PROFESGALEGAS


AS ORACIÓNS BIPOLARES CAUSAIS
Están formadas por dous elementos que reciben os nomes de “causa” e “efecto” e entre os dous establécese unha relación de interdependencia.

A orde de colocación de cada unha das funcións vén dada pola presenza do nexo na oración, tal e como veremos nas dúas oracións analizadas.

O nexo de unión é sempre una conxunción ou unha locución conxuntiva das que presentamos a continuación: como, como queira que, dado que, pois, pois que, por causa de que, por culpa de que, por mor de que, porque, posto que, que, visto que, xa que.

Vexamos algúns exemplos:

1. Díxollo porque pensou que era o mellor naquel momento

2. Como non había nada para a cea, fixo unha empanada de carne.

3. Non puido opinar nada sobre ese asunto, dado que non estivera presente e non tiña nada que comentar ao respecto.

4. Voume pois2 non teño nada máis que facer por aquí.

5. Visto que non hai máis alegacións, procederemos á votación.

6. Xa que ninguén di nada, deixarémolo quedar así.

7. Castelao non era de Ourense, que era de Rianxo.

8. Por causa de que caese polas pésimas condicións nas que se atopaba o edificio, o concello decidiu derrubalo.
Categoría: APUNTAMENTOS DE SINTAXE - Publicado o 20-01-2010 13:16
# Ligazón permanente a este artigo
A CLÁUSULA COMPLEXA ADVERBIAL
Ata agora falamos da existencia de dous tipos de cláusulas complexas: a substantiva e a adxectiva ou de relativo;quédanos por tratar a cláusula adverbial. Como o seu nome indica desenvolve as mesmas funcións que un adverbio e distinguimos por tanto tres tipos: a locativa, a temporal e a modal.

A CLÁUSULA ADVERBIAL LOCATIVA
Presenta estas características:
* Vai introducida pola conxunción locativa ONDE ou pola locución conxuntiva ONDE QUEIRA QUE
* Sintacticamente desenvolve sempre a función de CCL
* Da característica anterior deducimos que sería sempre substituíble por un adverbio de lugar, como por exemplo o adverbio ALÍ

A CLÁUSULA ADVERBIAL TEMPORAL
Presenta estas características:
* Vai introducida polas seguintes conxuncións ou locucións temporais:A PENAS, ANTES DE QUE, DESDE QUE, DES QUE, DENDE QUE, DEICA QUE, DE SEGUIDA QUE, TAN PRONTO, DE CONTADO QUE, CANDO QUEIRA QUE, ANTES QUE, ASEMADE, ASÍ QUE, ATA QUE, DESPOIS DE QUE, DESPOIS QUE, EN TANTO, ENTRE TANTO, ENTREMENTRES, INDA BEN NON, LOGO QUE, MAL, AXIÑA QUE, CADA VEZ QUE, CANDO, MENTRES, MENTRES TANTO, NAMENTRES, NON BEN, AO QUE, (POR) EN CANTO, SEMPRE QUE, TAN PRESTO
* Sintacticamente desenvolve sempre a función de CCT
* Da característica anterior deducimos que sería sempre substituíble por un adverbio de lugar, como por exemplo o adverbio DESPOIS

A CLÁUSULA ADVERBIAL MODAL
Presenta estas características:
* Vai introducida polas seguintes conxuncións ou locucións temporais:(ASÍ) COMO, BEN COMO, COMA SE, COMO QUEIRA QUE, COMO SE, CONFORME, CONSONTE, DE FORMA QUE, DE MANEIRA QUE, DE MODO QUE, DE XEITO QUE, MAL COMO, SEGUNDO, SEN QUE, (TAL) CAL, (TAL) COMO, TAL E COMO.
* Sintacticamente desenvolve sempre a función de CCM
* Da característica anterior deducimos que sería sempre substituíble por un adverbio de lugar, como por exemplo o adverbio ASÍ
Comentarios (0) - Categoría: APUNTAMENTOS DE SINTAXE - Publicado o 20-04-2009 10:16
# Ligazón permanente a este artigo
A CLÁUSULA ADXECTIVA OU DE RELATIVO
A cláusula adxectiva ou de relativo
Como o seu nome ben inidica este tipo de cláusulas compórtanse xeralmente como un adxectivo, polo que en moitos casos se podería substituír. Debes ter en conta o seguinte:
1. O pronome relativo sempre está relacionado co seu ANTECEDENTE –substantivo ou no seu defecto pronome- ao que modifica e vai estreitamente vencellado. É o que acontece en secuencias do tipo: o libro que estou a ler é moi entretido; onde a cláusula de relativo é “que estou a ler” e modifica ao substantivo libro. Un exemplo no que a cláusula de relativo modifique a un pronome sería: Ese que colliches está ben, onde “que colliches” é a de relativo e modifica ao pronome ese.
2. Do dito anteriormente deducimos outra característica que é que toda cláusula de relativo por regra xeral sae do MOD dunha F.SUBST, se ben en determinadas ocasións, isto é, cando o pronome relativo vai precedido do artigo o/a/os/as esta –a cláusula de relativo- aparece substantivada e compórtase de xeito independente, pero deixamos este caso para ser explicado máis adiante, para non enlear tanto a explicación.
3. Por último debemos ter en conta outro aspecto máis e é que o pronome relativo desenvolverá unha función sintáctica concreta, e velaí o problema: como saber que función desenvolve? Pois buscando o seu antecedente e colocándoo no lugar do pronome relativo poderemos saber a ciencia cera qué función desenvolve. Vexamos un exemplo: O reloxo dixital que lle regalaron é de cor azul; o antecedente é “reloxo dixital” e é que debemos substituír quedando a cláusula así: Regaláronlle un reloxo dixital, onde reloxo dixital é CD, daquela a función sintáctica do pronome relativo é CD.
Categoría: APUNTAMENTOS DE SINTAXE - Publicado o 10-03-2009 13:14
# Ligazón permanente a este artigo
A cláusula substantiva que sae dun MOD dunha frase subtstantiva ou adxectiva (II)
Tal e como vimos toda cláusula substantiva ao se comportar como un substantivo pode chegar a desenvolver as mesmas funcións sintácticas ca este. neste sentido temos que sinalar que en ocasións pode darse o caso de que a cláusula substantiva saia do MOD dunha F. SUBST. Como exemplos poñemos os seguintes: Tes sorte de que eles estiveran alí nese momento; ten vontade de mellorar; ten intencións de reuperar o tempo perdido, ter ganas de ver unha película etc.

Por outra banda, pode darse a circunstancia de que a cláusula substantiva saia do MOD dunha F. ADX -esta á súa vez desenvolverá sempre a función de ATRIBUTO. tal e como vemos nas seguintes secuencias:
Está farto de oírllelo; estamos cansos de repetirche sempre o mesmo; é consciente de que non o vai conseguir facilmente; é incapaz de pedir desculpas; está pendente de que o chamen para facerlle esa operación

Como podedes ver son estruturas moi similares todas elas, iso si, debedes ter en conta a categoría gramatical, é dicir, se é un substantivo ou un adxectivo, que ás veces, por inercia, tendemos a nos trabucar e o reultado final é totalmente desastroso
Categoría: APUNTAMENTOS DE SINTAXE - Publicado o 05-02-2009 12:16
# Ligazón permanente a este artigo
A cláusula substantiva
A cláusula substantiva desenvolve as mesmas funcións que un substantivo, ou no seu defecto, é dicir, na súa ausencia, un pronome. Neste sentido una cláusula substantiva pode funcionar como SUXEITO, CD, CI, ATO, SUPLEMENTO. Vexamos algúns exemplos: en función de suxeito: Que o consigan será todo un logro para eles; en función de atributo: a cuestión é que sucedeu así; en función de complemento directo (lembra que este tipo de construcións darase sempre con verbos de pensamento, como é o caso de pensar, saber, dicir, etc): Creo que te equivocas; en función de complemento indirecto: a quén lle importa o que eu faga; e en función de suplemento: Trata de arrincalo, Carlos.
Por outra banda, debemos reparar na conxunción completiva que introduce unha cláusula substantiva, a conxunción que ou a conxunción se, como se pode ver nos seguintes exemplos: Ben vexo que xa o sabes; non sei se o comentou con vós.
Sen embargo, pode darse a circunstancia de que a cláusula substantiva leve o verbo en infinitivo como acontece en andar unha hora ao día é moi saudable.
Outro aspecto a termos en conta é o caso das cláusulas substantivas que conteñen unha interrogativa indirecta. Vexamos novamente un exemplo: pregúntalle qué hora é ou pregúntalle cánto custa ese MP4. Nestes casos, tanto o determinante interrogativo como o pronome interrogativo que aparece en cada unha das cláusulas desenvolve unha función sintáctica
concreta. Pero polo de hoxe, xa vai abondando e ímolo deixar por aquí.
Categoría: APUNTAMENTOS DE SINTAXE - Publicado o 26-01-2009 16:46
# Ligazón permanente a este artigo
Exercicio de identificación do suplemento
1.- Trataremos de solucinarlle o problema canto antes.
2.- Na xuntanza de veciños falaron do problema dos ascensores.
3.-A bruxa converteuse nun rato noxento.
4.- O home ao anoitecer transformouse no lobo da xente.
5.- Alégrome moito de verte tan ben.
6.- Lémbrate de apagar a calefacción antes de te deitares.
7.- Non cambiaremos de opinión por moito que ti nos insistas no tema.
8.- Recupereuse moi pronto da lesión de xeonllo que padecía.
9.- Esquecinme de mandarche unha mensaxe ao móbil.
10.- Ocúpate ti dese caso, vale?
Categoría: APUNTAMENTOS DE SINTAXE - Publicado o 24-01-2009 22:28
# Ligazón permanente a este artigo
O suplemento
O suplemento é aquela función sintáctica que aparece sempre e cando o verbo rexe unha preposición cun signicado pleno, como por exemplo, no caso de falar de, namorar(se) de, tratar de, convencer(se)de, insistir en, lembrar(se) de, esquecer(se) de, pensar en, crer en, confiar en, etc.Lembra que habitualmente tendemos a confundilo co CD, pero non pode ser CD porque este nunca leva preposición, a non ser que se trate dun CD de persoa, como acontece no caso de vexo a Carme. Para ver se todo isto quedou medianamente claro, velaí tendes outro "lote" de 10 clausuliñas para que identifiquedes o Suplemento.
Categoría: APUNTAMENTOS DE SINTAXE - Publicado o 24-01-2009 22:09
