Lembranza dos alumnos de Carballo da promoción dos anos 60.



O meu perfil
jocameanvazquez@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A VIDA NA ESCOLA, UNHA MOREA DE ANÉCDOTAS
A vida escolar está chea de anécdotas, de fábulas abraiantes que inclúen dores de barriga inventados ou enfermidades de familiares, próximos ou afastados, tanto ten, o caso é non asistir a clase ou salvarse dun exame. Trolas que pais e profesores pasaban ás veces por alto, mesmo facéndose cómplices das mesmas, e que case sempre eran motivo de castigo.
Pero a vida no colexio ten unhas regras propias nas que se inclúen os “pactos de silencio” que van, desde non delatar a un compañeiro nalgunha falcatruada, ata silenciar o nome daqueles que copian ou a aqueles que desenvolven a marabillosa arte de “elaboración de chuletas” insertadas en multitude de artiluxios ou ben “gravadas, tatuadas” na pel daquel que copia. Poderíanse facer verdadeiros tratados sobre especialistas na escritura de “miniaturas”, ben seguro que entre algún de vós houbo, nalgún tempo, un experto en microcaligrafía.
A escola tamén axuda a desenvolver o espírito de sobrevivencia e agora toca falar da arte do plaxio. Si, os boletíns de notas esborranchados “porque caeu unha pinga de auga e non se ve ben pero aquí pon un suficiente de verdade, pai, que aquí non pon suspenso”, os duplicados de boletíns… Profesionais que salvaban a máis dun compañeiro dunha boa bronca na casa por causa dun suspenso.
Pero tamén o colexio está cheo rachóns, cansecuencia de caídas que salvaban as nais con zurcidos e xa, con moita sorte, con cobadeiras e xeonlleiras. De roupa herdada. De trencas tres tallas máis, “para as medras”, porque a roupa tiña que durar, que non é como agora. De recursos de alta costura que deixarían a máis dun deseñador coa boca aberta. Estou a falar do estilo “inverse”, darlle a volta. Que o colo da camisa estaba gastado? Non pasaba nada! Coa técnica “darlle a volta” ou “do revés” estaba todo solucionado.
Recordos de pelexas, de primeiros amores, de cambadelas, de máis dalgún dente roto… as vivencias na escola están cheas de experiencias personais, de complicidades entre compañeiros e tamén de lembranzas, de bos e de malos momentos e aí tamén entra a figura do docente. Permitide que aquí tome prestado unha cita do libro Mal de escola, de Daniel Pennac (Casablanca, 1944), un dos escritores franceses de máis sona, unha novela na que relata historias da escola e da educación dende o punto de vista dos malos alumnos.
“Abonda cun profesor –un só- para salvarnos de nós mesmos e facer que esquezamos os demáis… Aquel profesor era un señor maior que nos dedicaba os últimos anos da súa vida. Un señor maior… que, polo visto vira en min un narrador… Cruceime con outros tres xenios… un profesor de Matemáticas… unha asombrosa profesora de Historia… e un profesor de Filosofía. Entre os catro, aqueles mestres salváronme de min mesmo”
Só queda dicir que, en Carballo, cando remataba a escola comezaba a festa, o San Xoán. Aí, por un tempo os “males de escola” esquecíanse.

Ninguén pode explicar mellor que Alfredo Brañas Menéndez no seu poema “¡Lembranzas!” a ledicia de ese momento
“ ¿Quen pode esquencer de vello
Os seus tempos de rapás?
¿Quen pode esquencer a noite,
A noitiña de San Xuán”





Artigo escrito por Bea Fraga
Vida escolar
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-12-2015 13:39
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal