reGueiZeiros


Blog do alumnado de Técnicas de Expresión Escrita do CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco
Regueifeiros hainos e hóuboos, e de moita sona, en toda a comarca bergantiñá e algúns célebres tamén no noso concello. Xogando con esta palabra "regueifeiros" e mudándolle o f polo z traendo ao nome a forma Galiza, creamos este reGueiZeiros co que bautizamos o noso blog, ao que lle agoiramos longa e intensa vida.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

SUPERHEROES ANÓNIMOS
Aquela tarde, como outra calquera, saín á rúa. Andaba soa e distante, nada do que observaba era do meu interese; entón, de repente vin un home perdido e sen dirección, un espírito solitario axudado por un bastón.Topou comigo,como con outros tantos que só pararon uns segundos, e díxome:

-Perdoa, son cego e creo que estou perdido.

-Tranquilo amigo, non te preocupes, dime onde vas que vou contigo.- Contesteille eu.

El mostrábase moi amable e recordo moi ben que me contou un bo chiste sobre un home cego.

Ía de camiño e decidín acompañalo ao seu barrio, xa que, ademais, ese día non tiña nada que facer.

-Chámome Nacho e paso pola túa rúa a diario, a miña irmá tráeme sempre ao edificio da ONCE porque traballo alí.

O noso primeiro encontro levounos a outros, a nosa amizade non tivo problemas en aparecer cedo e isto fixo que seguiramos quedando para poder parolar e coñecernos máis. Entre os nosos cafés e as nosas tertulias faloume da súa esposa e das súas fillas, describíaas, mentres que na súa face relucía o seu sorriso, e non reparaba á hora de bicar o seu anel.

Contoume que con trinta anos sentiu desaparecer a súa visión, pero el ben sabe que iso non fixo que desaparecese a súa inquedanza e mantívose coma sempre, sen deixar o seu sorriso atrás. Díxome que quedara así a causa dunha enfermidade estraña e hoxe, sen máis, ten que apañarse sen a sorte que temos moitos outros. Pero recoñece que iso non é o temor que máis o dana, senón que é esquecer o rostro daqueles que o acompañan desde sempre.

Nacho, un superheroe ao que ninguén mira, a xente por non querer molestalo trata de esquivalo. Pero el camiñará seguro porque sabe que segue aquí. Veralo pasar e daraste de conta de que todos somos iguais, cada un temos un problema, mira os teus, mira os meus, así é como a vida nos ensina; a miña alma é grande, pero, cal pequena? O noso destino engánanos, fainos crer que imos seguir sempre igual pero logo cambia o teu rumbo sen posibilidade algunha de retrocesos.

Pero a arte de adaptarse e vivir sempre o tiveron os superheroes anónimos que ti mesmo ou ti mesma poderás ver en calquera curruncho da túa rúa, tanto cegos, xordos, parapléxicos... Por iso eu considero que todos nós debemos axudar a estes heroes da adaptación. Debemos admiralos polo seu valor e non podemos deixalos atrás por culpa dunha sociedade pouco solidaria, non merece a pena deixalos illados nos seus cuartos sen poder amosar todas as súas probabilidades de triunfar no noso día a día.

