PROFESGALEGAS


AS PERIFRASES VERBAIS
As perífrases verbais están formadas por un verbo auxiliar –que só porta significado gramatical- e por un verbo auxiliado –que é o que porta o significado léxico-. Distinguimos segundo a súa forma varios tipos de perífrases. Así, podemos falar de perífrases temporais, modais, aspectuais e a pasiva.
Por outra banda, dentro das perífrases temporais podemos facer unha dupla división, tendo en conta se a acción se vai realizar no momento imediato (son as perífrases temporais de inminencia) ou se esta pola contra se desenvolverá nun momento futuro (falamos así das perífrases temporais de futuridade).
Dentro das perífrases modais, podemos facer novamente unha subdivisón tendo en conta o significado implícito da propia perífrase e sendo así falaremos de perifrases modais de obrigatoriedade ou de perífrases modais de hipótese.
No tocante ás perifrases aspectuais o máis importante para termos en conta a súa clasificación é o xeito no que se vai desenvolver a acción. Segundo este criterio falamos de perífrases verbais aspectuais incoativas (indican o comezo da acción); perífrases aspectuais imperfectivas (indican que a acción aínda segue desenvolvéndose); perífrases aspectuais perfectivas (indican que a acción está rematada); perífrases aspectuais terminativas (indican que a acción está rematada pero nun momento anterior ao da fala); perífrases aspectuais reiterativas (indican a repetición da acción expresada polo verbo).
Por último cómpre salientar a perífrase pasiva que só a empregaremos en construcións pasivas.
A continuación detallamos os distintos tipos de perífrases presentes no noso idioma aténdonos aos criterios de forma e contido.

PERÍFRASES TEMPORAIS:
IR + INF: Vou falar con ela; vas caer...
ESTAR + A/PARA + INF: Está a rematar ese exercicio.
HABER + INFINITIVO: hei facelo despois.
Dentro das perífrases temporais temos que sinalar que é perífrase verbal temporal QUERER + INF pero sempre e cando se refira a accións que reflictan estados meteorolóxicos, como é o caso de: Parece que QUERE CHOVER, se pola contra a secuencia é queremos xogar á pelota, neste caso non estaremos ante unha perífrase verbal, senón que a estrutura sintáctica é a dun verbo que rexe unha cláusula substantiva en función de CD.
Cómpre sinalar tamén que estaremos ante unha perífrase verbal temporal no caso de HABER + INF EN PASADO, como no exemplo: Houbo caer pola fiestra. Neste caso a perífrase indica que a acción estivo a piques de suceder pero que non chegou a producirse.
PERÍFRASES MODAIS
HABER + (DE) + INF: Han de ser as cinco, han ser uns vinte para a cea.
TER + QUE + INF: Teño que estudar máis
DEBER + (DE) + INF: Debe traballar máis se quere aprobar todo; deben ser uns dez.
TER + QUE + INF: Ten que mandar unhas mensaxes.
DEBER + (DE) + INF: Deben de ser as sete da tarde e debes chamar a María.
PODER + INF: Dille as túas amigas que poden quedar a durmir esta noite.
PERÍFRASES ASPECTUAIS:
a)Incoativas:
COMEZAR/EMPEZAR + A + INF: Comezou a chover.
BOTAR(SE) + A + INF: Botouse a rir.
POÑER(SE) + A + INF: Púxose a amañar o aparello.
ROMPER + A + INF: Cando rompa a ferver a auga, bótaslle os percebes.
DAR + EN + INF: Deu en chamalo a berros.
b)Imperfectivas:
ESTAR + XER / ESTAR + A +INF: Está comendo unha mazá mentres está a esperar a cativa.
ANDAR + XER / ANDAR + A + INF: Anda pensando nos biosbardos sempre que anda a apañar as patacas.
IR + XER: Imos indo diante.
VIR + XER: Vén sendo esta.
LEVAR + XER: Leva traballando toda a noite.
SER + A + INF:Todos eles eran a falar do mesmo tema.
c)Perfectivas:
ACABAR + DE + INF: Acabaou de pagar a hipoteca da casa.
DEIXAR(SE) + DE + INF: Deixade de facer o parvo.
VIR + DE + INF: Vén de baixarse do avión.
DAR + PART: Non dou feito máis.
LEVAR + PART: Levo visto varios coma este.
TER + PART: Teño feito algúns coma eses.
IR + PART: Xa vai dito todo!
d)Terminativas:
CHEGAR + A + INF: Chegou a perdelo todo no xogo.
ACABAR + POR + INF: Acabou por deixar a moza.
VIR + A + INF: Todos eles viñan a reunirse no mesmo local.
e)Reiterativas:
VOLVER + INF: Volvín chamalo ao móbil.
LEVAR + PART: Levo traballado moito nisto.
TER + PART: Temos comido moitas veces nese lugar.
PERÍFRASE VERBAL PASIVA: SER + PART. Ex.A sentenza foi ditada polo xuíz.


Categoría: MORFOLOXÍA - Publicado o 15-03-2010 19:57
# Ligazón permanente a este artigo
Neste espazo deixaremos pegadas sobre aspectos lingüísticos e literarios da nosa cultura
Benvid@s ao noso blog. Nel atoparedes, tal e como vedes, aspectos relativos ao noso idioma, tanto desde a perspectiva lingüística, como sociolingüística e literaria. Contamos coa vosa colaboración para que isto vaia "pra diante".

Ademais de información relacionada coa materia de Lingua e Literatura Galega, vou ir engadindo datos relacionados coas materias de Lingua e Literatura Catelá e de Latín, pois son dúas materias que imparto este curso e como este blog é para min unha ferramenta de traballo, incluirei tamén temas relacionados con estas dúas materias.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal