Os ecoloxistas covelenses, preocupados polo futuro da rede natura 2000.
Tódolos proxectos de explotación e investigación mineira (Lebres, Castelo e Longo) son promovidos por David Fernández Grande, INVESTROC S.L., e afectan aos concellos de Carballeda de Avia, Covelo, Fornelos de Montes e Melón, nas serras do Faro de Avión e do Suído, na bacía alta do espazo da rede Natura 2000 e Lugar de Interese Comunitario, Río Tea.
Neste intre, existen tres proxectos en diferentes zonas: dous están na Serra do Suído, que
proximamente formará parte tamén da rede Natura 2000; o 1º é un permiso de investigación na parroquia covelense de Piñeiro, nun lugar de difícil acceso e para o que a empresa INVESTROC SL, pretende construír un acceso novo de 5 km (por riba da poza de Piñeiro); o 2º é un proxecto de explotación na parroquia covelense da Graña,
tamén no corazón da serra. O 3º e último proxecto afecta á Serra do Faro de Avión, na parroquia covelense de Prado, no lugar onde nace o Río tea, ?Fonte Tea?. A Asemblea do Suído (Federación Ecoloxista Galega) xa alegou en contra destes proxectos mineiros debido aos efectos e alteracións negativas sobre os valores naturais, culturais e paisaxísticos das serras do Faro de Avión e Suído e do propio espazo da Rede Natura 2000, Río Tea. Os chozos e outras construcións tradicionais gandeiras do Suído, xunto cos restos megalíticos coñecidos como ?O Touzo e A Touza?, (vencellados a ritos da auga nas zonas húmidas), están ameazados con estas canteiras. Tamén diferentes hábitats naturais prioritarios e de interese europeo poden desaparecer de se levaren a cabo estas explotacións, como as turbeiras e determinados espazos húmidos de matogueira ligados á parte alta do Río Tea nas montañas, amais de moitas especies animais que viven nos mesmos hábitats, como aves, anfibios, insectos, mamíferos e réptiles.
Por último, os ecoloxistas queren salientar que de prosperar estes proxectos mineiros (aos que a Asemblea do Suído leva opoñéndose de xeito reiterado dende o ano 2005), poden comprometer e poñer en risco a viabilidade e coherencia da Rede Natura 2000 en Galicia, polo que non descartan recorrer aos tribunais e institucións europeas para denunciar estas ameazas á biodiversidade galega.