Noemí Echegaray Suárez (4º B)
3º premio no Concurso de Relatos ASPAMITE
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-06-2008 13:46
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
DISCAPACITADO
Disque eu son un discapacitado porque o meu corpo, sensible aos sentimentos, pero non ás ordes do meu cerebro, precisa dunha cadeira de rodas para desprazarse. Si, as miñas pernas precisan dúas rodas, pero non son capaces de mover ningúns pedais. Ti, que podes moverte, andar, correr... non sabes ir a ningures sen o dobre de rodas ca min, e non te dás nin conta de que aparcas case sempre no sitio que me teñen reservado pola miña discapacidade. Quizais teñas razón; es ti o que tes as discapacidades, non eu.
As túas pernas moven un cerebro contaminado, tolo, baleiro... cando bebes es un malpocado, un ignorante. Corres coma un fuxitivo sobre catro rodas, para rematar, máis que seguro, inmóbil sobre outras dúas; dúas sen motor, sen futuro.
Podes ver, pero estás cego, porque os teus ollos non saben o que en realidade ven. Tes mobilidade nos brazos, pero están cheos de ataduras, son brazos fríos, xeados...
E... podes andar, si, pero as máis das veces desandas o que andaches. O teu corpo, tal vez, nunca alcance o avellentamento físico, porque perecerás no intento. Paréceche pouca discapacidade a túa?
Eu non podo moverme, pero teño vida, teño soños... Podo dar bicos con tenrura e abrazos quentes. Podo sorrir e mirar máis lonxe do que me pode levar esta cadeira.
Meu Deus! Un día fun ese home que es ti. Sempre fun un discapacitado. Antes, pola miña tolemia de xuventude que me impedía pensar coma un adulto. Hoxe, pola miña discapacidade física. Aínda así, agora son persoa, son libre dentro do que se poda pedir e ata onde poda chegar. Estas dúas rodas son agora para min coma uns patíns par un neno, coma unha bicicleta para un ciclista, coma unhas ás; si, unhas ás para voar, aínda que só sexa en soños. Son os meus pés, sen eles non podería moverme.
Son un discapacitado, capacitado para vivir.
Agora si, ti que queres ser, meu amigo?

Rocío Moreira Alvela
Accésit no VI Concurso de Relatos de Aspamite.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-06-2008 13:42
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Gañadoras do concurso de relatos de Aspamite
A Asociación de Pais Minusválidos de Teo (ASPAMITE) organizou o VI Concurso de Contos Aspamite, no que resultaron premiadas dúas alumnas de 4º B, Noemí Echegaray Suárez, que acadou un 3º premio co relato "SUPERHEROES ANÓNIMOS"; e Rocío Moreira Alvela, que obtivo un accésit co texto "DISCAPACITADO".
Mágoa non podermos asistir ao acto de entrega de premios organizado pola asociación no Hotel Congreso o pasado sábado día 7 de xuño. Tiñamos unha cita obrigada con Barna!! Non era plan de mudarmos a data da excursión dos de 4º da ESO, non? Menos mal que Raquel, a profe de Ciencias Sociais e Alternativa á Relixión, se ofreceu amabelmente a nos recoller os vosos premios.
Parabéns, rapazas, e seguide escribindo!!!
E para que todas as lectoras e lectores do blog se deleiten coas vosas creacións, aquí quedan os dous textos gañadores.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-06-2008 13:41
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
CANDO O ECLIPSE MARCHOU COA LUZ
Sería un día normal se ese dia non houbese un eclipse, ademais, ese día houbo un enterro no cal non había máis que catro persoas: O vendedor do supermercado onde ese home ía mercar todas as cousas que precisaba, o que lle levaba a bombona de butano e lla colocaba no sitio da outra, e dous señores que estaban lendo o xornal na praza da igrexa e que non se lles ocorreu ningunha cousa mellor que ir ao enterro dese home que non coñecían de nada.
Había que levar a caixa para o cemiterio e entón xurdiu o problema, os dous señores dicían que eles non podían, que eran maiores e marcharon de alí tan rapido como puideron, o do butano que xa viñera porque estaba de baixa dicía que tiña lumbago, entón só quedaba o do supermercado e o cura, que antes de levala el, facía un burato no chan e enterrábao na porta da igrexa. Entón ocorréuselles chamar a aqueles rapaces que estaban alí sentados sen molestar a ninguén e pedirlle que lles axudaran a levar a caixa ata o cemiterio antes de que se producise o eclipse, todos puxemos escusas pero o cura nun alarde de xenerosidade dixo que nos pagaría.
Cando chegamos ao cemiterio xa estaba alí o enterrador, esperando por nós para acabar e marchar. Cando xa acabou, nós quedamos alí recuperándonos sen darnos conta de que ía haber un eclipse, que nos colleu sorprendidos, non había luz, só a dos móbiles pero nós de repente miramos para o lado e na tumba do home sen familia, no medio de aquela escuridade víanse unhas luces que poñían: “ Ola a todos e grazas por vir”. Nós cun rotulador puxémoslle na lápida: “De nada”, e é por iso que a xente cando vai ao cemiterio queda sorprendida ao ver aquela lápida dese home que non coñecen e que pon “De nada”.
É por iso que un día de eclipse non é un día normal.

