PROFESGALEGAS


Neste espazo deixaremos pegadas sobre aspectos lingüísticos e literarios da nosa cultura
Benvid@s ao noso blog. Nel atoparedes, tal e como vedes, aspectos relativos ao noso idioma, tanto desde a perspectiva lingüística, como sociolingüística e literaria. Contamos coa vosa colaboración para que isto vaia "pra diante"

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

TRABALLO "VOLUNTARIO" PARA NOTA
• Analiza sintacticamente as seguintes oracións bipolares

1. Malia que non lle doía demasiado o xeonllo decidiu ir ao médico porque lle preocupaba bastante saber que podía ter unha lesión.
2. Por difícil que che poida parecer non é así, xa que me dixo ela que xa o fixera antes.
3. Caso de que cambie de opinión, non dubide en comunicarmo aínda que sexa a medianoite.
4. Moitos pensamos que están equivocados se escollen ese camiño, A pesar de que non pensamos dicirllelo
5. Como non traballes máis, acabarás mal ao final do trimestre, porque así non che casan as contas.
6. Como esqueceu as chaves dentro, veu ata a miña casa para que lle deixase outras.
7. Mentres non o saiba, prefiro non dicirche nada, porque así estarás máis tranquila.
8. Se un día me sinto transformado, tomarei un novo rumbo sen prexuízos porque no cambio está a evolución.
Comentarios (0) - Categoría: SINTAXE - Publicado o 12-02-2010 13:01
# Ligazón permanente a este artigo
ORACIÓNS BIPOLARES COMPARATIVAS
Están formadas por dous elementos que reciben os nomes de “1º termo” e “2º termo” e entre os dous establécese unha relación de interdependencia. Se non existise algunha das partes, a oración sería totalmente agramatical e carente de sentido e por tanto de significado.
Con respecto á estrutura sintáctica deste tipo de oración debemos ter en conta varias cousas:
Dentro do comparativo distinguimos tres graos: de inferioridade (menos ... que/ca/do que), de igualdade (tan/tanto ... como/a) e de superioridade (máis... que/ca/do que)
O elemento que introduce a oración bipolar comparativa é un adverbio: máis, menos, tan, tanto/a, tantos/as e compórtase como tal, é dicir que sempre desenvolverá a función de MODIFICADOR.
Case sempre está elidido o verbo da cláusula do “segundo termo”. Ex. Fala coma ti (falas)
Vexamos algúns exemplos:
1. Ela ten tantos anos coma nós.
2. Éche máis intelixente do que ti pensas.
3. É tan paspán coma ela.
4. Todos eles son tan responsables coma vós.
5. Ese automóbil ten menos anos có seu.
Comentarios (1) - Categoría: SINTAXE - Publicado o 12-02-2010 10:36
# Ligazón permanente a este artigo
ORACIÓNS BIPOLARES CONSECUTIVAS
Están formadas por dous elementos que reciben os nomes de “antecedente” e “consecuente” e entre os dous establécese unha relación de interdependencia. Se non existise algunha das partes a oración sería totalmente agramatical e carente de sentido e significado.
O nexo de unión é sempre una conxunción ou unha locución conxuntiva das que presentamos a continuación: (así) pois, (así) que, con que, daquela, de aí que, de forma que, de maneira que, de modo que, de xeito que, entón, logo, polo tanto, por conseguinte, por tanto, tan/tanto...que, xa que logo.
Vexamos algúns exemplos:
1. Ía tan despistado pensando nas súas cousas que case tropeza cos peóns.
2. Perdeu as chaves do piso, daquela terá que facer unha nova copia delas.
3. Conseguiron xuntar todas as probas, por conseguinte xulgarán ao culpable.
4. É tan despistado que o perde todo.
5. Quedou totalmente durmido, de aí que non sentise soar o espertador.
6. Non estás a facer nada, de modo que empeza a traballar xa.
7. Custoulle tanto chegar á meta que case non o conta.
Comentarios (1) - Categoría: SINTAXE - Publicado o 12-02-2010 10:31
# Ligazón permanente a este artigo
ORACIÓNS BIPOLARES ADVERSATIVAS
Están formadas por dous elementos que reciben os nomes de “antítese” e “tese” e entre os dous establécese unha relación de interdependencia.
Ás veces tendemos a confundilas coas oracións bipolares concesivas, porque o nome de cada unha das funcións é o mesmo. Sen embargo, o nexo neste tipo de oracións bipolares adversativas adoita ir colocado no medio da oración. Esta será –xunto coa identificación da conxunción ou locución conxuntiva adversativa - a característica que nos axude a recoñecer a adversativa.
O nexo de unión é sempre una conxunción ou unha locución conxuntiva das que presentamos a continuación: pero, mais, aínda que, inda que, anque, non obstante, sen embargo, nembargantes, senón, con todo, así e todo, así a todo, por iso, emporiso, e iso que, agora que, ora que, agora ben, ora ben, senón que, fóra de que, só que, sacado que, sacando que, menos que, a menos que, excepto que, agás que, bardante(s) que.
Vexamos algúns exemplos:
1. Dixéronllo onte, sen embargo parece que non lle afectou demasiado.
2. Gústalle moito xogar no ordenador, pero ten que entender que é necesario un control.
3. O controlador non che vén instalalo, senón que tes que configuralo ti.
Comentarios (1) - Categoría: SINTAXE - Publicado o 12-02-2010 10:29
# Ligazón permanente a este artigo
CARACTERÍSTICAS DA OBRA DE CELSO EMILIO FERREIRO
Celso Emilio Ferreiro é un dos máximos expoñentes da poesía cívica, xunto con Manuel Curros Enríquez e Ramón Cabanillas. É un poeta comprometido cos problemas da súa terra (e tamén do resto do mundo), nunha época moi concreta, a derradeira etapa do réxime franquista. E isto é así porque Celso Emilio pensaba que a misión do poeta era a de reflectir a época na que vivía salientando e denunciando así os problemas sociais e históricos no que o poeta desenvolvía a súa actividade literaria.
Neste sentido, a poesía de Celso Emilio Ferreiro desde a perspectiva temática presenta unha serie de características, pois segundo o contido dos seus poemas, podemos agrupar a súa obra en base a tres liñas temáticas que son as seguintes: por unha banda unha liña social, solidaria cos oprimidos de calquera latitude e denunciadora dos males sociais como o fascismo, a inxustiza, a emigración, etc. Por outra banda, unha liña intimista, na que o poeta amosa o seu inconformismo e desacougo existencial, e na que Celso Emilio evoca o mundo da infancia, trata o tema da fugacidade da vida e o do amor. Por último, cómpre salientar unha liña irónica, moi corrosiva e crítica cos problemas sociais, na que o poeta denuncia a mesquindade humana por riba de calquera cultura, raza ou fronteira.
Con respecto ás características formais temos que sinalar dúas moi salientables: por unha banda o emprego da lingua, pois nos seus poemas predomina un ton coloquial acorde coa finalidade da súa poesía: chegar a todo o mundo. É por iso polo que podemos observar en boa parte dos seus poemas unha presenza tanto de castelanismos como de vulgarismos, se cadra baixo a intencionalidade populista da súa obra.
Por outra parte, e tendo en conta as características formais da poesía de Celso Emilio debemos ter en conta a métrica, que é moi variada e na que predomina o verso libre. Ademais en reiteradas ocasións non se axusta aos esquemas rítmicos e estróficos naturais.
Obra poética:
Cartafol de poesía, O soño sulagado, Longa noite de pedra, Viaxe ao país dos ananos, Cantigas de escarnio e maldicir, Terra de ningures, Antipoemas, Cimenterio privado, Onde o mundo se chama Celanova, Libro das homenaxes.
Comentarios (0) - Categoría: LITERATURA - Publicado o 10-02-2010 17:26
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal