Dende a Executiva da Asociación de Veciños e mais dende a Comunidade de Montes, queremos desexarvos unhas moi pero que moi boas festas do Rosario. Que desfrutes da compaña dos vosos amigos, achegados, familiares, etc, etc...
Que a festa do Rosario vos serva para visitar a terra dos vosos pais e avós. Que vivades as inquietudes da veciñanza e que vos transmitan a ilusión que no futuro teñen os veciños e veciñas de Prado da Canda.
Os Boletíns Oficiais da Provincia de Pontevedra do 30 de Novembro e 3 de Decembro do ano 1836 publican a relación de parroquias da seguinte maneira:
Ayuntamiento de La Cañiza:
Cañiza, Petan, Deva, Prado de la Canda, Franqueira, Parada, Luneda, Valeige, Couto, Oroso y Achas.
Ayuntamiento de Covelo:
Covelo ( Santiago), Covelo ( Santa Marina), Paraño, Lamosa, Casteláns, Barcia de Mera, Piñeiro, Maceira, Fofe, Campo, Godones, San Salvador de Prado e Graña.
Como podemos ver Prado da Canda pertenceu no 1836 ao Concello da Caniza. No 1838 pasou a formar parte do Concello de Covelo ate os nosos días, despois de ser reclamada esta situación polos propios veciños.
A AVV ven de solicitarlle ao Concello de Covelo a instalación de mais contedores de lixo. Na aldea só existen catro puntos de recollida de lixo. A Asociación de Veciños considera insuficientes a cantidade actual de contedores. Algúns veciños vense obrigados a percorrer grandes distancias para depositar as bolsas de lixo. Os veciños e veciñas de Prado da Canda tamén queren recordar, que pagan para que o camión pase a recoller o lixo dúas veces por semana e o camión so pasa unha. O servicio de recollida de lixo é insuficiente. Non se considera xusto que se pague por un servicio deficitario, e a Asociación de Veciños considera que non é tanto pedir tres contedores mais.
A Executiva prepara a vindeira Asemblea Xeral, que posiblemente teña lugar no mes de outubro. O cambio da presidencia será un dos temas a tratar, así como tamén o plan de traballo para o vindeiro ano. A rehabilitación da Fonte da Aldea de Arriba e a inauguración do Centro Social terán o seu lugar no orde do día da Asemblea Xeral. Os socios poden nesta asemblea debater o futuro da Asociación de Veciños.
Éxito da convocatoria da Comunidade de Montes. Veciñas e veciños acudiron con desbrozadoras, fouces e outros utensilios a limpar a Fonte da Prata e a Rega da Vería. A limpeza da maleza deixa ao descuberto un altar, e unha fonte. Este patrimonio forma un conxunto moi interesante, que agora limpo podemos desfrutar.