Nicolás Facal Santos (4º B)

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-06-2008 11:53
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
A polo ghit 2008
Aínda non hai un mes que botou a andar a nova edición de A polo ghit na procura da canción galega do verán e xa temos 35 candidatas a se converteren na máis escoitada e festexada deste arelado verán de 2008.

Premede na ligazón que tedes abaixo e podedes botarlle un ollo ás letras e mais agasallar o ouvido con aquela máis gustosa, coa máis bailábel na discoteca ou na verbena, coa que máis vos faga bourear con forza, con algunha para bailar o "agarrado" ou para se ir arrimando ao "ligue" do verán, coa que máis vos preste!! Mais dádelle cliques ao rato para votar por algunha delas e, sobre todo, escoitádeas que hai para todos os gustos e de todos os estilos: ska, rock, cumbia, música electrónica, mesmo baladas... moita gana de xolda, humor galego e vontade para nos amenizar as noites de verán na discoteca e na verbena. E boa mostra da forza da mocidade galega e de que o galego é lingua idónea para todos os estilos musicais!!

O mércores vainos visitar no cole Belén Regueira, xornalista, presentadora do programa radiofónico, Extrarradio, e agora tamén na TVG, o sorriso amábel que nos aloumiña nas noites dos domingos n'O país dos ananos. Vai vir para picar música, falarnos dela e de seguro que aprenderemos algunha cousiña máis deste A polo ghit 2008 .
A polo ghit 2008
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-06-2008 06:40
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
GALIZA por Laura Castro Lorenzo
Galiza.
Seis letras
que definen unha forma de vida,
que forman parte do planeta.
Seis letras
que, cravadas, se levan
na conciencia.
Cheas de tristeza
e de ledicia,
de dor e inxustiza.
Tres sílabas,
Ga-li-za,
que son como unha ferida
aberta
que non se cura con menciña,
pois xa un nace con ela.
Tampouco é fuxidía,
pois con ela se habita
ata que o corazón xa non latexa.
Unha verba,
Galiza,
fermosa, tranquila,
que moitos rexeitan,
e evitan
dicila.
Quizais pensan
que fai doer as enxivas.
É o seu problema, resolvelo
eu non teño por obriga.
Unha verba
que, para min, non é aceda´,
é libre e decidida;
unha verba
que por ningunha outra palabra sente envexa,
pois é como queira que sexa.
É única, é miña,
é de todos os que a sintan
día a día.
É sinxela.
Galiza,
a nación que conta e contará
máis de mil primaveras.

Laura Castro Lorenzo (3º B)
Poema gañador no 2º ciclo da ESO na modalidade de Poesía na Semana das Letras 2008.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-06-2008 04:18
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
A fin
Nunca eran eles. As súas verdadeiras conciencias estaban durmindo pracenteira nun cómodo curruncho da mente, alleas á realidade que as arrodeaba. Eles eran dous entes do máis alá. Dous seres que están por riba de nós, que saben que o noso futuro está escrito e que nada nin ninguén o poderá cambiar. Son infinitos. Non naceron e nunca morrerán. Están condenados a ver como os humanos son felices sabendo que teñen que aproveitar a vida que eles lles regalaron antes de arrebatárllela. Pero agora iso non importa. Eles, coñecedores da sabedoría do universo, sabedores de todos os misterios do cosmos, teñen algo que nós nunca poderemos chegar a saber. Saben algo que cambiará o rumbo da vida. Eles non teñen o poder de cambiar o curso desta.

-Pobres humanos. Tan tranquilos coas súas patéticas vidas, alleos á fin do mundo. E nós aquí, intentando salvar as súas efémeras vidas.
-En realidade non será así exactamente
-E logo, ¿como vai ser? Nós sacrificámonos para manter o seu estúpido mundo a cambio das nosas valiosas vidas.
-Os plans cambiaron. En realidade ela non vai aceptar a nosa vida como sacrificio. Está anoxada cos humanos por maltratalo durante miles de anos, e en parte séntese culpable porque ela os creou. Por iso como sacrificio volverá a comezar o mundo. O sacrificio serán todos os humanos.
-Que así sexa.

