era neno , apareceu un terceiro personaxe : PAPA NOEL , non sei de donde veu , pero pode ser que de Laponia , pois a verdade e que ten pinta de larpeiro . Aparece descolgándose pola chiminea e deixando agasallos modernos : unha XBOX 360 , unha Ipod , un xogo Resident Evil .

Despoís de todo ; qué pasará si un día se xuntan todos ? con cal nos quedaríamos ? cal e o mais creible ? gustaríame de novo ser pequeno pra contestar , quizais os adoutaría a todos , pois cantos mais mellor , pero como son maior , mando a todos pro carafio ... de seguir así, dentro de un par de anos aparecerá un Virtual Nöel con unhas gafas en 3D ,un portatil pra navegar por internet e de ragalo 5 Gigas de pasteis .
Solo voto de menos aqueles anos nos que viñan os Reis Magos a San Fiz e xa por a tarde a nosa mirada ía desde a longariña a corredoira e desde o barazal a pena corneira pra ver si se atisbaba unha estrela lonxana , pra o chegar a noite os ollos se pechaban dando paso a imaxinación e os soños inocentes rotos por unha campaniña dun coche de bombeiros que sonaba a medianoite por culpa dun tropezón de meu pai contra unha silla .
Deixa un comentario (0) - Categorías A miña bitácora - Publicado o 01-01-2011 10:55
Necesito da tua colaboración

Este blog naceu co sinxelo propósito de achegar a toda aquela xente que naceu viviu ou ten algunha relación co a parroquia de San Fiz de Navío . Destacando sobre todo a xente xoven que non conoceu aquela maneira de trasmitir de abós a pais e de pais a fillos as anécdotas , historias e contos como fixemos nos , o carón da lareira nunha noite do cruo inverno . Eles dáselle mellor a tecnoloxía por eso voto mau dela e espero que entre botellón e conexión , fagan un pouco de tempo e se paren a ver quen foron , como se chamaron e como viviron os seus ancestros .


Por eso necesito a axuda de todos os que pasedes por aquí , si tendes fotos antigas , historias non coñecidas , documentos de antaño , calquer cousa será ben recibida .
Deixa un comentario (1) - Categorías A miña bitácora - Publicado o 18-08-2010 16:09
Un día calquera ....

Un día calquera ....



Vagos recordos de tardes de vran , de pantalons curtos ,
de cheiros a herba seca , dun par de alpargatas rotas ,
de choros , esta vez por soarme as mangas da camisa .
Tardes vestidas de festa e de xogos ata un estar canso ,
ledicia , amizade isa e a bandeira que nos arbolamos ,
esperando a noite que nos arrule co canto dos grilos .
Os muros e os portelos que nos separan da aventura
fánsenos pequenos a hora de saltalos e superalos ,
non queda niño , nin cereixas por moi alto que se escondan.
So a noite co manto negro que se achega polos cumios
e capaz de parar as nosas risas y os nosos pes .
Mañá será outro día cargado de ilusions e de dúbidas
pero iso queda pra mañá , agora toca soñar entre sabas ,
espertar isa outra imaxinación que surxe da escuridade
e se viste de contos a veira da lareira e dun vello trespés ,
pero non , oxe seica toca pesadela , tristura e bagoas ,
semella un escarmento poras risas da tarde enteira ,
pero soio e un soño que me devolve a sinxela realidade.
Xa se oe o capón no seu acubillo , desperezándose ,
na cociña ruxen as cuncas de leite que nos han de dar forzas
un berro seco soa en toda a casa : " ¿levántache nugallao? "
as pizarras voltan o saco e xa piden chegar a escola
pero un gato no tellado da Sra Celia , fainos chegar tarde ,
a entrada Dña Manuela mira si levamos as orellas ven lavadas ,
io que esperábamos : sin recreo pola tardanza , maldito gato .
Aburrida espera a que termine o castigo , debuxando no encerado ,
xa cheiran as sardiñas e a bica que nos esperan fumegando ,
a tarde volta de novo con pinceladas de lóstregos ,
con tronos retumbantes que nos fan quedar na casa ,
hasta que por fin o ceo se pinta de azul e o horizonte despexa .



Deixa un comentario (2) - Categorías A miña bitácora - Publicado o 26-06-2010 13:08
Saudade


Saudade ...


A deito vou repasando os sendeiros da miña infancia
uns trocaron en alquitranadas ruas cheas de lámpadas
outros en tupidos silveirais sin poder albiscar a saida
hainos que soportaron o paso do tempo sen apenas cambio.

A miudo percorro paraxes de cando neno brincaba neles
trepo escarpados riscos desde onde botaba a voar
descendo a borcallós pola orballada herba do lameiro
acubíllome nunha lobrega cova entre dous penedos.

Pero un lóstrego de tristura devólveme á realidade cotiá
desapareceron os camiños baixo as solas dos zapatos
esfumáronse os lugares diante mesmo dos meus ollos
volven os recordos o acougo do seu triste cemiterio .

Ata que un día volvan pra quedarse e votar raices
pra habitar rincons , casas , xentes e pensamentos
sen escatimar en añoranza , morriña , sentimento ,
enchendo ese gran buraco que produce a soidade.

Santi López
Deixa un comentario (1) - Categorías A miña bitácora - Publicado o 11-06-2010 15:59
San Fiz ...a meu modo de ver .
... " Os sombríos piñeirais da miña terra , as umbrosas arboledas , os camiños fondos , os carreiros floridos entre zarzales e herbas , as montañas que parecen recortadas por arquitectos , o río que serpentea entre misteriosas fonduras " ... " Quen che viu , negará a hermosura dos teus vales risueños , dos teus bosques de castiñeiros e nogueiras , das túas frescas hondanadas , dos teus cristalinos arroios que se precipitan dos teus altos montes , dos mil caprichos e accidentes de terra tan abrupta , tan variada , tan pintoresca ? "
Quen mellor que D. Urbano Ferreiroa describiría os encantos desta terra que máis tarde outros estudiosos de Galicia denominarían : " balcón do Ribeiro " .... Si ; ese balcón desde o cal víase a trasfega dos ribeiraos no seu afán por recoller a uva que máis tarde tras un cariñoso e lento proceso transformarase nese néctar dos deuses chamado " Viño do Ribeiro " .
Desde este balcón asistíase ao ir i vir de carros que logo transportaban ese viño a toda Castela e o resto de España , hai que destacar que en época romana , parte dese viño regaba as mesas de emperadores romanos , proba diso foron as rutas fluviais que partían de " A Barca " e a infinidade de calzadas que asucaban as nosas terras .
Balcón dende o cal obsérvase a forma fálica ou cilíndrica do enorme menhir natural de " Pena Corneira " , que segundo D.Eladio Rodríguez , escritor natural de San Clodio , " É algo que dá a sensación de obedecer a unha estudada e metódica colocación " . Seguimos paseando a vista por pobos e máis pobos do Ribeiro e parte da Comarca de Orcellón . O panorama é tan amplo que xa se albiscan eses nuboeiros que aparecen no horizonte pero que ao ser tan extenso non nos collen desprevidos . As postas de sol nese marco incomparable adivíñanse fantásticas , case sobrenaturais . Que veciño de San Fiz pode negar que nunca tivo un momento de acougo , recordo , melancolía , mirando ese magnífico telón de fondo .
Sigo nese balcón escoitando os lamentos do vento de inverno que chegan por " a Corredoira " maltratando os piñeirais de " a Longariña " e " a Carballeira "ameazando con derrubar castaños e nogueiras que adornan os nosos campos . Cando o temporal remite os cantos do merlo e o murmurio das augas de " ou Regacho dás Candorcas " son música para os meus oídos .
As campás tocan o ángelus , os carros páranse , os labriegos sacando a boina e fincando o xeonllo en terra , rezan unha oración para que a súa colleita non se astíe nos campos e por se isto fose pouco , o día da Patroa a Virxe do Perpetuo Socorro , levarana en procesión ata " as Puzas " , para pedir un pouco de auga que afogue os saloucos e reverdezca os campos .
Sigo mirando desde ese balcón a Osmo , pobo amigo todo o ano e rival durante dous días que dura a festa , non me sinto culpable , apelo á tradicción e o legado dos nosos antepasados , que nos contaban aquelas historias de rivalidade desde senllos campanarios que ao final ramataban co berro forte dun neno : " Osmo , non poledes " . Os nosos avós leváronse á tumba eses pequenos contratempos xa só permanecen no recordo , a modernidade , a tecnoloxía , o progreso empuxaron os nosos camiños por outros derroteiros .
Este balcón é a testemuña muda do paso do tempo , segue aí , xeración tras xeración , a el asomáronse os nosos avós , os nosos pais , asomeime eu durante un longo período e agora toca asomarse aos nosos fillos , que verán con outros ollos o panorama que se mostra .
A historia deste pobo quedará marcada neses muros de pedra que noutro tempo foron a casa dos nosos antepasados , nos frondosos piñeirais que cantaba D.Urbano Ferreiroa , nos rumores do regacho que se apresura a levar as súas augas a atoparse co pai Avia , pero tamén quedará gravada na memoria dos nosos fillos , para élo , debemos saber contarlla .

