PROFESGALEGAS


Neste espazo deixaremos pegadas sobre aspectos lingüísticos e literarios da nosa cultura
Benvid@s ao noso blog. Nel atoparedes, tal e como vedes, aspectos relativos ao noso idioma, tanto desde a perspectiva lingüística, como sociolingüística e literaria. Contamos coa vosa colaboración para que isto vaia "pra diante"

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Os Séculos Escuros
Manifestacións literarias durante os Séculos Escuros.
A partir do século XV asistimos desde a perspectiva sociolingüística a unha serie de cambios, que veñen propiciados pola implantación do castelán como lingua de cultura, lingua empregada na escrita, nos ámbitos administrativo, educativo e relixioso. Como consecuencia destes feitos,a lingua galega quedará relegada case exclusivamente a un ámbito oral, e é por iso que os historiadores falan da época dos Séculos Escuros que perdurará ata vén entrado o século XIX. Con todo, temos que salientar que durante estes séculos si temos algunhas manifestacións literarias en galego. A continuación resumímolas nas seguintes etapas:
RENACEMENTO: Aparecen dúas manifestacións de carácter culto que son o “Soneto de Monterrei” e “Soneto da condesa de Altamira”; por outra banda, tamén está a “Relazón da carta xecutoria” (Relacionada co Mariscal Pardo de Cela).
BARROCO: Hai 2 poemas compostos trala morte da raíña Margarida de Austria, por Gómez Tonel e Vázquez de Neira.
Celébrase o certame das Festas Minervais (aparecen composicións en galego). Desta época é a primeira peza teatral conservada en galego, o Entremés famoso sobre a pesca no río Miño, de Gabriel Feixó de Araúxo.
NEOCLASICISMO: Nesta época cómpre salientar o traballo realizado polo Padre Sarmiento con Coloquio de 24 rústicos e Diego Antonio Cernadas de Castro, máis coñecido como o Cura de Fruíme con quince composicións en galego.
SÉCULO XIX: Durante a primeira metade do século XIX cómpre salientar a aparición de “Tertulias” (textos escritos dialogados, de carácter político relacionados coa guerra da Independencia) e os seguintes autores:
- Xosé Fernández Neira con Proezas de Galicia
- Antonio Benito Fandiño con A casamenteira. (Ten como temática os casoiros amañados).
- Nicomedes Pastor Díaz con dous poemas en galego: “Alborada” e a égloga “Belmiro e Benigno”.
Por outra banda, temos que salientar o grupo dos precursores, persoas que constitúen os alicerces do Rexurdimento, que ven favorecido o seu traballo pola celebración dos Xogos Florais (celebrados na Coruña) e pola publicación do Álbum de la Caridad. Entre estes autores aparecen Xoán Manuel Pintos con A gaita galega e Francisco Añón do que destacamos a súa composición “A Galicia”


Categoría: LITERATURA - Publicado o 26-01-2009 11:29
# Ligazón permanente a este artigo
Manuel Curros Enríquez
Este autor representa, entre os poetas do seu tempo, a voz máis reivindicativa, pois denunciou a través da súa poesía, a situación de privilexio dos caciques fidalgos e do clero, así como o asoballamento ao que estaban sometidos os labregos.
Aspectos biográficos
Naceu en Celanova no ano 1851 e alí viviu ata que marchou a Madrid (por motivos familiares –conflitos co pai-), onde vivía un irmán seu. Alí continuará a súa formación académica, estudando algúns cursos de Dereito, sen embargo será o xornalismo e a práctica da creación literaria o que van ocupalo profesionalmente o resto da súa vida.
Por outra banda, as súas vivencias en Madrid influíron moito na súa formación política, pois viviu moi activamente a revolución de setembro de 1868.
No ano 1887 participou nun concurso literario na cidade de Ourense, conseguindo o primeiro premio coas composicións “A Virxe do Cristal”, “Unha voda en Einibó” e “O gueiteiro”, textos que supoñen a súa estrea como poeta. Retorna a Ourense para traballar na Delegación de Facenda. No ano 1880 publica Aires da miña terra, que provocará unha forte polémica coas autoridades relixiosas.
No ano 1888 publica O divino sainete e seis anos máis tarde emigra a Cuba, onde falece no ano 1908. Os seus restos foron repatriados e repousan no cemiterio de San Amaro, na cidade da Coruña.
Obra

Aires da miña terra (1880)
É un poemario dominado pola forte actitude reivindicativa e de compromiso social que encerra, se ben tamén aparecen poemas de carácter costumista e intimista.
Curros consideraba que a literatura era un dos medios para comprometerse cos galegos e co seu país. Cabanillas e Celso Emilio Ferreiro entre outros, serán continuadores do labor iniciado por Curros: a poesía cívica e reivindicativa.
Con respecto á temática, nesta obra Curros denuncia os problemas que sofren os labregos, mesmo en ocasións amosa as situacións inxustas que o rodean, como acontece no poema “O maio”. Noutras pola contra, continua a estética costumista e da poesía popular propia do seu tempo (lembremos o movemento artístico predominante na época, O Romanticismo). Finalmente hai outros poemas nos que se achega a cuestións que afectan á esfera máis íntima do poeta.
O divino sainete (1888)
É un longo poema narrativo de carácter burlesco que parodia a Divina Comedia de Dante, o escritor clásico italiano. O seu argumento conta a suposta peregrinaxe que Curros realiza a Roma para gañar o xubileu. Neste percorrido irá na compaña de Francisco Añón, quen lle servirá de guía e o irá condicindo polos sete vagóns, que representan os sete pecados capitais: preguiza, luxuria, envexa, soberbia, gula, ira e avareza.
En cada un dos vagóns atopará diversos personaxes, moitos deles reais, como é o caso do bispo Rodrigo ou o xuíz Mella. Cando chega a Roma fala co papa León XIII e aconséllalle que abandonen as riquezas para levar unha vida máis sinxela.
Nesta obra Curros establece unha crítica furibunda e caricaturesca da sociedade da súa época.
Características da súa obra.
1. Denuncia social e dos males dos galegos.
2. Afán anticlerical: denuncia dos abusos da Igrexa.
3. Poesía costumista en poemas como “ A Virxe do Cristal” e outros que teñen carácter reivindicativo.
4. Defensor da xustiza e crenza nos valores do progreso.
5. Presenza ocasional na súa obra da poesía lírica e de circunstancias.
Luís Emilio Batallán cantando un poema de Curros, titulado "O maio"
Categoría: LITERATURA - Publicado o 25-01-2009 19:34
# Ligazón permanente a este artigo
A literatura na Idade Media
A literatura medieval

