Novas de Prado da Canda
Prado da Canda dixital é o boletín informativo da Comunidade de Montes e mais da Asociación de Veciños de Prado da Canda
( Covelo )







O MEU PERFIL
forxaferreiro@yahoo.es
 CAIXAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

CERCO EN PARAÑOS
A veciñanza organiza un ano mais a procesión que recorre a parroquia.


O sábado, día un de febreiro a Asociación Veciñal de Paraños organiza o Cerco. Os santos deixarán dentro dun cerco a tódalas casas da parroquia. A procesión sae ás quince e trinta da igrexa. Ao remate da procesión, pola noite na Casa da Cultura, ofreceranse uns pinchos e viño, os asistentes tamén gozaran dunha foliada a conta dos gaiteiros Folieiros de Lavadores.
Comentarios (0) - Categoría: XERAL - Publicado o 31-01-2014 08:47
LIMPEZA DO MONTE COMUNAL EN PRADO DA CANDA
Os comuneiros da nosa aldea demandan un monte limpo e sostible.




A Comunidade de Montes comezou cos traballos de desbroce e poda da plantación do Rio Azal. Un tractor da empresa forestal Braña, comezou a limpeza da maleza acumulada nestes últimos anos no monte comunal. Os traballos son realizados á conta dunha subvención da Xunta de Galicia. Tanto o desbroce como a poda desta parcela son unha vella demanda dos comuneiros da nosa aldea. Estes traballos silvícolas axudan a manter un monte limpo, facilitando o traballo no caso de incendio.




Comentarios (0) - Categoría: XERAL - Publicado o 21-01-2014 17:44
SERÁN EN PRADO DA CANDA
Volve o serán de Prado da Canda, o colectivo veciñal da nosa aldea prepara con ilusión a celebración desta edición.


A Asociación de Veciños de Prado da Canda, organiza a oitava edición do serán que ven celebrando nos últimos anos. Despois dunha pausa, o colectivo veciñal volve a preparar con ilusión o serán. O sábado vinte e cinco de xaneiro ás 20:30 dará comezo a festa, que este ano contará con orella cocida, chourizos e algunha sorpresa. O lugar onde a música tradicional vai a ser a protagonista da noite estará protexido da choiva.
Comentarios (0) - Categoría: XERAL - Publicado o 15-01-2014 12:31
SUBIDA DE IMPOSTOS EN COVELO

A veciñanza do noso municipio terá que facer fronte a unha nova subida das taxas municipais.

O Concello de Covelo aprobou a subida das taxas do lixo, sumidoiros e auga. Unha vivenda unifamiliar que teña que facer fronte ás tres taxas pagará no 2014 un total de 201,42 euros. A taxa da auga, que inclúe o canon correspondente á Xunta de Galicia de 23,40 euros, é de 112 euros ao ano. Esta taxa só afecta ás traídas de augas municipais. Os veciños que dispoñan dun servizo de sumidoiros pagarán 40 euros por este concepto. A recollida do lixo pasará a ser de 48,62 euros anuais, independentemente da periodicidade da recollida do lixo.
Comentarios (0) - Categoría: XERAL - Publicado o 06-01-2014 20:44
A ASEMBLEA XERAL DA ASOCIACIÓN DE VECIÑOS APROBA O PLAN DE TRABALLO
Os socios e socias amosan o seu apoio á Executiva para que siga a traballar polo colectivo veciñal.


A Asemblea Xeral da Asociación de Veciños aprobou o Plan de Traballo e mais o orzamento para o ano 2014. O acondicionamento do camiño da Arigua, así como a realización de actividades son as principais demandas dos socios e socias. A Executiva recibiu o respaldo da Asemblea Xeral para realizar as xestións precisas que permitan cumprir co Plan de Traballo aprobado.
Comentarios (0) - Categoría: XERAL - Publicado o 06-01-2014 17:52
© by Abertal