Todo pasa e todo queda cantaban os versos daquel insigne poeta e á miña mente acoden aqueles recordos dun pasado non afastado polos camiños deste fermoso pobo , aínda escoito a tremenda algarabía procedente de " A Carballa ", lugar onde xuntabamos as nosas ansias de vivir , cansabamos os nosos pequenos corpos e alimentabamos a fraternidad , correndo detrás dun balón ou espiando furtivamente a algunha compañeira que xa comezaba a mostras os seus encantos futuros . Uníanos o xogo , a amizade e os segredos e separábanos algunha regañina do cura porque a nosa pelota sempre ía a para entre as súas coidadas cepas , ou un castigo de Dna Manuela por non sabernos a táboa do sete .
Foron anos inesquecibles ao abrigo dunha pequena escola na que comezabamos a fraguar os nosos destinos , aínda que nós non fósemos conscientes de élo e a nosa principal reivindicación fose que os recreos eran curtos e habería que aumentalos , a pesar de que dita reclamación xamais se viu cumprida .
Continúa o lento camiñar dos anos e toca separarnos ; uns seguen no pobo , outros se van a estudar a fóra , uns abandonan os libros , outros se abrazan a éles , pero aos poucos o destino , cruel palabra , rompe esa harmonía fundamentada en moitos anos de amizade e camaradería e empúxanos a comezar camiños distintos , metas opostas . O destino afogou aqueles berros infantís , aquelas aventuras apaixonantes en " A Longariña " " A Carballa " ou en " O Barazal " , borrou aquelas tardes de astío que aproveitabamos para ir roubar algunha cereixa , ou a buscar algún niño de merlo . Ese destino xúntanos agora de ano en ano na procesión do Socorro ou nalgún cabo de ano , pero xa nada é igual ... Xa non somos os mesmos de antes ; o progreso , as présas , o coche e o móbil hannos maleado . Boas palabras , efusivos saúdos , cordiais apertóns de mans , pero xa ninguén se acorda daqueles xuramentos de amizade , daqueles segredos ben gardados , daqueles silencios cómplices antes de acusar a un amigo ...
Fomos os últimos habitantes da escola do pobo , ata hai pouco reconvertida nun bar , hoxe nun non se que , as últimas bicicletas que pedalearon aquelas sufridas costas , os últimos xogadores de " A Carballa " ... Hoxe todo apunta máis alto : os grupos escolares , as estradas asfaltadas e o fútbol en " O Picouto " . Hoxe xa só me queda perderme no medio deses recordos e así reavivar a chama que aínda queda dentro , pechar os ollos e escoitar :
" Ao corro da pataca ... "
" O patio da miña casa , é particular ..."
" Antón , Antón , Antón pirulero ..."
" Rei , rei , cantos anos durarei , vintecinco non nos ei ..."