É a literatura que engloba os textos, fundamentalmente de carácter lírico, producidos dende o período que vai dende finais do século XII ata finais do século XIV. En xeral podemos dicir que son creacións de ambiente nobiliario. Distinguimos varias etapas na súa cronoloxía:
- Etapa primitiva. Engloba o conxunto de textos producidos dende finais do século XII ata a primeira metade do XIII.
- Etapa de esplendor. Abrangue a segunda metade do século XIII e a primeira do XIV, coincide cos reinados de Afonso X “O Sabio” e D. Denís.
- Etapa de decadencia. Segunda metade do XIV e primeira do XV
Os textos medievais chegaron a nós a través dos manuscritos. Distinguimos composicións poéticas de carácter lírico, denominadas cantigas, e estas á súa vez, dependendo do seu contido enmarcámolas en lírica profana ou lírica relixiosa. Por outra banda, as cantigas aparecen compiladas en manuscritos que reciben o nome de Cancioneiros. Conservamos tres únicos cancioneiros:
• O Cancioneiro da Ajuda que contén 310 cantigas de amor. Datado a finais do XIII ou principios do XIV.
• O Cancioneiro da Vaticana presenta cantigas dos tres xéneros e está datado no século XVI.
• O Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa que é o máis voluminoso de todos. Ademais de conter cantigas ten un importante tratado de poética, Arte de Trobar.
Outros manuscritos que conteñen cantigas son o Cancioneiro da Biblioteca Bancrof, o
Pergamiño Vindel, que contén as sete cantigas de Martin Codax e o Pergamiño Sharrer con composicións musicadas de Don Denís.
Por outra banda, debemos falar dos axentes literarios, é dicir, do conxunto de persoas que se dedicaban a compoñer e representar as cantigas. Todos eles gozaban de moita importancia social. Estes son:
Os trobadores, pertencentes á nobreza laica ou eclesiástica, compoñían e mesmo ás veces interpretaban as cantigas, os xograres que eran os que recitaban as cantigas; os menestreis, que eran os encargados do acompañamento instrumental das cantigas; as soldadeiras, mulleres que acompañaban con baile na representación das cantigas.
Con respecto aos xéneros literarios, como xa mencionamos anteriormente cómpre facer unha dupla división e falar así de lírica profana e de lírica relixiosa. Ademais da lírica tamén debemos de sinalar a prosa medieval á que nos referiremos posteriormente. Así, no tocante á lírica profana podemos clasificala segundo a súa temática en: cantigas de amor, de amigo e de escarnio e maldicir.
A lírica profana
A cantiga de amor.- Son composicións de ambiente cortesán, moi influenciadas pola cançó provenzal. É a plasmación literaria do amor cortés, (relación de vasalaxe establecida entre trobador e a “senhor”).
No plano do contido e segundo a súa temática podemos distinguir as cantigas nas que o trobador expresa en primeira persoa a coita de amor (desgraza que padece o eu lírico ao non ser correspondido pola súa amada, a “senhor”); por outra banda, podemos falar das cantigas nas que aparece o tópico da mesura (nas que o trobador emprega unha actitude de discreción cara a ela).
O destinatario deste tipo de cantigas –é dicir, o apóstrofe lírico,- será a senhor, Deus ou o Amor, que aparece personificado.
Outro aspecto a ter en conta neste tipo de composicións é a visión que o eu lírico, isto é, o trobador nos dá da súa amada, que aparece sempre idealizada cos tópicos de ben talhada, fermoso parecer, bon sen, etc.
Dentro de plano da forma, podemos tamén facer unha dupla división: cantigas de refrán, presentan as estrofas de catro versos, e cantigas de mestría, as estrofas están compostas por sete versos.
Debemos sinalar por outra parte unha serie de elementos formais significativos como son a presenza do refrán (habitualmente parella de versos que se repiten ao final de cada estrofa), da fiinda (versos de finalización que se caracterizan por ter unha función conclusiva), do dobre (repetición dunha palabra en lugares simétricos da mesma estrofa) e do mordobre (repetición dun lexema con variacións morfolóxicas).
A cantiga de amigo.- Son composicións nas que o trobador crea unha ficción literaria, de xeito que nelas fala unha muller namorada, referíndose ao seu amado, que recibe o nome de amigo. Normalmente expresa a ledicia ou a tristura de non se atopar co amigo.
O eu lírico diríxese a nai, as amigas, ao propio amigo ou a elementos da natureza (como o mar, as árbores...).
Con respecto á súa temática podemos distinguir varios subxéneros: as bailadas, nelas exprésase a ledicia de vivir e hai unha invitación ao baile; as mariñas ou barcarolas, nelas o máis significativo é que aparece o mar ben como referente (simboliza o afastamento ou a xuntanza dos amantes); as de romaría, coa presenza dunha ermida, igrexa, etc. que favorece o encontro co namorado; as albas ou alboradas, nelas o amencer sinala a separación dos amantes.
No tocante aos recursos formais presentes neste tipo de cantigas, cómpre sinalar o paralelismo (procedemento repetitivo que aparece tanto no plano estrutural coma no semántico, dado o carácter oral deste tipo de composicións); o leixaprén (recurso que consiste na repetición do segundo verso de cada estrofa como primeiro verso das estrofas correspondentes da segunda parella e así sucesivamente).
A cantiga de escarnio e maldicir.- Son composicións de carácter satírico e burlesco. Nelas os trobadores e os xograres criticaban persoas e hábitos do seu tempo. Entre os recursos máis destacados aparecen a ironía, o equívoco e o xogo de palabras.
Estas cantigas presentan unha gran variedade de asuntos. Así, hainos de carácter sexual, referidos a feitos históricos ou a satirizar vicios, e mesmo hainas que critican diferentes clases sociais e oficios.
Outros xéneros menores.- Baixo este nome recóllense un conxunto de composicións diversas. Entre elas podemos salientar as pastorelas, cantigas en que os protagonistas son un cabaleiro e unha pastora a quen este se dirixe ao atopala fortuitamente no camiño; o pranto, texto elexíaco en que se lamenta o pasamento dalgunha persoa querida para o trobador; a tenzón que rexistra un debate entre dous interlocutores no que manteñen opinións opostas.

A lírica relixiosa, As Cantigas de Santa María
Coñécense con este nome un conxunto de 427 composicións realizadas en honra da Virxe María entre os anos 1257 e 1282. Moitas delas están realizadas polo rei Afonso X “O Sabio” cando fundou a Escola de Tradutores de Toledo.
As cantigas podemos dividilas segundo a forma en narrativas e líricas.
As narrativas narran un milagre atribuído á Virxe e presentan a seguinte estrutura:
- Un limiar que indica cal é o milagre que desenvolve a cantiga, seguido dun refrán que se repite ao final de cada estrofa.
- Presentación do protagonista e o conflito no que está metido e intervención da Virxe.
- Conclusión na que se realiza unha gabanza (louvanza) á Virxe.
As cantigas líricas son as que aparecen intercaladas entre cada dez composicións narrativas e son textos compostos en forma de oración e gabanza da Virxe María.

A prosa medieval
Neste xénero cómpre distinguir tres grupos:
a) Prosas agrupadas baixo o título de Materia de Bretaña. Son textos que narran as aventuras do Rei Artur e os cabaleiros da Mesa Redonda. Os textos conservados son o Libro de Xosé Arimatea, Fragmento do Merlín, Demanda do Santo Graal.
b) Textos agrupados baixo a denominación de Materia de Troia. Nestes libros relátansenos os episodios da guerra de Troia e chegaron a nós a través de traducións da Cronica Troiana e a Historia Troiana.
c) Os Miragres de Santiago, libro de carácter relixioso que contén relatos biblícos e lendas referidas ao Apóstolo.
/Cantigas/image/390L.gif align=right vspace=2 hspace=2 border=0>
Categoría: LITERATURA - Publicado o 20-01-2009 13:04
# Ligazón permanente a este artigo
Rosalía de Castro
Rosalía de Castro

Aspectos biográficos.- Filla da fidalga Mª Teresa de Castro e de Xosé Martínez Viojo, crego de Iria. Pasou a súa infancia na casa dunha tía paterna en Ortoño.
Aos 15 anos trasládase a Santiago, onde vive coa súa nai. Alí fecuenta o Liceo de la Juventud e participa en veladas literarias e musicais (é onde coñcece a Pondal e a Aurelio Aguirre).
No ano 1856 vive en Madrid e alí coñecerá ao seu home, Manuel Murguía, co que casará dous anos despois. Levou unha vida marcada pola súa precaria saúde e por moitos problemas de carácter económico, laboral e familiar.
Obra.- En español, En las orillas del Sar, El caballero de las botas azules, La hija del mar, Flavio, Ruinas. En galego, Cantares gallegos, Follas novas.
Cantares gallegos.- editado en Vigo o 17 de maio de 1863. é un libro en clave reivindicativa, que presenta unha poesía de signo folclórico. Nel, unha rapaza (símbolo de Galicia) cantará á súa terra desde diversas perspectivas con poemas de carácter descritivo ou costumista no que destaca a beleza de Galicia para contrarrestala coa imaxe que se tiña dela.
Tamén atopamos poemas de corte intimista e de denuncia dos problemas sociais da época.
Follas novas.- Trátase dun libro dividido en cinco seccións: “Vaguedás”, “Do íntimo” “Da terra”, “As viúdas dos vivos e dos mortos” e “Varia”. Nesta obra Rosalía denuncia os problemas que se cometen contra o pobo galego. Así aparecen a emigración, a reflexión sobre a propia condición humana, a dor, a soidade, a morte e a saudade son eixes fundamentais na súa visión do mundo reflectida ao longo da súa obra.
Claves da poesía rosaliana.-
1. Exaltación dos valores e da paisaxe do pobo galego.
2. Afán reivindicativo e de denuncia social.
3. Recreación dos grandes temas da literatura de todos os tempos (a dor, a morte, o sentido da vida).
4. Defensa da relevancia da muller na súa sociedade.

Categoría: LITERATURA - Publicado o 20-01-2009 09:49
# Ligazón permanente a este artigo
A literatura na época do Rexurdimento
http://tbn2.google.com/images?q=tbn:OhOieXj1H4X-GM:http://www.blogoteca.com/upload/bit/arti/416-3167O Rexurdimento: Contexto socio-histórico.

É un movemento social e literario que se consolida en Galicia na segunda década do século XIX. Trátase dun movemento que, despois do traballo dos precursores, tan vinculados á ideoloxía do provincialismo, van estar moi ligados ás ideoloxías rexionalistas e federais. Nel participaron os intelectuais da época que tiñan conciencia a Galicia como país diferenciado e reivindicaban a súa historia, a súa lingua e a cultura de seu. É por tanto un movemento que trata de recuperar a nosa identidade como pobo.
No plano literario cómpre salientar a obra de tres autores: Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal. Todos eles daranlle forma na súa obra literaria ás inquedanzas do noso país.
Con respecto á sociedade, todo o século XIX está atravesado por unha grande inestabilidade política (a alternancia entre moderados e progresistas é constante). Por outra banda, ao longo do século XIX perpetúase a o sistema foral que regulaba a propiedade da terra. É por iso polo que a emigración será a única vía de escape para tratar de solucionar os problemas de moitos galegos. Sen embargo, haberá un estamento social que se seguirá beneficiando desta pésima situación na que se atopa a clase labrega, é o da fidalguía e o do clero, que seguen a cobrar polas rendas aforadas.
Por último, Galicia neste período segue á marxe do desenvolvemento económico (escasa industrialización) que se está a desenvolver no resto do Estado.
O nacemento do galeguismo.- Arredor de 1840 nace o galeguismo, entendido como afirmación do carácter específico e diferente de Galicia. Dentro deste distinguimos catro fases:
o O provincialismo.- Procura a rexeneración política, cultural e económica do país. Apoia o pronunciamento militar de Solis que rematou de xeito tráxico: os Mártires de Carral (1846).
o O federalismo.- Ligado ás ideas republicanas, trata de involucrar as clases medias.
o O rexionalismo.- Recolleron e actualizaron as teses defendidas polo provincialismo. Alfredo Brañas e Manuel Murguía son os máximos representantes.
o O nacionalismo.- Nacido no ano 1916 defende e amplía as ideas do rexionalismo.

O Rexurdimento literario: outros autores.
Ademais de Rosalía, Curros e Pondal houbo outra serie de autores que contribuíron a crear o clima cultural do Rexurdimento:

o Valentín Lamas Carvajal.- Director do primeiro xornal en galego, O tío Marcos da Portela, é autor de O catecismo do labrego. Rebelouse nos seus escritos contra as inxustizas cometidas contra os labregos.
o Manuel Leiras Pulpeiro.- Autor de Cantares gallegos.
o Marcial Valladares.- Escribiu a primeira novela galega, Maxina ou a filla espúrea.
o Antonio López Ferreiro.- Coengo da catedral de Santiago escribiu varias novelas de contido histórico, como por exemplo A tecedeira de Bonaval.
o Francisco Álvarez de Nóvoa.- Autor de libros de relatos como Pé das Burgas.

Categoría: LITERATURA - Publicado o 20-01-2009 09:30
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal