recuncho poético


Eis os poemas
sentídeos
soñádeos
ilusiónadeos
dádelles voz...
e logo avisade do libro que escollestes







Este blogue forma parte da Rede de Blogueiras/os en defensa do Galego



 Pasa por aquí
 ANTERIORES

Entrei na primeira casa.

Abrín o gas.

Puxen a tixola ao lume.



Non puiden saber

ata o segundo antes

se sería quen

de meter a man

no aceite ardendo.



Volveu aquel soño

de meter os dedos nos ollos

e berrar coma unha vaca.



(de Acusación, Galaxia, 2009; Xiana Arias
recitado
Comentarios (0) - Publicado o 03-02-2013 20:20
regresso
tomo terra após longa travessia
por este oceano que aninho dentro

panos brancos dão-me as boas-vindas
velas mutiladas por tristes braços
que ambicionando fugir do peirão
arvoraram um navio que nunca partiu

tomo terra após longa travessia
e é o desencanto quem me recebe.

in Na noiva eo navio
, Susana Sánchez Airíns
a noiva e o navio
Comentarios (0) - Publicado o 03-02-2013 20:15
matemáxicas
as matemáticas son o refuxio
con máis sen fin que darse poida.

nada dubida alí. nada treme.
tan só cinco por cinco
igual a vintecinco.

non anos transcorridos
senón 25
tan alleo á experiencia humana
que ata sen océanos, sen sangue,
seguiría a ser
25.

sen abandono posible.
raíz de 625.
sen mutacións químicas.
sen tempo
sen ¿?

25. sinxelamente.
sen querer ser máis.
máis que matemáticas
descoñecidas ata de si propias.
carentes por completo da insoportable autocompaixón.
nin chamarán de noite á túa porta
nin pedirán nada de ti
mais tampouco che darán as costas
que non posúen
pois que van sempre de fronte e cristal nidio
así son as matemáticas.

un rudo 25.
un insubornable 25.
tal que nos seus 13
nos seus 25.

esencial e único.
infindo e único.
ignorando 24 e 26
nadal
vodas de prata
ou cuarto de qué.

ingravidamente.
pouco pero bastante.
e non 2 e 5 senón 25.
e sen saber do holismo nin de bertrand russell.

así son as matemáticas.
sen peso que levaren
sen medida
sen datas no lombo, sen querer voar.
lonxe deste mel que tanto esvara.

dando sempre no cravo
no cravo que nunca ardendo
no cravo que nunca teñen
cravado no corazón.


Est´baliz Espinosa
, Orama
máis poemas
Comentarios (0) - Publicado o 24-04-2012 08:28
Moda Galega Reoladed
Unha pensaría que en dez anos

a cousa ía mellorar algo

mais esperta co aumento do capitalismo

a anestesia social

o recorte das posibilidades

a televisión idiotizadora

a falta de personalidade colectiva

e uns ideais de muller

cada vez máis raquíticos

onde ter as tetas pequenas

provoca traumas psicolóxicos

da dimensión dun ataque terrorista

e onde unha ten basicamente para escoller

entre belén estéban

maría dolores de cospedal

e lady gaga.


María Reimondez
Comentarios (1) - Publicado o 24-04-2012 08:15
Roubáchesme as palabras
coas que poder dar razón do meu silencio.
Negáchesme a man
que noutro tempo me ofrecera
a imposible resignación de procurarte.
Fixeches do tempo
unha gramática da renuncia,
un lugar no que agochar
as palabras máis ferintes.
Non importa que esteas lonxe
e que medre na nostalxia
a semente do esquecemento.
Tampouco agroma o froito
sen que podreza antes a flor
que o fertiliza.
Nin importa que a mudez desta distancia
nos impida desandar
o camiño que as palabras nos negaron.

Baldo ramos
Comentarios (5) - Publicado o 23-03-2009 01:01
A SEGUNDA VEZ
E cando me volvín para bicalo
escoiteille dicir
"facía tanto tempo".
Non lle pedín permiso.
Non sabía.
Do seu corazón lento
nunca puiden contar tódolos golpes.

María do Cebreiro (Compostela, 1976), Non queres que o poema te coñeza, 2004
Comentarios (3) - Publicado o 23-03-2009 00:39
Madre disponme a contratación dun marido,
dun esposo con apelido e dereito a coito.
Dun home honrado que me inmole en matrimonio,
que me fecunde baixo a cruz do dormitorio.
Por suposto, prohibido tratar de sentimentos,
somos xente decente en extremo delicada.
Só falamos de pactos que me eviten disgustos,
de cláusulas que eviten arrebatos troianos.
Da discreta concordia entre as partes contraíntes,
do progresivo aumento de lazos afectivos.
E o amor, qué infortunio, ese lastre inncecesario.

Carlos Negro (Lalín, 1970), Héleris, 2003
Comentarios (2) - Publicado o 23-03-2009 00:37
Ausencias pretéritas
Es doce como o soño degolado,
doce folla de aceiro dun coitelo,
doce como a nudez do carambelo,
doce sangue vermello derramado.
Es doce como o verso encabalgado,
doce palabra libre e pesadelo,
doce como ese son do violonchelo,
doce canto, barítono do agrado.
Es doce como a noite pequerrecha,
doce casa común, tobo futuro,
doce como asubío dunha frecha,
doce zume, morango ben maduro,
doce como o sendeiroi dunha crecha,
doce exaculación a ben seguro.

Miro Villar (Cee, 1965), Ausencias pretéritas ,1992
Comentarios (3) - Publicado o 23-03-2009 00:33
Nós nús
Esta será na morte
a miña última palabra:
quen me dera ser gata
para vivirte sete veces.

Olga Novo (Vilarmao, Lugo, 1975), Nós nus, 1997
Comentarios (1) - Publicado o 23-03-2009 00:31
poema de amor
¿Cómo se estende a mancha?

(Igual que o amor)

Negar o azul é máis que nomealo.
Non falarei do mar: xa non se pode.

Para abolir o azar, dados redondos.
Os vellos e os cativos demóranse nos sucos.

Logo a pel tacha a pel
para esconder as partes vulnerábeis
ou vai pousando brancos por onde ninguén sabe.

A redeira abre as palmas.
Quere amosar as fendas.
O negro só chegou
para facer o dano máis visíbel.

As contraccións do parto
repiten a frecuencia que se escoita
por detrás das estrelas:

un ruxido de fondo, o non creado.

Fóra da terra o tempo abraza o tempo.

Cando estoupan as naves o universo dubida.

As pegadas fan quente a luz da lúa.
As galaxias expándense.

Algúns buratos negros aprenden a falar.

A conquista do espacio é reversíbel.
Os imperios non teñen interior.

O azul só ten lugar fóra do tempo.

María do Cebreiro, [Poema escrito para Alma de beiramar, libro colectivo xurdido como resposta ao afundimento do petroleiro "Prestige" nas costas galegas, en novembro de 2002, catástrofe que deu orixe ao movemento civil "Nunca Máis"].

Comentarios (6) - Publicado o 11-03-2009 19:49
© by Abertal