Novas de Prado da Canda
Prado da Canda dixital é o boletín informativo da Comunidade de Montes e mais da Asociación de Veciños de Prado da Canda
( Covelo )







O MEU PERFIL
forxaferreiro@yahoo.es
 CAIXAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O CONCELLO DE COVELO NON QUERE PROTEXER O SUÍDO E O RÍO TEA

O goberno municipal rexeita solicitar á Consellaría de Medio Ambiente a paralización de tódolos proxectos mineiros, eólicos e hidráulicos.

O goberno municipal do PP de Covelo rexeitou unha moción presentada pola Asemblea do Suído no último pleno municipal, para solicitar á Consellaría de Medio Ambiente medidas cautelares para evitar a deterioración da Serra do Suído e do río Tea (afectados por varios proxectos mineiros, eólicos e hidráulicos). Asemade tamén rexeitou a solicitude de maior espazo de protección para o Suído e para o Tea. A ampliación do Suído incluiría a parte norte e o Coto de Eira, agora excluídos polos intereses eólicos e mineiros. A ampliación do Tea solicitada abarcaría a totalidade do río Tea (incluíndo as súas fragas na bacía alta nas parroquias covelenses de Campo, Fofe, Godóns e Prado, agora excluídas), o río Alén até o seu nacemento no Coto de Eira e a totalidade do río Xabriña até a Paradanta.
A Asemblea do Suído lembrou ao goberno municipal covelense que a propia Comisión Europea en sucesivos pronunciamentos comunicou ao Reino de España que debía corrixir as deficiencias detectadas na Rede Natura 2000 en Galicia. Así, con data 21 de decembro de 2010, o Sr. Potonik, en nome da Comisión, remitiu un escrito de resposta (E-9181/2010) que afirma que España foi condenada polo Tribunal de Xustiza no asunto C_235/04, por non clasificar suficientes lugares para garantir a protección de aves, e por detectarse unha mala representación de hábitats de interese comunitario, entre outros, a territorios que afectan a Galicia, e polo que se deberían designar máis zonas para cubrir ditas insuficiencias. Despois, con data de 10 de marzo de 2011, novamente o Sr. Potonik remitiu escrito de resposta E-364/11ES, insistindo que en Galicia existen dous tipos de hábitats mal representados na Rede Natura 2000.
Isto quere dicir que a Comisión Europea advertiu por escrito a España de que Galicia tiña que mellorar a representatividade de dous hábitats relacionados con zonas húmidas e de turbeiras en áreas de montaña, presentes na zona do Suído que agora a Xunta e o Concello de Covelo descartan protexer. Así, as hectáreas agora descartadas, inclúen hábitats de interese prioritario (unha ampla representación dos hábitats 7110 e 7149, que a Comisión obriga a mellorar) e hábitats de especies prioritarias.
Para a Asemblea do Suído, o rexeitamento do goberno municipal representa unha oportunidade perdida para protexer o Suído e o Tea, e quere lembrar que o mesmo goberno municipal é promotor dun parque eólico na Serra do Suído, amosando deste xeito os seus verdadeiros intereses afastados da protección destes lugares.
Comentarios (0) - Categoría: XERAL - Publicado o 23-04-2012 16:36
SABIAS QUE …
Nestes días celebrase o centenario do afundimento do Titanic. Aquel barco pasou á historia por moitos motivos, o feito de afundirse na viaxe inaugural, a falta de previsión dos mentores do proxecto, había menos botes salvavidas que pasaxe a bordo, non chegaban para todos. Todo isto fixo que o tropezo cun iceberg e posterior afundimento pasase á historia. Cen anos despois, seguen aparecendo restos do naufraxio, incluíndo películas, onde xa se sabe como acaban, o Titanic afunde de novo. Na nosa aldea non temos mar e non afunden navíos, pero como en tantas aldeas galegas aparecen casas onde os seus habitantes xa non habitan, estas vivendas xa en ruínas, semellan os restos de buques afundidos, que noutra hora estaban cheos de vida. Dando un paseo polas veigas, cabadas, anellos e mesmo polo monte, podemos ver como volven á superficie como os restos dos naufraxios, cabeceiros de camas, pranchas de cociñas, somieres e demais curiosidades pasan a formar parte da nosa paisaxe. Aquí deixamos unha reportaxe fotográfica, das naves afundidas en Prado da Canda …




Comentarios (1) - Categoría: XERAL - Publicado o 11-04-2012 17:23
SERÁN EN FOZARA
A Asociación Pedra da Garza de Fozara, organiza este serán no termino municipal de Ponteareas.


O sábado 14 de abril celebrase o IX Serán de Fozara, parroquia do concello de Ponteareas. Este serán non só se limita ao sábado xa que no domingo, dia 15, nos ofrecen unha xornada de xogos populares, exposición de antigüidades e unha mostra de artesanía, que tamén podemos visitar o sábado a partir das 16:30 horas, dando comezo o serán ás 22:00 horas. A Asociación Pedra da Garza organiza estas xornadas, en colaboración co Concello de Ponteareas, unha alternativa a ter en conta esta fin de semana.
Comentarios (1) - Categoría: XERAL - Publicado o 11-04-2012 17:11
SEMANA SANTA EN PRADO DA CANDA
Os fieis da nosa aldea acoden á igrexa a pesar do frío e da hora tardía da celebración litúrxica.

Atrás queda a Semana Santa, rematou o tempo de reflexión e de encontro coa fe, para os mais crentes. Rematou un pequeno espazo no calendario para escapar da rutina laboral. Houbo tempo para todo, para rezar e para evadirse. Aquí deixamos un ano mais unhas fotos da celebración do Sábado Santo en Prado da Canda. Os fieis acudiron a celebrar a resurrección do Señor, acontecemento que despois dos oficios relixiosos, que comezaron mais tarde das once da noite, foi celebrado con viño, rosca, biscoitos elaborados nas casas e un chocolate ben quentiño.



Comentarios (0) - Categoría: XERAL - Publicado o 11-04-2012 17:03
PRADO DA CANDA PERDE SETE PUNTOS DE LUZ
O Concello de Covelo pon en practica o Plan de Austeridade na Iluminación Pública.


En Prado da Canda foron eliminados sete puntos de luz, do alumeado público. O Alcalde de Covelo anunciou a eliminación de puntos de alumeado público, así como rebaixar a potencia dos que queden en servizo para conseguir un menor consumo eléctrico do Concello. A nosa aldea perdeu sete puntos de luz que foron desconectados da rede eléctrica, algún deles moi próximos a vivendas. Descoñécense os motivos da suspensión destes últimos puntos de luz, dado que o Alcalde anunciaba a elimacion daqueles que estivesen fora de núcleos de poboación.
Comentarios (1) - Categoría: XERAL - Publicado o 04-04-2012 19:25
© by Abertal