....eses silencios que me falan de San Fiz .
Deixa un comentario (3) - Categorías A miña bitácora - Publicado o 25-05-2010 17:28
Lembranzas...

Lembranzas

Anacos de lembranzas esmorecen río abaixo
presas nas silveiras dos meus soños mais remotos,
cansos atardeceres salpicados de raiolas
que se agochan tras os cumios da soidade,
espazos infinitos que non enche ningunha presenza.

Alá nos cómaros da miña aldea de trasnadas infantis
agora cemiterio de segredos espallados por mil voces
Foi alí onde naceu iste pasado que me asolaga,
entre risos,fentos,pedras e berros apagados.
Os estadullos seguen tremando dista carga insostible.

Rios de bágoas arrancan dende a tristura dos meus ollos
resbalando por as feridas que me escocen todo corpo,
pra romper en silencio marcándome o camiño.
As dubidas disípanse coma febles nubes de verán
e de novo volta o acougo rutinario e o esquecemento.

Santi López
Deixa un comentario (1) - Categorías A miña bitácora - Publicado o 21-05-2010 20:31
Busco...
Busco ...

Busco o meu pobo enxebre , aloumiñado entre vagos recordos,
acubillado detrás das fiestras,mergullado nas frondosas carballeiras,
acotío esquecido en ringleiras de anos que veñen e se van.

Busco a esas xentes de antaño,torcidas polo mango da eixada,
eses camiños labrados pola roda do carro que soan o son das
badaladas das campás da igrexa que tocan a defunto .

Busco as melodías do vento de inverno que acuna os toxos do Barazal,
mezcladas co armonioso sorriso do regacho que resbala cantareiro polas
saias do monte,ata romper en mil cachos de espuma alá na Fareixa.

Busco ao lexos entre milleiros de cepas adornadas de roxos racimos,
aquelas xentes,aquelas vendimas,aqueles panos brancos a cabeza,
que ao final da colleita se retaban uns a outros con aqueles aturuxos.

Mais xa non atopo... nin vexo...nin escoito...nin xiquera imaxino .
Cheas de cemento tapan as casiñas , moreas de alquitrán
esconden os camiños , cantidade de recordos durmen no cemiterio.

Voan faiscas por riba dos tellados e con elas voan todos os meus
recordos da infancia , xa só quedan : fiestras,pedras,fentos ...
e o murmurio do silencio que o abafa todo .

Santi López
Deixa un comentario (1) - Categorías A miña bitácora - Publicado o 15-05-2010 21:27
Biografía
Comecei a respirar esta puta contaminación un vinte e sete de Agosto de mil novecentos cincuenta e pico nun diminuto pobo de San Fiz,iso si ,cousa que moi pouca xente pode dicir. Anos aqueles en que grazas a deus as teles e os medios de comunicación escaseaban ,a miña infancia transcorría entre as avellaneiras e "o coxo" e algunhas escapadas que facía a " longariña".O meu mundo reducíase a eses catro lugares, parecíame que máis aló de "o barazal" non había vida ,que o mundo tan grande que nos pintaba Dona Manuela estaba nese triángulo máxico .Polas noites deitábame pensando que Venezuela ou Etiopía serían aqueles pobos que se vían de lonxe , o que máis tarde, ao ver a realidade e ampliar o meu horizonte ,produciríame moita risa.
Tamén bailaba na miña pequena e recentemente estreada cabeza a idea que unha mañá de domingo o cura contounos alí no alto do púlpito como o máximo coñecedor daqueles misterios e cunha voz forte e altiva : o inferno ;se aquel lugar que a min me resultaba extremadamente difícil situar , a pesar de ver algún que outro forno de pan
funcionar , pero en ningún momento vin ser
humano algún arder entre aquelas chamas , polo que decidín que o inferno estaría polo menos en Australia.

Cada noite e cada amencer para min eran como o libro da vida que me ía deparando sorpresas unha das primeiras foi ver como seres queridos e admirados, un certo día aparecían na súa cama tendidos e todos os meus tíos , primos e familiares afanábanse en chorar para logo pola tarde deixar o seu corpo metido nun buraco cunha
tapa para que non puidese saír , os meus ollos infantís expiaban tras do muro do cemiterio
sen dar crédito ao que vía. Co paso do tempo comprendería eses angustiosos momentos e empezaba a ver claro o que podía ser o inferno.
Tamén eran o inferno aquelas sestas de agosto coas que a miña nai me castigaba , pero máis grande era o seu cansazo , que aos poucos minutos de comprobar que eles durmían, os meus pasos encamiñábanse silenciosos aos niños de formigas , alí ías clasificando por tamaños e secuestrabas para logo ao seu pesar establecer cruentos combates entre elas que polo xeral terminaban con varias patas arrincadas e algunha
que outra antena, as vencedoras eran separadas e enxauladas nuns diminutos buracos que xa tiña preparados nunha parede , que cando con gran sorpresa descubría algún dos meus irmáns ou a miña nai , puñan novamente en liberdade .

Sestas tamén aproveitadas para ir á procura de niños , para o que debo dicir que eu tiña grandes habilidades. Estábanse sentando as bases da miña futura admiración pola natureza ,só me separaba o infundado medo que sentía por unha
nidada de poliños que paseaban inquedos polo curral de Peregrina e que ao advertir a miña
presenza era coma se visen ao propio demo, o cal era un misterio para a tendeira non así para min, que sabía o porqué desa situación e non era outro que o que a súa nai a galiña considerábame persoa non grata ao intentar certo día de facerme con algún dos seus polos. A parte dalgunha que outra escaramuza , a natureza mostrábase benévola comigo e cada escapada durante a sesta un novo acontecemento abordábame , certo día ao observar algúns insectos que pululan nas flores do xardín que a miña irmá afánase por coidar , pregúntome: que fan uns escaravellos montados encima doutros ? a resposta atoparía máis adiante nalgún programa de tele que se lle escapou da censura ao Sr. Paco e atopar a similitude con certas parellas de humanos enfrascados en revolcos e besuqueos.

Innumerables invernos e recortados veráns vanse sucedendo e ante a atenta mirada dos meus pais, a preocupación da mestra para que aprendamos, e os tiróns de D. Constantino que van dando forma ás miñas orellas, vou facéndome un neno grande
proba diso son as escapadas cada vez máis distantes que facemos e así imos conquistando día a día terreos maiores e máis afastados para as nosas fechorías . As fronteiras vanse ensanchando e a Corredoira xa forma parte das nosas vidas , de momento é o lugar máis afastado ao que acudo polo xeral con Oscar , Cholo e Manolo que van cada día coas súas vacas ao monte. No chan debuxamos un pequeno campo de fútbol e é alí onde xorden as primeiras rifas e pelexas entre nós o que nos leva a adquirir un determinado rango dentro do grupo en función de quen é o máis forte. O campo de batalla
trasladámolo ás veces á escola pero é alí onde eu me sinto máis forte pois a pesar da miña curta idade o mapa de España non se me resiste e canto como o que máis aquilo de o Miño nace en fonte miña, provincia de Lugo, pasa por ...

Todo iso faime gañar a admiración de Dona Manuela e Don Constantino que se empeñan en que o meu futuro son as letras e deste xeito un bo día convencen aos meus pais para que acudan ao Seminario a matricularme. Eu moi ao seu pesar penso polo contrarío que o meu futuro está alí , en San Fiz , escalando os muros máis altos en busca dalgún niño , ou subindo á cerdeira de Dona María a coller unhas poucas de cereixas que naqueles tempos prohibíanllenos cun castigo de tal magnitude que me río agora dos presos de Guantánamo . Ao final non hai opción e resígnome a acompañar a Fofiño ao colexio de curas . Preséntase ante min un paréntese na miña vida entre sotanas e coscorrones segundo a versión de Vicentito que leva un ano entre eles e que por certo non pinta moi ben o espectáculo que alí se nos vai a representar.

Así unha tarde nubrada dun Outubro calquera do ano 70 , despídome da aldea , familia , os meus bichos , e da miña nai que llorosa abandóname á sorte dentro dun monumental recinto pero iso si tinguido de negro polas catro esquinas . Deste
xeito e botando por monteira a miña morriña dispóñome a capear o temporal como podo . Os meus primeiros pasos polo patio non son moi agradables pois os demais internos atopábanse xogando un partido de fútbol e un espontáneo Maradona irrompe no estadio , non era outro que o meu inseparable Fofiño, e propínalle un punteirazo ao balón que estaban preparando para lanzar unha falta , o que provoca en todos os xogadores unha carga contra nós que grazas á saúde das miñas pernas , que ese día advertín , que eran de gacela, salvámonos non sen levar algún que outra losqueada.

A vida dentro do internado transcorría con máis pena que gloria entre misas e rosarios e algún que outro vía crucis como o que tiñamos que sufrir con D.Berardo que se empeñaba nunha formación militar fóra do común , coa súa non menos famosa pelota de ping pong que era a testemuña de cargo de máis dun soplamocos que nos propinaba polo simple feito de saírnos da fila ou de non querer ir a misa.

As vacacións do Nadal eran as datas máis próximas para abandonar , polo menos por uns días aquel claustro , no que todos estabamos controlados e ata dispuñamos dun número que nos identificaba, o meu era o 551, o que nos facía
parecer inquilinos dun campo de concentración , a parte das nosas cabezas peladas ao cero , que alumnos doutros centros recordábannos nalgún dos nosos paseos por Orense , con aquela odiosa musiquiña Cara de tonto pelo rapado seminarista cravado.

O bulicio do mundo continua , mientra que van pasando uns fermosos anos que a min me manteñen á sombra de sotanas que me miran ,vixíanme , contrólanme , castíganme e que ao final me decepcional.Fermosos anos que van deixando
profundas pegadas , anos que transitan
silenciosos e que só deixan marca na miña cara que parece ser que o neno que levo dentro deixou de ser neno,polo menos así o din todos e un deles é o espello que día a día e con asombro asiste ao reconto duns diminutos pelos que van saíndome no bigote , creo , se mal non recordo que xa son uns catorce.

Ao final consigo evadirme dese pechado mundo e veñoo a caer a un sofisticado Instituto Mixto , onde comezo a ser eu sen esa sombra negra ao meu lado . Ao principio resúltame estraño o ver ao meu lado de xeito conxunto a unha moza , logo da
educación represiva que sufrín durante aqueles anos de Seminario, pero ao final afasche e velo como todo o mundo cousa normal.Entre exames e papeis vai transcorrendo o meu tempo de estudante, ata que : enchufes , marañas e inxustizas dan ao traste coas miñas aspiracións , ao final arroxo a toalla e apártome dos libros de texto , mellor devandito, apártanme.Non sei a quen botarlle a culpa se a esa deficiencia no Ensino ou a esa España de pandereita da que entón presumían moitos políticos.

Cando máis forte respiraba esa liberdade un dez de Xaneiro de mil novecentos e algo ¡ paf !cáeme o tortazo maiúsculo:a mili ; se iso digo ,como todos din que hai que dicir ao cal eu só digo punto e aparte. Estes puntos suspensivos son a historia dunha guerra, unha guerra sucia e innecesaria que non ten nome.Unha guerra que non pasa á historia nin con data nin lugar determinado, pero si unha guerra que che degrada e que sostés día a día contigo mesmo. Apelativos que poderían aparecer ao longo desta historia
quedarían curtos ao cualificar a certas persoas declaradas por min non gratas. O desfile dos acontecementos diarios marcan na miña vida unha tatuaxe que xamais se borrará, que nunca poderei arrincar, alí acéndese ese lume que levas dentro, alí sae a relucir a fera que todos levamos oculta.Os catrocentos e pico días que compuxeron esta loita son en grao sumo variado.Tropezarías con días que de boa gana borrarías do calendario. e atoparíasche con outros que foron pasando sen pena nin gloria ao abrigo dunhas boas litronas compartidas con algún entrañable compañeiro de faena.
É aquí onde comezo a notar unha necesidade imperioso de escribir todo isto que me está pasando,quizais pola falta de expresar todos eses sentimentos ante a falta de confidentes que aquí podes ter. O bolígrafo continúa asucando polos papeis e máis papeis, sementándoos coas máis atrevidas bobadas que grazas a deus nunca
verán a luz do día .

Deste xeito aquí atópome no medio deste globo terráqueo mal chamado mundo , dando voltas e máis voltas, polo menos iso din os científicos. Festas, música , unha moza , outra moza , unha pepsi , son os ingredientes que non faltan no
meu camiñar diario e que aos poucos se van aliando e sumando días na miña conta corrente.
Hoxe acabo de empezar un novo día e aínda que un pouco durmido pregúntome :¿ Non haberá outro xeito de comezar o día que non sexa levantándose da cama?

Tras a mili abandono os meus estudos,non os meus libros,que serán amigos inseparables durante este longo camiñar;camiñar que agora se dirixe diariamente cara a Carballiño , o meu actual destino.Teño por compañeiro fiel un guardapolvos azul que reza nun peto "Mobles S.José", falta o neno Jesús, que a virxe aparéceme a miúdo cando sacudo con todas as miñas forzas un dedo cun martelo que forma parte do meu novo ajuar , deste xeito entre parafusos,cabeceros e de cando en vez algún que outro responso que o Sr.cura vai debullando camiño da Igrexa .Así van pasando os anos entre idas e vindas , ao compás cotián do telexornal que hoxe anuncia loitas
fraticidas entre utus e tutsis e mañá un sonoro triunfo do Madrid na copa de Europa.

Xa non vexo tantos paxaros como antes, nin fago tantas escapadas á fonte a observar todos aqueles bichos que antes me chamaban a atención , que me estará pasando Será que me estou facendo maior...Non creo. Pero a verdade é que agora me atraen outras "cousas" que tiran máis de min que os paxaros e as formigas, bo non pode ser pero de momento non hai perigo , pois a miña cabeza só alcanza a ter actualizado o calendario das festas que se celebran nos arredores.

Hoxe volveron á miña cabeza aqueles pensamentos que de pequeno me asaltaban, que pasaba con toda esa xente que levaban ao cemiterio e deixábanos alí encerrados Por fin descubrín algo máis do "inferno" hoxe sufrino nas miñas carnes , nas dos meus seres máis próximos e podo dicir que preferiría ser outra vez neno para simplificar ao mínimo eses feitos e restar un pouco de dor que cos anos che desgarra cada vez máis.Xa pola noite e na escuridade que oculta as abundantes
bágoas que non me atrevín a derramar de día , penso que o diario do meu curmán pechouse cun punto final , un punto final que pecha unha chea de historias , quizais como a miña, un sen fin de esperanzas ,sen dúbida distintas á miña , cantidade de sentimentos , parecidos aos meus.

A vida non perdoa , nin se para , nin se detén ,o reloxo do tempo marcha inexorable cara adiante , a rutina cotiá envólveo todo ; pasa o verán , chega o inverno .Vodas , bautizos e enterros sucédense cada un cunha carga emotiva
diferente .Cada acontecemento destes vai marcando unhas distancias insalvables entre os
que antes eramos compañeiros e amigos ,quedan xa moi atrás correríalas da infancia xa sólamente compartimos algún que outro partido de fútbol en "O picouto"

Hoxe coñecín unha moza marabillosa e non tardarei moito ,se a miña timidez permítemo,en pedirlle que salga comigo.Heino coseguir pero hai unha pega , é dez anos menor que eu, non importa aparento moitos menos.A partir de hoxe teño unha nova tarefa que é a de escribirlle cada semana unha carta , no remite teño que pór Teresa.

Hoxe escribín a primeira e ante a falta de noticias me didico a facerlle debuxos, que por certo dánseme ben.Está nun colexio de monxas e xa que logo só nos vemos os domingos , excepto cando o seu papa non quere traela a San Amaro,
que é o noso punto de encontro.Non tardamos en pensalo e decidímonos a pasar por xunto do cura , pero non para saudalo,non, algo máis serio e que termina en voda ,co pouco que me gustaban a min as gravatas.Para ser sincero agora as penas parece que se dividen entre dous e son máis levadías e as alegrías multiplicanse por dous. Para min , aínda que non fun un gran
matemático, o segredo do matrimonio reside nesas catro regras aritméticas , suma , resta , multiplicación e división , o segredo reside en sabelas cojugar.
A elas polo xeral gústalles que che somes aos seus antojos, que lle restes importancia aos seus enfados que che multipliques por catro nos quefaceres de casa e que che dividas por vinte á hora de traballar.

A vida sorpréndenos un ano despois cun agasallo en forma de boneco chorón; non sabes se ten fame,sede,frío ou é que por natureza nacen con ganas de chinchar desde o primeiro minuto da súa vida , van pasando os días e vaslle collendo o
tranquillo; son como os " tamagochis",xa somos uns perfectos entendidos na materia.O peor é que as noites a pesar de estar no inverno e ser longas, redúcense á mínima expresión , entre biberóns e choriqueos espertas xa no traballo .

A chamada do mar fixo o seu efecto e hoxe atópome coa miña familia nun bonito lugar da costa onde a luz é máis intensa e o cheiro a salitre envólveo todo.Si estou na Coruña estreando os meus primeiros días no meu novo traballo.O amencer mestúrase con frío,balbordos e cafés que se xuntan e confúndense formando así o ambiente da "rula" do Porto. A poxa comeza , e o caos apodérase de todo e de todos ,os móbiles a lume vivo,os prezos que se escapan,os nervios que se desatan porque se me foi un lote de pescada a moi bo prezo,en pouco máis dunha hora o soado dito "todo o peixe está vendido" faise realidade . A vida volve á normalidade ,os ánimos se serenan e nos círculos xa só se comentan os detalles da venda. Un merecido descanso lévame ás beiras doutro e outro amencer, a música monótoma dos subastadores repiquetea unha e outra vez máis ata que un "meu" fréaa repentinamente .Van pasando os días :días distintos,días iguais,días
parecidos ,pero ao fin, días que van descontando dese calendario que eu estreei un vinte e sete de Agosto , un calendario do que non sabes cantos anos ten,nin cantos meses , nin moito menos cantos días, o que si sabes certo é de que ten un final ; un final incerto , imprevisible , inexperado.

Cada vez que me enfronto a un folio en branco , a suor empapa a miña fronte,o lapiz lánzase atrevido a asucar liñas infinitas , pero o meu medo ,a miña timidez ,a miña falta de valentía fan que o papel morra estrujado no esquecemento da papeleira.Inténtoo de novo , outra onda de imaxinación adorna agora o papel ,agora transmite , emociona , pero só pensar que podo estar escribindo e que estas liñas poden ver a luz do día , atérrame.

¿Como facedes vós os escritores? ¿Onde deixades colgada a timidez e a vergoña? Xa sei:facédelo tal como vos sae da dentro , das entrañas,dos espazos máis recónditos do ser,da imaxinación , da forma máis sinxela que é contar sensacións , contos , sentimentos ,da forma que o podían contar os antigos primitivos , gravando cun punzón círculos concéntricos nas pedras, E quen os entenden e descifran? só eles saberían o que significan.O mesmo sinto eu ,son o que mellor podo reflectir nun papel os meus sentimentos, non será tan bonito , non estarán tan adornados ,pero a min dinme moito pois , son meus.

Quizais queden curtas as palabras do dicionario para describir un pedazo da túa vida que desde a infancia nunha pequena aldea vas gastando ao ritmo de frenéticas saídas e postas de sol . Quizais ao volver a vista atrás se empañen moitas imaxes do pasado que agora che recordan , pero o que se perduran son esas vivenzas , eses amigos , eses irmáns ou pais que che acompañaron nese longo camiñar e agora poden dar fe deses días malgastados , vividos , estrujados ao
máximo ,sacándolles o proveito das súas vinte e catro horas.



Deixa un comentario (0) - Categorías A miña bitácora - Publicado o 06-05-2010 17:26
© by Abertal



Santi López Rodríguez