Chegaron a unha especie de furna profunda agochada no máis profundo do mar. Eles non respiran. Eles non se mollan. Eles non senten frío, nin calor, nin amor, nin odio. Por iso puideron chegar a esa profundidade. Os seus corpos humanos estaban na praia, tirados na area, inconscientes. A gruta era escura e profunda, case se podía sentir a calor do centro da terra. Pero a eles iso pouco lles importaba, porque o que ían facer alí era moito máis importante que sentir calor ou frío.

Cando albiscaron o final da cova detivéronse en seco e axeonlláronse en sinal de respecto.

-Vimos pedirche que salves o universo, ¡oh nai do mundo! O cosmos chega á súa fin e ti es a única co poder de dar a vida e de quitala. Pregámosche que salves o universo.

-Toma os humanos como sacrificio no noso nome e no dos que nos mandan aquí, e dálle unha oportunidade á vida.


-Sabede, desprezables esencias de deus, que eu non lle fago favores a ninguén. Pola contra, dareille unha oportunidade a este miserable mundo. Pero ademais do sacrificio humano, quero algo máis a cambio da duración deste miserable universo. Quero que todos os “deuses” ou como vos chamedes creedes un novo ser igual ca min. Quero un fillo.

Os dous seres miráronse e sentiron a dor percorrer todo o seu inexistente corpo. Crear un novo ente era un proceso doloroso, a única sensación que podían percibir. Causáballes pánico tan só oír a posibilidade de crear a outro igual ca eles (e aínda máis se era igual á Nai Natureza, que era un dos seres supremos). Nese momento apareceron centos coma eles. Tiñan que cumprir os seus mandatos de inmediato. Uníronse nun círculo e unha luz intensa comezou a inundalo todo. Das profundidades do mar saíu unha especie de bóla de lume laranxa rodeada de faíscas. Ao momento produciuse unha explosión que deixou asolagada a terra. Non quedou nin unha soa árbore, nin un ínfimo rastro de vida. Só a soidade. O deserto. Só a terra e as pedras.

O círculo de seres seguía en formación, agora na superficie do mar, en suspensión no aire e xirando paseniñamente sobre si mesmos. O traballo estaba feito. O universo, a salvo. Tras saber que todo estaba rematado, dispersáronse, marcharon en diferentes direccións repartíndose por todo o cosmos, lonxe dos outros, velando pola creación.

Do centro do que foi a bóla de lume saíu unha especie de pantasma. Un novo ente que a Nai Natureza coidaría ata que se fixese grande. Colleuno entre os seus brazos e sentouse nunha pedra. Asubioulle algo no oído e, ao momento, a vida comezou a reaparecer no mundo.

Pequenos gromos medraban de forma anormalmente rápida. Ao final do día xa había pequenas matogueiras, ao acabar a semana xa había bosques e vida primitiva. E ao rematar o mes a vida xa case era como hai miles de anos cando os nosos antepasados daban os seus primeiros pasos pola terra como humanos.

A Nai Natureza levantouse. Comezou a camiñar. Mirou ao seu redor. A terra estaba chea de vida. Mirou cara arriba e viu un ceo virxe, despexado e cun resplandecente sol. Sentiu como unha raiola atravesaba o seu intanxible corpo. Oíu un gran balbordo e divisou ao lonxe un grupo de humanos primitivos intentando cazar un cervo. Sorriu. Sentiuse ben porque salvara o seu mundo. Botouse a camiñar cara as profundidades do bosque, cara un altar onde os primitivos humanos a adoraban. Agachou a cabeza e mirou fixamente a intanxible cara do seu fillo. Volveu sorrir. Estaba feliz, pletórica e orgullosa da súa nova creación.

- Esta vez farémolo ben, e sempre que porten mal podemos volver a empezar, non si?

Mónica Martínez Porteiro (4º B)
Relato gañador no 2º ciclo da ESO na modalidade de narrativa na Semana das Letras 2008.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-06-2008 01:27
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
As raíces esquecidas
Nalgún curruncho do mundo, quizais nunha nación de extensos vales e chairas, ou nun país de altas montañas coroadas de neve, vivía un pobo sen ideas propias, sen ganas de mostrarse tal como era, avergonzado dos seus antepasados, unha especie de exército de robots que obedecera as ordes dunhas poucas persoas alleas á súa forma de vida. Era un pobo ao que convenceran de que a súa cultura non o faría progresar, un pobo que, en realidade, xa non era pobo, pois non había un sentimento que o mantivese unido. Mais non todo fora sempre así, por suposto que non.

Nunha pequena escola situada neste recuncho do mundo, estudaba unha rapaza miudiña, de grandes e inquedos ollos castaños, de andar lixeiro coma unha bolboreta e sorriso pícaro. Sentaba cada día no seu pupitre, e alí escoitaba as explicacións do profesor, xunto con todos os compañeiros da súa clase. Un dos que sentaban preto dela chamábase Paulo, e, pola contra, non tiña un ollar vivo e optimista, senón que a tristura predominaba no seu carácter; parecía que algunha vez lle roubaran un anaco de alma. Estes dous rapaces falaban decote en voz baixa, para que o mestre, que daba a lección nunha lingua estraña que a todos os alumnos lles obrigaba a empregar, non os descubrise, e evitar así que a conversa repercutise nun severo castigo.

Un dos derradeiros días de outono, nos que o vento sopraba con forza, coma se estivese furioso polas poucas xornadas da estación nas que ía estar presente xa, e levantaba as follas que se foran amoreando a carón das árbores; Sara, que así se chamaba a nena de mirada inqueda, chegou á aula a primeira hora da mañá e moito máis contenta do habitual. Tomou asento, coma decote, e deixou voar a súa imaxinación.

-Por que tes esa cara de inmensa felicidade?- preguntoulle con curiosidade Paulo.
-É que descubrín algo incrible. Algo que me deixou verdadeiramente sorprendida. Un mundo novo alimentado de recordos.
-Mira Sara, ti sempre andas nas nubes, deberías poñer os pés no chan e prestar un pouco máis de atención ás explicacións do profesor…
-Vaia, non me digas que de repente te preocupas polos estudos, Paulo? Eu sempre pensei que pasabas de todo.
-Non, tampouco é iso. Eu o que che intento dicir é que non sexas tan rara.
-Rara? A que te refires?
-Si, ás veces compórtaste de xeito estraño; por exemplo, cando te empeñas en falar co profesor no antigo idioma. Hai que ir cos tempos, Sara, xa o din os mestres e a tele, debemos velar polo progreso.
-Xa, mágoa que eu non coincida coa súa idea de “progreso”. A ver, que, anímaste ou non a descubrir o marabilloso mundo que che podo amosar?
-Estás tola, non tes remedio. Pero só, só para que non me deas máis a lata, acepto a túa proposta.
-Moi ben, quedamos na saída do colexio cando toque o timbre.

Tal como acordaron, Paulo, o rapaz de ollar tristeiro, e a súa amiga reuníronse ás portas do edificio ao remate das clases. Intercambiaron un par de palabras e comezaron a camiñar. Sara ía diante, co paso decidido, moi segura de sí mesma.

Daba grandes alancadas coas súas pernas pequerrechas. O pelo enguedellábaselle e abaneaba no aire mentres o vento azoutaba con violencia a súa pel dourada, Paulo seguíaa con dificultade, custáballe seguir o paso da súa intrépida compañeira. Pasaron polo centro da vila e metéronse por unha rúa lúgubre e escura, en dirección á casa de Sara.

Despois de varios minutos, abriron a porta da vivenda e deixaron os abrigos nun colgadoiro do vestíbulo. Non había ninguén alí, estaban sós. Entraron na sala. Todo estaba en silencio… A aquel lugar faltáballe vida.

-Oíches, Sara, ensíname iso tan interesante que… Eh, antes, neste cuarto, non había unha gran biblioteca chea de libros de todo tipo?
-Si, aínda o lembro. Era moi pequeniña cando os queimaron…- respondeu Sara cun ton morriñento.
-E logo, por que fixeron iso?
-Tíñanlle medo. Esa xente que manda en nós pensa que o que escriben algunhas persoas da nosa terra é perigoso. Debían crer que os libros deses andeis tiñan dentes e os podían morder.
-Si, claro… veña, bule, amósame iso que vin ver e despois xa marcho.
-Ah, xa non lembraba! Acompáñame ao xardín.
-Pero se ti non tes xardín- dixo Paulo con excepticismo- Mais a súa amiga xa botara a correr- Agarda, que xa vou!

Os rapaces chegaron ata unha porta do corredor. Sara meteu a man no peto e sacou unha chave feita de soños. Introduciuna harmoniosamente na fechadura e a porta abriuse de vagar, coma se quixese que a expectación que Paulo sentía naquel intre fose en aumento. A porta abriuse. Deron uns pasos cara a diante e quedaron quedos, contemplando a paisaxe que tiñan ao seu carón. O chan sobre o que se mantiñan ergueitos era o mesmo que pisaban todos os días, e o lugar no que se atopaban facíaselles familiar, pero alí as cousas eran diferentes: do fecundo solo fertilizado con residuos de imaxinación, xurdían flores feitas de poesía, poesía nunha lingua que non estaba morta como se cría; e o seu pole mesturábase amodiño no aire. Mais aquel aire non era o que estaban acostumados a respirar, contaminado de hipocrisía e marxinación; non, tratábase dun aire que entraba nos pulmóns e os impregnaba de liberdade, dun aire que asubiaba nos oídos notas musicais de cancións case esquecidas polos rapaces, desas que cantaban as avoas aos meniños cando estes non querían parar de chorar. Os paxaros deixaban pinceladas de cores vivas e intensas a medida que cortaban ese aire calmo e cheo de frescura cos seus peteiros, dos que penduraban fíos feitos de historias e lendas aínda sen acabar de formar, que serían levados á póla dalgunha árbore, onde se xuntarían con anacos doutros contos para formar niños; e alí medrarían orgullosos pequenos paxariños arroupados por relatos agora xa completamente estruturados. E algún día habían botar a voar cara a liña do horizonte, que estaba moi, moi lonxe; tan lonxe (pensaba Paulo) que parecía que aquel lugar non tiña fin, que era enorme, inacabable. Si, un lugar que non parecía moi grande nos mapas, pero que era en realidade, tan inmenso que ata os infinitos metros cadrados que existen non eran suficientes para medilo. Era, en verdade, unha nación moi fermosa.

-Paulo, Paulo, esperta!- murmurou Sara- Agora non son eu a que anda nas nubes.

Quedara durmido, mais todo o que Paulo vira fora tan real… De feito, sentira todo aquilo tan preto que pensaba que non o ía esquecer nunca máis. Agora tiña ganas de loitar. Aquelas raíces que un día lle cortaran cun coitelo de folla afiada e inxusta volverían a medrar; pois senón, el quedaría murcho. E aquela parte del que unha vez lle arrincaran non lla volvería arrebatar.

Laura Castro González (3ºB)
Relato gañador no 2º ciclo da ESO na modalidade de Narrativa na Semana das Letras Galegas 2008
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-06-2008 01:21
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
OS MEUS PENSAMENTOS
OS MEUS PENSAMENTOS

Levanteime ás oito da mañá
porque quería xogar,
os meus pais non me deixaban
porque me encontraba mal

Tiña dor de cabeza
e tiña febre tamén,
eu sen xogar non quedei
que non me parecía ben

Estaba un día de auga
tamén ía moito frío.
Cada trebón que caía
o campo parecía un río

A min moito me gustaba
chapuzar na auga.
E canto máis chapuzaba
meu corazón máis gozaba

Cando acabei de xogar
funme ás duchas a cambiar.
Porque mollado xa estaba
e queríame secar

Molleime na auga quente
e non me quixen duchar.
Vestín a roupa correndo
porque quería xantar

Non é que comese moito
pero eu quería dar a lata.
Ao que me fartei de carne
Comínche fresas con nata
O meu pai é albanel
e a miña nai costureira.
Eu quero xogar ao fútbol
ainda que xogue na Rocheira

Gústame ir á escola
e non quero suspender.
Eu estudo canto podo
para este curso vencer

Todo se me fai difícil
neste curso da ESO
Eu traballo canto podo
porque non quero perdelo

Que tanto me dá a lata
este primeiro da ESO
como será o segundo?
Qué pasará co terceiro?

Cando se me acabe a escola
e xa teña o graduado.
Eu quero ser futbolista,
é o que teño pensado

Eu xa non escribo máis
teño que ir descansar
Mañá é día de escola
E teño que madrugar

Jonathan Facal Gerpe (1ºA)
Poema gañador no 1º ciclo de Secundaria na modalidade de Poesía na Semana das Letras 2008







Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-06-2008 01:09
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
A chave agochada
Xoana tiña trece anos, era orfa de pai e nai. Morréranlle nun accidente de coche cando ela tiña dous anos. Case non os lembraba mais tiña fotos deles de cando eran novos. Vivía coa súa avoa Maruxa que era una señora moi boa e amable que compracía a Xoana en todo canto a nena quería. Vivían as dúas soas. Xoana ía a un colexio que lle quedaba moi cerca da casa.

Un día remexendo entre os cadernos dos seus pais e tíos atopou un mapa. Ao principio fíxolle graza pero despois picáballe a curiosidade do que habería agochado naquela cruz.

Colleu un sacho e púxose a buscar por fóra da casa seguindo as instrucións do mapa e atopou o que buscaba. Era unha caixiña vella cuns soldadiños de madeira, uns coches de madeira feitos a man, cromos de fútbol e dentro da caixiña, outra caixa máis pequena. Xoana abriuna e dentro había unha chave. Preguntoulle á súa avoa que sería aquela chave pero a súa avoa tampouco o sabía. Xoana probou en canta cerradura había na casa, probou nas portas, nos armarios, nas ventás... mais non encaixaba en ningunha.

Lembrou que un día fora visitar un dólmen e alí vira un buratiño no que seguramente cabería aquela chave.

Pola tarde foi probar. Meteu a chave. Deulle unha volta e a terra comezou a tremer. Cando se decatou estaba nun pasadizo que semellaba unha catacumba e ao lonxe víase unha luz. Dirixiuse cara a ela e atopouse nunha cidade de grandes edificios e unha gran fábrica. Todo parecía normal, a non ser que a cidade era subterránea. Dirixiuse cara a un parque. Atopouse cunha nena que se lle semellaba moito a ela, e preguntoulle:

-Ola, ¿como te chamas?
-Chámome María García Rodríguez.
-Como?
-María García Rodríguez, díxome a miña nai, Silvia.
-A túa nai chámase Silvia?
-Si.

Xoana tiña moitas cousas en común con aquela rapaza. A súa nai chamábase igual, apelidábase igual. E seguiulle preguntando:


-Como se chama teu pai?
-Manuel. Pero… porque me interrogas, rapaza? Ti como te chamas?
-Eu Xoana e apelídome igual ca ti e pregúntoche todo isto porque creo que somos irmás.

A rapaza quedou pampa con tanta explicación. Daquela Xoana descubriu que os pais estaban traballando naquela gran fábrica. Todo o mundo que vivía alí traballaba nela. Aínda que aos seus pais non lles gustaba traballar alí.

Decidiron ir á fábrica a ver se podían liberar aos seus pais e voltar de novo á superficie.

Alá foron e, mentres unha cantaba para entreter aos gardas, a outra abría aquela porta da fábrica coa chave que atopara na horta.

E así foi. María abriu a porta e liberou a todos os traballadores e traballadoras.

Abrazouse aos seus pais- A súa nai explicoulle todo. O día do accidente raptáronos e leváronos a traballar alí. E alí, naquel lugar nacera a súa irmá pequena. Dende aquela viviron toda a familia feliz.

Cristina Velo Facal 2ºC
Relato gañador na modalidade de narrativa no 1º ciclo de Secundaria na Semana das Letras Galegas 2008.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-06-2008 01:00
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
© by Abertal