Lembranza dos alumnos de Carballo da promoción dos anos 60.



O meu perfil
jocameanvazquez@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Aqueles anos 60 dun rapaz da aldea que veu estudar a Carballo
Reseña de prensa de La Voz de Galicia do 21 de Agosto de 2017.

https://josemanuelcameanvazquez.tumblr.com/post/164452171753/xosé-ramón-freixeiro-mato


Hai xa moito tempo, aló polos anos 60 do século pasado, que toda unha xeración de rapaces e rapazas de Carballo e da bisbarra cursamos total ou parcialmente o ensino medio nun colexio privado da capital bergantiñá, pois naquela altura non existía un centro público que prestase ese servizo. Estabamos en plena ditadura franquista e, alén da falta de liberdades democráticas, as familias humildes achaban moitas dificultades para lles poderen dar unha educación aos seus fillos e fillas que lles abrise a porta a un futuro mellor.

Habituadas a unha vida dura de sacrificios e privacións, moitas desas familias fixeron un grande esforzo para pagaren os custos do ensino que o Estado ditatorial, ao servizo das clases máis privilexiadas, non garantía. Así foi como naquela década coincidimos nese colexio persoas novas de diferente procedencia e condición, a maioría de orixe rural e de familias modestas, mais con ansias de aprendermos na procura dunha vida mellor. Aspirabamos a saír da pobreza e do atraso material, mais tamén da cativeza moral e cultural da época, para nos abrirmos a novos horizontes que nos permitisen comprender mellor o mundo e facérmonos persoas máis cultas, libres e dignas. Este ano aqueles estudantes novos doutrora, convertidos hoxe en persoas de provecta idade, unhas xa xubiladas e outras a punto de o faceren, queremos botar a ollada atrás e lembrarmos aqueles tempos idos, cos seus pros e contras, coas súas miserias e tamén con algunha grandeza, que viña fundamentalmente da forza que daba unha idade chea de proxectos, ilusións e esperanzas. Unhas foron cumpridas e outras non, mais o feito de chegarmos a este punto das nosas vidas constitúe por si propio un motivo de satisfacción e unha causa para a celebración conxunta.
Experiencias partilladasCelebramos, pois, a efeméride do reencontro, as experiencias partilladas e as lembranzas dunha vida marcada pola nosa común orixe bergantiñá. E facémolo neste 2017 en que tamén se conmemora o centenario do pasamento de Eduardo Pondal, aquel grande poeta, veciño noso, que non estudabamos no colexio porque a lingua en que el escribiu e que nós, fósemos da aldea ou da vila, falabamos sempre fóra, tiña vedada a entrada nas aulas. Algúns reencontrámonos após moitos anos e, cando agora nos ollamos, sentimos esa natural sensación do paso do tempo e da brevidade da vida, o tempus fugit presente nos poetas clásicos e que non podía faltar no noso bardo: Carballos de Carballido, / cand’ era rapaz deixeivos; / vin despois de muitos anos; / xa vamos vellos. Certamente, transcorridos tantos anos, nós tamén imos indo vellos.

Porén, aínda conservamos forzas e ilusión para sermos de utilidade á nosa Terra e para continuarmos a traballar por un mundo mellor e máis xusto, pois é isto o que dá sentido ás nosas vidas. Ao tentar lembrar aqueles anos de convivencia escolar, acode á miña memoria, alén da antinatural separación por sexos, que nos privaba de enriquecer o noso ámbito de experiencias e alimentaba un machismo xa ben presente na sociedade, a diferenciación segundo a procedencia rural e vilega do alumnado. «Envexabámolos porque andaban co calzado limpo, e non cheo de lama»Os que viñamos do mundo rural sentiamos certo complexo perante os que eran da vila, neste caso de Carballo, aos cales envexabamos porque andaban co calzado limpo, e non cheo da lama ou po das corredoiras coma nós, porque non tiñan que ir coas vacas, nin chamar os bois na milleira, etcétera. En fin, porque eles eran uns ‘señoritos’ que só tiñan a obriga de estudaren e nós uns fillos de labregos que tamén tiñamos de andar fozando na terra. Canta envexa sentiamos mesmo dos fillos e fillas de obreiros da nosa propia aldea porque, na súa pobreza, non tiñan vacas nin terras para traballaren! Por iso as rapazas e rapaces labregos que acudiamos ao colexio a Carballo, ás veces en bicicleta ou mesmo andando en pleno inverno, non estrañabamos tanto as duras condicións daquel ensino autoritario nun sistema educativo antidemocrático e antigalego que tiña por filosofía xeral «a letra con sangue entra», a pesar dalgúns bos profesores e profesoras que conservamos na nosa memoria. Inclusive nos considerabamos uns privilexiados a respecto doutros compañeiros da aldea ou dos nosos propios irmáns, porque a alternativa ao estudo era o duro traballo da terra e para nós nada semellaba peor do que iso. Eran os signos dos tempos na longa noite de pedra do franquismo que nos tocou vivir. Felizmente, o ensino tamén mudou, como mudou a sociedade e nós mesmos.

E o que agora cómpre é ficarmos cos bos recordos dunha época da nosa vida chea de ilusións e de esperanzas. Volvamos aos versos do bo bergantiñán; Pasáranse as alegrías / que trouguera o tempo ledo; / a mocedá fui pasada: / xa vamos vellos. Mais que viva moitos anos aquela xeración dos 60!

Comentarios (0) - Categoría: Reseñas de prensa - Publicado o 28-08-2017 21:50
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal