Novas de Prado da Canda
Prado da Canda dixital é o boletín informativo da Comunidade de Montes e mais da Asociación de Veciños de Prado da Canda
( Covelo )







O MEU PERFIL
forxaferreiro@yahoo.es
 CAIXAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O CONCELLO DE COVELO NON QUERE PROTEXER O SUÍDO E O RÍO TEA

O goberno municipal rexeita solicitar á Consellaría de Medio Ambiente a paralización de tódolos proxectos mineiros, eólicos e hidráulicos.

O goberno municipal do PP de Covelo rexeitou unha moción presentada pola Asemblea do Suído no último pleno municipal, para solicitar á Consellaría de Medio Ambiente medidas cautelares para evitar a deterioración da Serra do Suído e do río Tea (afectados por varios proxectos mineiros, eólicos e hidráulicos). Asemade tamén rexeitou a solicitude de maior espazo de protección para o Suído e para o Tea. A ampliación do Suído incluiría a parte norte e o Coto de Eira, agora excluídos polos intereses eólicos e mineiros. A ampliación do Tea solicitada abarcaría a totalidade do río Tea (incluíndo as súas fragas na bacía alta nas parroquias covelenses de Campo, Fofe, Godóns e Prado, agora excluídas), o río Alén até o seu nacemento no Coto de Eira e a totalidade do río Xabriña até a Paradanta.
A Asemblea do Suído lembrou ao goberno municipal covelense que a propia Comisión Europea en sucesivos pronunciamentos comunicou ao Reino de España que debía corrixir as deficiencias detectadas na Rede Natura 2000 en Galicia. Así, con data 21 de decembro de 2010, o Sr. Potonik, en nome da Comisión, remitiu un escrito de resposta (E-9181/2010) que afirma que España foi condenada polo Tribunal de Xustiza no asunto C_235/04, por non clasificar suficientes lugares para garantir a protección de aves, e por detectarse unha mala representación de hábitats de interese comunitario, entre outros, a territorios que afectan a Galicia, e polo que se deberían designar máis zonas para cubrir ditas insuficiencias. Despois, con data de 10 de marzo de 2011, novamente o Sr. Potonik remitiu escrito de resposta E-364/11ES, insistindo que en Galicia existen dous tipos de hábitats mal representados na Rede Natura 2000.
Isto quere dicir que a Comisión Europea advertiu por escrito a España de que Galicia tiña que mellorar a representatividade de dous hábitats relacionados con zonas húmidas e de turbeiras en áreas de montaña, presentes na zona do Suído que agora a Xunta e o Concello de Covelo descartan protexer. Así, as hectáreas agora descartadas, inclúen hábitats de interese prioritario (unha ampla representación dos hábitats 7110 e 7149, que a Comisión obriga a mellorar) e hábitats de especies prioritarias.
Para a Asemblea do Suído, o rexeitamento do goberno municipal representa unha oportunidade perdida para protexer o Suído e o Tea, e quere lembrar que o mesmo goberno municipal é promotor dun parque eólico na Serra do Suído, amosando deste xeito os seus verdadeiros intereses afastados da protección destes lugares.
Comentarios (0) - Categoría: XERAL - Publicado o 23-04-2012 16:36
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal