A Asemblea do Suído, organización ecoloxista de Covelo, denuncia a construcción de dous saltos hidroeléctricos no río Oitavén. Dous saltos hidroeléctricos aprobados pola Xunta de Galicia no río Oitavén acabarán cunha colonia de centos de morcegos e botarán por terra a inclusión do río Oitavén na rede natura 2000. O Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA) declarou o ano 2011 coma o Ano Internacional dos Morcegos, co gallo de lembrar a alarmante diminución das súas poboacións e a situación de perigo de extinción de moitas das súas especies. No río Oitavén existe unha colonia de morcegos con centenares de individuos de cinco especies protexidas. Esta colonia está directamente ameazada pola construcción de dous aproveitamentos hidroeléctricos: Eiras II e Salto do Corope, augas abaixo do encoro de Eiras. Tres especies de morcegos están incluídas no Anexo II da Directiva 92/43 CEE, para as que é necesario designar zonas de especial conservación. Este é un dos motivos que levou ao anterior goberno da Xunta a seleccionar o río Oitavén no ano 2008 para a ampliación da Rede Natura 2000 dentro da Lista da Rexión Atlántica, contando co código de identificación ES1140021 LIC Río Verdugo-Oitavén. Asemade, no mesmo río está presente un micromamífero acuático, o Galemys pyrenaicus, incluído no Anexo IV (referido a aquelas especies de interese comunitario que requiren unha protección estrita), amais da presenza dunha importante extensión de bosque de ribeira pertencente ao Hábitat de Interese Prioritario 91E0 (catalogado no Anexo I para o que tamén se require a designación de zonas de especial conservación). O conxunto destes elementos poñen de relevancia o merecemento deste río coma espazo da Rede Natura 2000. Dáse a grave circunstancia de que na actualidade este espazo non figura nas previsións do novo documento de ampliación que está a elaborar o actual goberno de Galicia, e que paralelamente recuperouse a previsión de autorización administrativa da construcción dos saltos Eiras II e Corope. Queremos salientar tamén, que en Galicia estase a dar unha situación moi complicada para manter a coherencia do proxecto da Rede Natura 2000. Así se por unha banda a Xunta de Galicia incumpriu as súas obrigacións no tocante ao prazo de seis anos para aprobar os Plans de Conservación, pola outra está pendente de aprobación unha proposta de ampliación da Rede que garde coherencia co conxunto do patrimonio natural que alberga o territorio galego.