| Neste espazo deixaremos pegadas sobre aspectos lingüísticos e literarios da nosa cultura |
|
| Benvid@s ao noso blog. Nel atoparedes, tal e como vedes, aspectos relativos ao noso idioma, tanto desde a perspectiva lingüística, como sociolingüística e literaria. Contamos coa vosa colaboración para que isto vaia "pra diante" |
|

|
| O meu perfil |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
| AS ORACIÓNS BIPOLARES CONDICIONAIS |
|
 Están formadas por dous elementos que reciben os nomes de “condicionante” e “condicionado” e entre os dous establécese, coma no caso de toda oración bipolar, unha relación de interdependencia.
O nexo de unión é sempre una conxunción ou unha locución conxuntiva das que presentamos a continuación: a menos que, a nada que, catar que, con se, quitando que, quitando se, a non ser que, a pouco que, agás que, agás se, bardante que, cando, caso de que, con que, con tal de que, con tal que, de non ser que, en caso de que, excepto que, excepto se, onda non, quitado que, quitado se, sacado que, sacado se, sacando que, sacando se, salvo que, salvo se, se, sempre que, senón que.
A orde de colocación de cada unha das funcións vén dada pola presenza do nexo na oración.
Exemplos:
1. Como non me deas unha contestación firme mañá, anúloche a reserva.
2. Non ten solución, a menos que intente cambiar de actitude.
3. En caso de que teñas algunha dúbida co programa que vés de instalar, non dubides en comunicarma.
4. Se decides apuntarte a ese curso, dimo para solicitarche a preinscrición.
5. Sempre que lles comuniquen con antelación a anulación do billete, non han ter problema coa compañía aérea.
|
|
|
|
|
| AS ORACIÓNS BIPOLARES CONCESIVAS |
|
 Están formadas por dous elementos que reciben os nomes de “antítese” e "tese" e entre os dous establécese unha relación de interdependencia.
O nexo de unión é sempre una conxunción ou unha locución conxuntiva das que presentamos a continuación: a pesar de que, a pouco que, aínda que, anque, así, ben que, inda que, máis que, mal que, mesmo que, nin que, pese a que, por ( + adx.) que, por máis que, por moito que, por pouco que, malia, malia que
Vexamos algúns exemplos:
A orde de colocación de cada unha das funcións vén dada pola presenza do nexo na oración, tal e como veremos nas dúas oracións analizadas.
1. Eles dixéronllelo, a pesar de que sabían que se arriscaban a que non o entendesen.
2. Por pouco que che pareza, o estudar hache valer sempre na vida.
3. Próbao, mal que che custe facelo.
4. Non o deu feito, malia que o intentou en moitas ocasións.
5. Non che vai facer caso ningún, por máis que lle insistas.
6. Malia chegar tarde, conseguiu entrar na función.
7. Aínda que pareza mentira, ponse encarnada cando a miran.
8. Mal que che pese, comunícallo. |
|
|
|
|
| AS ORACIÓNS BIPOLARES CAUSAIS |
|
 Están formadas por dous elementos que reciben os nomes de “causa” e “efecto” e entre os dous establécese unha relación de interdependencia.
A orde de colocación de cada unha das funcións vén dada pola presenza do nexo na oración, tal e como veremos nas dúas oracións analizadas.
O nexo de unión é sempre una conxunción ou unha locución conxuntiva das que presentamos a continuación: como, como queira que, dado que, pois, pois que, por causa de que, por culpa de que, por mor de que, porque, posto que, que, visto que, xa que.
Vexamos algúns exemplos:
1. Díxollo porque pensou que era o mellor naquel momento
2. Como non había nada para a cea, fixo unha empanada de carne.
3. Non puido opinar nada sobre ese asunto, dado que non estivera presente e non tiña nada que comentar ao respecto.
4. Voume pois2 non teño nada máis que facer por aquí.
5. Visto que non hai máis alegacións, procederemos á votación.
6. Xa que ninguén di nada, deixarémolo quedar así.
7. Castelao non era de Ourense, que era de Rianxo.
8. Por causa de que caese polas pésimas condicións nas que se atopaba o edificio, o concello decidiu derrubalo.
|
|
|
|
|
| O GRUPO NÓS |
|
 Situación socioeconómica e política.
Á hora de contextualizar calquera época debemos ter en conta os condicionantes sociais, económicos e políticos nos que está se produce. Pois ben, neste período que abrange as décadas dos anos 20 a 30 cómpre salientar unha serie de feitos como son por exemplo no eido político, a ditadura do Xeneral Primo de Rivera dende o ano 1923 ata o 1930, consentida pola monarquía; por outro lado, a guerra colonial en Marrocos. A isto debémoslle engadir unha forte convulsión social provocada polas demandas de cambios tanto no mundo urbano, e concretamente, na clase social proletaria, como no mundo rural, é dicir, nas clases labregas e mariñeiras, pois a forte convulsión social provocada tenderá á eliminar o caciquismo e o elitismo político imperante ata ese momento.
No eido económico non podemos esquecer que neste momento Galicia experimenta unha certa prosperidade, como consecuencia do proceso de industrialización levado a cabo nas cidades.
Por outro lado, temos que destacar tamén que no ano 1931 será cando se proclama a Segunda República, feito este transcendental pois será neste mesmo ano cando naza o Partido Galeguista que pretenderá acadar a autodeterminación de Galicia a través da aprobación do Estatuto de Autonomía aprobado no ano 1936. Sen embargo esta situación mudará drasticamente ao se producir o golpe de estado do Xeneral Franco que culminará coa Guerra Civil (1936-39).
Contexto cultural.
Na década dos anos vinte canda os movementos de vangarda aparecen un grupo de intelectuais, entre os que destacamos a Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Florentino López Cuevillas ou Daniel Afonso Rodríguez Castelao, que se dan a coñecer como grupo ou xeración Nós.
Esta xeración defínese a si mesma como “inadaptada”, pois non atopan acomodo no mundo que lles tocou vivir. É por iso polo que se senten inconformistas e rebeldes ante o mundo e tratan de lle buscar solución a este mal na procura de culturas alleas e no mundo das ciencias esotéricas, ata que se decatan que a solución aos seus problemas e inadaptación está na descuberta, é dicir, na esencia da propia Galicia. Chegados a este punto tratarán de europeizar a cultura galega, intentando irmanala co resto das culturas do mundo.
Outro aspecto que debemos salientar por parte dos membros desta xeración vai ser o pulo que lles van dar tanto ao xénero narrativo como ao ensaístico.
Como medio difusor das súas ideas e teorías crean a revista “Nós”.
Representantes
Vicente Risco.- Aspectos biográficos: a súa vida vén marcada pola participación activa na fundación do Partido Galeguista e pola súa visión de Galicia como país marxinal e atlántico. Por outra banda, o seu pensamento vén marcado polo celtismo, o atlantismo e o cristianimo.
Producción literaria.- Malia que cultivou varios xéneros literarios destacamos especialmente dentro do xénero narrativo as súas obras Do caso que lle aconteceu ao doutror Alveiros e O porco de pé. Por outra banda, dentro do xénero teatral destaca a súa peza O bufón de el Rei . Xa por último, dentro da súa produción ensaística salietamos Nós, os inadaptados – que vén sendo un retrato da propia xeración- e Mitteleuropa.
Ramón Otero Pedrayo.- Aspectos biográficos: : a súa vida vén marcada pola participación activa tanto nas Irmandades da Fala como pola súa colaboración no Partido Galeguista.
Producción literaria.- Malia que cultivou varios xéneros literarios destacamos especialmente dentro do xénero narrativo as súas obras Os camiños da vida, Pantelas, home libre, Fra Vernero e Arredor de si.
Por outra banda, dentro do xénero teatral destaca a súa peza A lagarada. Xa por último, dentro da súa produción ensaística salietamos Síntese xeográfica de Galicia
|
|
|
|
|
| AS VANGARDAS GALEGAS e RAFAEL DIESTE |
|
 As limitacións sociais en que se desenvolvía a cultura galega entorpeceron un pouco a proliferación do movemento vangardista galego, que fundamentalmente se deu no campo da poesía e da pintura, pero con todo podemos sinalar:
- A aparición do manifesto Máis Alá en 1922 asinado polo poeta Manuel Antonio e o debuxante Álvaro Cebreiro nel reivindican un cambio radical no panorama cultural galego e reivindican o idioma como elemento nacional.
- Aparición de revistas literarias como "Ronsel", "Alfar", "Papel de color", "Cristal", "Resol" e "Yunque". Todas elas son medios difusores da renovación literaria vangardista que se está a desenvolver nesta época. Esta renovación tradúcese literariamente na aparición dos seguintes movementos vangardistas:
1) Imaxinismo.- (Denominado tamén Hilozoísmo). Luís Amado Carballo é o máximo representante con Proel e O galo (poesía) xunto coa novela Os pobres de deus. A súa poesía caracterízase por presentar unha paisaxe humanizada e por introducir imaxes de carácter sensorial.
2) Neotrobadorismo.- Álvaro Cunqueiro con Cantiga nova que se chama riveira e Fermín Bouza Brey con Nao senlleira son os principais representantes deste ismo autóctono. Recuperan as estruturas formais da lírica medieval, fundamentalmente das cantigas de amigo e de amor pero con temática contemporánea.
3) Manuel Antonio.- Seguidor do creacionismo (movemento creado polo chileno Huidobro) que concibe o poema como unha realidade autónoma. Entre a súa obra poética salientamos De catro a catro, Con anacos do meu interior, Foulas, Sempre e máis despois e Viladomar (poema inacabado).
De catro a catro é a súa principal obra, é un poemario que contén 19 composicións poéticas desde a perspectiva do mar. É o diario poético cunha viaxe física polo mar, e asemade, dunha viaxe interior do poeta, marcada pola soidade e a ausencia.
c) PROSA
Rafael Dieste é o principal representante no eido literario da narrativa, dentro do que se coñece como xeración do 22. Cómpre salientar a súa obra narrativa Dos arquivos do trasno (conxunto de relatos nos que mestura a realidade e a fantasía nun ambiente popular galego, e remata sempre cun final sorprendente) e a súa obra teatral A fiestra valdeira a través da cal contribúe á renovación formal e temática. Trátase dunha comedia simbólica centrada no tema da identidade cultural.
|
|
|
|
|
| GALICIA NO 1º TERZO DO SÉCULO XX. RAMÓN CABANILLAS |
|
GALICIA NO 1º TERZO DO SÉCULO XX
A situación socioeconómica de Galicia a principios do século XX é dun forte atraso económico que vén determinado pola clases hexemónicas dominantes, é decir, a fidalguía e a Igrexa, en tanto que son as donas das terras e seguen a explotar a clase traballadora que as mantén produtivas, isto é, o campesiñado. Sen embargo esta situación tenderá a cambiar, grazas ao nacemento do Agrarismo, concretamente a través da fundación de “Acción Galega”. Liderada polo cura de Beiro, Basilio Álvarez, quen loitará por defender os dereitos dos labregos. Neste sentido non podemos esquecer que o campesiñado segue a ser a clase maioritaría pero a máis desfavorecida, que se segue vendo na necesidade de emigrar a terras de América.
Dentro do contexto socioeconómico da Galicia desta época cómpre sinalar por outra banda, o peso que comeza a ter unha nova clase social: a burguesía comercial e industrial, o que nos leva a ter en conta outro aspecto salientable deste período que é o medre da industria, feito este que suporá unha certa reagrupación social, en canto que se produce un trasvasamento poboacional (éxodo rural) e o nacemento dunha nova clase social: o proletariado. Con todo isto se producen por tanto novos cambios no ámbito social e económico de Galicia, pois pasa de ser unha sociedade na que o predominio do sector primario empeza agora a compartirse co sector secundario e terciario.
Amais da situación social e económica temos que salientar o contexto cultural nesta época que vén marcado polo nacemento das Irmandades da Fala, que é un movemento que nace no ano 1916 que en como principais obxectivos os seguintes:
a) Cooficialidade galego-castelán
b) Promocionar a cultura galega a través do xornal “ A Nosa Terra” e de editoriais galegas como Lar, Céltiga e Nós.
c) Desenvolver e promover o xénero dramático a través de obras como O Mariscal, Lémbremos que o teatro será empregado como medio difusor dos ideais das Irmandades.
Xunto co nacemento das Irmandades debemos salientar tamén a creación no ano 1923 do Seminario de Estudos Galegos (SEG) que ten como finalidade investigar e interpretar a realidade galega en eidos como a Etnografía, a Historia e a Xeografía.
RAMÓN CABANILLAS
Aspectos biográficos.- O dato máis relevante dentro da biografía deste ilustre persoeiro é a súa lonxevidade, pois nace en Cambados no ano 1876 e falece no ano 1959 no seu Cambados natal. Este feito marcará parte da súa produción poética pois esta virá marcada polas distintas correntes literarias coas que se sente vencellado.
Cómpre salientar a súa sólida formación clásica que se verá reflectida na súa obra e que é froito da súa época de estudante no Seminario de Compostela.
Como tantos outros galegos, cando ten 34 anos marcha á Habana e alí colaorará cos intelectuais galeguistas alí instalados. Cando retorna a Galicia colabora activamente coas Irmandades da Fala e co movemento agrarista, é dicir, con “Acción Galega”. Este aspecto verase reflectido na súa produción poética pois lle compón o seu himno (tal e como analizamos en clase).
Outro aspecto relevante será o seu ingreso na Real Academia Galega (RAG).
A súa obra.- Á hora de falarmos da obra de Ramón Cabanillas debemos ter presente dúas características principais: por unha banda, que logra harmonizar a estética dos autores do Rexurdimento (Rosalía, Curros e Pondal) coas novas correntes literarias que agroman a principios do século XX, é dicir, as vangardas, e nomeadamente co Modernismo do cal veremos hai trazos presentes na súa produción poética, tales como a musicalidade dos versos, a inclinación cara ao sensual e colorista e o cosmopolitismo, por citar algúns exemplos.
Con respecto á súa produción literaria cómpre facer unha división pois compón poesía e produce teatro. Imos primeiramente coa poesía.
A produción poética de Cabanillas debemos subdividila en poesía lírica e poesía narrativa. Dentro da poesía lírica destacan as seguintes obras: Vento mareiro, No desterro, Da terra asoballada, A rosa de cen follas. Este tipo de poesía lírica subdivídese á súa vez, atándonos ao criterio da temática e así falamos de poesía cívica (na que o poeta se manifesta comprometido cos problemas sociais da época, enténdase o Agrarismo e as Irmandades); poesía intimista (na que o amor é o protagonista da maior parte destas composicións) e poesía costumista (con toques de humor e con trazos modernistas).
Por outra banda, dentro da poesía narrativa atopamos as seguintes obras: Na noite estrelecida, O bendito San Amaro, Samos.
En Na noite estremecida, Cabanillas retoma o tema da materia de Bretaña (o rei Arturo e os cabaleiros da Táboa Redonda) como elemento vertebrador e ao meso tempo como símbolo de Galicia. Este obra consta de tres sagas: “ A espada Escalibor”, “O cabaleiro do Santo Graal” e “O sono do rei Artur”.
Xa por último temos que falar da súa produción poética salientando aquí dúas obras: O Mariscal (obra posta ao servizo do ideario das Irmandades, na que retoma a lenda do Mariscal Pardo de Cela, morto de morte matada polos Reis Católicos) e A man de Santiña (comedia de tema amoroso e ambiente fidalgo)
|
|
|
|
|
| A ALTERNANCIA VOCÁLICA |
|
A ALTERNANCIA VOCÁLICA NOS VERBOS DA 3ª CONXUGACIÓN -IR.
Vogal tónica -I:
ADVIRTO
ADVIRTES
ADVIRTE
ADVERTIMOS
ADVERTIDES
ADVIRTEN
Conxúganse como ADVERTIR: ADHERIR, DIVERTIR, AGREDIR, TRANSGREDIR, CONFERIR, DIFERIR, INFERIR, PREFERIR, PROFERIR, REFERIR, TRANSFERIR, COMPETIR, REPETIR, CONCERNIR, DISCERNIR, ESPIR, DIXERIR, INXERIR, SUXERIR, INSERIR, MEDIR, PEDIR, (e derivados) VESTIR, INVESTIR, REVESTIR.
Verbos con alternancia -I/-E na vogal temática
Só se presenta a alternancia vocálica nas 2ª e 3ª persoas do singular e na 3ª persoa do plural do presente de indicativo, é dicir:
SIRVO
SERVES
SERVE
SERVIMOS
SERVIDES
SERVEN
Conxúganse como SERVIR: SEGUIR, FERIR, MENTIR, SENTIR e mailos seus derivados (Téñase en conta que CONFERIR, DIFERIR, INTERFERIR E REFERIR non son derivados de FERIR e que polo tanto se conxugan como ADVERTIR).
Verbos que presentan alternancia -U/-O na vogal temática
Só se presenta a alternancia vocálica nas 2ª e 3ª persoas do singular e na 3ª persoa do plural do presente de indicativo, é dicir:
CUBRO
COBRES
COBRE
CUBRIMOS
CUBRIDES
COBREN
Conxúganse como CUBRIR, (amais dos seus derivados DESCUBRIR, ENCUBRIR, RECUBRIR BULIR, REBULIR, OS REMATADOS EN -CUDIR (SACUDIR, ACUDIR), CUMPRIR ("facer falta"), CUSPIR, DURMIR, ENGULIR, FUXIR, LUCIR e derivados (TRANSLUCIR, RELUCIR, etc),MUXIR, PRUÍR, RUXIR, SUBIR, SUFRIR, SUMIR, TUSIR, URDIR, XUNGIR
LISTADO DE VERBOS DA 2ª CONXUGACIÓN
• BATER REBATER, EMBATER, ABATER, COMBATER
• CAER ACAER, DECAER, RECAER.
• CORRER ACORRER, CONCORRER, DECORRER, DISCORRER, ESCORRER, INCORRER, RECORRER, OCORRER, SOCORRER, TRANSCORRER.
• DERRETER
• ENCHER
• ERGUER
• ESPAREXER
• FENDER
• FERVER
• REXER
• RENDER
• ROMPER, CORROMPER, INTERRROMPER, IRROMPER, PRORROMPER.
• TRAER, ABSTRAER, DISTRAER, EXTRAER, SUBSTRAER.
• TOLLER
• VERTER, CONVERTER, INVERTER, REVERTER, PERVERTER, SUBVERTER.
• XEMER
VERBOS DA 3ª CONXUGACIÓN
CORRIXIR, DICIR, BENDICIR, MALDICIR, CONTRADICIR, DESDICIR, PREDICIR, ELIXIR, REELIXIR, ESCRIBIR, ADSCRIBIR, CIRCUNSCRIBIR, INSCRIBIR, PRESCRIBIR, RESCRIBIR, REMITIR, REQUIRIR, CONCIBIR, PRECONCEBIR, APERCIBIR, DESAPERCIBIR, RECIBIR.
Mantéñense como vacilantes: DEMOLER-DEMOLIR, CONVERXER-CONVERXIR, DIVERXER-DIVERXIR, EMERXER-EMERXIR.
|
|
|
|
|
| FORMACIÓN DO GRAO COMPARATIVO |
|
FORMACIÓN
O comparativo de superioridade fórmase con: MÁIS... QUE/CA/DO QUE:
É MÁIS intelixente que o meu.
Luís ten MÁIS traballo CA min.
Veu MÁIS cedo DO QUE pensabas.
O comparativo de igualdade fórmase con: TAN/TANTO... COMO/COMA. Tamén se pode formar utilizando simplemtente COMO:
Este rapaz é TAN loiro COMO aquel
Aquela nena ten TANTAS bonecas COMA ti.
O comparativo de inferioridade fórmase con: MENOS...QUE/CA /DO QUE:
Teño MENOS cartos QUE o teu pai.
Estarei MENOS tempo CA ti, en Ourense.
Esa película é MENOS interesante DO QUE me
Dixeches
DISTRIBUCIÓN
Cando o segundo termo da comparación é un pronome persoal (min, ti, el, nós...) é obrigado a utilización das formas CA e COMA:
Fareino en MENOS tempo CA ti.
Fala COMA min.
Cando o segundo termo da comparación é un verbo, é obrigada a utilización das formas comparativas DO QUE e COMO:
É mellor DO QUE pensabas, e non é TAN alto COMO dicías.
Nos demais casos a elección entre QUE/CA; COMO/COMA é optativa:
A laranxa é máis doce QUE o limón/ CÓ limón
Ese neno ten tantos anos COMO/COMA Miguel
|
|
|
|
|
| O INFINITIVO CONXUGADO |
|
EMPREGO DO INFINITIVO CONXUGADO
O infinitivo conxugado é obrigatorio cando:
• O infinitivo ten suxeito distinto ó do verbo principal:
Xa me estrañaba non viren teus irmáns á festa.
• O suxeito sendo distinto ó do verbo principal, non está expreso e convén marcalo para evitar ambigüidade:
Sería mellor marcharmos desta cidade canto antes
Por cumprires todo o prometido, es ben merecente dunha recompensa
Para chegardes a Lugo antes da noite tendes que saír agora.
• En construcións reflexivas e con verbos pronominais:
Puxemos o espertador para erguérmonos cedo.
NON EMPREGO DO INFINITIVO CONXUGADO
• Cando é perífrase:
Temos que facer o xantar.
• Cando vai rexido por un verbo modal (QUERER, PODER, DEBER)
Queredes repartir o papel?
• Cando o infinitivo está rexido por un verbo causativo (MANDAR, FACER, DEIXAR, PERMITIR e sinónimos) e vén inmediatamente despois del, ou separado del soamente polo seu suxeito, se este está expresado por un pronome átono.
Deixas pasar as horas e non dás feito nada.
Ninguén o ve traballar en todo o día.
Sentinvos falar ata as cinco da mañá.
• Con verbos de movemento en construccións que teñen un valor de finalidade:
Vimos recoller o lixo.
• En xeral, cando o infinitivo ten o mesmo suxeito que o do verbo do que depende, e se atopa separado del por unha preposición esixida polo réxime do verbo.
Non vos esquezades de pechar ben as billas.
|
|
|
|
|
| COLOCACIÓN DO PRONOME ÁTONO NA FRASE |
|
En cada un destes grupos de frases, a partir dos cales deducirémos as normas de colocación de pronome átono na frase, escribimos con letra máis negra aquelas en que o pronome vai ben colocado.
GRUPO A
Gustoume a película
*A película me gustou
Onte vinte pola rúa
*Onte te vin pola rúa
GRUPO B
Dixo QUE te vira onte
*Dixo que vírate onte
NON (NUNCA, XAMAIS) o vin
*Non vino
QUIZAIS, (TAL VEZ) che pregunta mañá a lección
*Quizais pregúnteche mañá a lección
XA (BEN) cho dixo aquela rapaza
*Xa díxocho aquela rapaza
SÓ (EN SEGUIDA, AXIÑA) llo contei á miña sogra
*Só conteillo á miña sogra
SEMPRE te estás a meter comigo
*Sempre estaste a meter comigo
AÍNDA cho pedín o outro día
*Aínda pedíncho o outro día
MÁIS nos valería marchar
*Máis valeríanos marchar
AQUÍ (ALÍ, AÍ) o tes
*Aquí telo
CANTO (CANDO; ONDE; COMO) lle deches?
*¿Canto dechéslle?
NINGUÉN (ALGUÉN, CALQUERA) mo dixo.
Ninguén díxomo
NADA (MOITO; BASTANTE; POUCO; ALGO) che debo
*Nada déboche
GRUPO C
Para dicirlle iso cómpre valor.
Para lle dicir cómpre valor
Téñoche que dar unha boa noticia
Teño que che dar unha boa noticia
Teño que darche unha boa noticia
*Che teño que dar unha boa noticia
Regras que explican a colocación do pronome átono nos grupos anteriores:
GRUPO A: Por regra xeral, o pronome vai sempre despois do verbo e pegado a el.
GRUPO B: Hai determinadas palabras que precedendo o pronome, fan que o pronome se coloque diante do verbo. Neste caso o pronome non vai pegado ó verbo. Estas palabras son:
1) As que marcan subordinación: QUE, AÍNDA QUE, SEMPRE QUE, POSTO QUE, SE...(podes botarlle unha ollada ao artigo relativo ás conxuncións e locucións conxuntivas para ver todas as que son)
2) Os adverbios de negación: NON, NUNCA, XAMAIS
3) Os adverbios de dúbida: QUIZAIS, TAL VEZ, SEICA, DISQUE
4) Algúns adverbios: XA, SÓ, BEN, MAL, AXIÑA, SEMPRE, AÍNDA, AQUÍ, AÍ, ALÍ, MÁIS, MENOS...
5) Os pronomes interrogativos: ONDE, CANDO, CANTO, COMO
6) Algúns indefinidos: NINGUÉN, ALGUÉN, CALQUERA, MESMO, ALGO, NADA, BASTANTE...
GRUPO C: Nalgúns casos o pronome pode ir diante ou detrás.
-Cando este vai precedido por unha preposición.
-Nas perífrases verbais pode ir a carón do verbo principal, despois da conxunción ou preposición, ou detrás do infinitivo.
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|