Asociación para o desenvolvemento social e cultural na Laracha
a Asociación Quinta Feira nace con vocación de contribuír á recuperación, difusión e valorización da cultura e o patrimonio etnográfico e natural galegos e potenciar a educación en valores no seu ámbito de actuación.
Por motivos alleos á nosa vontade vémonos na obriga de cancelar a cea prevista para o sábado 10 de abril, que se pospón para datas máis propicias.
Si se mantén a convocatoria da Asemblea Xeral Anual de socias e socios, para o sábado 10 de abril ás 8 da tarde na aula de cultura de Caixa Galicia da Laracha, coa seguinte orde do día:
1. Memoria de actividades do 2009.
2. Estado das contas.
3. Propostas de actividades para 2010.
4. Rogos e preguntas.
Esperando contar coa vosa asistencia, recibide un afectuoso saúdo.
Volvemos a actualizar o blogue para dar conta das cidades onde está prevista a lectura do Manifesto no día de Rosalía de Castro que a AELG programou para este mércores 24:
- A Coruña, 18.00 h. no Monumento a Curros Enríquez.
- Lugo, 18.00 h. na rúa Nóreas, a carón da casa que fai esquina con Rúa San Pedro, onde viviu Rosalía de Castro entre 1864 e 1868.
- Santiago de Compostela, 17.30 h. Onde a estatua de Rosalía na Ferradura da Alameda.
- Vigo, 19.00 h. no nº 12 da rúa Real, onde a tipografía de Juan Compañel.
- Ferrol, 18.00 h. na Praza do Himno Galego.
- Pontevedra, 17.30 h Monumento a Castelao
(perto do Museo de Pontevedra).
No contexto actual de loita e defensa dos dereitos lingüísticos do pobo galego, consideramos necesario darlle todo o apoio a este tipo de actividades.
As asociacións Quinta Feira e A Cutareira, entidades integradas na plataforma Queremos Galego, promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística, participamos nas actividades informativas da folga xeral do 21 de xaneiro para informar á comunidade educativa da Laracha da razón da convocatoria do paro xeral do ensino e animando a que se unan á folga e á manifestación que sairá ese día ás 11,30 h da Alameda de Santiago de Compstela.
Por que rexeitamos este decretazo?
Porque non garante que os estudantes finalicen cada etapa educativa coas destrezas lingüísticas tamén en galego.
Todos os informes oficiais sinalan que hai un problema para conseguir que boa parte dos rapaces e das rapazas, sobre todo nas zonas urbanas, teñan fluidez comunicativa en galego. Diminuír a presenza da nosa lingua non fará máis que agravar a situación, vulnerando o dereito do alumnado a unha educación de calidade e pondo en perigo a pervivencia da nosa cultura.
Porque é unha proposta feita de costas á sociedade galega.
O presidente da Xunta sabe que non conta con ningún consenso do profesorado, o estudantado, as familias e da sociedade en xeral para este decretazo. Por iso o presentou na véspera de fin de ano, a última hora do serán, e sen que existise ningún proceso previo de diálogo nin contraste.
Porque a aplicación deste decreto suporá enfrontamentos nos centros.
A Xunta fai deixadez das súas funcións e traslada o problema ao profesorado, ao estudantado e ás familias, que serán parcialmente consultadas (ben tendo en conta só o criterio da maioría, sen que se saiba que pasará coa minoría que se sinta perdedora; ben dando unha opinión cada catro anos, o que significa que uns pais darán a súa consideración sobre a educación das fillas e dos fillos doutros). A política lingüística e educativa non se pode limitar á opinión que poida ter a comunidade escolar, porque nos corresponde a todas as galegas e a todos os galegos. Hai que ter presentes criterios pedagóxicos e o dereito a unha educación en igualdade.
Porque a Xunta se burla da cidadanía cando di que se vai impartir un terzo das materias en inglés, cando sabe que iso é totalmente inviábel, e sen se preocupar do fracaso escolar.
O presidente da Xunta mente conscientemente cando fala de “plurilingüismo”, pois sabe que iso é imposíbel de aplicar. Só utiliza o inglés para camuflar propagandisticamente o ataque contra o galego. Na verdade, os departamento de inglés non teñen un reforzo real para mellorar a aprendizaxe desta lingua e mesmo se recortan os recursos para a formación do profesorado e se reduce o número de profesores/as das escolas oficiais de idiomas. O reforzo e mellora do ensino de inglés no sistema educativo galego debe facerse con máis profesorado específico, con máis recursos e con grupos máis reducidos.
Porque este decreto vulnera leis básicas aprobadas por consenso e tratados internacionais de dereitos lingüísticos.
O decreto que o Goberno galego quere impor unilateralmente vulnera a letra e o espírito da Lei de normalización lingüística (arts. 12 e 13), así como da Carta europea de linguas rexionais ou minoritarias (art. 8). Un goberno serio, cívico e responsábel cumpre as leis e os tratados internacionais de dereitos humanos e de dereitos lingüísticos.
Porque é unha agresión á dignidade da nosa cultura que haxa un goberno da Xunta que ande ás patadas coa lingua propia do noso país.
Temos que erguer a nosa voz con claridade e exclamar que, independentemente do idioma que falemos no noso día a día, os galegos e as galegas amamos a nosa lingua propia e queremos que non haxa políticas para discriminala, senón ao contrario: que se promova nos diferentes ámbitos, garantindo a igualdade de dereitos.
Fronte á imposición unilateral de Alberto Núñez Feijóo, as comunidades educativas e o conxunto da sociedade galega reclamamos que se escoite a nosa voz.
O presidente da Xunta debería lembrar que o decreto aínda en vigor contou co respaldo dos sindicatos que representan ao 90% do profesorado, a inmensa maioría das ANPAs, todas as organizacións estudantís e todos os movementos de renovación pedagóxica con actuación en Galiza. O seu decreto contra o galego, ao contrario, non xera máis que rexeitamento e preocupación.
O 21 DE XANEIRO PARAMOS O ENSINO
EN DEFENSA DA CONVIVENCIA E DO GALEGO
A plataforma cidadá Queremos Galego (na que tamén está a nosa asociación) presentou en conferencia de imprensa os materiais que a partir de hoxe mesmo está a distribuír nos centros de ensino de todo o país para chamar a todo o profesorado e alumnado do ensino non universitario á folga xeral do vindeiro 21 de xaneiro, en resposta ao proxecto de“decretazo” contra o galego presentado polo goberno da Xunta o pasado 30 de decembro.
Informa a Mesa que 75.000 folletos, 50.000 cartaces e 100.000 adhesivos en contra da imposición do decreto serán distribuídos en toda a rede de centros entre hoxe e o propio día do paro xeral. O deseño, elaborado en exclusiva para a ocasión polo deseñador Pepe Carreiro, está protagonizado polos seus coñecidos personaxes de banda deseñada infantil “Os Bolechas”. A imaxe ilustra unha sociedade e unha comunidade educativa –desde a xente máis nova até a adulta –unidas en defensa do noso idioma propio.
Na Laracha xa hai prevista unha reunión ao final da semana para informar á comunidade educativa e á sociedade en xeral sobre os aspectos máis regresivos do borrador de “decretazo” presentado polo goberno antigalego do PP, que pretende facer do galego unha lingua marxinal no noso País.
Esta fin de semana, todas e todos temos unha cita que non podemos eludir. A Consellería de Cultura do novo goberno Feijoo, entre as moitos medidas antigalegas, retirou o seu apoio ao Culturgal, a grande festa da cultura galega que o nacionalismo puxera en marcha desde o goberno galego.
A pesar de Feijoo e o seu "goberno", o Concello da Coruña, centos de persoas voluntarias e o traballo desinteresado das xentes do mundo da cultura poñen a dispor de todos o AchegArte, unha oferta máis humilde, pero semellante no fondo e na forma, que debemos respaldar para demostrarlle ao goberno galego que hai cultura en Galiza e que ten o apoio de toda a xente do país.
Vémonos no AchegArte esta fin de semana. Non faltes.
A asociación Cultural Quinta Feira celebra hoxe, venres 6 de novembro, a súa reunión anual, que continuará ás 22:00 horas coa cea de peche de actividades deste ano. A presidenta relatará as actividades rematadas e as pendentes de realizar até final de ano e exporá os proxectos a desenvolver no ano seguinte.
Para calquera dúbida podes contactar coa presidenta a través do correo electrónico da asociación (quintafeira@telefonica.net) ou no número telefónico que aparece neste blogue.
Alertamos ás veciñas e veciños da Laracha que atendendo ao remate do Samaín que organizamos desde a nosa asociación (no que preparamos cabazas, imitando aos nosos antepasados que poñían as caveiras iluminadas dos seus inimigos sobre os muros dos castros para alonxar ás ánimas defuntas e errantes que no tempo do samaín voltaban do outro mundo) moitos dos visitantes tan especiais que recibimos na noite, xunto cos vivos que quixeron compartir a noite con eles, quedarán pola nosa localidade tentando facer unha vida normal para confundirse entre a poboación. Poden semellar se estudantes ou realizar calquera tipo de actividade laboral.
Estade atentos para o vindeiro Samaín que volverán con máis espectros.
Nesta noite pasada, un pobo con fondas crenzas relacionadas coa inmortalidade da alma, provintes da noite dos tempos, cunha preocupación natural polos queridos defuntos expostos ao frío e á escuridade do inverno, á intemperie e á tristura dos camposantos, buscou, e encontrou un mecanismo de reparación: Preparar alimentos e agasallos para os parentes vivos e para os parentes mortos que viñeron visitar ás nosas familias para comer nas mesas que colocou a asociación veciñal A Cutareira e para quentarse ao carón do lume do local que se alugou para a reunión.