# Ligazón permanente a este artigo
Corrección do exercicio de identifición do suxeito
1.- Á cativa naceulle o seu primeiro dente.O suxeito é o seu primeiro dente.
2.- A eles gustoulles moito a película. A película é o suxeito. Lembra que o suxeito sempre concorda en nº e persoa co verbo.
3.- Moitos de nós pensámolo moitas veces. O suxeito é moitos de nós.
4.- Calquera outra opción lles parecería mellor.O suxeito é calquera outra opción.
5.- Raquel e Luís recibiron a mensaxe no móbil.Raquel e Luís é o suxeito
6.- Unha imaxe vale moito.O suxeito é unha imaxe.
7.- As palabras lévaas o vento.O vento é o suxeito.
8.- Coñecémolo mentres xogabamos un partido de fútbol.O suxeito neste caso está omitio (é elíptico) e e nós.
9.- Gústalles moito ese escritor a todo o mundo.O suxeito é ese escritor.
10.- Elas xa mo contaron.O suxeito neste caso é elas.
Categoría: APUNTAMENTOS DE SINTAXE - Publicado o 24-01-2009 22:01
# Ligazón permanente a este artigo
A cláusula e o suxeito
http://miclase.files.wordpress.com/2008/04/sujeto.jpgCláusula é toda secuencia que contén un predicado, é dicir, un verbo. Neste sentido, a falarmos da presenza dun verbo teremos en conta parte da inforamción que tal categoría gramatical nos transmite, é dicir, todo verbo conleva unha serie de morfemas, denominados sufixos, que aportan información do modo no que acontece a acción, é dicir, indicativo, subxuntivo ou impertativo; do tempo no que se realiza a mesma (a acción) presente, pasado ou futuro; e das persoas que participan na mesma, isto é 1ª, 2ª ou 3ª persoas do singular e do plural. E dito isto, velaí que chegamos a outro elemento que pode aparecer na cláusula: o suxeito
En toda cláusla pode aparecer un suxeitoque indica quen realiza a acción. Pero ollo, como estamos en sintaxe, non debemos nunca confundir un suxeito gramatical cun suxeito lóxico. Explícolem: o suxeito gramatical en a todos os porcos lles chega o seu San Martiñoé o seu San Martiño. Moitos diredes, non o suxeito é todos os porcos que son os que morren, pois si, pero ese é o suxeito lóxico. En sintaxe traballamos de maneira razoada e seguindo unhas regras "gramaticais" que non teñen por qué concordar coa nosa maneira de "interpretar" a realidade.
Categoría: APUNTAMENTOS DE SINTAXE - Publicado o 21-01-2009 16:44
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación da sección
Benvid@s a esta sección. A finalidade da mesma é a de recompilar toda a información relativa á sintaxe, que vos poida servir para comprender mellor as relacións de dependencia, xerarquización ou doutra índole que as palabras teñen no noso idioma e que nos serven para construírmos enunciados "con xeito" e de maneira ordenada para que o resto dos falantes poidamos comunicarnos, deixando a un lado, o xa comentado na clase, valor de "boh!" ou "ben".
E para que o teñades máis claro póñovos aí toda a relación de conxuncións e locucións conxuntivas.

Categoría: APUNTAMENTOS DE SINTAXE - Publicado o 20-01-2009 11:19
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
Neste espazo deixaremos pegadas sobre aspectos lingüísticos e literarios da nosa cultura
Benvid@s ao noso blog. Nel atoparedes, tal e como vedes, aspectos relativos ao noso idioma, tanto desde a perspectiva lingüística, como sociolingüística e literaria. Contamos coa vosa colaboración para que isto vaia "pra diante".

Ademais de información relacionada coa materia de Lingua e Literatura Galega, vou ir engadindo datos relacionados coas materias de Lingua e Literatura Catelá e de Latín, pois son dúas materias que imparto este curso e como este blog é para min unha ferramenta de traballo, incluirei tamén temas relacionados con estas dúas materias.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

© by Abertal