Solicitan información, con ameazas, de dar de baixa á Asociación de Veciños do Rexistro Municipal de Asociacións.
O Concello de Covelo solicita información que xa ten. A Asociación de Veciños Santiago de Prado da Canda recibiu un escrito con data do trece de xaneiro do presente, solicitando o presuposto e o programa de actividades para o ano en curso, tamén solicita a relación de membros da directiva así como o enderezo social da Asociación de Veciños. Este escrito causa sorpresa na directiva dado que o presuposto e o programa de actividades foi entregado no Concello o día nove de xaneiro, é dicir catro días antes que o escrito enviado polo Concello solicitando esta información. Así mesmo dende a directiva recordan que non houbo ningún cambio no enderezo social, e cando mudou a actual directiva isto foi comunicado no seu día ao Concello, como establece a Lei de Réxime Local. Dende a Asociación de Veciños consideran que todo isto debe ser froito dun erro, do contrario, podería ser que alguén, no Concello, non este a realizar ben o seu traballo.